lunes 22 de octubre de 2007

FARISE@S CON DENOMINACIÓN DE ORIXE

PÓRTICO

Eu son, eu digo, eu fago, eu sei, eu, eu, eu… A chamada ao protagonismo, tan apremante na nosa sociedade, lévanos a crernos e embigo do mundo. A consecuencia é que como estamos convencid@s de que todo xira ao noso redor, de que nós somos o centro e o fin do universo, atrevémonos a criticar, condear ou mesmo perseguir a todas aquelas persoas que non bailan ao son que nós tocamos.

Unha vez máis… que lonxe estamos da Palabra!. Unha Palabra que nos fala de integración, de comunidade, de liberdade, de comprensión, de humildade, de respecto… e de tantas e tantas actitudes que deberan pasar a ser alicerces da nosa vida.

Que a celebración que agora comezamos nos poña no camiño de traballar para conseguilo.

O PERDÓN

Deixámonos levar das aparencias e dos prexuízos, sen preocupármonos por coñecer persoal e profundamente aos demais, SEÑOR, PERDOA A NOSA SOBERBIA.

Deixámonos levar polo engaiolamento e a autosuficiencia, que fai que nos creamos superiores, mellores, os bos, os únicos, CRISTO, PERDOA A NOSA SOBERBIA.

Deixámonos levar polo fariseísmo, pola rixidez da letra e da lei, sen poñer no centro do noso sentir e do noso actuar ás persoas e ás súas circunstancias, SEÑOR, PERDOA A NOSA SOBERBIA.

REMUÍÑO

A moitas persoas dentro da nosa Igrexa, éncheselles a boca falando da xustiza de Deus, do que El quere e espera de cada un e de cada unha de nós. E curiosamente, sempre fan coincidir o seu designio cun cumprimento da lei. Non importan as motivacións, non contan os sentimentos, non comprometemos o corazón e a vida…. Acabamos así caendo nun ritualismo baleiro, nunha relixión afastada da vida, que ten máis que ver cunha especie de carné por puntos que cunha proposta de salvación para construír a nosa vida e atopar a felicidade. Confundimos, unha vez máis, o fundamental co accesorio, o froito coa cáscara, o envoltorio co agasallo. Acabamos afogándonos nun vaso de auga e o que é pior… desde a nosa posición invitamos, ou mellor dito obrigamos, a que outr@s vivan afogad@s nunha manchea de normas e cumprimentos.

E contra deste mal, tan endémico en toda a nosa Igrexa (xerarquía, relixios@s e segrares), xa nos advertiu Xesús; pero non damos aprendido, porque…. a nosa Igrexa atufa a fariseísmo. Poñemos o grito no ceo diante dunha xenuflexión mal feita, porque @s nen@s non repiten coma papagaios as oracións, porque non nos axeonllamos na consagración, porque as celebracións son en galego, pola educación para a cidadanía, polo recoñecemento dos dereitos aos homosexuais, por….. tantas e tantas cousas que afogan o que debera ser o centro do noso actuar: a persoa, creada a imaxe e semellanza de Deus e querida por El. Crémonos @s mellores, @s perfect@s, falamos “ex - cátedra”, pontificamos, condeamos, sementamos discordia… porque claro, nós non somos coma os pobres publicanos: inmigrantes, homosexuais, prostitutas, famentos, parad@s....Non, grazas a Deus somos fariseos con denominación de orixe.

Que máis dá se temos convertido as celebracións nun espectáculo alleo á comunidade, cun esquema ríxido no que non teñen cabida as vivencias persoais, senón que todo se reduce a un mero cumpro e minto?; qué máis dá se cada vez máis xente identifica relixión e negocio?; que máis dá se con media hora semanal garántese a miña salvación?; que máis dá todo mentres nos siga proporcionando beneficios económicos e prestixio social?... Todo é xustificable no nome de Deus. Que mágoa!.

Porén, Deus é xusto, e por iso non pode ser imparcial, senón que o camiño que nos marca ten máis que ver con canto amamos. Coa súa proposta, polo tanto, identificaranse:

· @s que practican a xustiza, entendida como darlle ao irmán aquilo que precisa para desenvolverse como persoa

· @s que non calumnian nin utilizan aos demais para o seu propio proveito (aínda no nome de Deus)

· @s que buscan e traballan arreo polo ben común, por riba dos intereses particulares

· @s que non se venden, senón que son coherentes e fieis aos seus principios

· @s que visitan aos tristes, aos enfermos, aos que están sos… aínda que non sexa primeiro venres e a pesares de que sexan mulleres

· @s pequen@s, humildes e sinxel@s, que escapan do engaiolamento e do aplauso público

· @s que loitan e traballan pola paz

· @s que protexen e coidan do mundo que o Señor puxo nas nosas mans

Isto é o que nos vai dar puntos, os froitos que temos que ir recollendo na cesta da vida, a verdadeira denominación de orixe cristiá. O demais…. é fariseísmo, escaparate, fumo, vaidade de vaidades.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Presentémoslle agora a nosa oración comunitaria a Deus desde a sinxeleza, a humildade, e a seguridade de que nos escoita e digamos xunt@s:

ARREDA DE NÓS O FARISEÍSMO

Pola Igrexa, para que abra as ventás, permitindo entrar aire fresco que substitúa o fariseísmo, o mero ritualismo e o cumprimento baleiro polo recendo do amor, da compaixón e da xustiza, OREMOS.

ARREDA DE NÓS O FARISEÍSMO

Polas nosas comunidades, para que nunca caiamos na tentación de sementar discordia e desunión entre tod@s aquel@s que nos sentimos convocad@s por Deus para traballar polo ben común, OREMOS.

ARREDA DE NÓS O FARISEÍSMO

Por cada un e cada unha de nós, para que desde a sinxeleza e a humildade do publicano, conscientes das nosas limitacións e dos nosos erros, sexamos quen de facer da oración o motor da nosa vida, OREMOS.

ARREDA DE NÓS O FARISEÍSMO

Señor, sabemos que Ti es un Deus xusto, sempre disposto a acompañar, agarimar e acubillar. Fai de nós testemuñas do teu amor. PXNS.

PARA A REFLEXIÓN

Non quero un corazón de pedra, duro e podrecido,

que golpee a cada paso e saiba a esterco;

un corazón de pedra que morra so entre as ruínas perdidas dun desterro.

Non quero un corazón de pedra, que viva frío entre os xeos e as neves do vello.

Quero un corazón que sexa humano, feito de carne,

coma o teu, nado da muller e do silencio.

Señor, dáme un corazón manso e humilde,

onde haxa espazo para quen chegue correndo,

que as miñas mans enxugarán as gotas da suor,

refrescarán o cansazo e acompañarán o sono.

Dáme un corazón que soñe mundos sen conquistar,

que viva a utopía do home novo.

Dáme un corazón que sexa feliz comigo mesmo,

que aprenda a quererse para querer sen peticións.

Dáme un corazón que saiba perdoarse sempre,

para comprender e perdoar primeiro.

Dáme un corazón orante coma o teu,

que se abra ao Pai, que é Noso Pai.

CANTOS

· ENTRADA: Unha xuntanza de amor

· LECTURAS: Acharte presente na vida

· OFERTORIO: Déixate querer

· PAZ: Que veña a paz

· COMUÑÓN: Todos xuntos

sábado 13 de octubre de 2007

QUE A FIDELIDADE NON A CONVERTAMOS EN INTRANSIXENCIA

(Da tentación neoconservadora, líbranos, Señor)

PÓRTICO

Ocorre demasiadas veces que apelando á necesidade de ser fieis á mensaxe de Xesús e á comuñón eclesial, moitos dos que se chaman a eles mesmos defensores da fe e da fidelidade, queren confundirnos cos seus discursos cheos de intransixencia e intolerancia, inda que a envolven en palabras como amor á Igrexa, comuñón eclesial, ou mesmo fidelidade á Tradición. Temos que ter os ollos ben abertos,e os oídos moi atentos para non deixarnos engaiolar por estes “falsos profetas” que o único que buscan é unha Igrexa enfrontada co mundo e chea de crispación.

Porén Xesús fálanos sempre de saber escoitar, de acoller, de aprender a integrar toda a riqueza do Evanxeo nas múltiples e variadas culturas e tempos. E que o aprendamos a facer con insistencia, sen cansarnos.

Que a celebración que agora comezamos nos esperte a este estar atentos ao vento do Espírito no medio do noso mundo.

PERDÓN

  • Das nosas intransixencias, que ocultan e empobrecen o Evanxeo, Líbranos, Señor.
  • Do noso confundir o esencial co accesorio dentro da vivencia da fe, Líbranos, Cristo.
  • Da tentación de querer impor aos demais como Palabra Túa, o que só é pensamento propio, Líbranos, Señor.

REMUÍÑO

Pregoa a palabra, insiste a tempo e a destempo, corrixe, reprende, aconsella con toda a paciencia que require a doutrina.

Como nos fai falta recuperar o sentido e a forza coa que Paulo nos falaba da insistencia!. Inmersos nunha cultura na que todo é efémero, e na que a todo se lle pon data de caducidade, a Palabra segue a falarnos de constancia, insistencia, esforzo, paciencia... valores todos eles á baixa nesta sociedade de “mercaderes” na que temos convertido o mundo. E claro, a Igrexa, que forma parte deste mundo, non queda allea a este mercadeo. Todo se rebaixa con tal de non perder número, e en pouco se ten a calidade. Que máis dá se detrás da celebración dun sacramento hai ou non fe!. Que máis dá se a preparación cara a comuñón foi pausada, comunitaria, integradora da persoa no vida social e na comunidade cristiá!. Que importa que reduzamos a vivencia da fe a unha pura pastoral funeraria, pero que proporciona moitos e bos beneficios para o peto daqueles que así o fan!. Que importa cales son as motivacións que hai detrás e animan a pedir da Igrexa isto ou aquilo!. Que... Deste xeito acabamos tamén nós, ao interno das nosas comunidades, e no deseño dos proxectos de pastoral, máis agoniados polo número que pola calidade. Impórtanos máis ser moitos, que ser doutro xeito, de ir contracorrente, de loitar e esforzarse por outra Igrexa posible. Diante desta tentación, tantas veces consentida, Paulo invítanos á constancia, ao esforzo, á sinceridade das opcións e decisións en todos e cada un dos ámbitos da vida. A que non deixemos atrás o que son valores, principios, actitudes fundamentais que nos leven a estar no medio do mundo con visión positiva e integradora, si e sempre, pero tamén sen renunciar á frescura dunha mensaxe que moitos queren ocultar ou ensombrecer por ser política, social e relixiosamente incorrecta.

Orar sempre, sen cansar

A forza nesta loita, no esforzo por darlle á vida de fe un sentido positivo, nobre, buscador de xustiza e fomentador de participación, temos que buscala non na nostalxia do pasado, ou na dogmatización pretendidamente ortodoxa, senón na apertura á voz de Deus, que nos vai falando desde as realidades do mundo daquilo que nos dicía o concilio cando falaba dos “signos dos tempos”. Aprender a descubrir a Deus no cotián, no pequeno de cada cousa e de cada día; aprender a descubrir que Deus fálanos no día a día de cada quen: no que alegra o corazón e tamén no que o entristece porque nos produce dor, pena ou rabia. Aí temos que esforzarnos por ver tamén a voz, a presenza de Deus. E iso non poderá ser posible se non entendemos a oración como un agasallo de gratuidade que Deus nos fai cada día para descubrilo e así poder dialogar con El. Sen cansarnos, sen poñer nin tempos nin límites, sen deixarnos levar da tentación de deixalo porque as cousas non van como a nós nos gustaría. Como se a Deus o poderamos comprar cos nosos rezos ou as nosas promesas. Non, a oración da que nos fala Paulo é a oración da confianza, a dispoñibilidade, a entrega xenerosa e solidaria. Sen tempo nin chantaxes.

E logo Deus non lles vai facer xustiza ós seus elixidos, que claman día e noite, e non vai ter paciencia con eles?

E porque El non impón, senón que escoita, canto temos que aprender!; e porque El non esixe, senón acompaña, canto temos que descubrir!; e porque El non maltrata, senón que acubilla, canto temos que deixar atrás!. Pídenos que aqueles que nos chamamos oíntes da súa Palabra, sexamos quen de poñernos ao fronte desa fermosa tarefa de non deixar a ninguén atrás, de non favorecer procesos excluíntes, de non adoptar actitudes intolerantes, de non pactar, moitas veces buscando só o noso propio beneficio, con aqueles que o único que buscan é, desde o trato inxusto, aproveitarse dos que menos teñen e poden, para así facelos vivir sempre na dependencia. Abrámonos de verdade, e dunha vez por todas á escoita da Palabra, para entón descubrir que o Deus ao que lle rezamos e no nome do que nos reunimos cada semana, é o Deus que nos pide que fagamos xustiza, que sexamos pacientes, que non nos deixemos levar nin pola forza da masa nin polo efémero do individualismo egoísta e dominador.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Poñámonos en disposición de compartir ledicias e tristuras, sabendo que non é o que dicimos, senón o esforzo que poñemos nas cousas, o que fai que a oración sexa constante e profunda. E digamos desde a confianza:

QUE A TÚA PALABRA MOVA A NOSA VIDA

¨ Para que a Igrexa, sexa un verdadeiro berce onde nos sintamos acollid@s e escoitad@s cando a tristura, o desamor, a inseguridade e a dúbida se fagan presentes na nosa vida, OREMOS.

QUE A TÚA PALABRA MOVA A NOSA VIDA

¨ Polas nosas comunidades, portas abertas a túa presenza, para que dende un compromiso activo, mostren as persoas a túa palabra que é sempre nova, e sexan quen de vivila con intensidade, de explicala con autenticidade e de proclamala ditosamente, OREMOS.

QUE A TÚA PALABRA MOVA A NOSA VIDA

¨ Por cada un e cada unha de nós, para que na nosa vida esteamos sempre dispost@s a buscar tempiños de silencio e reflexión para poñernos na túa man e para escoitar a túa voz, que nos fala de xustiza, fraternidade, austeridade, paz e amor, OREMOS.

QUE A TÚA PALABRA MOVA A NOSA VIDA

Grazas, por invitarnos unha vez mais á confianza desde unha oración leda, viva e entroncada coa nosa vida de cada día. P.X.N.S. Amén.

REFLEXIÓN

Nunca fagas nada só.

A compaña da xente éche necesaria,

a compaña de Deus tamén.

Ao pe da túa soidade,

ao pe da túa debilidade,

alí están moitos da comunidade,

alí está tamén Deus.

Cando o teu pecado te entristeza,

cando o poderío dos grandes abuse de ti,

conta cos teus compañeiros e compañeiras,

conta tamén con Deus.

Non te encerres en ti mesmo,

non o basees todo nas túas forzas;

acolle en ti aos teus amigos,

acolle a amistade de Deus.

A pesares dos tropezos da vida,

a pesares das desgrazas que sofres,

aprende a confiar nas persoas,

aprende a confiar en Deus.

A comunidade pode fallar,

@s amig@s e veciñ@s pódenche fallar,

Deus sempre estará por ti

con todo o seu amor e o seu poder.

(M. Regal “Un caxato….; páx. 160-1)

CANTOS

Entrada: Vinde axiña

Lecturas: O Señor é o meu Pastor

Ofertorio: Deixade esta terra

Comuñón: Grazas, Señor, graciñas

lunes 8 de octubre de 2007

Agradecer o recibido

POUCAS VECES, QUEN RECIBE O QUE NON MERECE,

AGRADECE O QUE RECIBE

PÓRTICO

A todas as persoas nos debería saír facilmente do noso corazón e dos nosos beizos a palabra GRAZAS. Na nosa casa, na nosa familia, no noso traballo, na nosa comunidade… en todos os lugares e circunstancias da nosa vida. Pero non só como unha mera palabra ou como norma de educación, senón como algo máis fondo: coma unha actitude que emana do amor que Xesús dixo que nos debía caracterizar, pois a gratitude significa valorar ao outro, tratalo con respecto e consideración, estimalo.

E esta gratitude tamén debe a nosa actitude para con Deus, porque… temos tantas cousas que agradecerlle!!!!!!!!!!!!!: a vida, a familia, @s amig@s, a natureza…

Que esta celebración nos abra á gratuidade para con Deus e para cos demais.

O PERDÓN

§ Porque en demasiadas ocasións vimos celebrar a fe por cumprir un precepto, por unha tradición, por rutina… sen deixarnos enchoupar pola túa graza e polo teu amor, SEÑOR, LIMPA O NOSO CORAZÓN.

§ Porque os nosos prexuízos impídennos, tantas veces, descubrir e recibir a sorpresa da gratitude do estranxeiro, do pagán, do non crente, CRISTO, LIMPA O NOSO CORAZÓN.

§ Porque estamos tan afeit@s a elas, que non somos capaces de descubrir e valorar as bendicións coas que nos enches cada día, SEÑOR, LIMPA O NOSO CORAZÓN.

REMUÍÑO

DESCUBRIR A DEUS: As dúas persoas que se atopan con Deus nas páxinas das lecturas de hoxe son estranxeiras: un sirio e un samaritano. Ningún deles pertencía ao pobo escollido, ningún estaba, aparentemente, nas mellores condicións para ter un encontro con Deus. Porén, os dous souberon ir máis alá dunha lectura superficial do seu acontecemento (a súa curación) para atoparse co feito sempre sorprendente de ter descuberto a Deus. Ese mesmo é o gran reto das persoas sobre a terra, porque non nos enganemos: podemos vivir toda unha vida chamándonos cristiáns e cristiás sen ter descuberto de verdade a Deus. Porque moitas veces temos a tentación de crernos os bos e corremos o risco de non saber descubrir os valores d@s demais, tamén d@s estranxeir@s, d@s que non falan, visten, aman, cren ou pensan coma nós, d@s que “non son d@s nos@s”. Cómpre que sexamos máis humildes e tolerantes e menos autosuficientes, porque non temos o monopolio do ben.

UN DEUS SORPRENDENTE: Dez leprosos acoden a Xesús pedindo recobrar a saúde. Todos esperaban un xesto marabilloso, un prodixio. Xesús limítase a dicirlles que fixeran o que tiñan que facer (cumprir a lei e presentarse ao sacerdote). E cando ían de camiño, quedaron limpos. Nove dos leprosos pensaron que como fixeran o que tiñan que facer, pasara o que tiña que pasar; pero o samaritano soubo descubrir na súa curación a man de Deus e volveu onda Xesús para darlle as grazas. Na nosa vida, convencid@s de que todo é fatalidade ou destino, perdemos a sensibilidade para descubrir nela esa man e así, cando as cousas van ben, pensamos que é o normal; pero se van mal, facilmente lle botamos as culpas a Deus ou renegamos del. Non somos quen de descubrir a Aquel que sae ao noso encontro para sorprendernos: Moisés descubriuno na silveira, Abrahan nos peregrinos que hospedou na súa tenda, María na mensaxe do anxo… E nós, sabemos ver a Deus na natureza, nos irmáns, no noso traballo, no sorriso dos nenos, nos pequenos praceres da vida… e tamén nos malos ratos?.

QUE NOS SACUDE DA RUTINA: Detrás das formas e das fachadas relixiosas, e moi doado atopar un baleiro que pouco a pouco esteriliza a nosa vida e transforma as nosas comunidades en sombras do pasado ou restos puramente folclóricos. Ao cabo do tempo, todo perde sabor e sentido: recíbense os sacramentos coma un puro trámite social, pero internamente non estamos dispost@s a cambiar. Rodeados de palabras, rezos, reunións, sacramentos… perdemos de vista o fundamental: Xesús e o seu Evanxeo. Por iso os nove leprosos reflicten á perfección o estilo relixioso dos países, coma o noso, tradicionalmente cristiáns: é tan grande a superficialidade e a falla de compromiso que xa nada capta a nosa atención, non vivimos nada en profundidade, nada nos empurra a unha renovación. Somos quen de recibir e facer todo cunha completa indiferenza. Logramos un cristianismo cousificado e codificado: todo se fai segundo as tradicións estipuladas, pensadas e dirixidas desde arriba, realizadas mecanicamente, como se só polo feito de facer “cousas piadosas” ou de recibir sacramentos, fose suficiente para medrar e madurar na fe, como se non quedara un lugar para o esforzo e a iniciativa persoais, como se creatividade e fe foran termos opostos, como se non houbese espazo para a revisión e a crítica. Por iso hoxe pode ser un bo día para comprometernos a buscar as pegadas de Deus a través dos feitos ordinarios, para comprometernos a non dar por sabido todo o que se nos ofrece, aínda que nos pareza que o escoitaramos xa mil veces. Aprendamos a descubrir as improvisacións de Deus aínda nos seus agasallos máis frecuentes… e permanezamos sempre en actitude de agradecemento.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Sentíndonos querid@, curad@s e salvad@s por Ti, presentámosche a nosa oración comunitaria dicindo:

GRAZAS POLO AGASALLO DA FE

o Grazas, Señor, por querer unha Igrexa plural, democrática, aberta e sinxela, na que ninguén se sinta excluído, marxinado ou silenciado, OREMOS.

GRAZAS POLO AGASALLO DA FE

o Grazas, Señor, polas nosas comunidades, nas que atopamos persoas anónimas que dan testemuño dunha fraternidade que salta fronteiras e separacións para curar aos leprosos de hoxe: marxinad@s, pobres, inmigrantes, anciáns, parad@s... OREMOS.

GRAZAS POLO AGASALLO DA FE

o Grazas, Señor, por todo aquilo que nos regalas: a vida, a saúde, a natureza, o traballo, @s amig@s, a familia… para que a nosa fe nos axude a saber descubrir sempre neles a túa man xenerosa, OREMOS.

GRAZAS POLO AGASALLO DA FE

Señor, danos unha actitude agradecida, aberta e acolledora, para facer do mundo un fogar no que todas as persoas teñamos cabida. PXNS.

PARA A REFLEXIÓN

Cómpre sermos agradecid@s.

Na comunidade hai que ser agradecid@.

Hai que agradecerlle ao día a súa luz e á noite as súas sombras.

Hai que agradecerlle ao sol a súa calor e á choiva a súa lentura.

Hai que agradecerlle aos vellos as súas historias e aos novos os seus soños.

Hai que agradecerlle ao da casa a súa fidelidade e ao de fóra o seu servizo.

Hai que agradecerlle ao san a súa sanidade e ao enfermo a súa resistencia.

Hai que agradecerlle ao ledo o seu sorriso e ao triste as súas bágoas.

Hai que agradecerlle á xente o seu esforzo e a Deus a súa graza.

(M. Regal “Un caxato…”)

CANTOS

ENTRADA: Vinde axiña

LECTURAS: Canta o sol

OFERTORIO: Todo o mundo unha familia

COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas