jueves 29 de marzo de 2007

Chegou a luz (Vixilia Pascual)

Vixilia pascual

E CHEGOU A LUZ, E TODO COMEZOU A AGROMAR!

MONICIÓN

Na noite santa escoitaremos a gran mensaxe: “Por que buscades entre os mortos ao que vive?. Non está aquí. ¡resucitou!”. Por iso nos reunimos ás escuras, e acendemos o cirio que, como Xesús, nos guía e nos contaxia a súa luz. Porque el é o camiño, el é a verdade, el é a vida. E renovaremos o bautismo que nos uniu a el, e sentaremos á mesa, na Eucaristía que fai presente todo o seu amor.

E logo, no domingo de Pascua, e en toda a cincuentena pascual, e en toda a vida, viviremos a alegría de ser homes e mulleres nov@s, cheos do Espírito de Xesús, testemuños del e do seu Evanxeo.

BENDICIÓN DO LUME

Oremos: Deus, que por medio do teu Fillo nos comunicaches o lume da túa vida divina, bendice (+) este lume novo e fai que estas festas pascuais acendan en nós o desexo do ceo, para que poidamos chegar con un espírito renovado á festa gloriosa do teu Reino. Por Xesucristo, o noso Señor. Amén.

Despois de bendicir o lume, o celebrante, pasa o dedo gordo sobre a cruz, as letras e os números que xa ten o cirio, namentres di:

      Cristo onte e hoxe

      Principio e fin
      Alfa e Omega
      Seu é o tempo
      e a eternidade
      A El a gloria e o poder
      Por séculos de séculos. Amén

CANTO PROCESIONAL: A Cristo cantamos

PREGÓN PASCUAL

Alégrense por fin os coros dos anxos,
Alégrense as nubes, as estrelas, os paxaros todos do ceo,
e pola vitoria de quen venceu á morte
que as trompetas anuncien a salvación.
Goce tamén a terra,
chea de tanta claridade,
e que, radiante co fulgor do Rei eterno,
séntese libre da tebra
que cubría toda a terra.
Alégrese tamén a nosa nai Igrexa,
revestida de luz tan brillante;
resoe este templo coas aclamacións do pobo...

Canto: Hoxe Señor resucitou

Porque estas son as festas de Pascua,
nas que se entrega o año de Deus,
cuxo sangue consagra as portas dos fieis.
Esta é a noite na que sacaches de Exipto
aos israelitas, os nosos antergos,
e fixéchelos pasar a pé o mar Vermello.
Esta é a noite na que a columna de lume
esclareceu as tebras del pecado.
Esta é a noite
na que, por toda a terra,
os que confesan a súa fe en Cristo
son alentados a comprometerse para que no mundo
a escuridade e o mal,
sexan restituídos á graza
e son incorporados aos santos.

Canto: Hoxe Señor resucitou

Esta é a noite na que,
rotas as cadeas da morte,
Cristo ascende vitorioso da noite.
De qué nos serviría ter nacido
si nel non fosemos liberados?.
Que asombroso beneficio do teu amor por nós!.
Qué incomparable tenrura e caridade!.
Para rescatar ao escravo, entregaches ao Fillo!.
O non de Adán,
foi borrado pola morte de Cristo.
Feliz Aquel que nos abriu á vida!.
Qué noite tan ditosa!
Solo ela coñeceu o momento
no que Cristo resucitou dentre os mortos.
Esta é a noite da que estaba escrito:
"Será a noite clara coma o día,
a noite iluminada polo gozo".

Canto: Hoxe Señor resucitou

E así, esta noite santa
escorrenta os pecados,
lava as culpas,
devolve a inocencia aos caídos,
a alegría aos tristes,
expulsa o odio, trae a concordia,
dobrega aos poderosos...

Canto: Hoxe Señor resucitou

Qué noite tan ditosa
na que se une o ceo coa terra,
o humano e o divino.
Rogámosche, Señor, que este cirio,
consagrado ao teu nome,
arda sen apagarse
para destruír a escuridade desta noite,
e, como ofrenda agradable,
se asocie ás lumieiras do ceo.

Canto: Hoxe Señor resucitou

Que o lusco da mañá o atope ardendo,
ese lusco que non coñece ocaso
e é Cristo, o teu Fillo resucitado,
que, ao saír do sepulcro,
brilla sereno para o xénero humano,
e vive e reina glorioso
por séculos de séculos.

E por iso nos cantamos

Canto; Hoxe Señor resucitou



LITURXIA DA PALABRA

    Monición as lecturas

Irmáns e irmás: Co pregón solemne da Pascua, entramos xa na noite santa da Resurrección do Señor. Escoitemos, en silencio meditativo, a Palabra de Deus. Recordemos as marabillas que realizou para salvar á humanidade, e cómo no avance continuo da Historia da Salvación, ao chegar os últimos tempos, enviou ao mundo ao seu Fillo para que, coa súa morte e resurrección, salvara a todas as persoas. Namentres contemplamos a gran traxectoria desta Historia Santa, oremos intensamente, para que o designio de salvación universal, que Deus iniciou con Israel, chegue a súa plenitude e alcance a toda a humanidade polo misterio da resurrección de Xesucristo

    1ª lectura (Creación da persoa Xen 1, 1-2: 2 ó 1, 1. 26-31a)

    Canto.- Canta o sol

    Oremos: Deus todopoderoso e eterno, admirable sempre en todas as túas obras; que os teus redimidos comprendan cómo a creación do mundo no comezo dos séculos, non foi obra de maior grandeza que entrega pascual de Cristo na plenitude dos tempos. Por XNS.

    2ª lectura (Paso do mar Vermello: Ex 14, 15-15, 1)

    Canto.- Escoita ao Señor

    Oremos: Deus, que iluminaches os prodixios dos tempos antigos coa luz do Novo Testamento. O mar Vermello foi imaxe da fonte bautismal e o pobo liberado da escravitude, imaxe da familia cristiá; concede que todos os pobos, elevados pola súa fe á dignidade de pobo elixido, se rexeneren pola participación do teu Espírito. Por XNS

    3º Lectura ( Baruc 3,9- 4.1a )

    Canto.- Cantade ao Señor

    Oremos: Deus de luz sen ocaso, mira con bondade a túa Igrexa, sacramento da nova alianza, e, segundo os teus eternos designios, leva a ter mo a obra da salvación humana. Que todo o mundo experimente e vexa cómo o abatido se levanta, o vello se renova e volve a súa integridade primeira, por medio do noso Señor Xesucristo, de quen todo procede. El, que vive e reina polos séculos de séculos.

    Canto.- Canta, aleluia

    (acéndense as luces, cantase o Gloria e tócanse as campás)

    Epístola (Rom 6, 3-11)

    Deus, que iluminas esta noite santa coa gloria da resurrección do teu Fillo, aviva na túa Igrexa o espírito filial, para que, renovados no corpo na alma, nos entreguemos plenamente ao teu servizo. Polo noso Señor Xesucristo...

    Canto.- Gracias, Señor, graciñas

    Evanxeo ( Lc 24,1- 12)

    Canto.- Gracias, Señor, graciñas

Remuíño


    • Os signos
    • A palabra
    • A Auga
    • A Vida
    • Deixemos o vello: comecemos a vivir no novo

    LITURXIA DA AUGA

MONICIÓN

Comezamos agora a liturxia da Auga. A auga coa que un día fomos bautizados, a auga que foi signo da nosa incorporación á comunidade eclesial, a auga que limpa o corazón e que nos vai limpando de todo aquilo que nos impide poder e saber vivir con verdadeira dignidade de irmáns e irmás diante de situacións de discriminación, violencia, rexeitamento ou desesperanza. Esta é a auga que pon de manifesto que, se nós queremos, as cousas poden cambiar, que o vello xa quedou atrás, que o novo comeza a agromar. Non no afoguemos.

LADAÍÑAS (CANTADAS)

Señor ten piedade,

Cristo ten piedade,

Señor ten piedade

María, nai de Xesús, muller sinxela do pobo (roga por nós)

Xosé, esposo de María, exemplo de honradez total

Pedro e Paulo, mártires polo Evanxeo (rogade por nós)

María Magdalena, que por amor cambiaches a túa vida

Francisco de Asís, que elixiches ser pobre

Tareixa de Avila, experta no amor a Deus

San Rosendo, home comprometido coa terra e a xente

San Fins, resposta solidaria á chamada de Deus

San Lourenzo, testemuño de fidelidade e coherencia

San Breixo, servidor dos pobres e necesitados

San Xoán, testemuña de amor e honestidade

San Estevo, servidor xeneroso do Reino de Deus

San Miguel, protector de cantos camiñan no compromiso de amor.

Persoas anónimas que no campo, na fábrica, na oficina ou nos estudios, día a día, traballan por facer un mundo máis humano e xusto.

Homes y mulleres entregados á atención de nenos, anciáns, enfermos crónicos, deficientes psíquicos e físicos, presos, afectados pola sida, alcohólicos e todo tipo de marxinados pola nosa sociedade.

Para que santifiques esta auga coa que serán purificados estes fillos teus

(escóitanos a nós)

BENDICIÓN DA AUGA

Señor noso Deus, escoita as oracións do teu pobo que vela nesta noite santa, na que celebramos a acción marabillosa da nosa creación e a marabilla, aínda máis grande, da nosa redención; dígnate bendicir + esta auga. Creáchela para facer fecunda a terra e para favorecer os nosos corpos co frescor e a limpeza. Fixéchela tamén instrumento de misericordia ao librar ao teu pobo da escravitude e ao apagar con ela a súa sede no deserto; polos profetas reveláchela como signo da nova alianza que quixeches selar cos seres humanos. E, cando Cristo descendeu a ela no Xordán, renovaches a nosa natureza esmagada no baño do novo nacemento. Que esta auga Señor, avive en nós o recordo do noso bautismo e nos faga participar no gozo dos nosos irmáns bautizados na Pascua. Por XNS.

(Asperxemos á comunidade, mentres cantamos a auga do Señor )

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Deixémonos levar pola forza do Espírito que esta noite quere quedarse con nós e digamos:

Cristo Resucitado, escoita a nosa oración

· Pola Igrexa e os seus pastores: para que, confiados no Espírito Santo e á luz da Palabra do Señor, sexan testemuño do amor de Cristo, Roguemos ao Señor.

Cristo Resucitado, escoita a nosa oración

· Polos líderes das nacións: para que, pondo a un lado as diferenzas e intereses persoais, traballen pola paz, a unidade e a xustiza, Roguemos ao Señor.

Cristo Resucitado, escoita a nosa oración

· Polas víctimas da violencia doméstica: para que, fortalecid@s coa acción do Espírito e o noso compromiso e axuda solidarias, poidan levar as súas familias a bo porto. Roguemos ao Señor.

Cristo Resucitado, escoita a nosa oración

· Polos nenos e mozos da nosa comunidade: para que, coa axuda dos seus maiores, poidan abrir os seus corazóns a Xesús e atopen en Cristo Resucitado a resposta as súas inquietudes, Roguemos ao Señor.

Cristo Resucitado, escoita a nosa oración

· Polas víctimas do maltrato infantil: para que esteamos atent@s ás súas circunstancias e respostemos con prontitude e eficiencia para levalos a saír desa situación. Roguemos ao Señor.

Cristo Resucitado, escoita a nosa oración

· Pol@s pobres e abandonad@s: para que vexamos neles o rostro do Cristo que sufre e asumamos, dunha vez e por todas, a nosa responsabilidade fraternal, Roguemos ao Señor.

Cristo Resucitado, escoita a nosa oración

· Polos afectad@s polo desemprego e a economía somerxida: para que atopen, coa axuda dos membros das comunidades cristiás, o traballo digno que lles permita vivir a vida coa dignidade de sabernos fill@s de Deus. Roguemos ao Señor.

Cristo Resucitado, escoita a nosa oración

· Pola nosa parroquia de ... : para que nesta primavera da Igrexa que hoxe inauguramos, se comprometa seriamente a ser luz e sal en todos os nosos ambientes. Roguemos ao Señor.

Cristo Resucitado, escoita a nosa oración

Grazas, Señor, por abrirnos os ollos e a vida á esperanza, nesta noite na que nos invitas a pornos no camiño que deixa atrás todo aquilo que nos fai infelices. Por XNS.

MONICIÓN

Chegou o momento de recordar e revivir o noso bautismo. Por el fomos feitos fillos de Deus, chamados a vivir na santidade de Xesucristo para resucitar con El. Polo bautismo tamén fomos incorporados á Igrexa, e é nesta Igrexa, nesta comunidade, onde hoxe, con máis alegría que nunca, proclamamos a nosa fe.

PROFESIÓN DA FE

Irmáns, Unha vez rematado o tempo de Coresma, que nos preparou á Pascua, manifestemos publicamente, e sen medo, a fe que un día os nosos pais e padriños pediron por nós no día do noso bautismo. Agora, comprometémonos nós persoalmente a ser construtores do Reino para facer entre tod@s unha Igrexa máis libre e liberadora.

Por iso pregúntovos:

C: ¿Renunciades a canto vos fai infelices e insolidarios, para traballar na liberación do Reino de Deus?

T: Sí, renuncio

C: ¿Renunciades a todo o que leva ao enfrontamento nas familias, entre os veciños do barrio e nas parroquias, para non ser escravos da violencia e os malos tratos?

T: Sí, renuncio

C: ¿Renunciades a intolerancia, a inxustiza, o descrédito das persoas, porque iso non leva a Deus?

T: Sí, renuncio

Renovemos agora a nosa fe:

¿Credes en Deus, Pai todopoderoso, Creador de todo canto nós disfrutamos no mundo?

Si, Creo

¿Credes en Xesucristo, o seu Fillo, o Señor, que nacendo polo si de Santa María Virxe, deu a súa vida na cruz por amor, e resucitando abriunos o camiño da esperanza que non esmorece e que, coma foi con El, nos vai levar un día ao colo de Deus Pai?

Si, Creo

¿Credes no Espírito Santo, na Santa Igrexa Católica, na comuñón dos santos, no perdón dos pecados, na resurrección da carne e na vida eterna na compaña de Deus Pai?

Si, Creo

Que Deus, Pai daquel que hoxe coa súa resurrección non enche de vida e esperanza, nos garde na súa graza, no mesmo Xesucristo o noso Señor.Amén.

LITURXIA EUCARÍSTICA

    (Utilizamos a pregaria 4º nesta noite de festa e salvación )

    ORACIÓN DESPEDIDA

Bendicímoste, Pai,

porque o destino das persoas é a Vida

e a esta esperanza lévanos a fe en Xesús Resucitado.

Dámosche grazas porque o teu Espírito

nos da forza para loitar pola verdade, a xustiza e o amor.

Concédenos que saibamos ver a túa acción

no mundo e na historia dos seres humanos.

Axúdanos a descubrirte no traballo, na cultura,

na ciencia, e na técnica.

Pero sobre todo, Señor, que saibamos descubrirte

nos pobres e marxinados, nos enfermos e anciáns.

Que saibamos colaborar en todo aquilo no que,

O teu Espírito e as persoas,

Imos construíndo: un ceo e unha terra novos.

Grazas, Señor, pola esperanza.

CANTO

    Ofertorio.- Gracias, Señor polo pan

    Santo.- Santo es ti Señor da vida

    Post.-consagración.- No colo da miña nai

      Noso Pai.- Pai do ceo

      Paz.- Xuntiños

      Comuñón.- Eu soñei / Déixate querer

      Final.- Aleluia, aleluia , aleluia, aleluia

No silenzo de Deus (Venres Santo)

MONICIÓN


A outra cara do amor, que celebrabamos no día de onte: institución da Eucaristía, institución do sacerdocio, día do amor fraterno, é a celebración de hoxe: a morte na cruz do Señor. É o contrapunto do noso mundo, onde se miramos solo desde a superficie pareceranos que todo vai ben. Pero se nos esforzarnos por achegarnos a el desde os ollos de Deus, descubriremos que son moitas as disonancias; é moita a dor, a tristura e o sufrimento que aniña na vida e no corazóns de moitos dos nosos irmáns. É verdade que Deus nos concedeu a todos a mesma dignidade, pero tamén é verdade que a inxustiza que vai crecendo cada día, fai que esta dignidade non poida ser nin percibida nin vivida por todos do mesmo xeito. Uns, os menos, parecen vivir alleos ao que lle ocorre a quen está ao seu lado, como se non existiran. Outros, os máis, sofren, choran, vense desprezados e impotentes diante de situacións nas que lles resulta moi difícil percibir a presenza dese Deus amor e fraternidade que onte celebrabamos, PREGÚNTANSE: ONDE ESTÁ ESE DEUS? Por que este silencio? Como se a cousa fora con Deus, e non con nós, coa nosa maneira de actuar. É este silencio do Deus que, respectando a nosa liberdade, deixa, non sen sufrimento pola súa parte, que os nosos comportamentos leven aos irmáns ao desamor, á incomprensión ou ao non respecto da súa dignidade.

Que este Venres Santo, de morte e cruz, nos leve a non quedar pasivos, e nos esperte a actuar para que estes signos de cruz e morte, do noso mundo, se convertan en signos de vida e salvación. A vida e esperanza que nos deixou e alenta cada día a construír.

LECTURA PAIXÓN

HOMILÍA


  • Aprender a mirar: Moitas veces a nosa mirada non é profunda, non busca comprender para poder actuar, senón que é unha mirada de simple curiosidade, unha mirada que non afonda nun mundo cheo de moitas caras. Unha mirada de curiosidade, na que todo nos escorrega; ou todo máis é unha mirada que ansía consumir, non comprender, amar e tender a man. Isto fai que a fe sexa algo superficial, como a mirada, pouco profunda. Podemos sabe-la letra, pero non estamos dispostos a vivir iso que tantas veces temos escoitado. Por iso Venres Santo, pode ser un bo momento para endereita-lo rumbo e beber da fonte do Evanxeo. Xesús non se queda no Venres Santo.
  • Por iso necesitamos mirar, como facía Xesús, con ollos novos, Cos ollos do neno que comeza a descubri-las cousas e se sinte desconcertado, pero con gañas de aprender. Por iso a lectura da Paixón que vimos de escoitar, non pode ser a escoita dun simple relato que facemos tódolos Venres Santos, senón unha invitación a ofrece-las nosas mans, pequenas e que pouco poden, para que unidas a outras moitas mans, axuden a que a mirada supere a curiosidade e comece a ve-la necesidade de facer cadeas que fagan que onda haxa dor poida comezar a agroma-la esperanza.
  • De nada nos vale torce-la cara ou facernos crer que non pasa nada. O mundo que imos construíndo non nos gusta, e temos que dicilo. Pouco se parece ao mundo que quería Xesús, por iso aprendendo da súa mirada, hai moitos nazarenos que levan as súas cruces e que cada día, non só en Semana Santa, necesitan que lles axudemos a leva-la cruz. Poñámonos en camiño!

SILENCIO

ORACIÓN UNIVERSAL

Compartamos agora a nosa oración, na solidariedade de Xesús, con aquel@s para os que a vida non pode ser percibida coma don, gratuidade e amor, senón como sufrimento, tristura e dor. Tentemos mirarnos en Xesús. Nel a dor foi unha experiencia que puxo de manifesto que é verdade que o ser humano encerra no seu corazón non só a capacidade de amar, perdoar e acoller; senón tamén a de facer dano matando, odiando ou maltratando. Que cada un dos que estamos aquí saibamos vernos no rostro do Deus para quen a cruz é paso cara un camiño novo: a vida na resurrección.

Nesta tarde de dor e esperanza dirixímonos a ti para lembrar a cantos no noso mundo non son escoitados nin dignificados, e dicímosche:

Dálles o amor que o noso actuar lles nega

  • Polos que viven a dureza da enfermidade
      • Dálles o amor que o noso actuar lles nega
  • Polos que non poden vivir a vida en plenitude polas súas deficiencias físicas ou sicolóxicas.
      • Dálles o amor que o noso actuar lles nega
  • Polos anciáns, os grandes esquecidos das nosas sociedades ricas e opulentas.
      • Dálles o amor que o noso actuar lles nega
  • Polos refuxiados, excluídos e perseguidos simplemente por ser pobres, e case sempre dos países máis empobrecidos.
      • Dálles o amor que o noso actuar lles nega
  • Polos que teñen que emigrar deixando familia e raíces.
      • Dálles o amor que o noso actuar lles nega
  • Polos enfermos que son discriminados e desprezados
      • Dálles o amor que o noso actuar lles nega
  • Polos que non teñen traballo ou buscándoo desesperadamente non o atopan
      • Dálles o amor que o noso actuar lles nega
  • Polos que perderon a un ser querido
      • Dálles o amor que o noso actuar lles nega
  • Polos que son vítimas de accidentes
      • Dálles o amor que o mundo lles quitou
  • Polos que están ou se senten solos
      • Dálles o amor que o noso actuar lles nega
  • Polos que a perderon ou que non teñen fe
      • Dálles o amor que o noso actuar lles nega
  • Polos que non atopan sentido as súas vidas
      • Dálles o amor que o noso actuar lles nega
  • Polos nenos orfos, as nenas da rúa, os nenos vendidos ou explotados no traballo.
      • Dálles o amor que o noso actuar lles nega
  • Polas mulleres obrigadas a prostituírse, vendidas, despoxadas da súa dignidade
      • Dálles o amor que o noso actuar lles nega
  • Polos que sofren os horrores da guerra, a tortura, as vítimas do terrorismo
      • Dálles o amor que o noso actuar lles nega
  • Polos que morren de fame e miseria
      • Dálles o amor que o noso actuar lles nega
  • Por tódolos que se senten fracasados e desesperados.
      • Dálles o amor que o noso actuar lles nega

Esta, Señor, é a nosa oración universal. Por riba de crenzas relixiosas, razas, sexo, xeito de pensar... en todo o mundo e en tódalas culturas e razas hai persoas que non son felices, por iso nesta tarde de cruz poñémolas diante de ti, para que poidas darlles o amor e a dignidade que nós non soubemos darlle coa nosa maneira de comportarnos, neste noso mundo tan cheo de prexuízos e falto de humanidade. Amén.

ADORACIÓN DA CRUZ

Soa música clásica e en silencio nos achegamos a adora-la cruz.

