Ir al contenido principal

3 Coresma


ESCÁNDALO PARA OS OPULENTOS E ESPERANZA DOS EMPOBRECIDOS:
O PAN DA SOLIDARIEDADE RACHA AS CADEAS DA CRISE
SIGNO DE CORESMA: A frase que escollemos para colocar este terceiro domingo arredor do signo principal é NON FAGADES DO CULTO UN NEGOCIO.
PÓRTICO
Temos unha fe que moitas veces atopa coa tentación de usar a Deus para conseguir os obxectivos da vida de cadaquén. Así elementos coma a saúde, o traballo, o amor, a seguridade... aparecen na nosa oración; e, a cambio deles, ofrecemos sacrificios, promesas, cartos ou misas.
Porén, Xesús volve lembrarnos que o sentido da vida e da relixión ten máis que ver cunha actitude de agradecemento e confianza cara aquel que nos amou primeiro que co intercambio de favores entre Deus e cada un de nós.
Que a celebración que agora comezamos nos axude a vivir co corazón aberto para comprender que con cartos podemos mercar unha cama cómoda, pero non un sono tranquilo; con cartos podemos comprar novas relacións, pero non unha verdadeira amizade; con cartos podemos comprar pracer, pero non felicidade. E, con cartos nunca podemos comprar a Deus... nin tampouco a nosa salvación. É importante que nunca o esquezamos.
O PERDÓN
      Por non acabar de entender que botarlle a culpa aos demais do que pasa non exclúe a nosa responsabilidade polo que temos feito, SEÑOR, TI TES PALABRAS DE VIDA.
      Porque o noso falar non ten cancelas, e o noso actuar deixa moito que desexar, CRISTO, TI TES PALABRAS DE VIDA.
      Polas veces nas que nos esforzamos máis por destruír que por ser construtivos alí onde estamos: familia, traballo, barrio, parroquia e amigos, SEÑOR, TI TES PALABRAS DE VIDA.
REMUÍÑO
      En tempos nada doados, Israel cae na conta da necesidade de deixar atrás o laio e a nostalxia do que fora antes para comezar a tomar decisións, desde o presente, que encarasen o seu futuro. O desenvolvemento da realidade do pobo nas súas múltiples facetas descobre logo a necesidade de organizarse para poder acadar calquera obxectivo, sexa este doado ou difícil. E o primeiro que necesitan é poñer á fronte do proxecto de renovación a alguén que puidera tirar cara a adiante; alguén con capacidade de facer as cousas non buscando o seu propio interese senón o de tod@s, o do pobo; alguén que non buscase enganar, senón encarar o traballo mirando sempre cara a adiante; alguén que non quixera ser nin escravo de ninguén nin señor da escravitude. Moisés vai ser o que desenvolva este cometido. A el corresponderalle o labor de ir reordenando as canles logo de tanto tempo esquecidas por mor da escravitude á que estiveran sometidos. Volver sentirse pobo en camiño, chamado, guiado e querido por Deus, é o primeiro paso para saír daquela situación. Tamén nós hoxe necesitamos reorganizar a nosa vida, retomar camiños abandonados, recompoñer valores e principios que foramos esquecendo, e cuxo abandono nos foi levando á situación na que agora estamos. Non esperamos coma Israel un populista que se poña á fronte; non o necesitamos. Para nós Xesús deixou un camiño aberto do que nos fomos afastando e ao que xa é hora que volvamos para deixar de ser escravos de tantos señores que non nos trouxeron máis que empobrecemento, falsas ilusións e moita desilusión e desesperanza. Deste xeito poñerémonos a construír un presente que, sabendo mirar ao futuro, non esquece as súas raíces.
      A raíces que como diciamos no Salmo, están impregnadas de palabras de vida. Non das palabras que hoxe nos saturan e abouxan, senón das palabras que nos alentan e non deixan que nos veñamos abaixo; as palabras que nos dan azos para continuar na tarefa; as palabras que nos abren a superar a tentación de caer na desesperación en momentos de dificultade; as palabras que nos abren á amizade compartida desde a confianza, o respecto e o recoñecemento dos demais; as palabras que nos falan de dignidade e de persoas por riba dos resultados, os balances ou a rendibilidade económica. Si, as palabras de vida que nos ofrece Deus queren ser alento, esperanza e esforzo continuado para mirar sempre cara a adiante, conscientes das dificultades e problemas que temos e seguiremos tendo, pero aos que lle facemos fronte persoal e comunitariamente. Todos somos importantes, ninguén imprescindible, por iso tódalas mans son poucas para seguir dando pasos que eviten quedar na metade do camiño, solos e desencantados, por sentírmonos enganados por aqueles nos que tiñamos confiando. As palabras que desde a fe proclamamos nas nosas celebracións non queren ser fermosas estampas literarias, senón azos para non deixar que a vida se pare e deixe as beiras dos camiños cheas de persoas ás que ninguén tende a man porque os ve como inimigos e nunca coma irmáns.
      Por iso han ser palabras que se convertan en accións e non caian en baleiro. Palabras que para moit@s serán escándalo porque non compoñen, senón que din a verdade, moitas veces dura, diante do que está a pasar e nos está a pasar. E a pesares do que os ben pensantes poidan considerar escándalo, nós consideramos que son sabedoría, porque expresan o respecto ao outro, que non nos resulta indiferente nin estraño. Nin somos lobos, nin inimigos, nin vingadores de uns para cos outros, senón irmáns dispostas a curar as feridas que circunstancias, decisións equivocadas ou ansias de poder van creando. Son, entón, as palabras que nós volvemos comportamentos e disposición para non renunciar a ser xustos, solidarios e comprensivos con quen é diferente; rigorosos e sen medo con quen pretende enganar e abusar da boa fe de quen non sabe nin coñece. En fin, son as palabras que, sen pretender imitar, pero si actualizar no aquí e agora que vivimos, levaron a Xesús, e han levarnos tamén hoxe a nós, a non permitir que o templo da vida se converta en lugar onde se engana, escraviza, abusa ou calumnia a quen non pensa coma nós, ten unha situación económica máis precaria ou se lle quere facer de menos por parte dos que mandan e toman decisións. Porque a casa de Deus –a sociedade na que vivimos e da que formamos parte- non é un negocio, non podemos permitir que os que teñen o poder a convertan nunha empresa onde só valen os resultados e se esquece ás persoas.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Señor, Ti lémbrasnos que a fidelidade verdadeira é a de corazón limpo e sinxelo e non a do cumprimento baleiro, por iso che dicimos:
QUE O NOSO CULTO SEXA DE CORAZÓN
      Pola Igrexa, que somos todos e todas nós e que moitas veces non ten sido nai e mestra, caendo nun materialismo disfrazado de falsa espiritualidade; para que neste tempo de coresma se esforce en transformar o seu corazón á misericordia e ao cambio de actitudes mercantilistas, OREMOS.
QUE O NOSO CULTO SEXA DE CORAZÓN
      Polas nosas comunidades, para que sexan templos de dignidade e respecto para todas as persoas, descubrindo e transmitindo que gratuidade, agradecemento e agarimo son as actitudes básicas que temos que ter cara a Deus, OREMOS.
QUE O NOSO CULTO SEXA DE CORAZÓN
      Por cada un e cada unha de nós, para que entendamos que o culto a Deus sen defensa da dignidade de todas as persoas non é culto a Deus, senón converter a casa de Deus en mercado, OREMOS.
QUE O NOSO CULTO SEXA DE CORAZÓN
Grazas, Señor por andar sempre canda nós, sacándonos das escravitudes que pexan a nosa vida e convidándonos a vivir na gratuidade. P.X.N.S. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
Olla ao teu redor e repara nisto:
non existe autoridade sen señorío,
sen rendas nin criados,
sen carreiras e sen cartos.
Non existe autoridade sen poder.
Somos tan pouca cousa que,
para facernos valer,
botamos man do que temos e non do que somos.
Pero Xesús non foi así.
El non foi un gran señor,
non estudou carreira algunha,
non tiña criados aos que mandar,
nin rendas que cobrar,
nin foi gobernador nin alcalde,
nin médico... nin tan sequera cura.
Pero tiña autoridade.
Tiña a autoridade da súa palabra, cálida e forte,
do seu obrar limpo e consecuente,
do seu ensinar libre e creador.
Falaba con autoridade.
Falaba e actuaba sen medos nin covardía.
Sen pedir opinión aos poderosos
sobre cal debía ser a súa palabra e cal o seu silencio.
Non negociaba cos grandes o límite das súas actuacións,
non lle escatimaba aos pequenos a súa presenza e a súa forza.
Admirámoste, Xesús de Nazaré,
por esa autoridade.
Benditos todos e todas nós,
chamados a ter parte na túa autoridade que nos fai libres,
chamados e vivir na gratuidade,
chamados a denunciar o comercio que se fai no nome da fe.
(M. Regal)
CANTOS
      ENTRADA: Seguirei os teus pasos
      LECTURAS: Lemos o Salmo
      OFERTORIO: Benaventurados
      COMUÑÓN: Non vou so/No colo de miña nai

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor