Ir al contenido principal

32 domingo TO C 2016

Esforcémonos por non perder a identidade; aprendamos a distinguila do inmobilismo e da intolerancia

CANTO GOZOSO
*      ENTRADA: Camiñar sen Xesús sen amor (Nº 68)
*      LECTURAS: Amóstrame, Señor os camiños da vida (Nº 20)
*      OFERTORIO: Eiquí están, Señor (Nº 32)
*      COMUÑÓN: Acharte presente (Nº 51)
ESCOITA ACTIVA
Para moitas persoas falar de identidade supón pecharse en si mesmas, e ser incapaces de percibir que hai outras culturas, outras linguas, outras falas, outras relixións, outras... Porén, non perder a identidade non significa caer no empobrecemento de quen se volve excluínte e intolerante. Ao contrario, saber quen somos e de onde vimos, valorar e prezar a nosa lingua, a nosa cultura o noso xeito de achegarnos á realidade das cousas, ha axudarnos a descubrir que o mundo é plural, que nel ninguén sobra, que a exclusión saca o peor de nós, que ninguén escolleu ser dun lado ou doutro. Tocounos. Por iso debemos valorar o noso; pero non desprezar o dos outros. E isto, tendo sido sempre importante, debe selo hoxe moito máis cando aparecen comportamentos que exclúen, apartan, desprezan ou ignoran a quen vén doutros sitios, a quen ten outra cultura, a quen ten outra maneira de ser e vivir. De aí que os que nos chamamos e sentimos crentes teñamos que dar testemuño de acollida, tolerancia e respecto para todos, especialmente para con quen vén de fóra, e chega escapando de situacións de pobreza e morte. Esta é a nosa tarefa; tamén o noso reto, para non deixar que no nome de Aquel en quen cremos, que nos falou sempre de igualdade, teñamos nin a máis mínima tentación de caer na exclusión e na indiferenza cara aos que veñen doutros países. Só se tentamos facelo así, terá sentido reunirnos no nome do Señor para celebrar, compartir e vivir a fe.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
·      Por todas as veces nas que caemos na tentación de sacar de nós palabras e comportamentos que non respectan a igualdade de tod@s; SEÑOR, LÉVANOS DA TÚA MAN.
·      Porque nos falta capacidade de acollida e sóbrannos actitudes que exclúen e diferenzan; CRISTO, LÉVANOS DA TÚA MAN.
·      Polas veces nas que coa precipitación nas nosas palabras ferimos as persoas e os sentimentos de quen necesita ser acollido; SEÑOR, LÉVANOS DA TÚA MAN.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
*      Non perder a identidade non supón pecharnos na intolerancia. A cultura na que imos crecendo e desenvolvendo a nosa vida no mundo rico, o norte, é unha cultura da présa e das présas. Unha cultura á que lle falta o repouso das ideas para que poidan asentar, e desde as que poidamos valorar o importante e non absolutizar o secundario, o que non ten importancia. Estamos habituados a escoitar que pouco a pouco imos perdendo a memoria de cales son as raíces das que provimos, cal é a nosa historia, onde situar a nosa identidade. E isto é unha mágoa porque produce unha fenda, moitas veces insalvable, entre xeracións. Se todo vai rápido, se as cousas están tan confusas que non sabemos cara onde imos ou como imos; se só vivimos na precariedade do provisorio e do día a día... que mundo querermos construír? que sociedade imos deixar para os que veñen detrás? que capacidade temos para separar unhas cousas das outras, evitando poñer todo no mesmo nivel, como se non houbera diferenzas? Para os crentes, ante esta situación de perplexidade, a Palabra de Deus quere ser sempre unha fonte desde a que nos esforcemos por construír, por asentar, por desenvolver o cara onde imos, e de responder por que estamos aquí. A primeira lectura, do libro dos Macabeos, preséntanos non unha experiencia de intolerancia, senón de fidelidade e confianza. Dúas actitudes que tantas veces hoxe botamos en falta!, porque se non somos capaces de valorar e considerar o que outras xeracións nos foron legando, co seu esforzo, como seremos entón capaces de deixarllo aos que veñen tras de nós? Se seguimos por este vieiro de pensar que somos únicos, que o de atrás non vale nada, que é o presente, non o pasado nin o futuro, o que hai que valorar, non atoparemos máis que baleiro, sensentido e moita angustia froito da inseguridade de non saber nin cara onde nin desde onde. A esperanza non nace sola, é necesario ila traballando.
*      E esta esperanza a nós chéganos a través de Xesús. É a esperanza á que se refire Paulo cando lle di aos Tesalonicenses, "Deus deunos gratuitamente azos duradeiros e boa esperanza". Un agasallo de balde e sen as présas coas que nos movemos no mundo actual. É a esperanza duradeira, que non se deixa abater pola premura de quen vive nunha inseguridade insatisfeita e permanente que o levan a non poder nin saber buscar rumbo nin sentido á vida. A falta desta esperanza fai que moitas persoas persistan nunha permanente nebulosa que vai escurecendo cada pouco as ilusións e os proxectos. Cando o hoxe o absorbe e eclipsa todo, non queda máis que acumular moitas cousas para non ter tempo de repousalas, pensalas, ordenalas e organizalas. As cousas ao chou poden aliviar o momento; pero producen unha fenda permanente que non nos axuda a facer o camiño da vida co acougo e a paz que se necesitan para orientar e escoller ben cara onde e con quen queremos facer este camiño. Un camiño que seguindo as pegadas de Deus non se esgota, ao contrario, ten vocación de perseveranza. Igual ca nós. Non deixemos que ninguén nola roube.
*      Unha perseveranza que fai posible que El sega a ser un Deus de vivos e non de mortos; un Deus para a vida e non para a morte. Acaso non é iso o que celebramos sempre que despedimos a un familiar, un amigo ou un veciño na fe? E se é un Deus de vivos, aqueles que confiamos e confesamos a fe nel, estamos chamados a ser homes e mulleres de esperanza entre os vivos. Isto pide de nós o esforzo por non renunciar a mirar cara adiante: o futuro será o que nós esteamos dispostos a construír desde o o presente. Non podemos esquecer que o que hoxe somos é grazas ao esforzo e traballo dos que onte estaban, para que sexamos conscientes de cales son as nosas raíces e a quen debemos dar grazas e non esquecer nunca. Porque o pasado non se mira con nostalxia, senón con proxección de futuro, ao modo de Xesús. Non caiamos tamén nós na órbita dos saduceos, que ademais de non crer na esperanza, buscaban confundir a Xesús intentando presentarse como os grandes coñecedores das tradicións do seu pobo. E se non queremos ser coma eles, o camiño ao que nos invita Xesús é o de discernir, diferenciar, clarificar e escoller o que mellor nos axude a manter que cara oa futuro camiñamos, non con resignación, senón cheos da ilusión e da forza de quen se sabe acompañado ata conseguir acadalo.
FRATERNIDADE ORANTE
Deus convócanos a compartir este momento de oración. Facémolo xunt@s e dicindo:
SEÑOR, EN TI SABEMOS ESPERAR
*      Para que a Igrexa non caia na tentación da ser unha Igrexa triste e chea de normas que escurecen a frescura do Evanxeo, OREMOS.
SEÑOR, EN TI SABEMOS ESPERAR
*      Para que o noso sexa un esforzo continuo, de xeito que nas nosas parroquias aprendamos a ser sementadores de todo canto une, alenta e anima a non deixarnos levar da desesperanza, OREMOS.
SEÑOR, EN TI SABEMOS ESPERAR
*      Para que o noso actuar, coherente coa fe que cremos e confesamos, sexa sempre buscar a achega aos máis débiles e necesitados do mundo no que vivimos: enfermos, maiores, nenos, inmigrantes, persoas solas..., OREMOS.
SEÑOR, EN TI SABEMOS ESPERAR
Señor, en Ti poñemos a nosa confianza, porque, inda que os demais nos fallen, Ti segues sempre ao noso lado. P.X.N.S. Amén.
MIRADA DE ESPERANZA
A esperanza bíblica e cristiá non significa unha vida nas nubes, o soño dun mundo mellor. Ela non é unha proxección daquilo que quixéramos ser ou facer. Ela lévanos a ver as sementes deste novo mundo xa presente hoxe en día, a causa da identidade do noso Deus, a causa da vida, da morte e resurrección de Xesucristo. Esta esperanza é mesmo unha fonte de enerxía para vivir doutro xeito, para non seguir os valores dunha sociedade fundada sobre o desexo de posesión e competición. Para os primeiros cristiáns, o sinal máis claro deste novo mundo era a existencia de comunidades compostas de xente de distintos orixes e linguas diversas. A causa do Cristo, estas pequenas comunidades xurdían por todo o mundo mediterráneo. Sobrepasaban todo tipo de divisións que lles impedían estar preto uns dos outros,. Estes homes e mulleres vivían coma irmáns e irmás, coma a familia de Deus, rezando xuntos e compartindo os seus bens.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor