domingo 28 de diciembre de 2008

Aninovo 2009

COMBATER A POBREZA, CONSTRUÍR A PAZ

BENDICIÓN AO COMEZO

¨     Que Deus nos bendiga todos os días do ano

¨     Que Deus nos sorría todos os días do ano

¨     Que Deus se fixe en nós todos os días do ano

¨     Que Deus nos conceda a súa paz todos os días do ano

Pórtico

Sempre que comezamos algo novo, comezamos con moita ilusión, con bos propósitos pero sobre todo coa alegría de poder rematalo. Así pasa cando comezamos o novo ano. Un ano que sementamos de ilusión; pero que ten moitos días por diante e corremos o perigo de desfalecer, de esquecernos do novo e volver á rutina diaria, coma ese xoguete novo que pasa febreiro e o deixamos arrinconado para xogar cos de sempre.

A celebración de hoxe, na xornada da paz, é unha chamada a que poñamos todas as nosas ilusións e as nosas forzas en continuar o proxecto de Xesús. Un proxecto que se renova dia a día e ano a ano. Deixemos atrás o que nos estorbou e collamos folgos renovados, coa bendición e a paz do Señor.

 Perdón

Ø Porque pechamos os ollos, os oídos e o corazón diante de tantas pobrezas do noso mundo, SEÑOR DANOS A TÚA PAZ.

Ø Porque moitas veces os demais buscan agarimo e comprensión en nós e so atopan malhumor e palabras baleiras. CRISTO, DANOS A TÚA PAZ.

Ø  Polas veces en que non deixamos medrar e madurar ás persoas e cremos que con controlalas, quitándolles a súa liberdade, serán mellores. SEÑOR, DANOS A TÚA PAZ.

 

Remuíño

·         O Señor te bendiga: Empezar un novo ano é sempre unha bendición. Bendición porque temos unha oportunidade mais de manifestar, coa nosa vida, a vida que nos trouxo Xesús. Aceptada dende o don, dende a gratuidade, dende sentirnos pouco diante de tanta grandeza, diante dun Deus que se fai pobre para enriquecernos, que se fai pobre para que nós o aceptemos como é. Aceptar esta bendición, abrirnos a Deus, é deixar que el nos acompañe, que alumee o noso camiño, que nos aconselle, que nos anime e sobre todo, deixarnos querer por El. Aceptar a bendición de Deus é ter paz no noso corazón, é ser a súa c canle no medio dos nosos irmáns e irmás. Aceptar a bendición de Deus é ser nos mesmo. Neste tempo que nos toca vivir, cómpre, máis que nunca que nós tamén sexamos bendición: coas nosas actitudes de respecto, de diálogo, de solidariedade; coas nosas palabras de ánimo, de agradecemento, de ánimo, de amor, cos nosos feitos. Seremos bendición se valoramos a vida, especialmente a máis desfavorecida, a que pasa pola enfermidade, polo abandono, pola ancianidade. Oxalá que ao longo deste ano que comezamos todo encontro co irmán e a irmá sexa unha bendición, para ir construíndo entre todos o don que Xesús nos trae: a paz.

·         A paz, unha bendición: Todas as persoas estamos chamadas a unha grande tarefa: construír un mundo no que reine a paz. Dende as persoas que teñen maior responsabilidades nos gobernos, ata os que estamos hoxe aquí. Dende o ámbito primeiro, dende o persoal, pasando pola familia, polo traballo, pola parroquia, polo pobo,… debemos ser sementadores da paz que nos trae Xesús... Pero non poderemos sementar a paz se a nosa vida non vive nela. Se verdadeiramente o noso actuar e o pensar van unidos, se somos auténticos no noso proceder. Se no noso ser cristiáns, a fe abarca toda a nosa existencia e non se reduce a compartimentos estancos…Só así poderemos sementar paz na familia, no traballo. E paz non so como ausencia de violencia, senón a paz que fai posible unha convivencia en liberdade, en respecto, logrando a igualdade de tod@s. Para esta tarefa contamos co apoio de Deus. El non naceu para asoballar, nin para frustrar as expectativas humanas, senón a dar plenitude. Dende o respecto, o diálogo, a delicadeza e o amor, logrou mostrar a paz verdadeira e nós, os seus seguidores estamos chamados a seguir o camiño que El nos abriu.

·         Combater a pobreza, construír a paz: Pero, como poderemos falar de paz cando moitas persoas viven en condicións de extrema pobreza, cando a fenda entre ricos e pobres é cada vez máis grande?. Combater a pobreza implica traballar pola globalización en todos os seus aspectos, non só no económico. Desgraciadamente, o noso mundo está cheo de pobrezas materiais e inmateriais: enfermidades, falta de acceso á cultura, non respecto da dignidade das mulleres e dos nenos, conflitos bélicos, crise alimentaria… que nos chaman a saír de nós mesmos, a deixarnos de mirar o embigo para poñernos mans á obra e traballar polo ben común, vivindo fondamente a fraternidade e sabendo que só se constrúe a paz se se asegura o desenvolvemento. Porque como nos di o Papa na súa mensaxe de Aninovo, combater a pobreza é construír a paz. Este pode ser un bo reto e un bo compromiso para este ano que hoxe comezamos.

Oración da comunidade

Ao comezar este novo ano, pidámoslle ao Señor que verta as súas bendicións sobre todos nós e nos conceda o que lle pedimos con fe. Respondemos:

QUE ENTRE TODOS CONSTRUAMOS A PAZ

v Pola Igrexa, para que o compromiso de todos os que a formamos de amosar ao Neno que nace con humildade, pobreza e amor, sexa unha proposta humanizadora, solidaria e fraterna, no medio do mundo, OREMOS.

QUE ENTRE TODOS CONSTRUAMOS A PAZ

v Polas nosas comunidades, para que esteamos ao carón das persoas que pasan por dificultades: desempregados, persoas que traballan en condicións precarias, por aquelas que perderon a seres queridos, polas que pasan por rupturas familiares, polas que teñen medo ao futuro, polas que se senten soas, e así sexamos para elas bendición de Deus, OREMOS.

QUE ENTRE TODOS CONSTRUAMOS A PAZ

v Por todos nós, que comezamos este novo ano 2009, para que o fagamos con ilusión renovada, con esperanza no futuro, confiados en que o Señor hanos alentar e acompañar,para que con tódalas persoas fagamos posible unha convivencia cordial e fraterna, OREMOS.

QUE ENTRE TODOS CONSTRUAMOS A PAZ

Grazas Señor, porque segues a bendicir a nosa vda coa paz. Que entre todos fagamos extensible a túa bendición a tódalas persoas. PXNS

 

Para a reflexión

Deséxoche, no comezo dun novo ano:

Que Deus te mire e te envolva.

Que Deus alegre o teu corazón.

Que te encha de paz e de alegría.

Que che dea sabedoría para entender a vida como entrega.

Que che dea novidade para facer de cada día algo novo, non unha triste rutina.

Que te encha de forza nos días grises e de cansazo.

Que che dea tanto amor que non midas a entrega.

Que che conceda delicadeza para facer do amor «detalles de amor».

Que che dea sensibilidade para ler os murmuios secretos do corazón.

Que sexa o teu horizonte e a túa fonte.

Deséxoche:

Que Deus Pai e Nai, recree cada día a túa vida.

Que Deus Fillo, sande e cure as feridas que te encerran en ti mesmo.

Que Deus Espírito Santo, avive en ti todo o que Xesús nos dixo e nos deixou como signo de Vida Nova.

Deséxoche:

Que todos estes desexos poidan ser unha realidade na vida de cada día.

Cantos

  •   Panxoliñas

viernes 26 de diciembre de 2008

Sagrada Familia 2008

Ser familia desde a pluralidade de vivencias e situacións: saber acoller

Pórtico

         Logo da celebración do Nadal, a liturxia sitúa a festa da Sagrada Familia. Pode ser este un bo momento para que tod@s botemos unha ollada a como cada un de nós vai colaborando para que nas nosas familias se poida vivir o sentido cristián: se nos queremos, se nos escoitamos, se somos capaces de crear un clima de respecto e confianza... porque só se somos quen de vivir nas actitudes da familia de Nazaret, poderemos levar con dignidade o nome de cristiáns. O bautismo introdúcenos no camiño, pero é na vida de cada día onde de verdade se vai mostrando que aquela auga que un día recibimos ao presentarnos os nosos pais e padriños á comunidade é auga que nos chama a responder ao mandato de Xesús de saber crear verdadeiros fogares que respondan ao que El foi capaz de vivir no fogar de Nazaret.

         Que a celebración de hoxe nos axude a tomar conciencia de que tamén nas nosas familias estamos chamad@s a vivir como amigos e seguidores de Xesús.

Perdón

§     Porque moitas veces non somos nas nosas familias vínculo de unión, SEÑOR, AXÚDANOS A SENTÍRMONOS FAMILIA.

§     Por tódalas veces nas que esquecemos que formar parte dunha familia é tamén esforzarnos para crear nela espírito de colaboración e participación, CRISTO,AXÚDANOS A SENTÍRMONOS FAMILIA.

§     Polas veces nas que non nos temos sentido na nosa comunidade membros da familia cristiá, SEÑOR, AXÚDANOS A SENTÍRMONOS FAMILIA.

Remuíño

         A dispoñibilidade de Abrahán, o seu vencer os medos e poñerse en camiño, abriu unha nova xeira para Israel. Unha xeira na que non se van sentir nunca solos: Deus cumpre a súa palabra. É o seu pobo, preocúpase del. A súa Alianza é un camiño cheo de esperanza e proxectos para Israel... e tamén para nós, porque o si que deron nosos pais o día do noso bautismo, incorporounos á familia dos seguidores de Xesús. E esta expresión non pode ser algo baleiro e rutinario, coma se non supuxese nada na vida de cada un de nós. Parémonos a pensar un pouco sobre o que significou para os nosos pais e para nós a súa decisión de entrar a formar parte da familia dos seguidores de Xesús. Non é un introducirnos nun conxunto de prácticas e ritos, senón que é querer vivir no seo da familia de Xesús, convértenos en familia cristiá, é dicir, en persoas marcadas co signo da presenza de Cristo en cada un de nós. E se Cristo está en cada un de nós, nin a violencia, nin as desconfianzas, nin os enganos, nin os ciumes, nin...poden ser actitudes e comportamentos presentes nas nosas relacións. Parémonos a pensar nisto por si tiveramos que darlle un novo horizonte ao xeito no que estamos entendendo e vivindo o ser familias cristiás.

         Abrahán, Sara e Isaac souberon poñer a súa confianza en Deus. E non lles foi nada fácil, ao contrario, atopáronse con moitas dificultades; pero souberon vencelas, porque para eles pesaba moito máis a fidelidade a Deus que os atrancos que ían atopando na súa vida. Sabían que estar dispostos a dicir si a Deus non é doado, que supón moitas dificultades, que pode levar moitas veces a ter que ir contracorrente, a quedarse só, a ter que vivir no illamento, pero paga a pena, porque as modas pasan, os utilitarismos rematan na nada, pero a confianza en Deus é pulo para seguir adiante e superar atrancos. É forza na loita diaria de cada día, inda que nos poida parecer a nós, ou lle pareza a outros que non ten sentido ou está pasado de moda. Non caiamos nunha visión fácil, superficial e efémera da familia, aprendamos a confiar en Deus e vivamos a nosa relación coma un espazo de confianza e axuda mutua, disposta a rachar con canto nos impida crecer e dar froitos de alegría sincera e transformadora das nosas relacións entre os membros da familia.

         E deste xeito, con normalidade e sen ningún tipo de estridencias nin extravagancias, aprendamos a afrontar a vida de cada día, sabendo que haberá días bos e días non tan bos; que haberá momentos de tensión e momentos de ledicia; que atoparemos situacións nas que pensaremos que somos bechos raros, porque ninguén nos entende, e situacións nas que teremos que ser nós os que abramos mans e corazóns para acoller a outros que chaman nas nosas portas desorientados e buscando calor humano, cercanía de corazón e sinceridade para escoitar. Nestas situacións que saibamos volver os nosos ollos á familia de Nazaret, ela tamén se sentiu estraña e soa en moitas ocasións, pero seguiu confiando naquel que sabían que non os ía deixar solos. E deste xeito crecían en amor, confianza, liberdade e compromiso a favor dos outros, especialmente dos máis necesitados. Que tamén nós, desde o noso ser membros dunha familia, saibamos crecer nela con confianza, sabendo querernos e respectarnos nas diferenzas, colaborando no que uns e outros necesiten e superando a tentación de converter a familia nunha pensión. A familia de Nazaret buscou o entendemento, que tamén nós saibamos facelo así, e nos deixemos de discutir sobre cuestións que nos fan perder o tempo e non responden aos dous valores que temos que ir construíndo nas nosas familias, como tamén se esforzaron en facelo María, Xosé e Xesús: amor e capacidade de comprensión. Non trabuquemos o rumbo!.

Oración da comunidade

         Deus invítanos hoxe a ir poñendo esforzo e cariño para ser unha verdadeira familia cristiá. Na pluralidade que as familias mostran, presentemos a nosa oración agradecendo o amor que as fai camiñar cada día, e digamos xunt@s:

                            QUE A FAMILIA CREZA NA CONFIANZA

ö Pola Igrexa, para que abandone a belixerancia e volvendo os seus ollos a Cristo, saiba acoller e valorar que é no amor como se constrúen as familias, Oremos.

              QUE A FAMILIA CREZA NA CONFIANZA.

ö Polas nosas comunidades, para que saibamos vivir e compartir como verdadeira familia a mensaxe de Xesús, esforzándonos en poñer paz onde haxa enfrontamento, e amor onda haxa odio, OREMOS

              QUE A FAMILIA CREZA NA CONFIANZA.

ö Polas nosas familias, para que saibamos admitir a súa pluralidade e non caiamos na tentación de impoñer unha única maneira de manifestarse e configurarse, OREMOS

              QUE A FAMILIA CREZA NA CONFIANZA.

         Grazas,Señor, por abrirnos os ollos e o corazón a descubrir que non son os papeis, senón o amor e cariño duns para cos outros, o que vai facendo que xermolen familias cristián.P.X.N.S.Amén.

Reflexión

Sagrada Familia de Nazaret, comuñón de amor de Xesús, María e Xosé, modelo e ideal de toda familia cristián, a ti confiamos as nosas familias.

Fai de cada familia un santuario no que se acolla e se respecte a vida: unha comunidade de amor aberta á fe e á esperanza, un fogar no que reinen a comprensión, a solidariedade; e no que se viva a ledicia da reconciliación e da paz.

Concédenos que todas as nosas familias teñan unha vivenda digna na que nunca falten o pan suficiente e o necesario para unha vida verdadeiramente humana.

Abre o corazón dos nosos fogares á oración, á acollida da Palabra de Deus e ao testemuño cristián; que cada unha das nosas familias sexa unha auténtica Igrexa doméstica na que se viva e se anuncie o Evanxeo de Xesucristo. Amén

Cantos

Entrada.- Que ledicia

Lecturas.-Escoita ti a palabra de Deus

Ofertorio.- Eiquí están, Señor

Comuñón.- Eu soñei

lunes 22 de diciembre de 2008

Nadal 2008

PARA NON FORMAR PARTE DUNHA SOCIEDADE ANÓNIMA
PÓRTICO
No medio da noite escura da humanidade, no medio da opresión e da marxinación, no medio do duro traballo preciso para vivir, no medio do acontecer dun pobo e dunhas vidas, ao longo das interminables horas nas que unhas persoas coidan, limpan, conducen, gardan... e outras permanecen insomnes, Deus fáisenos presente para traernos a paz, a ledicia, a salvación.
Hoxe, neste día de Nadal, estamos chamd@s a descubrir que o nacemento de Xesús ten plena actualidade, que non é algo pasado. Hoxe é o momento oportuno no que Deus se nos ofrece coma Boa Nova, coma ledicia, xustiza e paz!. Hoxe, aquí, agora, neste preciso instante.
Baixo o lema “Se non queres formar parte dunha sociedade anónima, coñece e escoita aos teus veciños”, celebramos hoxe a campaña de Cáritas. Que o Neno que acaba de nacer, nos axude a traballar en rede para humanizar a nosa sociedade tan deshumanizada.
O PERDÓN
  • Vén Xesús para ensinarnos a ser pobres, e nós facemos do seu nacemento unha festa consumista e despilfarradora, SEÑOR, PERDOA POR NON TER O TEU BERCE PREPARADO.
  • Vén Xesús para ofrecernos a súa paz, e nós rivalizamos e dividímonos, CRISTO, PERDOA POR NON TER O TEU BERCE PREPARADO.
  • Vén Xesús para compartir connosco a súa divindade e nós permitimos que moitas persoas vivan en condicións infrahumanas, SEÑOR, PERDOA POR NON TER O TEU BERCE PREPARADO.
REMUÍÑO
Os soños proféticos cúmprense plenamente co nacemento de Xesús. É o triunfo da luz sobre as tebras, da liberdade sobre a opresión, da alegría sobre a tristura, da paz universal. O nacemento dun neno significa sempre alegría e esperanza... e o Neno que vén de nacer é Príncipe da paz, que defenderá aos pobres, establecerá a xustiza e saciará as nosas fames de Deus. Pero é un nacemento marcado pola marxinación e a pobreza. O Salvador do mundo non atopa sitio para nacer, o dono de todas as cousas precisa dos agasallos dos pastores.
Pasaron moitos anos... pero segue a pasar o mesmo. Non é difícil atopar ao Neno na noite de Nadal. O difícil é continuar o encontro, convertelo en punto de orientación da vida enteira, seguir atopando a alguén que xa non está en Belén, senón neste noso mundo de internet, illamento, murallas, consumismos, soidade e deshumanización. O difícil é deixar que acampe entre nós cada día, acollelo, aceptalo coma eixo e motor.ç
Por iso temos que seguir buscándoo. e a nós, aprendices de buscadores, séguesenos a dar o mesmo sinal: “Atoparedes a un neno envolto en cueiros e deitado nunha manxadoira”. E os nosos ollos desconcértanse, porque están afeitos a deterse no que brilla, no que chama a atención, no que se anuncia... e agora teñen que descubrir ese sinal que está na penumbra do pequeno e do escondido. O noso corazón estremécese, pois presinte que terá que facerse máis sensible, xa que a un neno hai que achegarse desde a tenrura e non desde o poder, desde o desarme e non desde a agresividade, desde a esperanza e non desde a desilusión. Os nosos pés resístense, pois teñen que poñerse en marcha cara ás periferias, deixando o andazo e saíndo ao encontro de quen está perdido. A nosa fe séntese débil, pois pedímoslle que crea que por debaixo de tantas vidas endurecidas, baleiras, engurradas e rotas, hai un neno perdido á espera de que alguén recoñeza a súa presenza. O noso orgullo séntese ameazado, pois para atopar a este neno non hai que subir, senón baixar; non hai que poñerse títulos, senón ser sinxelo; non hai que mandar, senón amar.
Pero apesares de todo, o neno que tod@s levamos dentro relouca de ledicia, impulsándonos a recobrar a inocencia, que consiste en seguir esperando e confiando máis alá de todas as decepcións, porque Deus segue, coma sempre, xunta nós e ámanos.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
A Ti, Pai, que tanto amaches ao mundo que lle deches ao teu Fillo, dicímosche confiadamente:
QUE NON CONVIRTAMOS O NADAL NUN ANTROIDO CONSUMISTA
  • Para que sexamos e vivamos coma verdadeir@s fill@s teus e coma verdadeir@s irmáns, OREMOS.
QUE NON CONVIRTAMOS O NADAL NUN ANTROIDO CONSUMISTA
  • Para que os responsables dos pobos estean abert@s ás necesidades doutros pobos, considerando o mundo coma unha verdadeira aldea global, OREMOS.
QUE NON CONVIRTAMOS O NADAL NUN ANTROIDO CONSUMISTA
  • Para que a Igrexa sexa fermento dunha sociedade máis humana e máis divina, vivindo a verdadeira comuñón entre todos os que nos dicimos cristiáns, OREMOS.
QUE NON CONVIRTAMOS O NADAL NUN ANTROIDO CONSUMISTA
  • Para que sexamos comprensivos e compasivos, acolledores e solidarios, capaces de superar individualismos e clasismos, OREMOS.
QUE NON CONVIRTAMOS O NADAL NUN ANTROIDO CONSUMISTA
Concédenos, Pai, ser testemuñas da presenza de Xesús entre nós. PXNS. AMÉN.
PARA A REFLEXIÓN
Unha vez máis tes, onda ti, de balde, o Nadal.
Coma outros moitos anos desde que es consciente
el pasará, onda ti, tal como es, sen disfraces.
Que raro se nos fai!

Chamará á túa porta con suavidade ou inoportunamente,
coma outros moitos anos, esperando escoitar a túa voz,
voz de traballo, voz de rúa,
voz de ledicia ou de dor,
forte ou suave,
a túa, sen disfraces.
Que raro se nos fai!.

Non che pedirá nada,
porque a pesares de que o quere todo,
quéreo de balde, entendes?.
Que raro se nos fai!.

Nadal para ti se soñas e compartes,
se camiñas e te encarnas, coma el,
xunto aos que nada teñen.

Nadal para ti, se aínda te atreves,
coma os primeiros cristiáns,
a dicir cada día:
“Gloria a Deus no ceo e paz na terra aos homes e mulleres que El quere tanto”.
CANTOS
Panxoliñas

domingo 14 de diciembre de 2008

Domingo 4 Advento 2008

O Canto da vida: conversa de amor
PÓRTICO
A fe, se somos capaces de vivila coma seguimento de Xesús e non coma un conxunto de normas e obrigas, é un fermoso canto de vida e amor. Unha marabillosa conversa con Aquel que puxo en nós a capacidade de amar, querer e sentir; de descubrir que estamos no mundo non para facernos a guerra uns aos outros, senón para tender pontes de liberación e solidariedade. Rompamos a nosa tendencia ao fácil, para facer da nosa convicción de fe, un seguimento gozoso, esperanzado e libre da mensaxe de Xesús. Esforcémonos por facer da vida, aprendida a ser vivida desde Deus, unha verdadeira conversa de amor.
Que esta celebración do cuarto domingo de Advento nos saiba poñer en camiño.
o perdón
 Polas veces en que manipulamos aos demais para o noso proveito dando sorrisos falsos, palmadiñas valeiras e ánimos hipócritas, SEÑOR, MANTENNOS NO CAMIÑO.
 Porque non estamos dispostos a ceder nos nosos plantexamentos. pois queremos ter sempre a razón e que os demais fagan o que nós dicimos, CRISTO, MANTENNOS NO CAMIÑO.
 Para que fagamos das nosas relacións coa xente da nosa casa unha verdadeira conversa de amor, construíndo entre tod@s unhas relacións asentadas sobre a confianza e o respecto, e non sobre o enfrontamento e a violencia, SEÑOR, MANTENNOS NO CAMIÑO.
REMUÍÑO
 Es ti quen me vai construír unha casa?: Esta é a pregunta que lle fai Deus a David, pregunta que mostra a liberdade do Señor-. Cantas veces pechamos a Deus nas nosas ideas, dentro dun molde que nós facemos á nosa medida, e sempre para que nos sirva, para que sexa un mago para nos que nos saque dos apuros. Así, Deus xustifica as desigualdades, a pobreza, e tantas maldades que se fixeron no seu nome... Outras veces a Deus pechámolo nos templos, en liturxias moi coidadas pero valeiras, queda reducido a un ámbito íntimo. Cortamos toda relación entre Deus e a vida, el non inflúe nada. Temos dobre personalidade xa que somos uns fóra da Igrexa, e esta vida non inflúe nin se deixa sentir na nosa vida de fe. Pero Deus non se deixa atrapar, e esa brisa en Elías que non se sabe de onde ven, é voz no deserto que nos invita a descubrilo, é compañeiro que non nos deixa como non deixou a Xesús na súa vida. É un Deus que deixa que evoluamos, que confrontemos o que sentimos e somos co que nos vai pasando, para que os acontecementos e as persoas sexan parte do noso ser. Aínda que o Señor é o mesmo, as nosa conviccións tamén, será o camiñar o que vaia facendo de nós persoas maduras que no día a día sentimos esa chamada, esa anunciación dun Deus libre e que non se deixa coller.
 A nosa resposta a esta invitación que Deus nos fai de acompañarnos debe converter a nosa vida nunha auténtica conversa de amor, tal e como diciamos no Salmo responsorial. Unha conversa de amor que se vai manifestando no noso quefacer de cada día: cando rezamos, no traballo, na colaboración solidaria do noso tempo libre, no xeito de relacionarnos coa xente da casa, na maneira de saber estar ao lado dos nosos maiores e dos enfermos, mesmo no noso xeito de vivir o noso tempo de lecer. Claro que para iso temos que ter moi claro que a fe non é un entretemento de ociosos nin uns ritos que, sen saber moi ben por qué, repetimos ao modo do que temos visto aos nosos maiores. Nun momento coma o que estamos a vivir, no que nos sobran predicadores, e nos faltan vidas que mostren que seguir a Xesús enche, gratifica e nos abre o camiño da plenitude; non estaría de máis que nos pararamos a pensar como cada un de nós acolle e concreta este xeito de vivir que Deus nos mostra.
 Ao longo as catro semanas de Advento fóisenos invitando a personalizar a fe, a non deixarnos levar de rutinas, a cambiar actitudes e comportamentos que sabemos que non facemos ben. Agora estamos a piques de pechar este tempo, é momento non de facer balance, senón de ver os resultados deste camiño iniciado hai catro semanas. Terá sido estéril se nos limitamos ao de sempre: os nosos rezos, as nosas teimas ou as nosas rutinas. Porén, terá valido, e moito, se neste tempo fomos capaces de ir cambiando cousas en cada un de nós que non nos gustaban e conseguimos ilas deixando atrás. No camiño non estivemos solos: María, a nai de Xesús e da Igrexa, Señora do Advento, ten sido unha boa compañeira nesta viaxe. Que coma ela, tamén nós saiamos pornos en actitude de cambio e dispoñibilidade.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Porque queremos facer da nosa vida unha conversa de amor, presentámosche agora, Señor, as nosas inquedanzas e preocupacións, e facémolo dicindo xunt@s:
QUE A NOSA VIDA SEXA UNHA CONVERSA DE AMOR
• Que a Igrexa faga un constante esforzo para ser no medio do noso mundo, tan violento e roto, signo presente de amor, igualdade e respecto, mesmo cos que non comparten nin as súas conviccións nin as súas propostas, OREMOS.
QUE A NOSA VIDA SEXA UNHA CONVERSA DE AMOR
• Que nas nosas comunidades saibamos facerlle a vida agradable, converténdoa nunha verdadeira conversa de amor, a cantos se senten sen forzas e entristecidos: @s que viven sós, aos que lle faltan medios para vivir con dignidade, aos que están enfermos, aos que non son capaces de descubrir que Deus é amor e non castiga, senón que ama, OREMOS.
QUE A NOSA VIDA SEXA UNHA CONVERSA DE AMOR
• Por todos nós, para que este tempo do Advento que estamos a piques de rematar, faga de nós persoas sen medo ao futuro, sen medo a ser nós mesmos no medio dos demais, unindo forzas e posibilidades para que entre todos construamos un mundo dende valores comúns e iguais, OREMOS.
QUE A NOSA VIDA SEXA UNHA CONVERSA DE AMOR
Señor, chámasnos a facer da nosa vida unha conversa de amor. Que aprendamos a vivila como ti nos invitas e pides: ao lado de cantos se esforzan por facerlle a existencia máis agradable a aos demais. P.X.N.S. Amén.
REFLEXIÓN
Señor, o teu “advento” é presenza, é o teu desexo de estar sempre con nós. Non fai falta que che gritemos para que veñas. Xa ves ti sen que te chamemos. Es o gran presente. Xa estás aquí.
Vivir o advento é, sinxelamente, deixarte estar, cada día máis, con nós.
Por iso che dicimos: Señor, queremos que sexas advento en todos e para todos.
Que sexas advento en todos nós para que enchas de sentido a nosa vida e así te fagamos presente no noso mundo.
Señor, queremos que sexas advento en todos e para todos.
Que sexas advento nas nosas familias e comunidades, para que vivamos no amor e a comprensión e en tódolos nosos fogares disfrutemos da calor que necesitamos.
Señor, queremos que sexas advento en todos e para todos.
Que sexas advento en todos os pobos e cidades do mundo para que desaparezan as guerras, o terrorismo, a falta de liberdade, a fame.... e todos vivamos como irmáns.
Señor, queremos que sexas advento en todos e para todos.
Que sexas advento en todos os que formamos a Igrexa, para que non deformemos o “evanxeo” e sexamos testemuñas auténticas da túa presenza no mundo.
Señor, queremos que sexas advento en todos e para todos. Amén.
CANTOS
• Entrada: Ven axiña a visitarnos
• Lecturas: Veña o teu reino
• Ofertorio: Na nosa terra
• Comuñón: Volve, Señor

martes 9 de diciembre de 2008

III DOMINGO DO ADVENTO

En tempos de crise, o anuncio da Boa Nova chámase Solidariedade

SIGNO: A terceira folla do trevo, na que escribimos ACOLLER.

PÓRTICO

Ás veces, recorremos ás caretas para que os demais non descubran a nosa face ou para dende o anonimato mostrarnos como non somos. Hai caretas de todo tipo: de terror, de personaxes coñecidos, de tristura, de felicidade. Pero na nosa vida, aínda que non poñamos caretas, si somos artificiais nas nosas relacións, coa risa fácil, co chiste ocorrente, con tal de rir un pouco e así proliferan na televisión e na radio os programas deste tipo. Non nos damos de conta de que cada persoa é diferente e cada sorriso é propio, como propia e a alegría de cada un.

Neste domingo que se nos fala da alegría, descubramos a alegría da nosa fe. Non somos uns cristiáns murchos, nin frustrados, nin miméticos, somos uns cristiáns libres que expresan a felicidade de seguir a Xesús.

O PERDÓN

v Polas veces nas que facemos as cousas só para que nos gaben, e non poñendo nelas o noso esforzo e o noso alento coma unha condición indispensable do noso sermos cristiáns, SEÑOR, ALUMEA AS NOSAS TEBRAS.

v Porque preferimos estar sentados comodamente sen que a realidade e as persoas inflúan na nosa vida e no noso actuar, CRISTO, ALUMEA AS NOSAS TEBRAS.

v Porque pechamos os oídos, a vista e o corazón ao Espírito, que segue querendo abrir camiños de renovación e esperanza en cada un de nós. SEÑOR, ALUMEA AS NOSAS TEBRAS.

REMUÍÑO

Ø Unha das concrecións fundamentais do proxecto de Deus é a chamada para que vivamos a salvación, non como un abstracto irrelevante, cheo de medo e de ritualismo baleiro, senón como un deixarnos levar polo Espírito, para curar os “corazóns destrozados”. Nós ben sabemos que ao noso redor son moitos os “corazóns rotos e sen esperanza”. A dureza e as dificultades da vida vanse concretando en situacións de soidade, perda de traballo, violencia, explotación, falta de respecto aos dereitos fundamentais da persoa... Pois nestas situacións, Deus, solidario con estas persoas, maniféstase de moitos xeitos e maneiras. Unha delas é a través da nosa mediación. El non nos deixa solos, e o texto de Isaías lémbranolo. No Servo están presentes tantas persoas que non poden facer o camiño da vida desde a dignidade que posúen. Por iso correspóndenos a nós, saber poñer nestas vidas rotas afecto, sinceridade, consolo... cercanía.

Ø Como Xoán, tamén nós estamos hoxe chamados a ser testemuñas da luz. Esa luz que é Cristo. Poderíamos estar preguntándonos se de verdade no noso xeito de dicir e facer as cousas, somos verdadeiras testemuñas de quen é luz, esperanza e salvación. O mesmo que Xoán, nós tamén estamos chamados a ser forza e man que leve auga a tantos desertos, aparentemente oasis, pero que camiñan na dificultade e a tristura. Desertos que levan a moita xente a vivir sen medios, na ruptura familiar, na dor da enfermidade, no fracaso e a desilusión por non ter cumprido as expectativas da súa vida. Son, entón, moitas as secas nas que viven tantas persoas, e que chaman por nós para concretar na vida o que cremos; levando a auga que dea verdadeira dignidade. Deste xeito, solidariedade, gratuidade, e entrega serán tres actitudes ás que nunca debemos renunciar os seguidores de Xesús. O Advento é un bo momento para revisar a nosa vida e as actitudes coa que enchemos de auga o nosos pozo.

Ø E todo isto sen esquecer que os demais non teñen que tropezar e descubrirnos a nós, senón que a través noso teñen que descubrir o rostro de Xesús. Xoán tíñao claro. Non se arroga falsas identidades: non é o Mesías, nin Elías, nin tampouco o profeta. Recoñece que el é só unha voz que grita no deserto. Non pretende primeiros postos nin palacios, proclama o que ten que anunciar e a quen ten que anunciar, simple e sinxelamente. Pero… que difícil nos resulta!. Que lonxe estamos disto, tanto a Igrexa como institución (que parece que máis que predicar a Deus predícase a si mesma: tantas leis, tantos decretos, tantas palabras ferintes falando no nome de Deus, coma se El fose intolerante, racista ou xenófobo) como cada un/unha de nós (que vivimos das apariencias, que nos gusta que nos gaben, que demandamos o noso minuto de gloria e nos consideramos o embigo do mundo).

Ø Que este Advento nos axude a sermos mensaxeir@s dun Deus amor, dun Deus pai/nai, pois somos medios, nunca fins.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Chamad@s a preparar o camiño ao Señor, respondamos dicindo xuntos:

QUE A VIDA A FAGAMOS SOLIDARIEDADE

* Pola Igrexa, para que nunca teña medo dos profetas, de calquera persoa que anuncia algo novo que pon en crise o noso vivir concreto, e así no caia nunca máis na tentación de acusalas de sementar desconcerto, difamándoas, excomungándoas ou facéndoas vivir na sospeita e no silencio, OREMOS.

QUE A VIDA A FAGAMOS SOLIDARIEDADE

* Para que cantos formamos as nosas comunidades saibamos estar ao lado de tantas persoas que viven no deserto e esperan que a Igrexa sexa o oasis que lle dea solidariedade e amor, OREMOS.

QUE A VIDA A FAGAMOS SOLIDARIEDADE

* Por cada un e cada unha de nós, para que conscientes de sermos elixid@s por Deus para unha misión, nunca renunciemos a ser testemuñas da Boa Nova alí onde esteamos: familia, traballo, comunidade…. OREMOS.

QUE A VIDA A FAGAMOS SOLIDARIEDADE

Señor, pómonos na túa man. Que esta oración que compartimos esperte en nós o camiño da solidariedade.P.X.N.S.Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Un día chegou un home con maxia na voz,

con calor nas súas palabras e cunha mensaxe engaiolante.

Un día chegou un home coa ledicia nos seus ollos,

a liberdade nas súas mans e o futuro nos seus feitos.

Un día chegou un home coa esperanza nos seus xestos,

coa forza do seu ser, cun corazón enorme.

Un día chegou un home que tiña o Espírito,

coa felicidade no seu padecer, co sentido no seu morrer.

Un día chegou un home co tesouro do seu ceo,

coa vida da súa cruz, coa resurrección na súa fe.

Un día chegaches Ti…

Vén agora, tamén,Señor.

CANTOS

Entrada.- Ven axiña a visitarnos

Lecturas.- Veña o teu reino

Ofertorio.- Na nosa terra

Comuñón.- Volve, Señor