Ir al contenido principal

Cristo Rei 2021 B

 REINO DE PAZ E XUSTIZA, REINO DE VIDA E AMOR

Canto  gozoso

·      Entrada.- Non vou só ( 60)

·      Lecturas.-  Veña o teu reino (  )

·      Ofertorio.-  Cantádelle ao Señor ( 33 )

·      Comuñón.- Ti es camiño e verdade ( 57 )

OLLOS ABERTOS

            Chegamos ao final deste ano litúrxico do ciclo B. Doce meses nos que nos foi acompañando a palabra e o actuar de Xesús a través do relato que fai Marcos no seu evanxeo. Un Xesús que se nos presenta con rostro humano, un Xesús que vai acompañando e tendendo a man a quen se vai atopando con El; un Xesús austero e sempre coa palabra certa para denunciar abusos e escravitudes dos poderosos para coas persoas pobres e invisibles; un Xesús con mirada humanizadora e fraterna que nos invita, ás persoas que queremos seguilo, a ser construtoras do seu reino alí onde esteamos, facendo do noso actuar imaxe de coherencia e transparencia para construír un mundo máis igual e xusto.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

·      Por non ter estado co noso actuar ao servizo da construción do teu reino. SEÑOR, NON DEIXES DE CAMIÑAR CON NÓS.

·      Por deixarnos levar da preguiza de quen fala moito e fai pouco. CRISTO, NON DEIXES DE CAMIÑAR CON NÓS.

·      Porque seguimos na ensoñación de que a fe non ten nada que ver coa vida. SEÑOR, NON DEIXES DE CAMIÑAR CON NÓS.

PALABRA PROCLAMADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE DANIEL

Proseguín ollando as visións nocturnas, e, velaquí, sobre as nubes do ceo viña alguén semellante a un fillo de home, que se dirixiu cara ó ancián e presentouse diante del. Foille outorgado poder, maxestade e imperio, e servírono tódolos pobos, nacións e linguas. O seu poder é un poder eterno, que non pasará nunca, e o seu reino endexamais non será destruído. Palabra do Señor. Grazas a Deus.

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA APOCALIPSE 

Xesús Cristo é a testemuña que merece fe, o primeiro en renacer da morte e soberano dos reis da terra.

A aquel que nos ama, que nos liberou dos nosos pecados co seu sangue e que nos converteu nun reino, en sacerdotes para o seu Deus e Pai: a el a gloria e mailo poder polos séculos dos séculos. Amén.

Velaquí vén nas nubes, e todo ollo o verá, mesmo aqueles que o traspasaron:

por el baterán no peito tódalas razas da terra.

Certo. Amén.

Eu son o Alfa e o Omega, di o Señor Deus, o que é, o que era e o que está a vir, o que todo o sostén. Palabra do señor. Grazas a Deus.

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

Dille Pilato a Xesús:  ‑¿Es ti o Rei dos Xudeus?

Xesús respondeu:  ‑¿Dilo ti pola túa conta ou dixéroncho outros de min?

Pilato replicou:  ‑¿E logo son eu xudeu? A túa xente e os sumos sacerdotes entregáronte a min: ¿que fixeches?

Xesús contestoulle:  ‑O meu reino non é deste mundo; se deste mundo fose, os meus oficiais loitarían para que ninguén me entregase ós xudeus; pero o meu reino non é de aquí.

Díxolle entón Pilato:  ‑¿Logo ti es Rei?

Xesús respondeu:  ‑Tal como o estás dicindo, eu son Rei: para iso nacín e para iso vin ó mundo, para dar testemuño da verdade; todo o que está aberto á verdade, escoita a miña voz. Palabra do Señor.

 

PALABRA REMOÍDA

·      Neste final do ano litúrxico no que fomos camiñando seguindo a invitación de Xesús de ser, alí onde vivimos e con quen vivimos, construtores do seu reino é momento de facer balance e preguntarnos como fomos respondendo a esa invitación. Sen esquecer nin os momentos de desánimo nin os momentos de preguiza nos que quizais nos deixamos ir sen reparar en que ser persoas crentes, hoxe e sempre, supón unha decisión libre e plenamente consciente, de querer estar nas cousas da vida cunha actitude pro activa, renovadora, ilusionante e chea de esperanza. Tentamos que fose así? Porque, ao mellor, estamos tan acomodados/as que xa nos deixamos ir ata acabar por afastarnos deste camiño que nunca impón nada, pero si que é esixente coa nosa propia coherencia.

 

·      Unha coherencia que se asenta fundamentalmente no convencemento de que temos que ser testemuñas –co noso facer, actuar, dicir, tratarnos– alí onde e con quen esteamos. E isto, a todas e todos nós moitas veces esquecésenos. E cando perdemos a memoria todo se volve unha nube treboenta e chea de incapacidade para saber onde estamos, quen somos e cara onde queremos ir. Non deixemos logo que as rutinas e os ritos afoguen a frescura dun testemuño que ten que estar sempre na defensa das causas das persoas ás que ninguén lles presta atención e das que nunca se fai lembranza. 

 

·      Xesús, ao invitarnos a ser construtores do seu reinado, o que nos quere dicir é que temos que ter sempre os pés ben anllados na terra; que a nosa mirada non pode ser cara as nubes e si para coas persoas e as situacións nas que elas están, de xeito que poidamos tender a man e tentar camiñar en común poñendo a sensibilidade de quen se sabe irmán/á de quen temos ao lado, e diante do que non podemos, ante a situación na que está, mirar para outro lado. Rematemos logo este ano litúrxico coa enerxía de quen, sabendo que moitas veces se equivoca, non esquece de onde vén, onde está e cal é o horizonte cara onde camiñamos. Se somos capaces de facer este proceso vital, seguro que o reinado de Deus irá collendo a cor da esperanza na que a fe ten sempre que navegar.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Desde a invitación de ser no medio do mundo persoas construtoras do reinado de Deus, dicimos comunitariamente: 

QUE O TEU REINADO SEXA DE FRATERNIDADE, SEÑOR.

·      Por unha Igrexa verdadeiramente transparente e solidaria coas causas que humanizan e dignifican ás persoas máis necesitadas. Oremos.

·      Por unhas parroquias que saiban levar á vida a invitación de Xesús de ser persoas construtoras de canto una, pacifique e nos faga tratarnos con igualdade. Oremos.

·      Por un traballo xusto, alegre, esperanzado e verdadeiramente humano por parte de todas as persoas que queremos seguirte. Oremos.

Señor, que saibamos recoñecerte nas dores, tristuras e alegrías nosas, das nosas irmás e dos nosos irmáns. P.X.N.S. Amén.

ORACIÓN AGRADECIDA

Esforzámonos e Ti disnos: perdoade!.

Temos medo e Ti disnos: ánimo!.

Dubidamos e Ti disnos: confiade!.

Sentímonos agoniados e Ti disnos: tranquilizádevos!.

Preferimos estar sol@s e Ti disnos: vinde e seguídeme!.

Temos plans e Ti disnos: deixádeos!.

Buscamos bens materiais e Ti disnos: desprendédevos!.

Queremos vivir e Ti disnos: dade a vosa vida!.

Queremos ser bos e Ti disnos: iso non chega!.

Queremos mandar e Ti disnos: obedecede!.

Queremos ser xefes e Ti disnos: servide!.

Queremos comprender e Ti disnos: crede!.

Queremos claridade e Ti fálasnos en parábolas!.

Queremos poesía e Ti fálasnos de realidades.

Queremos violencia e Ti fálasnos de paz.

Queremos tranquilidade e Ti queres que esteamos inquedos.

Sacamos a espada e Ti disnos: gardádea!.

Tentamos ser persoas conciliadoras e Ti disnos: vin traer lume á terra!.

Queremos agocharnos e Ti disnos: amosade a vosa luz!.

Buscamos os primeiros postos e Ti disnos: sentade no último lugar!.

Queremos que nos vexan e Ti disnos: rezade no escondido!.

Non, non te entendemos, Xesús.

Provocas. Confundes....

Pero só traballando no teu Reino atopamos o acougo.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor