Ir al contenido principal

Santa Maria Nai de Deus 2017


aínda que o pareza, nada é igual. Todo pasa, todo cambia... tamén nós. venturoso ano novo para tod@s!
Descarga o ficheiro

CANTO AGRADECIDO
PANXOLIÑAS

§  ENTRADA:
§  LECTURAS:
§  OFERTORIO:
§  COMUÑÓN:
ESCOITA ACTIVA
A moitas persoas estas datas parécenlle tristes; a outras, canseiras; a moitas outras, aburridas e baleiras de contido; tamén os hai que non soportan á familia, polo que estes días son para eles unha verdadeira cruz. E a nós? Si, a cada un e cada unha dos que estamos hoxe aquí. Temos pensado que significan persoalmente –non nos deixemos levar polo que din e lle oímos aos demais- estas celebracións cristiás?. Si, escoitamos ben: cristiás, porque o que celebramos é que Deus nace e que María ábrelle o seu corazón, toda a súa vida para acollelo e gozar tamén da salvación que nos vén traer.
Por iso estamos hoxe aquí, para celebrar, aledarnos, agradecer e poñer este ano que comeza baixo o amparo da forza de Deus e a tenrura de María, Nai e educadora que desde a paciencia foi facendo posible que Xesús acabara dicindo: benaventurad@s. Pois nesta benaventuranza comecemos a celebración de hoxe.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
  • Porque a forza coa que comezamos o ano rapidamente se converte en desánimo e pesimismo; SEÑOR,ALÉNTANOS COA TÚA COMPAÑA. 
  • Porque só facemos bos propósitos, pero sen esforzarnos por poñelos en práctica; CRISTO, ALÉNTANOS COA TÚA COMPAÑA.
  • Porque somos moi de presente, e esquecemos que o esforzo é o que nos abre camiños e proxectos de futuro; SEÑOR, ALÉNTANOS COA TÚA COMPAÑA.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
Deus bendinos coa súa tenrura e paz. A súa bendición é camiño de vida e renovación, de presenza; pero tamén de lembranza para cada un de nós de que temos como tarefa, alí por onde pasemos, ser homes e mulleres de paz. Paz no dicir, no facer, no construír. Como nos di o papa Francisco na mensaxe para este día: “A non violencia é o estilo dunha política para a paz”. Só quen ten o corazón grande para entender que as cousas non se amañan nin coa indiferenza nin tampouco co enfrontamento é capaz de entender a mensaxe de Xesús e facela súa para así vivila. Só quen ten o corazón grande para entender que as cousas non se amañan nin coa indiferenza nin tampouco co enfrontamento é capaz de entender o que estamos a facer hoxe, agora mesmo na igrexa parroquial, neste primeiro de ano, no día no que celebramos que o si de María fixo posible que a súa Maternidade fose universal e nos acollera a tod@s no seu Fillo. Ese si, abriu a moitas persoas a facer da Palabra de Xesús guieiro desde o que que estar no mundo con actitudes que acheguen, unan, perdoen, valoren o que os demais fan, entendan que a solidariedade é preocuparse dos demais. E polo tanto sexan/mos persoas de paz. Por iso, coas palabras de Francisco, escritas na súa mensaxe para esta Xornada da Paz, esforcémonos tamén nós para:
      Deus en cada persoa nos permita recoñecernos uns aos outros como dons sagrados dotados dunha inmensa dignidade.
      Que a caridade e a non violencia guíen o modo de tratarnos nas relacións interpersonais, sociais e internacionais. Cando as vítimas da violencia vencen a tentación da vinganza, convértense nos protagonistas máis cribles nos procesos non violentos de construción da paz.
      Que a non violencia se transforme, desde o nivel local e cotián ata a orde mundial, no estilo característico das nosas decisións, das nosas relacións, das nosas accións e da política en tódalas súas formas.
      A violencia non é a solución para o noso mundo fragmentado.
      Tamén Xesús viviu en tempos de violencia. El ensinou que o verdadeiro campo de batalla, no que se enfrontan a violencia e a paz, é o corazón humano.
      A mensaxe de Cristo, ante esta realidade, ofrece unha resposta radicalmente positiva: el predicou incansablemente o amor incondicional de Deus que acolle e perdoa, e ensinou aos seus discípulos a amar aos inimigos.
      Quen acolle a Boa Nova de Xesús recoñece a súa propia violencia e deixase curar pola misericordia de Deus, converténdose á súa vez en instrumento de reconciliación, segundo a exhortación de san Francisco de Asís: «Que a paz que anunciades de palabra a teñades, e en maior medida, nos vosos corazóns».
      O amor aos inimigos constitúe o núcleo da “revolución cristiá” (Bieito XVI)
      A construción da paz mediante a non violencia activa é un elemento necesario e coherente do continuo esforzo da Igrexa para limitar o uso da forza por medio das normas morais, a través da súa participación nas institucións internacionais e grazas tamén á aportación competente de tantos cristiáns na elaboración de normativas a todos os niveis.
      A Igrexa Católica acompañará todo esforzo de construción da paz tamén coa non violencia activa e creativa. Hoxe, 1 de Xaneiro de 2017 comeza a súa andaina o novo Dicasterio –organismo do Vaticano- para o Servizo do Desenvolvemento Humano Integral, que axudará á Igrexa a promover, con crecente eficacia, «os inconmensurables bens da xustiza, a paz e a protección da creación» e da solicitude cara aos emigrantes, «os necesitados, os enfermos e os excluídos, os marxinados e as vítimas dos conflitos armados e das catástrofes naturais, os encarcerados, os desempregados e as vítimas de calquera forma de escravitude e de tortura»
Os pastores sentiron a ledicia de atopar, na súa sinxeleza, a Xesús na humildade dos pobres. Que tamén nós, nesta tarefa de ser unha Igrexa pobre e dos pobres, traballemos, desde a non violencia, por defender os valores que poñen ás persoas no centro do actuar e vivir, e non os intereses do ricos e poderosos. Porque facéndoo deste xeito estamos abrindo un camiño novo fronte aos que pensan que son as bombas e non a educación o que fai da paz o camiño polo que ir avanzando na nosa vida.
FRATERNIDADE ORANTE
Chamados a aprender a mirar máis alá das paredes dos nosos templos, ergamos a mirada cara a confianza en Deus, e digamos xunt@s:
QUE A PAZ E A XUSTIZA SEXAN GUIEIROS DO NOSO ACTUAR
  Para que a Igrexa traballe por mirar e transformar o mundo; e coma os pastores, saiba aledarse con quen é tratado con xustiza, con respecto, con igualdade e sen violencia; OREMOS.
QUE A PAZ E A XUSTIZA SEXAN GUIEIROS DO NOSO ACTUAR
  Para que nas nosas parroquias non pensemos nunca que por vir á Igrexa somos mellores que aqueles que non veñen e traballemos por dar testemuño de que, se todos nos esforzamos, a paz e a xustiza son posibles; OREMOS.
QUE A PAZ E A XUSTIZA SEXAN GUIEIROS DO NOSO ACTUAR
  Para que, sentindo a forza da bendición de Deus neste primeiro de ano, non deixemos que o maltrato, a violencia, o abuso, a corrupción ou calquera outra acción que faga de menos ás persoas, medre alí onde nós vivimos, traballamos ou vemos a persoas que non son tratadas con igualdade; OREMOS.
QUE A PAZ E A XUSTIZA SEXAN GUIEIROS DO NOSO ACTUAR
Que traballemos pola xustiza e a construción de sociedades igualitarias, fraternas e non violentas. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Cristo naceu, morreu e resucitou por todos. Desde esta sensibilidade humana e cristiá pensamos en tantas persoas que están a sufrir o despropósito da guerra, a violencia da fame e da pobreza, o sensentido da difusión do tráfico de armas, e a violación en definitiva dos dereitos humanos. Vivimos tempos nos que se multiplica a violencia, que é signo do escurecemento da verdade, do esquecemento da xustiza e da perda do amor. Crucemos as fronteiras da nosa pasividade e da nosa insensibilidade e mergullémonos na dor e no sufrimento de tantos irmáns nosos, participando vivamente nesta xornada de oración. Respondamos a esta petición do Papa. A solidariedade da familia humana é camiño para a paz. Oremos e traballemos xuntos en favor da paz.
(Monseñor Xulián Barrio, setembro 2017)

Comentarios

Entradas populares de este blog

5 Domingo TO B 2018

PERSOAS LOITADORAS, NON SUFRIDORAS Descarga o ficheiro
CANTO GOZOSO
öENTRADA: Amigos nas penas
öLECTURAS: O Señor é o meu pastor (Nº 27)
öOFERTORIO: Acharte presente na vida (Nº 51)
öCOMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55)
PARA NON PERDER O PASO
Cando unha cousa non nos serve, cando non ten nada que poidamos obter dela, deixámola de lado. Na nosa vida de fe, ocorre que moitas veces estamos ermos: non sentimos nada e somos incapaces de poñer en relación canto rezamos co que facemos cada día. Deste xeito, pouco a pouco, váisenos apagando a chama da fe e convertemos todo o que di relación con ela en puro e simple costume, comercio, acto social ou tradición, inda que ás veces o queiramos revestir de cultura para poder mantelo.
Fronte desta situación, os textos que hoxe imos proclamar chámannos a non deixarnos caer nesta tentación, a esforzarnos por non deixar que esmoreza a esperanza, a aprender a gozar do moito que nos enriquece e aporta a fe. Non imos solos, temos un amigo ao noso lado: Xesús. Deixemos…