Ir al contenido principal

Cristo Rei 2016 C


NO REMATE DO CAMIÑO FACEMOS BALANCE DESDE A MISERICORDIA DE QUEN PON O SEU CORAZÓN AO SERVIZO DOS NINGUÉN

Descarga o ficheiro

CANTO GOZOSO
  • ENTRADA: Vinde axiña (Nº 10)
  • LECTURAS: Aquí estou Señor para facer a túa vontade
  • OFERTORIO: Veña o teu Reino (Nº 88)
  • COMUÑÓN: Acharte presente (Nº 51)
ESCOITA ACTIVA
Hoxe pechamos un ciclo da nosa vida litúrxica. A festa que celebramos neste domingo, Cristo Rei, é o final dun camiño que comezabamos hai un ano para preparar, no tempo de Advento, a chegada do Nadal. Ao longo deste ano temos rezado xunt@s e compartido momentos de festa e ledicia; pero tamén de tristura e dor. En todos eles sempre tentamos que a comunidade estivese presente, porque é na súa solidariedade e achega como mellor se mostra que o Deus cuxa fe confesamos no credo está aquí, con nós; que non nos deixa solos nin nos dá as costas. É un Deus Rei, si, pero desde un reinado moi afastado da moda, porque reina en xenerosidade, esperanza, perdón, misericordia, solidariedade, compaixón... Un reinado no contrapunto do noso mundo. Por iso segue a pagar a pena celebrar, compartir e agradecer esta fe que sempre move os corazóns a poñer a mirada no alguén que comparte este mesmo reinado mostrándose coma irmán.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
  • Polas veces nas que non deixamos que as palabras de Xesús rompan a nosa insensibilidade e a nosa falta de ilusión; SEÑOR,QUE NON DESHUMANICEMOS A NOSA VIDA.
  • Porque somos máis dados a consumir e perder tempo no que nos entristece, que a investilo e compartilo no que nos alegra; CRISTO, QUE NON DESHUMANICEMOS A NOSA VIDA.
  • Polas veces nas que deixamos secar dentro de nós o que nos achega aos demais, e favorecemos o que nos enfronta e separa deles; SEÑOR, QUE NON DESHUMANICEMOS A NOSA VIDA.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
Aquí nos tes“. Estas palabras que escoitabamos na primeira lectura postas en boca de dos membros das tribos que compoñían Israel, sérvennos tamén a nós para manifestar a como ha ser a nosa actitude ante a invitación que o o seguimento de Xesús nos propón. Tamén nós, se queremos facer da misericordia actitude permanente e da fe experiencia de encontro con Deus desde o servizo aos demais, temos que converter o aquí nos tes en sinal que nos vai guiando no acontecer das nosas vidas. Non debe ser, logo, un aquí nos tes de imposición, senón de servizo, de xenerosidade, de compromiso ético e coherente de darlle contido á nosa vida e recoñecemento e igualdade no trato cos demais. A experiencia do vivido ao longo deste Ano da Misericordia, que xa deixamos atrás no calendario; pero que ha seguir sempre presente no corazón e no actuar de cada un de nós. Vivir a fe é un proceso que comeza no bautismo e vaise desenvolvendo ao longo de toda a nosa vida, ata converterse nunha experiencia que enriquece, humaniza, esperanza e mostra sempre a urxencia e a necesidade de facelo en comunidade. Porque solos podemos camiñar un treito do camiño, pero en comunidade, axudando e sendo axudados, ben seguro que conseguiremos chegar ata o final. E aí, no seu remate, lograremos entender en toda a súa plenitude e sentido, como o aquí nos tes da nosa disposición e entrega, descóbrese no encontro definitivo coa persoa de Xesús, quen nos acolleu no comezo e nos acompañou ao longo de todo o camiño.

E en tempos nos que cadaquén reivindica a súa parcela de poder e recoñecemento do seu, Paulo invítanos a cambiar de rexistro cando nos propón a acción de grazas como eixo do que ha ser a tarefa de desenvolver o sentido do que facemos e do recoñecemento de Deus como sentido profundo desde onde afrontar o desenvolvemento da vida de cada un de nós. Deus como amigo, forza, presenza esperanzada, solidariedade, tenrura... xenerosidade. Non é entón o Deus a quen rezamos e baixo cuxo amparo poñemos a nosa vida un algo indefinido, senón un alguén que lle dá rostro aos moitos “ninguén” que a sociedade na que vivimos vai deixando polo camiño. Neles, en tódolos ninguén esquecidos, ignorados, excluídos... Deus maniféstase para que o recoñezamos. Por iso a nosa acción de grazas é experiencia que sae do corazón, do que vivimos, do que sentimos, do que somos capaces de facer polo outro/s, e non palabras baleiras que soan sen que se lle preste atención. Esta é a luz na que nos incorpora o bautismo, e desde a que sentimos a fe que nos reúne aquí hoxe, que nos alenta na familia, no traballo e en calquera outra situación na que nos atopemos. E porque El é, nós nunca poderemos tampouco deixar de selo: comunidade.

Este é o reinado de Cristo; o reinado que hoxe, como festa litúrxica do noso calendario, estamos aquí a celebrar. Lonxe de calquera tentación de identificar reinado con poder, gloria, recoñecemento, dominio..., facemos memoria agradecida de todos os momentos que temos compartido servindo, poñendo ledicia no corazón das persoas tristes, compaña na vida de quen estaba só, sorriso nos ollos de quen pasaba por momentos de sufrimento e dor. En fin, este final do ano litúrxico na festa de Cristo Rei, non é final de moqueo do ben que o fixemos, senón agradecemento por todo canto poidamos facer para que o latexo dos corazóns de moitas persoas siga sendo quentura de fraternidade, e non xeo de conxelación. Que mellor paraíso ca este para sentírmonos acompañados polo Señor!
FRATERNIDADE ORANTE
Nesta festa de Cristo Rei, queremos agora compartir a nosa oración comunitaria dicindo xunt@s:
VEÑA A NÓS O TEU REINO DE XENEROSIDADE, SEÑOR
ˣ   Para que a Igrexa sexa berce de aloumiño e acollida para quen se sente triste, incomprendido e derrotado; e non cárcere de normas e dogmas, OREMOS
VEÑA A NÓS O TEU REINO DE XENEROSIDADE, SEÑOR
ˣ   Para que nos esforcemos por conseguir que nas nosas comunidades o reinado de Cristo se manifeste como axuda, diálogo, escoita e dispoñibilidade para estar ao lado de quen nos necesite, OREMOS.
VEÑA A NÓS O TEU REINO DE XENEROSIDADE, SEÑOR
ˣ   Para que a misericordia de Deus siga a abrandar os nosos corazóns, e saibamos descubrilo como o que ama e se alegra cando estamos ao lado dos excluídos e desprezados, dos que teñen dor, dos que están enfermos, dos que non ven máis que fracaso nas súas vidas, dos que chaman en moitas portas e ninguén lles abre, OREMOS.
VEÑA A NÓS O TEU REINO DE XENEROSIDADE, SEÑOR
Señor, neste final do ano litúrxico, ao celebrar a festa de Cristo Rei, teñamos sempre presente que o teu non é un reinado de poder e dominio, senón de servizo, tenrura e amor. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
VIVIR COMO XESÚS
Cando pensamos primeiro nos outros...
Cando nos preocupamos polos demais...
Cando acudimos en axuda do que necesita...
Cando nos acordamos do que temos ao lado...
Cando compartimos os bens que temos...
Cando acompañamos aos que sofren...
Cando damos o noso tempo para beneficio de outros...
Cando colaboramos para mellorar a situación dos que menos teñen...
Así é como vivimos á maneira de Xesús.
Veña a nós o teu Reino. Amén.

Comentarios

Entradas populares de este blog

5 Domingo TO B 2018

PERSOAS LOITADORAS, NON SUFRIDORAS Descarga o ficheiro
CANTO GOZOSO
öENTRADA: Amigos nas penas
öLECTURAS: O Señor é o meu pastor (Nº 27)
öOFERTORIO: Acharte presente na vida (Nº 51)
öCOMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55)
PARA NON PERDER O PASO
Cando unha cousa non nos serve, cando non ten nada que poidamos obter dela, deixámola de lado. Na nosa vida de fe, ocorre que moitas veces estamos ermos: non sentimos nada e somos incapaces de poñer en relación canto rezamos co que facemos cada día. Deste xeito, pouco a pouco, váisenos apagando a chama da fe e convertemos todo o que di relación con ela en puro e simple costume, comercio, acto social ou tradición, inda que ás veces o queiramos revestir de cultura para poder mantelo.
Fronte desta situación, os textos que hoxe imos proclamar chámannos a non deixarnos caer nesta tentación, a esforzarnos por non deixar que esmoreza a esperanza, a aprender a gozar do moito que nos enriquece e aporta a fe. Non imos solos, temos un amigo ao noso lado: Xesús. Deixemos…