domingo 25 de enero de 2009

4 domingo TO 2009

DESCUBRILO NO COTIÁN: AÍ ESTÁ O MILAGRE
PÓRTICO
No noso mundo estamos faltos de profetas, de persoas que coa súa vida e coa súa palabra, nos saquen do noso aburrimento, do noso tedio e da nosa mediocridade; profetas cheos de ilusión, de alegría de esperanza, que contaxien optimismo, que contaxien crenza na persoa, nas súas potencialidades, no valioso de cada quen; profetas que busquen unir e construír entre todos un mundo mellor.
Os cristiáns estamos chamados, por un lado, a escoitar e descubrir a eses profetas; pero tamén a ser nós profetas, a levar a voz do Señor a tod@s. Que esta celebración nos faga conscientes desta gran tarefa que temos nas nosas mans.

O PERDÓN
  • Porque moitas veces dicimos e non facemos, embarcamos aos outros e nós quedamos en terra, SEÑOR, PERDOA POR ENDURECER O NOSO CORAZÓN.
  • Polas veces nas que queremos ter sempre a razón e non escatimamos medios para conseguir os nosos obxectivos, aínda que sexa a costa dos demais, CRISTO, PERDOA POR ENDURECER O NOSO CORAZÓN.
  • Porque moitas veces non somos capaces de poñernos na pel e na situación dos que están ao noso carón, SEÑOR, PERDOA POR ENDURECER O NOSO CORAZÓN.
REMUÍÑO
Neste mundo desencantado e aburrido no que nada nin ninguén consegue chamar a nosa atención, neste mundo tan saturado de coñecementos e noticias no que prima o pragmatismo, o Evanxeo pasa sen pena nin gloria, porque a xente non conecta con el e non se asombra. Pero hai outras causas, porque tamén é posible que algúns sacerdotes ensinen coma os letrados e coma os rabinos e non coma Xesús. Eles ensinaban en Israel por oficio; e o seu era comentar a Lei e as tradicións dos maiores, ler o que estaba escrito e repetir o que eles aprenderan antes nas escolas, administrar as verdades e crenzas adquiridas, o que sempre se dixera. O seu maxisterio era conservador, legalista e ritualista; conservaban ben a letra; pero esquecían o espírito; e a letra sen espírito mata...mata tamén de aburrimento. Por iso, non asombraban a ninguén. E hoxe, non lles estará pasando o mesmo a moitos dos nosos sacerdotes, a tantos curas funcionarios como temos?. Porque desgraciadamente o que acabamos de dicir sona a aplena actualidade.
Porén, Xesús atraía moitedumes, porque non había discrepancia entre o que dicía e o que facía. No seu caso, falar con autoridade era todo o contrario a falar autoritariamente. Non sentaba cátedra, senón que daba testemuño. Por iso nós, que somos a súa Igrexa e dun xeito especial os encargados de “falar no nome de Deus”, debemos escoitar antes de falar; e debemos coidar moito de non dicir no nome de Deus o que non é a súa Palabra, senón que responde máis ben a intereses ocultos de algúns grupos de presión, de poder, ou do utilitarismo deste mundo que fai que esquezamos, tamén dentro da Igrexa, que a persoa é o centro do noso sentir, do noso pensar e do noso actuar.
Se queremos que o Evanxeo sexa nova leda e actual nas nosas vidas, que sexa tradición viva e vivificante e non simple doutrina enlatada e custodiada no depósito da ortodoxia, temos que ser profetas coa nosa vida. Aí estará a nosa autoridade. Estamos dispost@s?.

Oración da comunidade
Cando Xesús nos chama, faino para que sexamos felices. Poñamos entón, sen medo, a nosa vida nas súas mans, para que a alente e acompañe e digámoslle:
QUE A NOSA VIDA SEXA AUTÉNTICA
  • Para que a Igrexa que tod@s nós formamos esperte do seu acomodamento e do seu medo a perder poder para madurar e dar testemuño con verdadeira autoridade, loitando contra as inxustizas, elevando a súa voz pol@s marxinad@s e oprimid@s, OREMOS.
QUE A NOSA VIDA SEXA AUTÉNTICA
  • Polas nosas comunidades, para que polos camiños evanxélicos do diálogo e do perdón, da tolerancia e da colaboración, da unidade e do compartir sexamos quen de superar prexuízos e atrancos e cheguemos á verdadeira comuñón, OREMOS.
QUE A NOSA VIDA SEXA AUTÉNTICA
  • Por nós, para que nos comprometamos a non facer do evanxeo algo teórico, senón o alento, a forza e a esperanza da nosa vida, e así sexamos testemuñas auténticas do que nos invitas a crer e vivir, OREMOS.
QUE A NOSA VIDA SEXA AUTÉNTICA
Grazas, Señor, por descubrirnos que o Evanxeo é vida e espírito e non un conxunto de normas de ortodoxia enlatadas e encorsetadas. PXNS. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
Señor, ante a oferta tentadora de diñeiro fácil,
do ter como primeira preocupación da vida,
dános clarividencia para descubrir os valores do Reino.
Os valores que duran e resisten ao desgaste do tempo inexorable;
e que non se devalúan como moeda fugaz,
que non resiste máis que flor dun día.
Dános, Señor, sabedoría para optar,
desde a pobreza, libre e voluntariamente escolleita,
polos valores do Reino que, coma a túa palabra, nunca pasan,
a pesares de que a terra perda a súa cortiza e o ceo se afunda.
Mantén o noso oído atento á túa palabra:
«Vende todo o que tes,
dáo aos pobres, ven e sígueme».
Que o noso afán de cada día sexa ser pobres
e estar cos pobres polo Reino.
O resto sabemos que nolo darás con fartura.

CANTOS
ENTRADA: Camiñando pola vida
LECTURAS: Escoita ti
OFERTORIO: Acharte presente
COMUÑÓN:Ti es o pan do ceo

Domingo_3_2009

HOXE PODE SER UN GRAN DÍA

PÓRTICO

É triste, pero cada día coñecemos a moita xente que nace, crece, traballa, reprodúcese (ou non), xubílase e morre. Así, sen máis. Endexamais se preguntaron quén son, cómo son, qué fan, por qué o fan, para qué viven, cara onde camiñan…. ou cara onde quixeran camiñar. Porque ser protagonistas da nosa propia historia, vivir a tope a vida, chegar a ser persoa… non é algo que se nos dea feito, que se consegue con ir sumando anos ou que se atopa sen buscar seriamente.

Descubrir o sentido profundo da vida, ser nós mesmos, é tarefa persoal e intransferible. A tarefa máis urxente e primeira de toda a vida. Porque Deus chámanos a ser nós mesmos, a vivir unha existencia humana e humanizadora, libre e liberadora… e ensinounos o camiño: o servizo. Que a celebración que agora comezamos nos axude a decatarnos de que hoxe é un bo día para descubrilo.

O PERDÓN

  • Por non querer dedicar tempo a revisar a nosa vida, e recoñecer que moitas veces facémoslle mal aos demais co que dicimos e facemos, SEÑOR, AXÚDANOS A CONVERTERNOS.
  • Porque desconfiamos das persoas, dos seus intereses, da súas motivacións negándolles así a nosa confianza, CRISTO, AXÚDANOS A CONVERTERNOS.
  • Porque son demasiadas as ocasións nas que nos refuxiamos na masa, no ruído e na superficialidade, para evitar tomar decisións e enfrontarnos aos problemas, SEÑOR, AXÚDANOS A CONVERTERNOS.

REMUÍÑO

  • Hai acontecementos na vida das persoas que fan cambiar o noso comportamento, o noso xeito de vida: namorarnos, unha nova amizade, o nacemento dun fillo… Por desgraza, a fe e o encontro co Resucitado non é un deles. Porque vinte séculos despois, o encontro con Xesús, desgraciadamente, non provoca en nós unha integración, un cambio de vida. É verdade que seguimos dicindo e escoitando que o Reino está cerca, mesmo que está dentro de nós; pero na meirande parte dos casos non cremos o que dicimos e, en consecuencia, non cambia a nosa vida. Pedro, André, Santiago e Xoán escoitaron estas palabras de Xesús e créronas. Deixaron as súas barcas, as súas redes, a súa casa… todo o que tiñan. Pero había algo naquela chamada que os convence. E nós?. É posible que ata o de agora, recibiramos unha chamada sociolóxica: nacemos nunha civilización, nunha familia e nun momento no que tiñamos que ser cristiáns. Herdámolo, coma os apelidos. Pero fáltanos o adestramento persoal, a resposta concreta, consciente, madura, reflexiva.
  • Porén, o encontro con Xesús debería transformar todas as realidades deste mundo: redes, familia, barca, negocios, traballo… quedarán descentradas. Porque o Deus que nos revela Xesús é o Deus do Reino: bo, misericordioso, cercano aos pobres e aos que precisan xustiza. E nós, coma seguidores seus, somos as súas mans, os seus ollos, o seu corazón, neste noso Nínive de crise, de nihilismo, de paro, de marxinación, de contratos-lixo.
  • Porque só desde unha actitude de coherencia e compromiso fondo con Aquel en quen cremos, só se realmente a fe pinta algo na nosa vida, seremos quen de facer que os demais se cuestionen pola relixión, se cuestionen por Deus. A isto é ao que fai referencia a expresión “pescadores de homes”, que hoxe escoitamos no evanxeo e que moitas veces malinterpretamos primando a cantidade sobre a calidade, converténdoa en sinónimo de imposición. Hoxe, máis que nunca, é importante que entendamos que o camiño nunca pode ser o da imposición, o do medo ou o da obriga, nin tampouco o da obediencia cega, pois ademais de seren contrarios á mensaxe de Xesús, son armas de dobre fío que se volven contra nós co paso do tempo. O camiño pasa pola invitación, e non pola imposición; polo cuestionamento, e non pola obediencia cega; polo afondamento da fe coma resposta ao sentido da vida, e non polo adoutrinamento ou cumprimento de normas sen sentido.
  • Hoxe tamén, Xesús, dinos a cada un e cada unha de nós: vinde comigo. Hoxe pode ser un gran día, plantexémolo así.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Abrámonos ao vento do Espírito para que El nos axude no noso proceso de conversión, e digamos xuntos:

FAINOS MUDAR Á CONVERSIÓN

  • Pola Igrexa, para que fomente entre todos los cristiáns o respecto a outras crenzas, culturas e razas, e así entre todos busquemos aquilo que nos fai máis humanos e que fai da convivencia o mellor xeito de vivir, OREMOS.

FAINOS MUDAR Á CONVERSIÓN

  • Para que as nosas comunidades descubran que só desde actitudes que saben asumir os seus erros e superar a tentación de crerse mellores que os demais, camiñamos na conversión do Reino, OREMOS.

FAINOS MUDAR Á CONVERSIÓN

  • Por nós, para que no día a día da nosa vida saibamos recoñecer que estamos necesitados de tempo de calidade, tempo de reflexión, tempo de discernimento, para abrirnos á esperanza, OREMOS.

FAINOS MUDAR Á CONVERSIÓN

Señor,que nunca teñamos medo de revisar as nosas actitudes e comportamentos, pois sabemos que ti nos invitas sempre ao cambio e á renovación.P.X.N.S.Amén

REFLEXIÓN

Moitos anuncios,

moitas promesas,

moitas rebaixas,

moitas oportunidades,

moitas gangas…

Moitas veces susúrranme constantemente as súas ofertas.

Pero non me satisfacen,

nin me alimentan nin me quitan a fame,

nin me fan medrar coma persoa.

Neste mar de palabras,

eu só quero dar creto

á túa Palabra, boa e nova,

valiosa e gratuíta,

que me ofrece vida,

dignidade e ledicia.

Eu só quero darche creto a Ti,

que es palabra e vida.

CANTOS

ENTRADA: Amigos nas penas

LECTURAS: Arrepentido

OFERTORIO: Na nosa terra

COMUÑÓN:O amor é o meirande

domingo 11 de enero de 2009

2 Domingo Ordinario 2009

Aprender a vivir na unidade desde a diferenza

PÓRTICO

Xa estamos no tempo ordinario. Atrás quedaron o Nadal e as festas que nese tempo celebramos. É hora de que todo o vivido nesas datas teña unha concreción na nosa vida. A Palabra que escoitaremos descúbrenos que tod@s estamos chamad@s a descubrir o noso compromiso como unha vocación ao servizo, como unha chamada persoal no aquí e no agora.

Que sexamos conscientes da urxencia de comprometernos, alí onde nos atopamos, co Reino, coa mensaxe e coa vida de Xesús

O PERDÓN

·        Porque son moitas as veces nas que facemos a nosa vontade e non a túa, SEÑOR, QUE SUPEREMOS A TENTACIÓN DE IMPOR O NOSO.

·        Porque falamos moito e escoitamos pouco, CRISTO, QUE SUPEREMOS A TENTACIÓN DE IMPOR O NOSO.

·        Porque a resposta á túa chamada non é leda nin confiada, SEÑOR, QUE SUPEREMOS A TENTACIÓN DE IMPOR O NOSO.

 

REMUÍÑO

DEUS FALA: Para que haxa comunicación ten que haber un emisor, un receptor, unha mensaxe e un medio que facilite a transmisión da mensaxe. Si a comunicación falla, pode ser responsabilidade do emisor (non emite, emite mal, non se entende...), pode deberse ao medio (hai interferencias, o medio non é o axeitado...) ou pode ser problema do receptor (sintoniza mal, non interpreta o sinal...). E este esquema tamén nos serve para explicar a comunicación entre as persoas e Deus, na que son moitas veces nas que nos parece que Deus non fala, que garda silencio, que cala.

É fácil dicir que Deus non fala, que non emite; pero non será que nós buscamos en frecuencias equivocadas, que buscamos na nosa frecuencia e non na súa?. Porque se de verdade queremos escoitar a Deus temos que exercitarnos no exercicio de buscalo. E nesta búsquea atopámonos con dificultades, moitas das cales poñemos nós mesmos. Pero Deus fálanos e chama por nós cada día: no traballo, no trato cos veciños, na relación coa nosa familia... E a súa voz, ao principio, chéganos a través de outras persoas: os nosos pais, curas, amigos... Pero non é bo quedar aí, nesa fe “prestada”, senón que temos que saber personalizala, respondendo desde dentro, poñéndonos en movemento, saíndo ao seu encontro. Porque cada un e cada unha de nós somos chamad@s persoalmente polo Señor.

 

E CHÁMANOS: E neste falar de Deus, somos chamad@s por El para que sexamos os seus profetas e mensaxeiros no medio do mundo. Chámanos tamén cando nos invita a saber acoller a tant@ irm@ns que veñen doutras culturas ou teñen outras conviccións relixiosas, e nos pide que saibamos entendelos, acollelos, escoitalos…facer cousas xuntos compartindo a oración nun Deus que é amor. O encontro de Asís nos anos oitenta, e os que seguiron despois, son unha mostra do que estamos a dicir. Chámanos cando estamos dispostos a pensar menos en nós e nos nosos, e máis nos que son distintos ou pensan de xeito diferente a nós. Sabemos que non é doado, pero aquí ten que estar a diferenza entre un que se proclama seguidor de Xesús, e non o vive e aqueles que non so nos chamamos seguidores do Mestre, senón que nos esforzamos para que a súa mensaxe se converta en realidade, é dicir, se faga vida.

Decatámonos algunha vez de que esta é a encomenda que asumimos cando dixemos libre e persoalmente, quero ser cristián?. Non podemos nin queremos calar diante de situacións que sabemos que non están ben e que lle producen dor e tristeza ás persoas que as sofren. Non podemos ser débiles cos fortes e fortes cos débiles. Non podemos vivir unha vida de rutina e de baleiro, sen tentar darlle un sentido de entrega, de servizo aos outros. Non deixemos pasar a oportunidade de ser luz, paz, sorriso, escoita e alento para todas aquelas persoas irmás nosas que nos necesitan e que precisan que alguén lles diga, vinde e veredes.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Unha vez máis, fasnos caer na conta de que a fe debe ser vivida na relación entre a necesaria unidade, e a lóxica da pluralidade. Dispostos a responder a esta invitación, dicímosche agora xuntos:

QUE AS NOSAS DIFERENZAS NON NOS SEPAREN

ö  Que na Igrexa saibamos aceptar a riqueza da súa pluralidade, e evitemos impor solo o que nós pensamos, e favorecer aos que só pensan coma nós, OREMOS.

 

QUE AS NOSAS DIFERENZAS NON NOS SEPAREN

 

ö  Polas nosas comunidades, por cada un e cada unha de nós, para que descubramos que quen non é capaz de liberarse de todo apego, de toda escravitude, de todo prexuízo, de toda riqueza, de toda vontade de dominio, está pechando a entrada de Xesús na súa vida, OREMOS.

QUE AS NOSAS DIFERENZAS NON NOS SEPAREN

ö  Por cada un e cada unha de nós, para que con entusiasmo e sen vergoña, deamos testemuño esperanzado dunha fe comprometida, solidaria e profética, que nos leve a denunciar inxustizas, asoballamentos e explotación, OREMOS.

QUE AS NOSAS DIFERENZAS NON NOS SEPAREN

Grazas, Señor, por convocarnos un día mais ao redor da mesa do pan e da palabra, que saibamos compartilos abrindo o noso corazón sen exclusións nin condenas.P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Salmo do Seguimento

Irei detrás de ti, se ti vés a min

Buscando horizontes máis amplos para voar.

Irei ensinar a todos que ti es liberdade,

que só en ti se atopa o manancial,

a felicidade, a verdadeira paz.

Irei sempre no teu nome, despoxado das miñas cousas,

buscando na noite, sedento do teu amor.

Irei dicirlles a todos que ti es alegría,

a eterna oferta dun amor total.

Irei buscar camiño detrás de cada loita,

onde as persoas sofren o seu choro e soidade.

Irei se ti me chamas a ser sempre o teu amigo

sen importarme nada, pois ti es o meu camiñar.

Irei dicindo a todos, irei contando sempre,

irei entre a xente berrando a verdade

CANTOS

Entrada.- Vinde axiña

         Lecturas.-Aquí estou,señor, para facer a túa vontade

         Ofertorio.- Grazas, Señor, na mañá

         Comuñón.- Deixade esta terra e ide anunciar

martes 6 de enero de 2009

Bautismo 2009

A Auga do Señor, Auga que transforma vidas e corazóns

PÓRTICO

            As celebracións de todos estes días víñannos presentando unha imaxe de Deus cercana, sinxela, chea de amor e preocupación por nós. O Deus que nos bendí coa súa Palabra, coa súa presenza, co seu pan. Esta bendición de Deus, hoxe fainos lembrar o noso bautismo; nel fomos acollidos na grande asemblea da eclesialidade. Desde el tod@s comezamos a ser Igrexa, e polo tanto empeñados, coma Xesús, na tarefa de facer dela rostro humano e visible de Deus.

            Que na celebración de hoxe renovemos este noso compromiso de ser no mundo espello da presenza  Deus.

O PERDÓN

[  Señor, polas veces nas que temos esquecido que somos membros da Igrexa, e non simples consumidores de celebracións, SEÑOR,QUE A TÚA AUGA LIMPE A NOSA VIDA.

[  Cristo, polas veces nas que non nos deixamos limpar pola túa auga e cambiar o corazón, CRISTO, QUE A TÚA AUGA LIMPE A NOSA VIDA.

[  Por ternos negado moitas veces a beber da auga da túa fonte.Unha auga que nos fala de superar rancores e envexas, SEÑOR, QUE A TÚA AUGA LIMPE A NOSA VIDA.

REMUÍÑO

*      O bautismo: auga que cambia vidas e actitudes:  Todos sabemos o importante que é a auga.Como a botamos en falta en tempo de seca!. Pois é tamén un símbolo fundamental para entender a vida de fe. Xesús utiliza a auga para por de manifesto que do mesmo xeito que sen ela non podemos vivir, tamén a través dela incorporámonos á comunidade cristiá. A auga que sobre as nosas cabezas botaron no día do noso bautismo, simboliza a incorporación á comunidade, á fe, á vida, ao seguimento de Xesús e á vivencia da súa mensaxe. Non estraguemos entón, coas acomodacións fáciles, este rico simbolismo dun elemento tan fundamental para a nosa vida!. Deixémonos bendicir por ela, acollámola como signo de que estamos dispostos a deixarnos acoller pola frescura da mensaxe de quen se deixou enchoupar da auga limpa e transformadora de Deus.

*      O bautismo: fonte de vida: Todos sabemos que supón cando unha fonte deixa de botar auga. Parece como se a vida desaparecese, todo se volve seca e murcho. Pois o mesmo nos pode pasar a nós se reducimos a fe a simples cumprimentos de prácticas que nos ensinaron desde pequenos, pero sen facer o esforzo por entrar nelas e tentar entender o seu significado; se non somos capaces de distinguir o que son os símbolos e os signos que utilizamos para expresar vivencias e situacións ás que as palabras sempre nos quedan curtas, dificilmente seremos capaces de entender, mellor, de escoitar a voz de Deus que nos vai falando a través deles. O bautismo non é so un rito, con el queremos expresar que Deus entra na nosa vida, que é o noso guieiro, que somos invitados a deixarnos levar por el. Por que lle poñemos as cousas tan difíciles?. Por que pomos tantos atrancos a esta presenza de Deus en nós?.

*      O bautismo:fonte de salvación e presenza do Espírito: Se somos capaces de distinguir o núcleo da casca, é dicir, o fundamental do que é roupaxe externa, propia das expresións de cada momento da historia, conseguiremos entender qué queremos expresar cando dicimos que o bautismo incorpóramos a un camiño da salvación. É dicir, que nos abre a unha vida distinta, onde as cousas, por difíciles que sexan –e así serán moitas veces– teñen un rumbo, un camiño, un final que lles da sentido. A salvación supón descubrir que o mundo non está entregado ás leis mecánicas ou que é froito do azar e da necesidade –acoller a salvación na vida de cada un, lévanos a non caer na tentación de pensar que estamos predestinados, ou de que o destino de cada un está escrito e non é froito da liberdade, e das decisións de cada un-; ao contraio, a salvación ponnos de manifesto que ese Deus no que cremos, ao que nos incorporamos cando nos bautizamos, ten un plan, personalizado, poderíamos dicir para cada quen. Un plan que nos fala de plenitude, realización, felicidade. Por que nos custa tan pouco confiar no que din os que non pensan así, e tanto confiar na Palabra do Deus que desde o principio, e de moitos xeitos nolo ven dicindo?. Abrámonos á confianza dunha vez por todas!.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Volvemos reunirnos no nome do Señor, El lémbranos que o bautismo incorpóranos a unha vida chea de esperanzas, e na que as tristuras atopan consolo na Palabra viva e sempre estimulante que nos abre camiños e nos afasta das tebras. Nesta fe, chamada a ser vivida de maneira comunitaria, digamos xuntos:

GRAZAS POR LIMPAR A NOSA VIDA COA AUGA DA PAZ

Ø  Que na Igrexa saibamos traballar sempre por poñer esperanza alí onda hai tristura e desconsolo ,levando a auga que limpa e estimula, OREMOS.

                  GRAZAS POR LIMPAR A NOSA VIDA COA AUGA DA PAZ

Ø  Que nas nosas comunidades  saibamos vencer a tentación de reducir a vida de fe a tradicións e costumes. Que descubramos que confesarnos crentes supón esforzarnos por deixarnos enchoupar da auga que nos fala de solidariedade, paz e entrega aos demais, OREMOS.

                  GRAZAS POR LIMPAR A NOSA VIDA COA AUGA DA PAZ

Ø  Que saibamos levar a auga do Evanxeo aos que están enfermos, tristes, derrotados e sen norte na súa vida, OREMOS.

                  GRAZAS POR LIMPAR A NOSA VIDA COA AUGA DA PAZ

Señor, que nos deixemos limpar pola auga que renova a nosa vida e alenta os nosos proxectos. P.X.N.S..Amén.

REFLEXIÓN(Lectura do Salmo 71)

En ti, Señor, acóllome,

que endexamais non me vexa confundido.

Pola túa xustiza, líbrame, deféndeme,

inclina o teu oído e sálvame.

Se ti a rocha do meu refuxio

sempre disposta para salvarme:

Ti que é-la miña forte cidadela

rescátame, meu Deus, do poder dos malvados.

Ti es, Señor, a miña esperanza

a miña confianza, Señor, desde a mocidade.

Desde o nacemento apóiome en ti,

desde o seu materno ti é-lo meu amparo.

A ti vai sempre a miña loanza.

Para moitos convertinme en escarmento,

mais ti es para min forte refuxio.

Da túa loanza está chea a miña boca,

e da túa glorificación, o día enteiro.

Non me rexeites na vellez,

non me abandones cando me falten as forzas.

A miña lingua cantará decote a túa xustiza,

mentres fican avergoñados e confusos os que buscan o mal.

CANTOS

·        Entrada: Que ledos hoxe estamos

·        Lecturas: A Auga do Señor

·        Ofertorio: Grazas, Señor, na mañá

·        Comuñón: Pola vida que regalan os teus dedos

domingo 4 de enero de 2009

EPIFANIA 2009

SE ESCOITAS AO TEU CORAZÓN, TAMÉN TI CHEGARÁS A BELÉN

PÓRTICO

Vivimos nunha época que pretende chamarse universal, planetaria. Escoitamos falar do mundo coma unha aldea global, as nosas sociedades son cada vez máis multiculturais, as distancias son cada vez máis pequenas.... pero paradoxalmente as persoas andamos cada vez máis divididas e enfrontadas, loitando por defender os propios intereses.

Neste contexto é fácil esquecer a mensaxe de Deus: a liberación é para todas as persoas, que tod@s somos parte dunha familia universal, pois o noso orgullo fainos crer que somos os mellores e os primeiros.

Por iso hoxe, neste día de ilusión, vimos diante do Señor, que é a estrela que guía a nosa vida. Oxalá que ningunha Boa Nova de solidariedade, xustiza e universalidade nos asuste. Oxalá que as escuridades da nosa vida non nos deteñan nin nos desvíen do que un día nos puxo no camiño e se nos ofrece de balde.

O PERDÓN

  •  Por terche negado o ouro, o incenso e a mirra das nosas vidas, SEÑOR, PERDOA O NOSO EGOÍSMO.
  •  Porque non somos coa nosa vida e coas nosas actitudes testemuños e estrelas que conduzan aos irmáns e ás irmás cara Ti, CRISTO, PERDOA O NOSO EGOÍSMO.
  •  Porque a pesares de que a vemos brillar enriba de nós, moitas veces non deixamos que a túa estrela alumee e guíe a nosa vida, SEÑOR, PERDOA O NOSO EGOÍSMO.

REMUÍÑO

´ Inmers@s como estamos no consumismo, parece que a festa que hoxe celebramos sexa só un intercambio de agasallos, perdendo o seu senso orixinal: a festa dos Reis é a festa da Epifanía do Señor, da súa manifestación a todos os pobos, razas e culturas. Nestes tres personaxes que chegan de Oriente está representada a universalidade da salvación, que non é só para os xudeus, senón que ven para tod@s. Polo tanto, a de hoxe é unha chamada a saírmos de nós mesmos, a deixar o cascaron, a mirar máis alá do noso embigo para abrírmonos á pluralidade e á multiculturalidade. Ninguén é máis ca ninguén, ninguén está en posesión da verdade absoluta, non hai bos nin malos....senón que todos estamos chamad@s a deixar que a luz de Belén alumee as nosas vidas.

´ Nós, sexa cal sexa a nosa situación e condición, pertencemos ao mundo dos privilexiados, e sería unha burla, coma a de Herodes, querer defender a capa e espada os nosos privilexios, a nosa situación económica, social e cultural. Os pobos e grupos privilexiados habemos vivir sempre coa sospeita de ser opresores. Non é posible a solidariedade, a liberación universal, se queremos manter a nosa situación, porque mantela lévanos a tentar eliminar a quen, coa súa presenza, aínda que sexa de recén nacido, anuncia e trae unha nova sociedade cunhas novas relacións humanas baseadas na igualdade e na xustiza. Por iso vén ben esta festa con aires ecuménicos e coa cor do arco da vella, porque a mensaxe da GS segue a ter plena actualidade:”os gozos e as esperan zas, as tristuras e as angurias das persoas do noso tempo, sobre todo dos pobres e de cantos sofren, sexan tamén os nosos”.

´ Polo tanto, alumeados por Aquel que se manifesta para tod@s, estamos chamados a sermos tamén nós fachos que alumeen a tantos irmáns nosos que viven na escuridade, que alumeemos tantas situacións sociais adversas: o consumismo deste primeiro mundo, a fame que mata millóns de persoas, os escravos incontables, a natureza explotada, os ideais mortos... Porque só si tomamos en serio o noso compromiso activo coma cristiáns seremos capaces de alumear e vencer escuridades. De seguro que se escoitamos o noso corazón, tamén nós chegaremos a Belén.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Acheguémonos a carón do Deus que hoxe se nos manifesta como luz, paz e xustiza sen distinción de razas, culturas ou linguas, e digamos:

GRAZAS POR ALUMEAR A NOSA VIDA

Grazas pola Igrexa, comunidade de crentes, que quere ser testemuño levando a tod@s o amor de Deus: un amor universal, sen fronteiras, amplo, capaz de entender a todas as persoas e buscar a xustiza e o ben para todos os pobos, OREMOS.

GRAZAS POR ALUMEAR A NOSA VIDA

Grazas polas nosas comunidades, que queren ser lugares de encontro e de vivencia da nosa fe, sen excluír nin menosprezar a ninguén porque pertenza a outra cultura, porque fale outro idioma ou porque non pense coma nós. OREMOS.

GRAZAS POR ALUMEAR A NOSA VIDA

Grazas por tantas e tantas persoas que, ao noso carón, dan testemuño, coas súas palabras e accións, de que outro mundo é posible, converténdose así en estrelas que conducen aos irmáns e irmás cara Ti OREMOS.

GRAZAS POR ALUMEAR A NOSA VIDA

Alumea, Señor, o noso camiñar para que sexa xusto e solidario, e fainos testemuñas da túa luz e do teu amor. Pedímoscho por Xesucristo, noso Señor. Amén.

REFLEXIÓN

Queridos Reis Magos:

ensinádenos a crer en sinais, palabras e persoas,

ensinádenos a camiñar e superar dificultades,

ensinádenos a dar o noso tempo aos pequenos,

e aos enfermos, e aos que están solos,

ensinádenos a ver a imaxe de Xesús en todos eles,

ensinádenos a non ser conquistadores,

o voso reino é humilde, feito para o regalo,

ensinádenos a ser espellos de Xesús,

a falar do recén nacido neste noso mundo,

ensinádenos a enxugar bágoas e regalar tenrura.

Ensinádenos a ser amigos de Deus e dos cativos. Amén.

CANTOS

                                   Panxoliñas

Nadal 2 domingo

Herdeiros nunha mesma andaina: Deus chega para tod@s

Pórtico

                Durante moito tempo, mesmo para algúns agora, se ten afirmado desde dentro da Igrexa que fóra desta non hai salvación. Porén, a lectura de Paulo volve pornos de manifesto un principio fundamental na mensaxe e tarefa levada a cabo por Xesús: a salvación non é excluínte, senón que é ofrecida a tod@s. Deus revélase, asumindo a nosa condición humana, para que sexa acollido no corazón da tódalas persoas, sen deixar fora dela a ninguén.

            Non estaría de máis volver ler o texto de Paulo que hoxe imos proclamar nas lecturas para evitar crernos superiores ou con capacidade de, querendo asumir o papel de Deus, papel que non nos corresponde, decidir quen pode e quen non pode salvarse.

            Que a celebración de hoxe nos faga tomar conciencia de que estamos nas mans de Deus, non na capacidade de decisión das persoas, por moito báculo ou mitra que leven, para vivir a vida con fondura e sentido.       

Perdón

·         Por querer impor en moitas ocasións o que nos pensamos como o único criterio da fe, esquecendo que Cristo chega sen facer distincións, SEÑOR,QUE APRENDAMOS A ACOLLER.

·         Por non saber descubrir a túa presenza nos que pensan distinto ou viven sen aceptar que seguirte non significa ter que pensar todos igual, CRISTO, QUE APRENDAMOS A ACOLLER.

·         Por non estar dispostos a baixarnos das nosas opinións, rexeitando poñelas en común con quen ten visións distintas ás nosas, SEÑOR,QUE APRENDAMOS A ACOLLER. 

Remuíño

·         Porque a gloria do Señor fai saír o sol cada día sobre cada un de nós, podemos dicir sen medo e verdadeiramente convencidos que a salvación non deixa fóra a ninguén, ao contrario, todos estamos baixo a man acolledora do Deus que segue a confiar en nós, acompañándonos nos pasos que imos dando. El, sabendo estar ao lado, pídenos que aprendamos a deixar a súa pegada no que facemos, no que dicimos, no como e por que imos tomando decisións e enchendo de sentido, máis alá do pragmatismo, a nosa vida. Claro que isto lévanos a que tentemos, cada quen, de descubrir cal é o mellor xeito, desde o que facemos e o onde estamos, de responder a esta invitación que El nos fai. Que tamén nós saibamos ser sol que alumee a vida dos que están máis perto de nós e necesitan non o paso anónimo e soberbio, no que as veces caemos, senón a cercanía quente e agarimosa de quen sabe compartir tristuras e ilusionarse nos pequenos pasos que cada un de nós vai dando na vida. Aprender a prostrarnos, é dicir, poñerlle á vida rostro e nome, non é máis que converter a fe no que sempre quixo Xesús: servizo.

·         Por iso, con Paulo, tamén nós podemos dicir que a salvación, este neno cuxo cumpreanos estamos a celebrar, segue chegando para tod@s: homes ou mulleres, brancos ou negros, árabes ou occidentais, xitanos ou paios, católicos ou budistas, hinduístas ou musulmáns...por iso somos invitados, desde o testemuño que El nos deu, a dicir sen medo nin vergoña: gloria a Deus nas alturas, e paz ás xentes de corazón grande. Deus non quixo poñer fronteiras ao seu proxecto, por que nós nos empeñamos cada día non só en poñer fronteiras que separan, senón tamén muros que incomunican?.

·         Tamén nós, inda que nos pareza que non, necesitamos ir a Belén, como foron aqueles Magos. A eles en Belén mostróuselles que Deus é de todos e para todos, que non é propiedade de ninguén. Que contra da tentación neoliberal ao uso de privatizalo e individualizalo todo, a mensaxe de Xesús segue a falar de universalidade e apertura. Ámbalas dúas han ser guieiros da nosa vida, se non queremos caer nun cristianismo abstracto e baleiro, inda que estea, sen supornos nin comprometernos en nada, presente en nomes de rúas, festas de calendario ou espectáculos procesionais. Só na sinxeleza e na humildade (testemuño) seremos capaces de mostrar a Deus no noso facer e actuar. Belén é confianza, gratuidade, acollida, gozo, esperanza…tenrura. Poñámonos de verdade en camiño.

Oración da comunidade

            Poñámonos en actitude de comuñón, compartindo xuntos as nosas preocupacións e as nosas esperanzas, e digamos: 

GRAZAS POR QUERERNOS A TOD@S

  • Que cantos teñen responsabilidades na igrexa, non esquezan nunca que Xesús quere compartir as ledicias e angustias dos homes e mulleres do nosos mundo, OREMOS,

GRAZAS POR QUERERNOS A TOD@S.

  • Para que os que dalgún xeito colaboramos no crecer das nosas comunidades: participando nas celebracións, implicándonos nos grupos, formándonos para coñecer máis e mellor qué significa ser seguidor de Xesús, colaborando na catequese ou en Cáritas, animando o canto nas celebracións, visitando aos enfermos no nome da parroquia…non esquezamos que nós non somos máis que un pequeno gran de area no medio da gran praia que é o mundo, e evitemos crernos superiores ou mellores ca os demais, OREMOS.

GRAZAS POR QUERERNOS A TOD@S

  • Que cada un dos que nos xuntamos nos domingos para agradecer o don da fe, saibamos ter sempre presente na oración aos que non poden ou non queren estar, porque Deus non obriga, pero sempre quere,.OREMOS.

GRAZAS POR QUERERNOS A TOD@S

Grazas por volver lembrarnos que debemos loitar cada día contra da tentación de crernos mellores e superiores aos demais.P.X.N.S. Amén.

Reflexión

ORACIÓN INTERRELIGIOSA

Dóanos a serenidade

Deus, Pai de todas as xentes, dóanos a serenidade,

fai que en todo o mundo ninguén morra ou sufra

por enfrontamentos relixiosos ou por guerras de calquera xénero.

 

Esperta no ánimo de cantos se chaman crentes

o desexo ardente de actuar polo ben e a vida,

e en ningún caso para destruír e matar a un semellante.

Quita das mans de cantos se arman o desexo insaciable

do espallamento do sangue, froito do odio e do rancor.

Que non poidan atopar aceptación no corazón das persoas verdadeiras.

 

A este mundo aflixido de tantos males, entre eles a fame,

as enfermidades, a falta de traballo, a ausencia da verdadeira democracia,

dóalle un tempo de tranquilidade e de esperanza.

Que nunca aniñe no corazón da cada ser humano o temor

de ser morto nin polo terrorismo nin polas guerras asasinas.

 

Por riba do ceo, onde habitas sereno,

concédelle á humanidade enteira o vivir en paz,

confortada por persoas sabias e anhelantes

tranquilas na propia familia e na comunidade de tódolos pobos

que ti, Deus, doas aos teus fillos que nacen aquí.

Que no teu nome non volvamos facer la guerra.Amén

 

                                              (Sobre unha idea de Antonio Rungi, CP)

 

Cantos

ð  Entrada.- Vinde nenos e pastores (panxoliña)

ð  Lecturas .- Misioneiro

ð  Ofertorio.- Gloria ao Señor nas alturas (panxoliña)

ð  Comuñón.- Eu soñei; Déixate querer