Ir al contenido principal

Remol Aninovo 2010

SE QUERES PROMOVER A PAZ, PROTEXE A CREACIÓN
Bendición do comezo
´ Que Deus nos bendiga todos os días do ano,
´ Que Deus nos sorría todos os días do ano,
´ Que Deus se fixe en nós todos os días do ano,
´ Que Deus nos conceda a súa paz todos os días do ano.

PÓRTICO
Comezamos o ano e todos nos desexamos o mellor dos parabéns. Estamos ledos, sentímonos achegados uns aos outros e todo son boas intencións. E iso está ben, porque que mellor que pornos na liña de saída coa mellor das intencións?. Pero non debemos esquecer que coas intencións soas non basta, que é necesario poñer máis da nosa parte: esforzo, gañas, sacrificio, ilusión, ánimo, esperanza...
E para que?. Para que a vida poida ser aquilo que todos queremos e que tanto nos custa conseguir: un camiño no que descubrir e vivir na solidariedade e na paz.A isto somos chamados e chamadas na celebración que agora comezamos. Feliz ano e poñémonos á tarefa!.

O PERDÓN
  • Porque non damos entendido que a paz non é só ausencia de guerra, senón tamén xustiza, amor, servizo, axuda, dispoñibilidade e desenvolvemento, SEÑOR, BENDÍCENOS COA TÚA PAZ.
  • Porque estamos ben lonxe de sentir a terra coma a casa común que nos deches para que a habitemos con creatividade e responsabilidade, CRISTO, BENDÍCENOS COA TÚA PAZ.
  • Porque non utilizamos unha linguaxe de paz na nosa vida cotiá, coas nosas familias, cos nosos compañeiros de traballo, cos nosos veciños e amigos, SEÑOR, BENDÍCENOS COA TÚA PAZ.
REMUÍÑO
COIDAR A CASA: A RELACIÓN CO COSMOS

A palabra ecos significa casa, é dicir, cosmos, o lugar no que a persoa sofre, goza, atópase cos demais. Cando falamos da persoa e da súa relación co mundo, plantexamos a reflexión desde a opción clara como humanos, co compromiso de coidar a casa, decisión froito do discernimento como persoas presentes nun mundo desigual que evolúe. Estamos chamad@s a relacionarnos co mundo non dun xeito superficial, senón implicados no seu coidado. Falamos así de recuperar un compromiso que tiveron xeracións anteriores: traballar, coidar, protexer a natureza. Un coidado e un respecto que esixe de nós atención e capacidade para facela medrar e desenvolverse ao servizo das persoas, entendendo así o que significa a palabra HUMANIZACIÓN. A preocupación, a sensibilidade respecto do medio ambiente non é un snobismo, senón que é unha opción ética que debe ocuparnos e preocuparnos, como nos indica a mensaxe deste día da xornada da paz do papa Bieito.
Isto pide de nós:
En primeiro lugar, algo que os cristiáns non tiñamos e que agora comezamos a ter: unha maior conciencia ecolóxica: valorar, protexer, coidar.... denunciando calquera comportamento que poña en perigo a nosa casa. Porque todos, tamén aqueles que veñen detrás nosa, teñen dereito a atopar o mundo habitable, pois é o lugar onde van medrar e desenvolverse como persoas. O progreso non supón o todo vale. Pero neste mundo noso está a ocorrer que no nome do progreso imos aceptando e admitindo todo tipo de comportamentos. Porén, no nome do progreso, da técnica, do desenvolvemento, non todo vale, senón que ten límites. A vítima non é só a natureza, senón tamén o ser humano que nela e grazas a ela, vive.
En segundo lugar, no libro da Xénese lemos que Deus pon nas nosas mans a súa obra. Isto significa que asumir este compromiso, converter esta afirmación en realidade, fai que non esquezamos que nós somos recreadores da obra de Deus, e isto convértese nun compromiso: somos señores da creación, continuadores da obra de Deus, o que non quere dicir seres inertes, senón chamad@s a gozar e disfrutar deste plan, cousa que non poderemos facer se non coidamos a natureza.
A invitación que Deus nos fai de dominar a terra, non pode entenderse como a capacidade de destruír, de asolar todo o que hai nela. Ser señores da Creación fainos vivificadores, non vividores, do proxecto de Deus.
Por tanto, como moi ben nos lembra a mensaxe do Papa nesta xornada da paz, baixo o lema “se queres promover a paz, protexe a creación”, non basta con estar en paz coas persoas, senón que tamén debemos estar en paz coa natureza; pois a paz está ameazada tamén pola nosa falta de respecto cara á terra, pola explotación desordenada dos seus recursos, polo deterioro da calidade de vida. O arco da vella da paz debe abranguer tamén á creación enteira, pois debemos ter claro que a destrución ou o abuso desconsiderado da natureza constitúen un problema de índole moral. Non somos os donos, senón os coidadores do mundo, non só non debemos destruílo nin contaminalo, senón que temos que traballar por deixalo máis limpo e habitable.
Paz con nós mesmos, paz cos demais, paz coa creación… Velaí o reto que Deus pon diante dos nosos ollos neste primeiro día do ano. Seremos quen de facelo noso?.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Na festa de Santa María, e neste comezo de ano que nos volve falar outra vez de paz, sentímonos fondamente achegados uns aos outros para dicirlle a Deus.
BENDITO O QUE VÉN NO NOME DO SEÑOR
  • Por unha Igrexa viva, aberta, solidaria e pacífica, que saiba acoller e non fomente nunca o pensamento único e a obediencia cega, Oremos.
    BENDITO O QUE VÉN NO NOME DO SEÑOR
  • Por unhas comunidades cristiás que asentadas sobre a forza da paz e o camiño da non violencia, saben ser testemuñas de encontro, perdón e tolerancia no medio dos enfrontamentos dunha sociedade que moitas veces se esquece de Deus, Oremos.
BENDITO O QUE VÉN NO NOME DO SEÑOR
  • Por nós, que hoxe queremos comezar este novo ano cheos de proxectos, ilusións e esperanzas, para que co paso dos días non nos deixemos levar da frustracións da desesperanza e da incapacidade da non consecución das metas trazadas, Oremos.
BENDITO O QUE VÉN NO NOME DO SEÑOR
  • Por todas aquelas persoas que comezan o ano sen motivos para a esperanza: @s parad@s, as mulleres maltratadas, @s enferm@s, @s nen@s explotad@s, @s vell@s que están solos... para que nunca esquezamos que o noso compromiso cristián pasa por sermos mensaxeir@s da esperanza para eles e para elas, OREMOS.

    BENDITO O QUE VÉN NO NOME DO SEÑOR

    Señor, escoita as oracións que che vimos de presentar e todas aquelas que levamos dentro do noso corazón. Bendice as nosas vidas, e as daqueles que queremos ao longo deste ano que hoxe comezamos. Pedímoscho por Xesucristo, noso Señor. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
Imos acender sete candeas, sete,
para lembrar que non vivimos nas tebras,
porque Deus é luz e boa nova para todas as persoas.
Primeira candea e boa nova:
Deus fíxose amor
para quen ten o corazón roto e
só coñeceu orfandades e xenreiras.
Segunda candea e boa nova:
Deus fíxose liberdade
para quen está preso
e para os escravos, de si ou doutros.
Terceira candea e boa nova:
Deus fíxose consolo
para os que sofren, agardan
e choran á marxe dos camiños.
Cuarta candea e boa nova:
Deus fíxose xustiza
para quen está marxinado
e ten fame e sede de vida.
Quinta candea e boa nova:
Deus fíxose pan e viño
para quen se baleirou
dándose sen reservas, enteiro,
en vieiros e camiños.
Sexta candea e boa nova:
Deus fíxose novidade
para desmantelar o tenderete
de normas e leis que montamos
para conseguir o seu beneplácito.
Sétima candea e boa nova:
Deus fíxose un de nós
para que nós non esquezamos agora,
neste momento, e logo,
que somos fill@s seus,
e por iso, irmáns e irmás entre nós.

CANTOS
  • Panxoliñas

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor