Ir al contenido principal

18 Domingo TO B 2021

E o pan fíxose alimento de dignidade e liberdade!

CANTO GOZOSO

  • ENTRADA: Pedras vivas
  • LECTURAS: Aquí estou, Señor, para facer a túa vontade 
  • OFERTORIO: Pan do ceo, pan de vida (Nº 53)
  • COMUÑÓN: Ti é-lo pan do ceo (Nº 54)

ESPERTANDO Á RENOVACIÓN

Na calor destes días comezamos o mes de agosto, mes de reencontros e sorrisos. Para unhas persoas é tempo de volver ás parroquias de orixe, de comezar as vacacións, de non estar suxeitas a horarios fixos e ríxidos; é tamén tempo de paseos tranquilos que invitan a reflexións e á contemplación da grandeza da Casa Común que compartimos e debemos coidar. Porén, para outras persoas agosto é mes de traballo, de moitas horas de estar ao pé do canón para atender, servir, moitas veces aguantar, a quen está a gozar do seu tempo de lecer. Mais para todos e todas é tempo para seguir compartindo a fe no Deus no que nos recoñecemos como imaxe súa, e que nos volve invitar a facer do encontro comunitario do domingo experiencia de compartir no pan a vida desde a esperanza que supera desacougos e nos abre a solidariedade.
Poñamos o mellor de nós na celebración que agora comezamos para que este proxecto de amor de Deus teña continuidade no noso actuar sempre na defensa das persoas e da súa dignidade.

ABRÍNDONOS Á MISERICORDIA

  • Por non ter sido sempre pan de escoita e acompañamento para coa persoa que estaba soa, SEÑOR, RECOÑECÉMONOS FRÁXILES E PRECISAMOS DE TI.
  • Polas veces nas que poñemos distancia coas persoas que sabemos que nos precisan: CRISTO, RECOÑECÉMONOS FRÁXILES E PRECISAMOS DE TI.
  • Porque, moitas veces, facemos oídos xordos a túa presenza e compaña na nosa vida. SEÑOR, RECOÑECÉMONOS FRÁXILES E PRECISAMOS DE TI.

PALABRA PROCLAMADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ÉXODO

Toda a comunidade murmuraba no deserto contra Moisés e Aarón. Dicían: -"¡Sequera morrésemos pola man do Señor na terra de Exipto, sentados ó redor dos potes de carne e con pan a fartar! Trouxéstesnos a este deserto, para matar de fame a toda esta comunidade".

O Señor díxolle a Moisés: -"Vou facer chover un pan do ceo para vós. O pobo sairá e collerá o que lle cumpra para o día. Quero poñelo á proba, para ver se anda ou non coa miña lei.

-"Oín as murmuracións dos israelitas. Dilles isto: O anoitecer teredes carne que comer e pola mañá pan a fartar. E saberedes que eu son o Señor, o voso Deus".

O serán viñeron paspallás e cubriron o campamento. Pola mañá había nos arredores unha capa de orballo. Cando esvaeu o orballo, apareceu no deserto unha capa miúda, coma escamas miúdas, que semellaban xeada sobre o chan. Os israelitas, ó que o viron, preguntábanse uns ós outros: -"¿Que é isto?" Pois non sabían o que era aquilo. Palabra do Señor. Grazas a Deus.

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

En vendo a xente que Xesús non estaba alí, nin tampouco os seus discípulos, montaron nos botes e chegaron a Cafarnaúm buscando a Xesús. Atopárono na outra banda do mar e dixéronlle: -Rabbí, ¿cando chegaches aquí?
Xesús contestoulles: -Con toda verdade volo aseguro: buscádesme non porque vistes sinais, senón porque comestes pan ata vos fartar. Traba-llade non polo pan que se acaba, senón polo que dura deica a vida eterna, o que vos dará o Fillo do Home: pois el é a quen o Pai Deus marcou co seu selo.
Eles preguntáronlle: -¿Que temos que facer para realiza-las obras de Deus?
Respondeu Xesús: -Esta é a obra de Deus: que creades naquel que El mandou.
Replicáronlle: -¿Que sinal fas ti, para que véndoo creamos en ti? ¿Que podes facer? Os nosos pais comeron o maná no deserto, conforme está escrito: deulles a comer pan do ceo.
Entón díxolles Xesús: -Con toda verdade volo aseguro: non foi Moisés quen vos deu o pan do ceo; meu Pai é quen vos dá o verdadeiro pan do ceo: pois o pan de Deus é o que baixa do ceo e que lle dá vida ó mundo.
Dixéronlle entón: -Señor, dános sempre dese pan.
Xesús respondeulles: -Eu son o pan da vida: quen vén onda min, non pasará fame e quen cre en min, endexamais non terá sede . Palabra do Señor. Gloria a Ti, Señor Xesús.

PALABRA REMOÍDA

  • A comunidade murmuraba contra Moisés, dinos a primeira lectura. Non eran capaces de abrirse ás dificultades de experimentar algo novo, de arriscar, de propoñer cambios, de saír das zonas de conforto. Que difícil!, pero tamén, que necesario facelo! Para non apegarnos ao de sempre, ao mesmo, ao que nos fai entrar na rutina da desidia, o aburrimento, o cansazo; que ademais de non ilusionarnos, vai minando as nosas conviccións, os que foron os nosos proxectos, todo canto nos esperanzou e alegrou a vida. Pensemos nos matrimonios que se deixan levar polo costume e entran na rutina de estar xuntos sen quererse nin preocuparse un do outro; nos fillos que viven o seu estar na casa como se estivesen nunha pensión; na comodidade de manter unha relación de amizade, a pesares de que o contacto con esas persoas nos violenta interiormente ou nos predispón á sensación de desacougo e fracaso. Pensemos en tantas situacións da nosa vida que necesitan, que precisan, que urxen un cambio. Non teñamos medo e arrisquemos! Non fagamos coma os israelitas que, no cumio da súa contradición, por unha banda, non estaban a gusto co xeito como os trataban os exipcios; pero pola outra, por preguiza e comodidade protestaban polo que deixaran atrás, cando se lles estaba pedindo un esforzo, un cambio nas súas rutinas, un saír das súas zonas de conforto para acadar o que facía tanto tempo perderan: a liberdade! Non teñamos medo a loitar pola nosa liberdade/s, e non nos deixemos atrapar na rede do conforto que só nos trae desilusión, desesperanza, pesimismo visual, e sensación de que non temos máis ca o que merecemos por non arriscar. Miremos cara adiante, non teñamos medo!
  • Vendo a xente que Xesús non estaba alí, montaron nos botes buscando a Xesús. Así comeza o evanxeo que acabamos de escoitar. Buscaban a Xesús. En principio poderíase pensar que era que o facían porque se identificaban co seu proxecto e co que El facía, pero vemos que parece que non era así. Buscábano polo interese, e iso a Xesús lévao a desenmascarar a súa hipocrisía, a súa falta de coherencia e honestidade, a súa pouca disposición a saír da súa zona de conforto. Por iso é tan duro nas palabras que lles dirixe. Fronte a este intento de utilización da súa persoa, e para evitar confusións, Xesús insiste no importante: o pan non é só algo material; o pan remite á dignidade, á necesidade de poñer o mellor de cada quen para facer a vida máis libre, digna, humanizadora e feliz ás persoas que compartimos a Casa Común. Porque a isto é ao que nos urxe, non só invita, o evanxeo. Saír dos nosos lugares, miradas, relacións... de conforto, para poñer a mirada nas demais persoas, traballar para facer, de verdade, mesa fraterna.

  •  Non importa se o mantel é de liño ou non, o importante é humanizar a nosa fe, a maneira de vivila desde o compartir. Pero non compartir calquera cousa ao chou, senón compartir a ilusión por ser iguais; compartir que, por moito que algúns queiran, non somos superiores nin máis uns aos outros; compartir que podemos cambiar cousas sen que o mundo se nos veña enriba; compartir que nesta tarefa non imos sos;  compartir que querer prescindir dos demais só nos fai caer no noso bucle de desacougo, desesperanza e tristura interior. Poñamos entón a mesa, non excluamos a ninguén, que senten nela tódalas persoas que queiran sen pedirlles cartóns de “ortodoxia” formal e ritualista. rachemos co individualismo... non deixemos endurecer o pan!

COMPARTINDO O QUE NOS UNE

Deus convócanos cada domingo ao redor da mesa do pan compartido que nos humaniza e  fai da nosa mirada fraternidade. Deixándonos levar desta chamada, dicimos:

QUE A NOSA PREGUIZA NON NOS LEVE A DEIXAR RESECAR O TEU PAN NAS NOSAS ALACENAS

  • Que nunca esquezamos que somos igrexa  fraterna e chamada a poñer o pan do altar ao servizo dun mundo máis libre, digno e xusto. Oremos.

QUE A NOSA PREGUIZA NON NOS LEVE A DEIXAR RESECAR O TEU PAN NAS NOSAS ALACENAS

  • Que  as nosas parroquias non deixen nunca de ser artesas onde se garde o trigo que nos leve a facer pan que escoita, acolle, acompaña e nos descubre coma irm@s. Oremos.

QUE A NOSA PREGUIZA NON NOS LEVE A DEIXAR RESECAR O TEU PAN NAS NOSAS ALACENAS

  • Para que nós non nos deixemos vencer polo derrotismo que non nos deixa saír das zonas de conforto e nos levan a afastarnos da frescura que nos aporta a fe. Oremos.

QUE A NOSA PREGUIZA NON NOS LEVE A DEIXAR RESECAR O TEU PAN NAS NOSAS ALACENAS

Grazas, Señor, por volver convocarnos ao redor da túa mesa de acollida e fraternidade. Que nunca nos afastemos dela. Por Cristo o noso Señor. Amén.

AGRADECENDO O DON DA FE

Hai que buscar alternativas persoais, familiares, sociais e políticas baseadas no coidado, o servizo ao ben común, a non violencia, o diálogo, a reconciliación, levantar pontes e non muros, prioridade dos pobres e descartados. Si se afirma desde a ecoloxía que cando unha bolboreta voa en Nova Iorque, chove en Birmania… moito máis eficaz é calquera xesto humano por pequeno que sexa para sanear e cambiar o ambiente social, humano e alongando, tamén político: nais que se entregan aos seus fillos, voluntarios mocidade, ecoloxistas, mestres, médicos e enfermeiras que atenden con agarimo aos seus pacientes, dirixentes honestos, ONGs como Open arms, pobres e indíxenas que son suxeitos dunha nova historia, o amor é máis forte ca morte.

O crentes non podemos caer nestas actitudes sociais e relixiosas fatalistas e apocalípticas. Os que nos confesamos cristiáns temos de recoñecer que Deus Pai-Nai segue amando ao mundo, que Xesús de Nazaret polo seu misterio pascual libéranos do pecado e da morte, que o Espírito do Señor enche o universo.

( Víctor Codina, SJ, Profetas de calamidades? )

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

2 Pascua 2023

A paz é  camiño  de  e speranza e resurrección   ( Pódese, ad libitum, facer a aspersión no momento penitencial) Cantos •  Entrada.-  Que ledicia miña ( Nº 4 ) •  Lecturas.-   Canta   Aleluia ( Nº 21 ) •  Ofertorio.-  Recibe Señor ( Nº 31 ) •  Comuñón.-  Gracias, Señor, graciñas ( Nº 50 )   Mirada agradecida   ​ O tempo de Pascua é tempo de testemuño e esperanza compartida. O primeiro, o testemuño, vano dando os seguidores e seguidoras de Xesús a medida que van vencendo os seus medos e comezan a saír e  compartir  coa veciñanza que Cristo vive; que a súa vida foi semente de vida nova e alegría que precisaban anunciar. E é  esperanza  porque esa alegría é froito da presenza, sempre alentadora, de Xesús na súa  cotidianeidade. Xesús non é o ausente ao que se lle recorda, ao contrario, é presenza viva que fai reactivar a aqueles e aquelas que o coñeceron e acompañaron . Deste xeito pouco a pouco  foron  vencendo medos e dúbidas; deste xeito, tamén nós recibimos tamén a invitación de ser h

Vixilia Pascual 2023

       1      5)     LITURXIA DA EUCARISTÍA  ð   OFERTORIO  ð   SANTO  ð   NOSO PAI  ð   PAZ  ð   COMUÑÓN  ð   MIRADA ESPERANZADA   ð   DESPEDIDA  ð     6)     CANTO GOZOSO •         Ao prender o lume : A Cristo cantamos (Nº 110)  •         Na procesión cara o templo : Amigos nas penas  •         Lecturas  o   1º Ergo os meus ollos cara aos montes (Nº 112)   o   2º Pai, Pai, póñome nas túas mans  o   3º As túas Palabras, Señor, son espírito e vida  o 4º Benaventurados (Nº 119)  o   Canta Aleluia (Nº 21)  •         Aspersión:  A auga do Señor (Nº 124) •         Ofertorio : Sementar, sementarei  •         Santo:  Santo es ti (Nº 39)  •         Noso Pai : No camiño do amor (Nº 43)  •         Comuñón : Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)   •         Canto final á Virxe:  Boas noites (Nº 70)      P ORQUE A MORTE FOI VENCIDA ,  FAGAMOS QUE  AS BÁGOAS SE CONVERTAN EN SORRISOS   LUME DE QUENTURA E LUZ   Ao redor do lume, que nos ofrece luz e quentura, xuntámonos no nome do Señor para comezar a cel