domingo 29 de abril de 2007

O amor pide dispoñibilidade (Pascua 2007)

O AMOR ESIXE RENOVACIÓN, CAMBIO, APERTURA E DISPONIBILIDADE

PÓRTICO

Hoxe a celebración preséntanos un reto, antigo pero sempre novo que é amar a todos como Xesús nos amou. E sempre novo porque son novas as persoas, son novas as situación que viven e vivimos e é sempre nova a forza de Deus que ven a nos. E isto require de nós unha actitude dinámica, d estar sempre abertos ao que Deus nos pide e ao que os demais demandan de nós. Por iso non vale inmobilismos, rutinas, comodidades. O amor transforma e renova todo.

Que esta celebración nos faga ser conscientes cada día mais do reto que significa amar, xa que neste xeito de vida en profundidade é onde os demais nos recoñeceran como cristiáns e non no fasto, na liturxia desmedida e no moito larear.

O PERDÓN

· Porque desexamos ser querid@s, escoitad@s, comprendid@s, animad@s e alentad@s mentres que nós non estamos dispost@s a mover un só dedo para facer o mesmo polos demais, SEÑOR, RENOVA O NOSO AMOR.

· Porque nos deixamos levar polo desalento, a rutina, o andazo e non temos confianza, ilusión, fe en que un ceo e unha terra nova son posibles, só depende de que nós queiramos, SEÑOR, RENOVA O NOSO AMOR.

· Polas veces en que o medo a perder poder estatus social, amizades, ser valorados, nos impide ser auténticos cristiáns. SEÑOR, RENOVA O NOSO AMOR.

REMUÍÑO

MANDADO DO AMOR: O amor é a nova lei do Reino de Deus, do novo mundo que Xesús inaugurou. Non se trata, polo tanto, de escapar a outro mundo, a un mundo de sentimentos románticos, ilusorios, privatistas… senón que se trata máis ben de transformar radicalmente o noso mundo. A causa pola que loita Xesús é a do amor: temos un Pai, nós somos fill@s e, polo tanto, debemos vivir coma irmáns. É pois, urxente, un novo tipo de relación humana, baseada na xustiza, e non na vinganza, na explotación, na escravitude ou na insolidariedade. E esta tarefa de transformar o mundo por amor é o central da nosa misión cristiá. Ser cristián e cristiá é transformar o mundo polo amor, facer un mundo novo. A través da nosa vida comprometida é como Deus segue a dicir hoxe: “Eu fago novas todas as cousas”, en todas as esferas da vida persoal, social, económica, laboral, política, familiar,…. De nós depende. A nós encoméndasenos facer crible a Deus no noso mundo e manifestar a súa gloria.

A PESARES DAS TRIBULACIÓNS QUE COMPORTA: E iso a pesares de que sabemos que amar non é unha tarefa doada, porque cómpre dominar o noso afán de protagonismo, o noso egoísmo, a nosa soberbia e autosuficiencia. Porque o amor cristián é un comportamento activo e creador que toma en serio as necesidades do irmán e que se atreve a facer por el todo o que sexa necesario para axudarlle a vivir como verdadeira persoa. Son as necesidades dos nos@s irmáns e irmás as que nos indicarán as actitudes que cómpre adoptar en cada situación.

CREA UN MUNDO TOTALMENTE NOVO: A miúdo @s que nos dicimos cristiáns e cristiás pensamos, e mesmo afirmamos que a mensaxe de Xesús é moi fermosa, pero imposible de levar a cabo. Outr@s cren que afecta para a outra vida. Quizás por iso nos pasa tanto aquilo que xa Xesús criticaba nos fariseos: “Din e non fan”. E nós vimos ás celebracións sen o convencemento de que debemos levar á práctica o que celebramos. Porque resulta que o ceo novo e a terra nova non son para despois nin pertencen a outro mundo. Trátase de poñer en práctica o que cremos, así de sinxelo, pero tamén así de esixente.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Confiad@s e agarimad@s por un Deus que é Pai e que nos quere, presentámoslle agora a nosa oración convencid@s de que El sempre nos escoita. Por iso dicimos:

QUE FAGAMOS NOSO O MANDADO DO AMOR

Pola Igrexa, para que renovada día a día polo amor de Xesús, saia das súas comodidades, do seu afán de poder e protagonismo e así todas recoñezan nela unha forza transformadora. OREMOS.

QUE FAGAMOS NOSO O MANDADO DO AMOR

Polas nosas comunidades, para que o ceo novo e a terra nova sigan sendo o ideal e a utopía do noso compromiso cristián e así sempre esteamos dispost@s a traballar por erradicar a inxustiza, a violencia, os enfrontamentos e as discriminacións, OREMOS.

QUE FAGAMOS NOSO O MANDADO DO AMOR

Por cada un e cada unha de nós, para que este tempo de Pascua que estamos a vivir nos dea azos para traballar polo Reino visitando @s enferm@s, alentando @s tristes, escoitando a quen está só, acompañando a quen está desperanzado, OREMOS.

QUE FAGAMOS NOSO O MANDADO DO AMOR

Grazas, Pai, porque ensinarnos que a medida do amor é o amor sen medida. Que saibamos, tamén nós, entregarnos así aos demais, Por Xesucristo, noso Señor.

PARA A REFLEXIÓN

Credo

Cremos que a nosa terra, a nosa cidade,

O noso barrio e a nosa comunidade

Foron e son morada de Deus entre nós.

Cremos que el enxuga as nosas bagoas

Dos empobrecidos e marxinados polo noso medio.

Cremos que Deus é o principio e o fin das nosas vidas.

Cremos que ela danos a beber a auga viva

Que nos converte en fillos e fillas súas.

Cremos que haberá para os débiles e oprimidos

E para todos os que optan por eles e elas,

Un ceo e unha terra nova, sen dor nin pranto,

Con paz, xustiza e felicidade.

Cremos que é posible, pero só

Si nos comprometemos a facela presente.

CANTOS:

ENTRADA: Unha xuntanza de amor

LECTURAS: Douvos un mandato novo

OFETORIO: Señor Xesús, bendito sexas

COMUÑÓN: O amor é o meirande

lunes 23 de abril de 2007

Algo máis que cumprir (Pascua 2007)

4º domingo da Pascua 2007

Non é mellor pastor o que se limita a cumprir o mandado, senón quen é capaz de servir a quen se ve necesitado

PÓRTICO
Estamos tan afeitos, tamén cansos de escoitar discursos, que por moito que nos digan, todo nos vai esvarando. Fálannos os curas, os bispos, o Papa, os políticos, os mestres, os xefes no traballo, a televisión, a radio... que fartos de tanto escoitar falar, xa non prestamos atención. Porén a fe cristián baséase na Palabra. É verdade que non é unha Palabra calquera, senón a Palabra. A que nos da azos para superar atrancos e canseiras; a que nos alenta cando todo parece que se nos funde; a que nos estimula cando pensamos que a rutina non é posible superala.

E esta Palabra ponnos hoxe diante dun dilema, un dilema que as veces non é doado de resolver: Como converter en vivencia, en praxe, en realidade, o que escoitamos, celebramos e compartimos nas celebracións? E non é doado, porque moitas veces aquilo que celebramos en comunidade logo non somos capaces de levalo á nosa vida de cada día.É máis, moitas veces renunciamos mesmo a intentalo. Por que nos pasa isto? Non será porque a nosa fe non acaba de calar en nós,e non é máis ca un recurso externo e periférico?.

Que o que hoxe imos celebrar e compartir, saibamos poñelo no centro da nosa vida para que a alente, anime e ilusione.

PERDÓN

ü Por non querer comprometernos na construción de comunidades abertas, solidarias e verdadeiramente acolledoras. Señor, danos azos de misericordia.

ü Por non saber facer das nosas familias verdadeiras escolas de perdón, acollida, diálogo e confianza. Cristo, danos azos de misericordia.

ü Por non comprometer o meu tempo de lecer en tempo de servizo e dispoñibilidade cara os máis pequenos e necesitados. Señor, danos azos de misericordia.

REMUÍÑO

ü Sempre que falamos dos pastores utilizamos a palabra servizo, dispoñibilidade, dedicación...e facémolo porque pensamos que esas deberan de ser as actitudes, as calidades, as formas que mostrasen os nosos pastores. Pero máis alá das palabras, verdadeiramente son estas as calidades e actitudes que teñen os noso pastores? Desgraciadamente temos que dicir que non. En tempos coma os que estamos a vivir agora, nos que os pastores parecen andar máis preocupados por cuestións de ortodoxia, ritualismos litúrxicos ou fidelidade á letra; e bastante menos preocupados por ter actitudes de entrega, escoita, tempo solidario a favor dos demais, preocupación polos “ gozos e esperanzas” dos membros das súas comunidades, dificilmente poderán máis que ter un proxecto pastoral de consumo, conservacionista e pouco aberto ao diálogo co mundo, coa pluralidade, cos que son, pensan ou actúan distinto. Estamos nun momento no que nos preocupa moito buscar refuxios –“pequenas burbullas”- que tender pontes cara fora. Como entón, podemos pretender que o feito cristián teña relevancia na nosa sociedade?. Se as nosas discusións son sobre ritualismos, por certo, bastante ausentes no Evanxeo, como imos ter tempo para mostrar a gozosa experiencia da resurrección para así poder compartila con outr@s?

ü O bo pastor, os bos pastores, non son aqueles que se refuxan na seguridade dos templos, no abeiro dos que son máis afíns, na egolatría do que predica ben, canta ben, celebra con moita “unción”. Ás veces parece que nos gusta o e ”engaiolamento”, tan lonxe da praxe de Xesús, e nos arrepía o traballo comprometido e solidario nos ámbitos nos que o relixioso está ausente, non é ben recibido, ou é militantemente rexeitado. Por que non perdemos, dunha vez, o medo coma o perderon os apóstolos? Non será que nos falta abrirnos á forza, á graza do Espírito?.

ü Non é no engordarse a un mesmo onde mellor podemos responder ao estilo de Xesús, senón na capacidade de saír de nós mesmos e expoñer a nosa vida na defensa daqueles que sendo fillos de Deus, ven como a súa dignidade non so non é recoñecida, senón que é esmagada. Cantas persoas das nosas comunidades están hoxe sufrindo, vivindo sen que ninguén lles preste atención, esquecidas e silenciadas. Na festa do bo pastor, e desde os textos que acabamos de escoitar, é esta unha boa ocasión para que miremos para dentro de nós, analicemos a nosa vida, a vivencia do nosos ministerio, a resposta pastoral que estamos a dar diante dunha sociedade, dunhas parroquias, dunhas comunidades que están en constante movemento e cambio, e que piden respostas novas, xenerosas e creativas. Estamos dispostos a dárllelas?.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Diante de Cristo, o único Pastor, presentemos agora a nosa oración, para que alente e estimule a vida, preocupación e proxectos de cantos formamos parte das comunidades:

Ti es a nosa forza e o noso alento

ü Pola Igrexa, especialmente polos seus pastores, para que sabendo vivir o seu ministerio desde Cristo, ilusionen, animen, estimulen a cantos formamos parte das comunidades, e así saibamos vivir a fe como unha experiencia de graza, amor e ledicia compartida. Oremos.

Ti es a nosa forza e o noso alento

ü Por cantos nos consideramos membros da comunidade cristiá, o pobo de Deus en permanente camiño de renovación e creatividade, para que non nos deixemos levar pola desgana, o aburrimento, a rutina e o ritualismo, senón que ,sabendo acoller a voz do Espírito que nos fala a través da vida, traballemos por renovar a vida e praxe pastoral das nosas parroquias. Oremos.

Ti es a nosa forza e o noso alento

ü Por cada un de nós, para que sabendo que a pascua é primavera na que xermola con forza o novo, saibamos , alí onde esteamos: casa, traballo, lecer... levar palabras, comportamentos e actitudes que unan, falen en positivo e respondan ao esforzo do comunitario. Oremos.

Ti es a nosa forza e o noso alento

Grazas, por lembrarnos que ser pastores está moito máis alá do fácil, e tantas veces baleiro, ritualismo, posición social ou acumulación de poder. Por X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN


Xesús, Deus da Vida,
bo pastor
que nos acompañas
e nos guías,condúcenos ao Reino do Pai.

Ti es o bo pastor,
que coida e protexe o seu rabaño,
que non o deixa solo na adversidade,
que o acompaña sempre.

Ti es o bo pastor,
que sinte compaixón,
que lle preocupa a vida dos outros,
que sufre coa dor e a inxustiza.

Ti es o bo pastor,
que alimentas a nosa vida,
que nos levas beber a auga viva,
que nos das acubillo e abrigo.

Ti es o bo pastor,
que coñeces a nosas esperanzas,
que nos mostras o camiño,
que nos alentas na marcha.

Ti es o bo pastor,
que nos reúne e convoca,
que fai crecer a comunidade,
que nos ensina a fraternidade real.

Xesús, Señor da historia,
bo pastor,
co teu Espírito
conduces á humanidade
polas pegadas do Reino de Vida.

Ensínanos a acompañar,
a camiñar ao lado e non diante,
a escoitar e facer silencio,
a abrir os brazos para acercar e unir.

Axúdanos a descubrir
as dores e sufrimentos de hoxe,
¡rebélanos contra a inxustiza
e a exclusión que da morte!

Alenta o noso compromiso
polas necesidades vitais de todos.
Fortalece a nosa loita
para que todos teñan traballo e dignidade.

Fainos saborear
os pequenos pasos do día a día.
Ilumina os nosos horizontes
acrecenta a nosa sede de utopía.

Móstranos o camiño compartido,
sostén o espírito comunitario,
ensínanos a camiñar unidos,
bos pastores, os uns dos outros.

(Marcelo A. Murúa)


CANTOS

Ÿ Entrada.- Unha parroquia

Ÿ Lecturas.- O Señor é o meu Pastor

Ÿ Ofertorio.- Recibe, Señor

Ÿ Comuñón.- Grazas, Señor, graciñas

jueves 19 de abril de 2007

Botar de novo as redes (Pascua 2007)

Queremos ter unha pesca abondosa?

Botade as redes e…….. Atoparedes

PÓRTICO

Vivimos nun mundo individualista, no que a publicidade invítanos ao éxito, a ser os mellores, os mais guap@s, a chegar á cima á costa do que sexa. E non é algo externo a nós, senón que aniña no profundo do noso corazón: sen Deus, ou lembrándonos só cando nos faga falla podemos vivir, sen os demais, tamén, con nós mesmos valemos abondo, somos maioría absoluta.

A celebración de hoxe quere ser unha invitación a descubrir que para nós, os cristiáns, é o Pai quen completa as nosas obras, é o espírito quen nos da a forza para realizalas e é Xesús o que nos acompaña. Que é a pascua senón, un camiñar con Cristo resucitado e un camiñar coa comunidade que vive lediciosa a súa fe?.

PERDÓN

Polas veces en que vivimos ao marxe de Deus, sen lembrarnos de que é el o que acompaña e sostén as nosas obras. SEÑOR, ENDEREITA O NOSO CAMIÑAR.

Porque non sabemos aceptar a conversión dos nosos irm@s, taxamos o noso perdón non damos oportunidade ao cambio; pero si esperamos comprensión, oportunidade e perdón cando somos nós os que o pedimos. CRISTO, ENDEREITA O NOSO CAMIÑAR.

Polas veces que temos medo a dicir que somos cristiáns, polas veces que nos da vergoña manifestar a nosa fe e polas veces en que coa nosa vida, e o noso xeito de actuar manifestamos todo o contrario. SEÑOR, ENDEREITA O NOSO CAMIÑAR.

REMUÍÑO

· A invitación que hoxe nos fai Xesús no evanxeo a botar as redes, mal interpretada, pode levarnos a caer nun proselitismo erróneo que tantas veces unha boa parte da nosa Igrexa utilizou e mesmo utiliza e que tan malos resultados lle deu e lle está dando. Botar as redes para que o Señor as encha significa achegarse, confiad@s en que El camiña connosco, a todas as persoas para ofrecerlle o que somos e o que temos, o noso esforzo e a nosa axuda para ir construíndo entre todos comunidade, Igrexa, Reino… Pero ollo, non desde a imposición ou desde a obediencia cega, senón desde a invitación. Porque temos que desenganarnos: no medio dunha sociedade que se esquece e mesmo ás veces parece querer matar a Deus, a Igrexa, que non o esquezamos, somos tod@s nós, seremos cribles se coas nosas accións, coas nosas palabras, cos nosos xestos… nunha palabra, co noso talante estamos dispost@s a ser testemuñas daquel que, o día de Xoves Santo que tan fresco temos na nosa vida, nos invitou a pasar polo mundo sendo servidores de todos.

· Polo tanto non se trata de berrar moito, de dicir palabras fermosas, de laiarse de que outro tempo pasado foi mellor… trátase máis ben de mirar cara adiante co optimismo e coa ledicia de sabérmonos querid@s e agarimad@s por un Deus que é amor e que nos invita a facelo presente no mundo sendo, coa nosa vida, homes e mulleres sementadores de esperanza e de ilusión. Por que con qué criterio predicamos a Deus e non acompañamos aos nosos irmáns e irmás cando sofren, miramos cara outro lado cando precisan de nós, facemos oídos xordos ás súas chamadas ou non estamos dispost@s a denunciar tantas inxustizas sociais?. A fe non é só cuestión de culto, de templo, de sacristía, senón que tamén ten unha dimensión social que moit@s esquecemos. É moi importante non faltar a Misa os domingos, velar diante do Santísimo, rezar o rosario… pero tamén o é non explotar ás viúvas cobrando estipendios inxustos, ou dar conta dos cartos da comunidade, ou acompañar a quen sofre a perda dun ser querido.

· Así é como daremos razón da nosa fe, se temos sempre presente que non podemos disociar a vida e a fe, o que cremos do noso actuar, o que rezamos do que facemos… Non temos a posesión absoluta da verdade, temos que confiar na xente, dar oportunidades… coma fai Xesús hoxe con Pedro. A pesares de telo negado tres veces, hoxe o Señor volve darlle unha nova oportunidade. Que nós tamén, nesta nova oportunidade que se nos abre co tempo pascual, saibamos facer presente ao Resucitado ao noso redor.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Pai, ti sempre estas a carón noso na vida e estas atento as nosas necesidades. Escoita a nosa oración que che presentamos dende a necesidade que todos temos de que ti nos axudes e nos deas outra oportunidade de achegarnos a ti. Por iso dicimos

GRAZAS POR SEGUIR A CONFIAR EN NÓS

ü Pola Igrexa, por cada un e cada unha de nós, para que sempre botemos as nosas redes para favorecer a tod@s @s marxinad@s da terra, @s enferm@s, @s toxicóman@s, @s parad@s, @s minusválid@s, @s empobrecid@s e cara todos aqueles que nesta vida foron situados nun lugar escuro e apartado da sociedade, OREMOS

GRAZAS POR SEGUIR A CONFIAR EN NÓS

ü Polas nosas comunidades, para que sexan comunidades vivas, esperanzadas e esperanzadoras, non excluíntes, alegres, agarimosas, e así fagan presente no noso mundo ao Resucitado, OREMOS.

GRAZAS POR SEGUIR A CONFIAR EN NÓS

ü Hoxe na nosa oración queremos ter presentes dun xeito especial a todas aquelas persoas que, no eido da educación, tentan presentar o Evanxeo aos máis nov@s; para que sempre traballen con responsabilidade, coherencia, seriedade e ilusión, OREMOS.

GRAZAS POR SEGUIR A CONFIAR EN NÓS

Grazas pai por escoitarnos sempre e, a pesares de que moitas veces imos por libre, esquecéndonos de ti, segues a confiar en nos e a darnos oportunidades de cambiar. Escoita o que con fe che pedimos. Por XCNS. Amén


PARA A REFLEXIÓN

Pascua e...

Pascua é ser capaz de cambiar,

é compartir a vida con esperanza,

é loitar para vencer toda sorte de sufrimento.

Pascua é dicir si ao amor e á vida,

é investir na fraternidade,

é loitar por un mundo mellor,

é vivir con solidariedade.

Pascua é axudar a máis xente a ser xente,

é vivir en constante liberación,

é crer en que a vida vence á morte.

Pascua é renacemento, é recomezo

é unha nova oportunidade para mellorar as cousas

que non nos gustan de nosoutros.

Para ser máis felices por coñecernos

a nós mesmos un pouquiño máis e ver

que hoxe podemos ser mellores do que fomos onte.

CANTOS

Entrada: Non vou só.

Lecturas: Como che cantarei.

Ofertorio: Na nosa terra.

Comuñón: Pregoeiro da paz. Acharte presente na vida.

martes 10 de abril de 2007

A novidade de Deus no camiño da comunidade

A COMUNIDADE, LUGAR DE ENCONTRO

PÓRTICO

Xa podemos esquecernos de pensar so en nós, na nosa fe, na nosa oración, na nosa misa, no noso domingo, no... “meu”. A Pascua, a resurrección que vimos de celebrar, invítanos a mirar en común, a expresar a nosa fe en comunidade, xa que é nesta onde se aparece o resucitado, na reunión orante dos discípulos. E tamén no domingo, como día por excelencia, como actualización da resurrección. Xesús quere resucitar no medio da asemblea que se reúne para, xuntos, celebrar a súa fe e acoller a tod@s.

Que esta celebración nos faga ser conscientes de que so en comunidade poderemos experimentar a resurrección e a vida de Xesús.

PERDÓN

(Aspersión)

  • Porque moitas veces somos incrédulos ante os teus sinais, cústanos recoñecerte nós demais, especialmente naqueles que poden comprometernos ou querer de nós tempo e esforzo. SEÑOR, LAVANOS DO NOSO MEDO.
  • Porque non nos cremos que ti poidas actuar por nós, porque non poñemos interese en escoitar aos demais, nin en acollelos, CRISTO, LÁVANOS DO NOSO MEDO.
  • Porque seguimos imos por libre, e pensamos que sen a comunidade podemos ser felices, que podemos expresar en plenitude a nosa fe e o noso servizo. SEÑOR, LÁVANOS DO NOSO MEDO.

REMUÍÑO

O imposible feito novidade. Neste día sería bo que nos preguntásemos se somos capaces de sorprendernos,se na nosa vida deixamos un sitio para a sorpresa, para romper a monotonía que moitas veces nos vence. E que somos tan previsores, temos todo medido que non temos sitio para a novidade. E isto non quere dicir que non planifiquemos, que non pensemos nos pros e nos contras das nosas accións. E quizás sexa unha defensa que temos ante fracasos coas persoas, ou con proxectos,... que nos impiden ter esperanza en que algo novo pode suceder, en que non todo está escrito.O que nos quer dicir o feito da resurrección, é que rompamos os medos ao descoñecido, que nos deixemos sorprender polas persoas, polo que las nos poidan aportar, poro que elas teñan que dicir tanto na Igrexa como no pobo como dentro da nosa familia. Acaso a resurrección de Xesús no foi unha novidade?, non foi un feito que cambiou as vidas dos apóstolos? Aínda que iso non quere dicir que non lles custase entendelo. Temos o exemplo de Tomé que ten que “ver” para crer ten que palpar para darse conta de que é Xesús.

  • A novidade que é camiño. Pero esta novidade da resurrección non trae xa todo definitivo, non despexa tódalas dúbidas. É un camiño que temos que facer como o fixo a primeira comunidade. Aínda que a lectura de hoxe fala de conversións masivas e de entusiasmo na predicación, iso non quitou a dúbida, o rexeite a persecución e o medo por parte dos cristiáns. Acaso o exemplo do apóstolo Tomé non é o noso moitas veces? Necesitamos a forza do Resucitado que a atopamos na súa palabra feita vida, no se corpo feito alimento e na comunidade reunida que é expresión unánime da nosa fe.
  • Un camiño que é esperanza. A lectura do Apocalipse invítanos a confiar en Xesús. “ Non Temas...” Viamos que a novidade non é temor senón esperanza que o camiño non é fracaso senón ilusión e apertura ao outro. Que é a resurrección senón a certeza dun Deus que non nos abandona, que está aí ao noso carón?

Que a celebración de hoxe anime a nosa vida e nos faga ver que todo se fai mais doado coa forza de Xesús e co ánimo da comunidade.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Pai ti resucitaches a Xesús e décheslle vida plena, acolle a nosa oración e fai que sempre cha presentemos confiados en que ti nos escoitas,por iso dicimos.

Felices nós que cremos sen ver!

  • Pola Igrexa que vive a novidade da Pascua, para que sexa unha fonte de graza e de frescura, que disipe dúbidas, infunda confianza nas persoas e sobre todo, dea forzas para entregarse a tod@s con xenerosidade e en toda ocasión. OREMOS.

Felices nós que cremos sen ver!

  • Polas nosas comunidades, para que descubran que na unión, na fe compartida, na confianza mutua, na acollida de tod@s, é como a semente do reino e da resurrección pode chegar a tod@s e transformalo todo. OREMOS.

Felices nós que cremos sen ver!

  • Por todos nós, para que este tempo de graza, de renovación, de acollida, de ledicia, contaxie a nosa vida, transforme a nosa face, e ante todo, faga de nós unhas persoas comprometidas, que dan razón da súa fe nas múltiples situacións que nos toca vivir, especialmente aquelas que requiren de nós esforzo, entrega e xenerosidade. OREMOS.

Felices nós que cremos sen ver!

Grazas Pai porque segues a confiar en nós, porque segues a facerte presente na nosa vida para alentala e darlle forzas. Grazas porque día a día fasnos presente ao teu Fillo no medio de nós. Por El noso Señor e amigo. Amén

PARA A REFLEXIÓN

Nesta día de festa e vida, amigos todos,

poñámonos a cantar,

atrás quedan os desertos, as tristuras e o mal,

renazamos todos xuntos, solos non imos estar.

Xesús camiña connosco para busca-la verdade,

veñan luces, canto e flores, a festa xa comezou.

Poñámonos en camiño, é tempo de espertar.

chamados a facer todos forte comunidade,

que volvamos reunirnos, poñer proxectos a andar,

superemos desalentos críticas e desencontros.

Miremos con ollos limpos, o futuro que virá,

poñamos nós os cimentos. Imos todos traballar.

A morte quedou atrás, comeza unha nova vida,

Con Cristo na liberdade. ¡O Aleluia aquí está !

CANTOS

Entrada: Unha xuntanza de amor

Aspersión: A Auga do Señor

Lecturas: Escoita ao Señor

Ofertorio: Na nosa terra

Post- consagración.- Hoxe o Señor, resucitou...

Comuñón: Pan do Ceo

viernes 6 de abril de 2007

A alegría da Pascua algo ten que cambiar na nosa vida

XESÚS RESUCITOU: SE CREMOS ESTA BOA NOVA,ALGO TEN QUE CAMBIAR NA NOSA VIDA

PÓRTICO

Hoxe celebramos a Pascua, a festa das festas, porque é o día da resurrección do Señor. Por iso hoxe, ceos e terra cantan o aleluia, expresión de ledicia que significa “ loade ao Señor”.

Celebramos hoxe o feito central da nosa fe: que Cristo, despois da súa crucifixión, morte e sepultura, “resucitou ao terceiro día”.

Cunha conciencia clara de que non podemos esgotar o contido desta festa de hoxe nun día, senón que ten que encher a nosa existencia, e ser pulo para ir cambiando, comecemos esta celebración.

O PERDÓN

ð Porque quedamos instalad@s no Venres Santo, na morte, no sufrimento, na dor… e non camiñamos cara á Pascua, que é forza para ir cambiando esas situacións en vida, SEÑOR, AXÚDANOS A CAMBIAR.

ð Por tantas incoherencias, por tanta falla de amor, por tantas actitudes da nosa vida coas que non damos testemuño de que a túa resurrección abriunos un novo camiño, CRISTO, AXÚDANOS A CAMBIAR.

ð Porque estamos tan afeit@s a vivir unha fe rutinaria, superficial e de falsas seguridades, que estamos lonxe de abrirnos ao cambio e á desinstalación que supón a túa novidade, SEÑOR, AXÚDANOS A CAMBIAR.

REMUÍÑO

§ PASCUA É UNHA TRANSFIGURACIÓN / TRANSIGNIFICACIÓN DA NOSA VIDA: Os cristiáns e as cristiás falamos case sempre da resurrección de Cristo coma dun acontecemento que constitúe o fundamento da nosa propia resurrección e que é promesa de vida eterna, máis alá da morte. Pero moitas veces esquecemos que esta resurrección de Cristo é, ao mesmo tempo, o punto de partida para vivir xa desde agora dun xeito anovado e cun dinamismo novo. Porque crer na resurrección de Cristo é recoñecer que o proxecto de Deus realízase en cada persoa, é recoñecer que se hoxe reina no mundo a opresión baixo variadas formas, se a nosa historia réxese pola lei do máis forte, se a xenreira e a cobiza funcionan coma o motor de moitas vidas; tamén estamos convencid@s de que esta triste realidade pode e debe cambiar, non só relativa, senón absolutamente. Porque a palabra resurrección indica que o Reino triúnfa sobre o mundo tebroso. Por iso hoxe nós, con sinceridade e humildade, tamén temos que preguntarnos, cal é a Pascua que debemos dar este ano?, traballamos na comunidade con ledicia, con espírito de diálogo, con respecto, con ganas de aportar sentimento, pensamento e acción ao proxecto común?, en que cousas quedamos durmid@s?, hai estruturas que máis parecen unha tumba baleira sobre a que nos agochamos a chorar coma as mulleres do relato bíblico laiándonos do que foi?. Pascua non é unha palabra, é acción, forza do Espírito. Non é unha orde estática senón o continuo movemento da historia, é urxencia por pensar, aportar, mellorar. É apertura a novas ideas.

§ PASCUA É UN COMPROMISO DE TESTEMUÑO: A resurrección precisou testemuñas no seu momento, e precisa deles hoxe tamén. Pero só segundo como vivamos, o noso compromiso será fiable. Co noso xeito de vida, co noso compromiso social e non con discursos baleiros, así é como estamos chamad@s a facer xermolar as sementes da resurrección. Porque estamos convencid@s de que paga a pensa seguir o camiño que nos marcou Xesús de Nazaret e que conduce á verdadeira felicidade, facémolo realidade na nosa vida cotiá: na nosa familia, na nosa sociedade, no noso traballo, na nosa comunidade cristiá… Porque, como nos lembra Paulo, estamos chamad@s a buscar as cousas do ceo, ou o que é o mesmo, chamad@s a vivir coñecendo perfectamente as da terra para ordenalas debidamente segundo unha xerarquía de valores, para que cando chegue a hora de elixir, o fagamos desde a opción fundamental por Cristo Resucitado. O sepulcro baleiro, sen cadáver, é unha chamada á esperanza. Porque o noso Deus quérenos, quere que sexamos felices, disfrutemos e sorriamos, quere que sexamos persoas de verdade, capaces de comprender, de compartir, libres, coherentes… Que significamos nós, cristiáns e cristiás para o mundo de hoxe?, Que lévedo lle aportamos?, Que representará para as persoas deste ano 2007o feito de que nós celebremos unha Pascua máis?.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Poñámonos no camiño da fraternidade de Deus, e deixémonos levar da súa man dicindo:

Aleluia, resucitou!

  • Pola Igrexa, para que este tempo de Pascua a cuestione a mirarse a si mesma con sinceridade, preguntándose se o abandono masivo de tantos cristiáns e cristiás non se deberá a que a resurrección só é unha palabra ritual, e non forza que dinamiza a vida da sociedade, OREMOS.

Aleluia, resucitou!

  • Polas nosas comunidades, para que o tempo de Pascua que hoxe comezamos sexa de verdade un camiño novo no que sexamos quen de pechar vellas feridas, de esquecer antigas xenreiras e desencontros, de desinstalarnos dun pasado que xa non é, OREMOS.

Aleluia, resucitou!

  • Por nós, para que a ledicia e a esperanza da resurrección se manifeste na nosa vida, visitando enferm@s, acompañando aos que están solos, alentando aos tristes, escoitando aos silenciad@s, OREMOS.

Aleluia, resucitou!

Grazas, Señor, por invitarnos a vivir desde a ledicia, a paz e o perdón a túa resurrección, e así poder encher o nosos corazóns da forza do Espírito. Por Xesucristo, noso imán, noso Señor. Amén.

REFLEXIÓN

Dígoche que non vale

meter o soño azul debaixo das sabas,

pasar de largo, non saber nada,

facer a vista gorda ao que pasa,

gardar a sede de estrelas baixo chave.

Dígoche que non vale

que o amor perda a fala,

que a razón cale,

que a ledicia rompa as súas palabras,

que a paixón confese: Aquí non hai sangue.

Dígoche que non vale

que o gris sempre se saia coa súa,

que o negro se desmande e diga

cruz e raia ao xúbilo do aire.

Volvo á carga e digo: aquí non cabe

esconder a cabeza debaixo das ás

dicir “non sabía”, “estou á marxe”,

“vivo na miña torre” e “non sei nada”.

Dígocho e repítocho: non vale.

Agustín Míralles

CANTOS

ENTRADA: Temos unha festa...

LECTURAS: Canta aleluia ao Señor

OFERTORIO: Benaventurados

POST-CONSAGRACIÓN.- Hoxe o Señor, resucitou

PAZ: Téndeme a túa man

COMUÑÓN: Pan do ceo