A cruz traémola desde o fondo da Igrexa, vimos cantando e descubríndoa, mentres dicimos: MIRADE A ÁRBORE DA CRUZ NA QUE ESTIVO CRAVADA A SALVACIÓN DO MUNDO, VINDE ADORALA, e colocámola fronte ao altar, achegámonos e tocándoa –non nos poñemos de xeonllos– facemos o sinal da cruz, volvendo logo para o banco onde estabamos.

NOSO PAI

COMUÑÓN

REFLEXIÓN

Se uns poucos comen porque moitos pasan fame

e os cartos non están para que todos traballen.

Se o enfermo e o ancián non valen para nada

non lle digamos a Deus que da cruz baixe.

Se a miseria é o de cada día

e a inxustiza é coma o sol que sae,

se non vales polo que es, senón pola túa conta,

non lle digamos a Deus que da cruz baixe.

Se a esperanza é un soño,

se loitar pola paz é ser covarde,

se son espectador e non participo nesta carreira,

non lle digamos a Deus que da cruz baixe.

Se non é meu irmán o que vive ao meu carón,

se a miña fe é algo seguro e estable,

se Deus me deixa tranquilo e saciado,

non lle digamos, non, que da cruz baixe.

Se a denuncia é un grito insensato

dos que teñen inquedanzas sociais,

pero iso é todo o que comparten co seu pobo,

non lle digamos a Deus que da cruz baixe.

Se segue habendo heroes e tiranos,

se revolución é sinónimo de masacre,

se nos seguimos lavando as mans,

non lle digamos a Deus da cruz baixe.

Se o home e un lobo para o home,

e na palabra “ter” está a clave,

se non paga a pena o que non é rendible,

non lle digamos a Deus que da cruz baixe.

Cantos.- Só canto de comuñón.- Oh, Señor, escólleme.

Esas pequenas cousas da vida (Xoves Santo)

Esas pequenas cousas que van tecendo toda unha vida…

PÓRTICO

Xuntámonos esta tarde nun ambiente de festa para celebrar non só un aniversario, senón a presenza viva e cercana do Señor.

Na súa despedida, Xesús non lle deixou aos seus discípulos nin un catálogo de normas que resumise o que debían crer, nin un código artellado de moral que fixara o que debe practicarse… nin tan sequera (mal que lles pese a algúns) un organigrama que determinara cómo e quén debía organizar a Igrexa. Confiou na comunidade, guiada polo Espírito.

Porén, Xesús si deixou un xesto sinxelo como memorial (compartir o pan) e un xeito de vivir (o servizo cara aos demais); que hoxe lembramos dun xeito especial.

Que a celebración que agora comezamos nos axude a facer memoria viva da súa presenza entre nós.

O PERDÓN

  • Porque nos gusta mandar, porque nos custa servir e preferimos ser servid@s, porque corremos cara os postos de prestixio para sentírmonos superiores aos demais, SEÑOR, LÁVANOS COA TÚA MISERICORDIA.
  • Porque reducimos a Semana santa ao folclore, sen darnos conta de que a entrega de Xesús é algo novo, SEÑOR, LÁVANOS COA TÚA MISERICORDIA.
  • Porque con moita frecuencia facemos o que non queremos e queremos o que non estamos dispost@s a facer, SEÑOR, LÁVANOS COA TÚA MISERICORDIA.

REMUÍÑO

DÚAS ENTREGAS: Na base do que celebramos hoxe hai dúas entregas de signo ben distinto e de resultados opostos. Por unha banda está a entrega de Xudas, detrás da cal están, coma case sempre, unhas ganancias, un interese económico…A diario, coma entón, as persoas son vendidas por unhas moedas e o resultado é sempre o mesmo: egoísmo, falla de solidariedade, receos, xenreiras, envexas… O noso corazón vaise convertendo nun terreo seco, no que medran os toxos cheos de espiñas. A outra entrega é a de Xesús, que non busca o interese, os cartos, as ganancias… senón que dándose El mesmo énchenos de vida.

Venderse ou darse, o interese ou o ofrecemento gratuíto; ese é o binomio que se nos plantexa a cada un e cada unha de nós. Se ante a imaxe de Xesús que se nos dá non tomamos en serio a nosa conversión, se somos incapaces de poñernos no seu lugar, haberá que pensar que temos que traballar arreo para converter o toxal nun campo que dea froito abundante.

UN DEUS QUE SE FAI PAN: Porque non nos confundamos: é nas cousas pequenas onde Deus se fai presente. Hoxe conmemoramos que nos quere tanto que quedou con nós facéndose pan. Quixo valerse deste sinxelo alimento para significar o seu amor ás persoas, para saciar a súa fame. O noso Deus alimenta as nosas vidas, enfortece aos débiles, conforta o corazón, fainos medrar e xunta aos invitad@s á súa mesa… coma o pan. Por iso, o que come deste pan aliméntase de Deus, énchese da súa vida, convértese no seu templo. E por iso mesmo o que come deste pan ten que amosar na súa vida as mesmas actitudes de Xesús: misericordios@, solidari@, libre, liberador, paciente, entregad@... Porque non se pode comer o corpo de Cristo e vivir de costas ao irmán e á irmá, pechad@s en nós mesm@s.

UN DEUS QUE SE FAI SERVIDOR DE TOD@S: E se o noso Deus é o pan que se deixa partir ata dar a súa vida, entón @s que comemos deste pan sentiremos a urxencia da caridade, que nos chama ao compromiso de dármonos, servindo aos demais. O xesto do lavatorio dos pés que vimos de escoitar ven acompañado dunha serie de feitos que cómpre deternos a analizar. Para lavar os pés hai que erguerse da cadeira e da situación na que nos atopamos, hai que saír da comodidade e da instalación, hai que levantarse da mesa ben servida. E tamén hai que quitar o manto, despoxarse de tantos apegos que atan e estorban. Para lavar os pés hai que cinguirse e estar en forma, quitar os aneis e as xoias, poñerse á altura dos criados. E haberá que aprender ben o oficio, capacitarse axeitadamente para que o servizo non só sexa agarimoso, senón eficaz e liberador. Asemade, para lavar os pés hai que utilizar a auga sinxela e corrente, hai que aceptar as mediacións naturais, sen esperar intervencións milagreiras, hai que agradecer as posibilidades que nos ofrece a técnica, e hai que agradecer a marabilla que supón cada un dos elementos naturais que Deus pon ao noso alcance.

Unha comunidade cristiá verdadeira defínese pola súa capacidade de servizo e non pola grandeza das súas estructuras. Sentirse irmán e irmá d@ outr@ leva a sentir a ledicia do servizo; que só será humillación se interiormente nos cremos máis grandes que @ irmán ao que servimos. O servizo vivido desde a fraternidade fai de cada un e cada unha de nós outr@ Xesús.

RECIBÍN UNHA TRADICIÓN, QUE VOS TRANSMITÍN: A eucaristía é memoria e actualización da entrega de Xesús por tod@s nós. Unha entrega que se realiza ano tras ano, unha memoria que é viva que non se queda no recordo duns feitos pasados e que moitas veces os cristiáns así o damos a entender. Que sentido ten, celebrar estes días, ir nas procesións, vestirse de saio e capuchón, levar esta imaxe ou a outra, se non reflexamos na nosa vida a entrega de Xesús?. Sen darnos conta celebramos a morte dun home hai moitos anos. Paulo invítanos a actualizar esa entrega de Xesús na nosa vida, unha entrega que é eucaristía, que é don, que é amor e que hoxe faise actual presente.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Na invitación que a celebración de hoxe nos fai a sentir a presenza viva do teu amor, dicimos xunt@s:

    QUE TRANSMITAMOS FIELMENTE O TEU MANDATO

  • Pola Igrexa (xerarquía, relixios@s e leig@s), para que nunca esquezamos que teremos autoridade cando sexamos servidores de tod@s, cando poñamos o que somos e temos ao servizo dos demais, cando sirvamos aos máis necesitad@s, cando descubramos n@ outr@ (aínda que non sexa dos nos@s) a Deus, OREMOS.

    QUE TRANSMITAMOS FIELMENTE O TEU MANDATO.

  • Por todas as persoas que teñen poder, para que nunca esquezan que o seu é ser servidores de tod@s, buscando o ben común, deixando atrás intereses persoais, ansias de enriquecemento ou considerarse superiores aos demais, OREMOS.

    QUE TRANSMITAMOS FIELMENTE O TEU MANDATO.

  • Hoxe que celebramos o día do amor fraterno queremos ter presente na nosa oración dun xeito especial a todas aquelas persoas que, facendo seu o mandado do amor de Xesús, adican o seu tempo ao traballo voluntario, solidario, desinteresado e gratuíto en Cáritas ou en calquera outra institución ao servizo do traballo cos máis pequenos e esquecidos; para que nunca perdan a ilusión e sempre atopen o noso ánimo e alento, OREMOS.

    QUE TRANSMITAMOS FIELMENTE O TEU MANDATO.

  • Tamén queremos recordar nesta oración dun xeito especial a todos os curas das nosas parroquias, para que sempre sirvan ás comunidades que lles confiaron con ilusión, cercanía, valentía e xenerosidade, OREMOS.

    QUE TRANSMITAMOS FIELMENTE O TEU MANDATO.

  • Polas nosas comunidades, para que entendan que no amor, na entrega, no diálogo, na dispoñibilidade, e no servizo ás persoas de todo credo, ideoloxía ou raza, está a esencia da súa fe. OREMOS.

    QUE TRANSMITAMOS FIELMENTE O TEU MANDATO.

  • Por nós, para que entendamos que cos capitais de Deus non se especula nin se comercia, senón que somos amad@s para amar, somos servidores para servir, somos regalad@s para compartir, e que Cristo entrégase para que nós nos entreguemos, OREMOS.

    QUE TRANSMITAMOS FIELMENTE O TEU MANDATO.

Grazas, Señor, por ensinarnos a descubrirte no pequeno e sinxelo de cada día. Fai de nós servidores dos irmáns e das irmás. PXNS.

SIGNO DO OFERTORIO

No vivir cotián experimentamos o doce e o amargo, a ledicia e a tristura, a escuridade e a luz, o toxo e a flor. Nos nesta tarde queremos presentarlle ao Señor estes contrastes da nosa vida para que dende o amor vaiamos superando o que nos impide disfrutar con plenitude da túa presenza solidaria na nosa vida, familia, barrios e parroquias.

ESPIÑOS:

  • Soberbia
  • Envexa
  • Violencia
  • Mentira
  • Xenreira
  • Inxustizas.

FLORES:

  • Solidariedade
  • Amor
  • Servizo
  • Diálogo
  • Tempo noso para os demáis
  • Coherencia

PARA A REFLEXIÓN

SEÑOR, AUMENTA O MEU AMOR:

Para que aprenda a perdoar, SEÑOR, AUMENTA O MEU AMOR:

Para que saiba compartir, SEÑOR, AUMENTA O MEU AMOR:

Para que me acostume a lavar os pes, SEÑOR, AUMENTA O MEU AMOR:

Para que tenda a man a tod@s, SEÑOR, AUMENTA O MEU AMOR:

Para que poida cargar con tod@s, SEÑOR, AUMENTA O MEU AMOR:

Para que chegue a ser eucaristía, SEÑOR, AUMENTA O MEU AMOR:

Para que aprenda a amar coma Ti, SEÑOR, AUMENTA O MEU AMOR:

CANTOS

Entrada: Que ledos hoxe estamos

Lavatorio dos pes: Arpexios

Ofertorio: Recibe Señor

Comuñón: O amor é o meirande.

Traslado: Quédate Señor connosco

miércoles 28 de marzo de 2007

No trunfo e na adversidade (Domingo de Ramos)

FÓRA DA IGREXA
MONICIÓN AO COMEZO
Rematamos hoxe o noso proceso coresmal para dar comezo ao tempo que nos vai levar da tristura á ledicia, do pesimismo á esperanza, da morte á vida, do fracaso á resurrección. Coma Xesús, tamén nós somos hoxe invitados a pornos en camiño, a superar complexos, a deixar atrás medos e desconfianzas.Queremos entrar en Xerusalén, a Xerusalén lugar de promesa e cumprimento. De tempo de chegada e inicio dunha nova xeira.Camiñemos cara á pascua.
  • Ven a ti, Xerusalén coma un agasallo
  • Chega a paz
  • Coas mans abertas e dispostas a acoller
  • Os que o ven lóano e aclámano
  • Tamén nós, somos invitados a pornos en camiño
  • Non lle digamos que non
Lectura da lectura de Filipenses 2, 6-11

MONICIÓN Á BENDICIÓN

Coma o Servo, tamén nós hoxe queremos iniciar o camiño para celebrar os grandes misterios da fe. O fracaso non nos vence, a morte non é máis ca paso, a vida chega chea de forza e plenitude, por iso erguemos os nosos ramos e as nosas palmas para que o Señor bendiga a natureza que o loa e aclama.

BENDICIÓN

Pai, santifica coa túa bendición + estes ramos, e, a cantos imos acompañar a Cristo, aclamándoo con cantos, concédenos, por el, entrar na Xerusalén do ceo. Por Xesucristo o noso Señor.Amén.

CANTO PROCESIONAL
Andarei na presenza do Señor

NA IGREXA
O PERDÓN
  • Porque moitas veces poñemos desculpas para non poñernos no camiño, SEÑOR, ÉNCHENOS DE ILUSIÓN.
  • Porque nos nosos camiños, moitas veces perdemos o rumbo, CRISTO, ÉNCHENOS DE ILUSIÓN.
  • Porque nas encrucilladas da vida, moitas veces sentímonos perdid@s, SEÑOR, ÉNCHENOS DE ILUSIÓN.

ORACIÓN COLECTA
LECTURA DA PAIXÓN SEGUNDO LUCAS

REMUÍÑO
  • Durante toda a coresma fomos dicindo: somos un pobo que camiña; e cada día íasenos invitando a facer o camiño, un camiño que nos trouxo ata Xerusalén, o lugar onde se cumpre en totalidade a misión de Xesús: morrer e resucitar. Non é entón, podémolo ver no Evanxeo de Lucas, un simple chegar a un lugar xeográfico, senón un ir adentrándonos, tamén nós, coma Xesús, no sentido pascual. Ir a Xerusalén e pórse no camiño da vida, da superación de atrancos, de loitar contra da inxustiza. Xerusalén é a referencia sempre presente no noso imaxinario, que nos vai levando do non ser ao ser; do fracaso á esperanza, da non totalidade á plenitude. Este camiño é entón avance, progreso, superación cara o que é máis humano. Domingo de ramos non é unha simple lembranza, senón unha actualización de que hai moito camiño por diante, de que nós temos que ir abrindo uns, arranxando outros e pechando aqueles que nos instalan, inmobilizan ou nos converten en seres pasivos e dependentes.
  • A condición de camiñante pertence á natureza mesma da persoa, que ben pode considerar toda a súa vida como un camiñar cara ao desenvolvemento total da súa personalidade e á consecución de todas as metas que no paso da vida nos imos marcando. Os cristiáns, como cidadáns dun mundo cheo de contradiccións, comprometémonos no mellorar/cambiar o aquí para facer sitio, e así ser acollid@s, na plenitude cara á que, de xeito definitivo, camiñamos: o acougo en Deus.
  • Para esta meta, o camiño é Cristo. Porque El é para nós camiño, verdade e vida. El, en fidelidade á súa misión percorreu os camiños do noso mundo, anunciando e facendo presente a salvación de Deus aos seres humanos. Como continuadores da súa misión, somos nós hoxe os que asumimos este reto. Que nos esforcemos por ilo convertendo en guieiro da nosa vida, e que esta Semana Santa sexa pórtico do noso compromiso.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Neste día no que a ledicia non debe impedirnos ver que ao noso redor segue habendo moita xente que non pode celebrar a entrada en Xerusalén, queremos, Señor, compartir a nosa oración e a nosa esperanza encomendando a cantos coma nós se senten dispostos a camiñar contigo. Por iso che dicimos:
Bendito o que ven no nome do Señor.
  • Por toda a Igrexa, para que este tempo de Misterio e esperanza, nos leve a deixar atrás rutinas e canseiras, para comezar a vivir sen medo nin crispación a túa mensaxe máis alá dos templos, OREMOS.
    Bendito o que ven no nome do Señor.
  • Polas nosas comunidades, nas que imos celebrar nestes días os grandes misterios da nosa fe, para que nos esforcemos por celebrar con convicción que, a pesares de que o camiño moitas veces non é doado, nunca o faremos sol@s, OREMOS.
    Bendito o que ven no nome do Señor.
  • Por cada unha e un de nós, que este camiño que hoxe comezamos, nos vaia servindo para descubrir que o amor é tamén esforzo, dor, escoita, diálogo,renuncia e confianza, como o foi para Xesús. OREMOS. Bendito o que ven no nome do Señor.
Xesús, ti que entregaches a túa vida por nós, colmándonos da túa misericordia, fainos participar sempre do teu amor. Que sexamos quen de cultivar as sementes do Reino, sendo así espellos da túa presenza. Por Xesucristo, noso Señor. Amén.

REFLEXIÓN
Abre os nosos ollos, Señor, para que poidamos verte a ti nos nosos irmáns e irmás.
Abre os nosos oídos, Señor, para que poidamos oír as invocacións de quen ten fame, frío, medo, e de quen se sente oprimido.
Abre os nosos corazóns, Señor, para que aprendamos a amarnos uns aos outros como nos amas Ti.
Danos de novo o teu Espírito, Señor, para que nos volvamos un solo corazón, e unha sola alma no teu nome. Amén
(T. de Calcuta)

CANTOS
  • Entrada: Andarei
  • Ao remate da lectura da Paixón: Señor, ti tes palabras de vida eterna
  • Ofertorio: Con tódalas criaturasComuñón: Eu soñei

lunes 19 de marzo de 2007

Onde foi o adúltero (5º de Coresma)

V DOMINGO DA CORESMA (CICLO C)
E o adultero, onde esta?
PÓRTICO
Nunha sociedade na que cada vez escoitamos máis falar de paridade e igualdade, a realidade vainos demostrando que aínda queda moi afastada a utopía da igualdade entre home e muller nos distintos eidos: a empresa, a política, a investigación…. E non digamos dentro da Igrexa, na que a muller, na meirande parte dos casos, é unha voz non escoitada e o que é pior, silenciada.
Por iso o encontro de Xesús coa muller adúltera que hoxe escoitaremos no Evanxeo constitúe unha bocanada de aire fresco e, ao mesmo tempo, unha chamada de atención neste tempo coresmal que está chegando ao seu fin, para arredar de nós todo fariseísmo, toda hipocrisía e todo prexuízo.
Que a celebración que agora comezamos nos axude a non facermos distincións, pois todos somos fill@s dun mesmo Deus e posuímos a mesma dignidade.

O PERDÓN
  • Polas veces en que xulgamos e condenamos aos demais, polas veces en que os matamos moralmente, e somos quen de seguir como se nada pasara, e incluso, ser os primeiros en loarte, SEÑOR, TÉNDENOS A TÚA MAN.
  • Polas veces nas que por medo, por vergoña, por covardía, por quedar ben, por temer facer o ridículo… tiramos nós a primeira pedra ou non saimos en defensa de quen é lapidad@ e menosprezad@, CRISTO, TÉNDENOS A TÚA MAN
  • Porque a nosa Igrexa, sobre todo unha boa parte da súa xerarquía, segue a considerar á muller como sinónimo de tentación e de pecado, tirando a primeira e as seguintes pedras contra ela, SEÑOR, TÉNDENOS A TÚA MAN.

REMUÍÑO

A lei manda apedrar ás adúlteras: Quizá pensemos que esta escena do evanxeo é antiga, que pasou nunha época remota onde as persoas eran pouco civilizadas. Unha época na que muller era desprezada por ser muller, onde non tiña voz nin dereitos, onde so se adicaba á casa e onde so ela era a pecadora, nunca el. Pero non!. A pasaxe do evanxeo de hoxe é moi actual: tod@s temos na meniña dos ollos os apedramentos de mulleres sorprendidas en adulterio en Irán, Mauritania, Arabia Saudí... Que cousa!. Só as sorprenden e castigan a elas, aínda que o adulterio é cousa de dous. Asemade, tamén temos nas meniñas dos ollos, cantidade de dereitos das mulleres boicoteados: dereitos de decisión, de traballo, de elección,... casamentos amañados, mutilacións xenitais, etc... . Pero aínda así podemos seguir dicindo que na nosa sociedade desenvolvida iso non ocorre. Pero non!. A realidade segue confirmándonos que tristemente seguimos menosprezando o posto da muller, non valoramos o seu traballo e as seguimos sinalándoas. Xesús no evanxeo invítanos a que valoremos ás persoas, a que nos poñamos no seu lugar, a que tomemos conciencia de que ninguén é menos ca os demais, especialmente por ter fallos, por ser diferentes, por ser mulleres,... “O que estea sen pecado que tire a primeira pedra.”

Esquezámonos do que queda atrás e lancémonos cara adiante: Por que somos tan reacios aos cambios?, que medo temos?. Temos medo perder parcelas de poder, centros de atención, ser menos valorados?. Aqueles homes do evanxeo, fariseos e letrados, tiñan poder, non só sobre as mulleres (que o tiñan tódolos homes), senón sobre as conciencias dos demais. Por iso Xesús estorbaba e queríano facer coma eles, que elixira. Xesús invítanos a ver todo novo, a esquecernos do anterior e a lanzarnos á novidade do Reino: novos lazos familiares, veciñais, sociais, de respecto, de acollida de escoita, de igualdade e de valoración da muller e do seu traballo. Acaso San Paulo non corría cara a meta, deixando atrás todo o anterior?. O importante é o novo, o transformado... “Mirade que eu realizo algo novo, xa agroma, non o vedes?”. Dinos Isaías.
Eu tampouco te condeno: O novo pasa por descubrir a misericordia de Deus Pai, o seu perdón, pero non porque el condene. Xesús déixao ben claro, eu tampouco te condeno. Que a celebración de hoxe, nos faga descubrir a novidade das relacións cos demais, a non sinalar co dedo nin coa mirada, a non xulgar a este ou aquela, a ver que so valorando a pluralidade, a diferenza, poderemos chegar a unha verdadeira igualdade na Igrexa e no mundo.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Con actitude orante, e sinceridade de corazón, queremos, Señor, compartir as nosas preocupacións e ledicias, e facémolo dicindo:

Grazas por darnos moitas oportunidades

Pola Igrexa,para que neste tempo de graza sexa quen de abrir as súas fiestras para botar fóra dela tanto fariseísmo que enche de po os recintos sagrados, as conductas correctas, as institucións venerables, OREMOS.

Grazas por darnos moitas oportunidades

Polas nosas comunidades. Para que sexan comunidades vivas, estimulen a vivir os valores do reino tales coma igualdade entre homes e mulleres, a valoración do traballo de tod@s, a non violencia tanto verbal como física, o perdón por riba de preitos e xuizos, a acollida e o diálogo por riba do desprezo e a condena.

Grazas por darnos moitas oportunidades

Por nós, para que nunca caiamos na doada tentación de tirar a primeira pedra, senón que sempre saibamos mirar coa mirada limpa e agarimosa de Xesús, que levanta aos caíd@s, OREMOS.

Grazas por darnos moitas oportunidades

Grazas, Señor, por abrirnos os ollos e mostrarnos que non é nas falsas seguridades dos templos, senón nas dificultades da vida, onde temos que descubrirte e saber acompañar a cant@s se senten débiles e necesitad@s da nosa presenza. P.X.N.S. Amén.


PARA A REFLEXIÓN
Se sempre atopaches a man do teu pai,
se a túa nai nunca buscaches en vano;
se nunca padeciches fame,
nin a miseria foi a túa compañeira…
Non tires a primeira pedra.

Se nunca sufriches a inxustiza
de insultos, condenas e malicias;
se nunca fuches humillado,
nin choraches en soledade mil veces…
Non tires a primeira pedra.

Se nunca coñeciches a tolería,
nin estiveches sedento de tenrura,
nin buscaches de xeito equivocado
a forma de esquecerte dun fracaso…
Non tires a primeira pedra.

Se nunca te tiveches que baixar
sen tan sequera ter dereito a falar…
Non tires a primeira pedra.

CANTOS
ENTRADA: Arrepentido
LECTURAS: Móstranos Señor os camiños da vida
COMUÑÓN: Acharte presente na vida

lunes 12 de marzo de 2007

...A do Pai Bo (Coresma 2007)

A do fillo pródigo?. Non …. mellor a do pai bo

Remol 4º Domingo de Coresma

Pórtico

Ah!! A parábola do fillo pródigo, esta xa a escoitei... e sen querer xa pensamos noutras cousas e desconectamos, perdéndonos a novidade que encerra. Pero, e se a chamamos a parábola do Pai bo?. O conto xa cambia. Pois cómpre que pensemos nela deste xeito, xa que é no perdón, na acollida, na festa, na esperanza, onde poñemos a énfase e non no pecado, na escapada, no negativo.

Dende a liberdade de fill@s, dende a responsabilidade de sentirnos herdeir@s, comecemos esta celebración, non coma outro domingo máis, senón coma unha nova festa: o encontro co Pai.

Perdón

  • Porque preferimos andar por libre, acudindo a Ti nas dificultades, e aos demais cando os necesitamos, SEÑOR, TÉNDENOS A TÚA MAN.
  • Porque calculamos o que facemos polos demais: o tempo que lles adicamos, as forzas, os cartos que investimos neles ou os beneficios que nos aportan… e así reducimos a nosa relación con eles a un mero comercio, CRISTO, TÉNDENOS A TÚA MAN.
  • Porque somos intransixentes, intolerantes, pouco acolledores e pechamos os nosos oídos aos outr@s, especialmente cando as súas opinións ou o seu xeito de pensar non coinciden cos nosos, SEÑOR, TÉNDENOS A TÚA MAN.

Remuíño

Dáme a parte da herdanza que me toca: Dende xa hai uns séculos, as persoas quixemos ser donas do noso destino, que ninguén nos dixese o que tiñamos que facer, quixemos explorar tódolos recunchos da terra, as profundidades do mar ou do espazo; quixemos alongar a vida cos descubrimentos da mediciña e cada vez imos mais alá, mesmo parece que sen límites. É bo que progresemos, que avancemos no coñecemento e na independencia; pero sempre ao servizo do ben común, e tendo coma punto de partida o respecto da dignidade da persoa.

Con este movemento anterior e animados polo despotismo, a imposición e a acaparación da Igrexa, este progreso significou ir contra as ataduras. Unha delas era Deus, que se converteu en proxección, en opio do pobo, en morte, en mentira pois xa morreu...

A parte da herdanza que nos toca é moi boa e Deus dánola de bo gusto. Só se converte en carga cando a malgastamos sen contar con El, sen ter en conta os límites da ética, do sentido común, cando caemos no divorcio entre progreso e ética.

Tanto tempo levo contigo: É na figura do fillo maior na que aparece perfectamente debuxada a queixa que sempre facemos ao Pai: levo toda a vida esforzándome, sendo bo e boa, axudando aos demais, disfrutando do que Ti me das, da parte da herdanza que comparto contigo que…perdemos a ilusión, non aportamos nada a casa, non somos innovadores, fállanos a iniciativa... E resulta que agora ven este... Que difícil é renovar o amor, que difícil é saír das as da galiña, do seguro, de non ter dúbidas a un prezo alto, a liberdade, a madurez,.. Algo diso era o que lle pasaba ao fillo maior, que non quixo arriscar, non quixo equivocarse.

Porque estaba perdido e recuperámolo: Esta é a alegría do Pai, a nosa esperanza. Podemos refacer as amizades rotas, as xenreiras insalvables, as asperezas profundas. O Pai acóllenos e danos liberdade, non nos atenaza, non nos ameaza nin nos deixa indefensos... Que ben nos viría se puidésemos coñecer esta liberdade que é responsabilidade, madurez, que é disfrutar, colaborar e valorar os dons que nos da o Pai.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Con actitude orante, e sinceridade de corazón, queremos, Señor, compartir as nosas preocupacións e ledicias, e facémolo dicindo:

Grazas por darnos moitas oportunidades

Pola Igrexa, para que abandone esa actitude, tantas veces por ela utilizada, que amosaba o fillo máis vello da parábola, e non peche as súas portas a ninguén, comprendendo situacións, escoitando ás persoas, acollendo desde o amor e o perdón do Pai, OREMOS.

Grazas por darnos moitas oportunidades

Polas nosas comunidades, para que non caian da rutina do “sempre se fixo así”, descoidando e pechándose á novidade, pasando por alto que as persoas somos e pasamos por situacións diferentes, OREMOS.

Grazas por darnos moitas oportunidades

Por tod@s nós, para que a esperanza de sabérmonos querid@s polo Pai faga que nunca perdamos a ilusión a pesares dos nosos erros, atrancos ou fracaso, segur@s de que Ti estás sempre cos brazos abertos para acariñarnos, OREMOS.

Grazas por darnos moitas oportunidades

Grazas, Señor, por abrirnos os ollos e mostrarnos que non é nas falsas seguridades dos templos, senón nas dificultades da vida, onde temos que descubrirte e saber acompañar a cant@s se senten débiles e necesitad@s da nosa presenza. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Eu quedarei mud@,

sen saber qué dicir, cómo falar…

Pero Ti sorprenderasme co teu amor,

coma sempre,

e antes de que eu abra a boca,

collerasme pola man

e dirasme, coma ao fillo pródigo,

¡Ven aos meus brazos, meu fillo, miña filla,

estou esperándote!.

E daquela entenderei,

ao fin, a parábola do teu amor de Pai.

E quedará cravada no meu corazón,

para sempre,

coma un dardo fondo,

esa palabra que o di todo nos teus beizos:

¡FILLO, FILLA!.

Oxalá eu poida dicir,

con todo o meu corazón e con todas as miñas forzas,

esoutra palabra marabillosa:

¡PAI!.

Porque Ti, Señor, es verdadeiramente o noso Pai;

e nós somos, de verdade, fill@s teus.

CANTOS

ENTRADA: Arrepentido

LECTURAS: Móstranos Señor os camiños da vida

COMUÑÓN: Acharte presente na vida

lunes 5 de marzo de 2007

Estou na Gratuidade (Coresma 2007)

III DOMINGO DA CORESMA

Eu son o que son e estou n@s pobres, marxinad@s,
fament@s, excluíd@s... na gratuidade

PÓRTICO

“Castigo de Deus “ é unha expresión que adoitamos escoitar cando sucede algunha traxedia. Pronunciar esta frase produce consolo aos que consideran que Deus é un xuíz severo que, con frialdade, examina a vida e as obras dos seus fieis, dictando sentencia condenatoria para os culpables. “Deus premia aos bos e castiga aos malos”, dixéronnos desde pequen@s; pero esta afirmación non se corresponde cun Deus que parece calar as máis das veces diante da inxustiza, da dor e da opresión humana. Para algúns Deus non intervén sempre, senón que manda un recado de cando en vez, a modo de escarmento, para que esteamos á espreita. Deus pode cansar, díxosenos, ten paciencia ata un certo límite.
Pero ¿é este o rostro do Deus de Xesús?. A resposta é que non, que Deus non é partidario de escarmentos, ten unha paciencia infinita. Ninguén debe utilizar a traxedia humana como mecanismo de xustificación propia.
Que esta celebración que agora comezamos, neste tempo de Coresma, nos axude a non tomar o nome de Deus en vano.

O PERDÓN
  • Porque moitas veces o noso corazón é insensible e de pedra, e non escoita a tantos irmáns e irmás nosos que berran pedindo xustiza, SEÑOR, LÉVANOS DA TÚA MAN.
  • Porque acusamos aos demais de ser intransixentes, cabezóns, de mentalidade plana; e non nos damos conta de que así só valoramos o noso pensamento, CRISTO, LÉVANOS DA TÚA MAN.
  • Por non esforzarnos en tender pontes de achegamento e colaboración aos que pensan distinto, pero senten paixón pola dignidade do ser humano, SEÑOR, LÉVANOS DA TÚA MAN.

REMUÍÑO

Se a sociedade é inxusta, se na comunidade eclesial hai moito que corrixir, iso non lle afecta só aos políticos ou á xerarquía. A situación presente e o futuro dos grupos é responsabilidade de todas as persoas que os compoñen. É moi doado botar balóns fóra, autoenganarnos ou tranquilizar a nosa conciencia diluíndo a responsabilidade de cadaquén na masa. Un cristián ou unha cristiá nunca pode ser unha persoa resignada. Pero tan afeit@s estamos a escoitar frases como “se ocorre tal cousa será porque Deus o quixo así”, “Deus está probando a súa fe”, “o sufrimento é un castigo de Deus”... que non reparamos nas barbaridades (mesmo nas blasfemias) que encerran. O Deus que nos revelou Xesús de Nazaret non é un garda de tráfico que estea á espreita tratando de cazar infraccións para poñer despois un castigo, senón que ten máis que ver coa imaxe dunha persoa paciente que volve ano tras ano para ver se a figueira deu froito. A imaxe de Deus está retratada máis ben naquel pai bo que cada tarde se asomaba á fiestra esperando que, por fin, o fillo volvese, pero non para castigalo, senón para abrazalo e facer unha festa. O Deus de Israel sabe o que sucede e sente a dor dos homes e das mulleres de todos os tempos, de toda a historia, coma se fose propia. ¡Que lonxe está esta imaxe de Deus que nos achegan os textos bíblicos da que nós, coma Igrexa, segrares, relixios@s e sobre todo xerarquía, transmitimos ao noso redor.

Por iso cómpre converterse e cambiar, dar froito; pero non desde o medo, o temor ou o castigo, senón desde o agradecemento de sabérmonos salvad@s e agarimad@s por un Deus que camiña ao noso lado e que mesmo no leva no seu colo. Converterse é cambiar, pasar dun xeito de vivir a outro. Non é botar un pouco de maquillaxe, senón que é un cambio radical, unha nova vida. Cando non nos convertemos, no noso mundo hai morte física pola violencia de xénero, polo fanatismo relixioso, pola supremacía da lei do máis forte... e tamén hai morte moral, porque os valores que imperan (o máis forte, o máis guapo, o máis rico, o máis fraco...) non nos fan nin máis humanos nin máis felices, senón que nos escravizan. Pero si somos capaces de converternos, de ser persoas adultas e coherente, todo será distinto, mellor, máis doado, máis positivo... e comezaremos a disfrutar antes da ledicia da vida, da fraternidade, da xustiza... ¿A que esperamos?. Poñámonos en camiño.


ORACIÓN DA COMUNIDADE
Con actitude orante, e sinceridade de corazón, queremos, Señor, compartir as nosas preocupacións e ledicias, e facémolo dicindo:
Grazas por darnos moitas oportunidades
Pola Igrexa, para que non caia na tentación fácil de crer que ten ela toda a verdade de que é perfecta, de que fóra dela non hai felicidade e así pouco a pouco se volva intransixente e tirana, OREMOS.
Grazas por darnos moitas oportunidades
Que @s que formamos parte das comunidades cristiás non nos deixemos levar da tentación de etiquetar ás persoas, separando entre bos -@s nos@s- e mal@s -@s outr@s-, senón que atendendo á Palabra de Xesús nos esforcemos cada día en unir, agarimar e escoitar a tod@s, sen facer distincións que separan e afastan,OREMOS.
Grazas por darnos moitas oportunidades
Por nós, que todas as semanas nos reunimos para compartir e vivir a túa Palabra, que non nos deixemos levar da pasividade, da comodidade, da rutina, senón que saibamos descubrir que a fe celebrada e participada é acción de grazas polo vivido, e forza para o traballo en comunidade que temos por diante, OREMOS.
Grazas por darnos moitas oportunidades
Grazas, Señor, por abrirnos os ollos e mostrarnos que non é nas falsas seguridades dos templos, senón nas dificultades da vida, onde temos que descubrirte e saber acompañar a cant@s se senten débiles e necesitad@s da nosa presenza. P.X.N.S. Amén.

REFLEXIÓN

A CORESMA É:
Unha oportunidade para converterse ao Evanxeo
Corenta días para reflexionar o que cremos
Apertura a Deus pola escoita da súa Palabra
Oportunidade de redactar o proxecto persoal
Un tempo de máis oración persoal
Unha nova chamada de Deus ao corazón
A preparación para a Pascua
Deixarse reconciliar con Deus
Recolocar a escala de valores
Facer oco a Deus para que ilumine a vida
Afinar o oído a escoitar ao irmán e á irmá

A CORESMA NON É:

Corenta días tristes
Deixar de comer carne os venres por costume
Pensar só en Xesús crucificado
Preparar as vacacións de Semana Santa
Que che poñan cinza na cabeza, sen máis
Vivir sen que che importe a xente, pero rezar moito
Sacrificarse só para amolarse
Adorar algunha imaxe e non vivir coma Xesús
Amolarse porque si, sen beneficiar a ninguén

CANTOS

ENTRADA: Arrepentido
LECTURAS: Móstranos Señor os camiños da vida
COMUÑÓN: Acharte presente na vida