Ir al contenido principal

2 Coresma C 2016


Fiar no mundo proxectos de misericordia desde a confianza de quen sabe escoitar para descubrirte presente entre nós 

Descarga o ficheiro

CANTO AGRADECIDO
§  ENTRADA: Eu sei de quen me fiei (Nº 64)

§  LECTURAS: Escoita ao Señor (Nº 15)
§  OFERTORIO: Recibe Señor (Nº 31)
§  COMUÑÓN: Acharte presente (Nº 51)
ESCOITA ACTIVA
Como Abrahán, tamén nós somos invitad@s a vivir desde a confianza de Deus e en Deus. Esa confianza que sabe escoitar e acoller; acompañar e alentar; corrixir e dialogar. O Deus de Xesús é entón un Deus que non nos pon a proba mandándonos facer cousas imposibles, senón que vai falándonos ao profundo de cada un de nós para que fagamos do noso corazón a sé desde a que entendamos que as persoas, e non as leis nin as imposicións, son o importante. Como a roca que pouco a pouco vai fiando, que tamén nós aprendamos a fiar na confianza dun Deus que nos quere e nos invita a querer. O Deus que nos chama a cambiar e nos acompaña ao longo desta coresma para que vaiamos deixando ao noso paso pegadas de misericordia enchoupades de confianza e non de medo. Por iso colocaremos hoxe no taboleiro a segunda pegada que nos lembre que esta ha ser a nosa tarefa cada día.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
  • Para que cambiemos as actitudes que nos fan desconfiados e escépticos, SEÑOR, QUE TEÑAMOS AZOS DE MISERICORDIA.
  • Para que convertamos o egoísmo en xenerosidade, CRISTO, QUE TEÑAMOS AZOS DE MISERICORDIA.
  • Para que saibamos escoitarnos ata descubrir a necesidade de cambiar e deixar atrás o afán de mandar e impoñer o noso criterio sobre os demais, SEÑOR, QUE TEÑAMOS AZOS DE MISERICORDIA.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
  • O mesmo que os discípulos, tamén nós necesitamos facer do noso actuar proximidade, achega para cos demais e para con Deus. Seguro que temos escoitado moitas veces a frase de que a Igrexa é esperta en humanidade. Se iso é así, non pode mostrarse coma unha institución chea de normas e esixencias, sen ningunha capacidade nin de empatía nin de misericordia. Porque a humanidade á que se refire supón estar constantemente á espreita de canto lle ocorre aos que están ao redor. Non para impoñerlle cargas ou berrarlle como un señor que manda, ordena e dicide sobre as vidas dos demais, senón como un pai e amigo que escoita, anima, perdoa e non está constantemente mirando cara atrás para lembrarnos o malos que somos e o mal que o facemos. A Igrexa ten que ser hoxe aos ollos de todas as persoas -e moitas veces segue a non selo-, icona de que canto dicimos que é e fai Deus para con nós, ela é capaz de poñelo no día a día da vida das persoas. Nun mundo de présas e resultados, humanidade é poñerlle corazón ás cousas que facemos e tenrura ao trato das persoas coas que nos atopamos. Só así a Igrexa -tamén nós, non só papa, bispos e curas-, seremos axentes da confianza de Deus e berces de misericordia.
  • Esta é a Igrexa á que Deus lle confía o mundo que conformamos, poñéndoo ao seu dispor, para que, a través do noso actuar responsable, xusto, libre e igualitario construamos a casa común onde non se discrimine nin polo credo nin tampouco pola cultura ou cor da pel. Deus non xulga “pintas externas”, senón que ve os corazóns, para que latexen desde e para as persoas, e non para a eficacia nin para a ganancia. El é un Deus do pequeno e sinxelo, non do aparente e baleiro. Coma descendentes deste tronco que pon ao noso dispor, estamos chamados a facer do noso testemuño experiencia permanente de esforzo por ser xustos e crear xustiza; ser solidarios e construír solidariedade; ser veraces e afastarnos da corrupción, o engano e a mentira. Porque non é contra do ser humano, senón para a súa dignificación polo que El nos entrega a terra para que fagamos dela casa común e non excluínte.
  • Nesta tarefa permanente é onde ha estar o noso esforzo e a nosa firmeza, como Paulo tamén animaba desde ela aos filipenses. Unha firmeza que non se deixa manipular nin xoga ao engano de abusar dos pequenos e débiles; unha firmeza que nos axuda a distinguir cal é camiño que debemos construír entre tod@s e cal é o do que debemos afastarnos; unha firmeza que non nos fai intolerantes, senón homes e mulleres de conviccións e valores que non se deixan enganar polo fácil e cómodo.
  • E para iso, como fixo Xesús con aqueles discípulos, tamén nós necesitamos subir ao monte –entendido coma o lugar no que Deus se manifesta– para contemplar e orar. No medio do barullo do noso mundo, podemos perder a oportunidade de escoitar e descubrir a voz de Deus que nos vai falando a través das persoas e cousas coas que nos imos atopando e desfrutando. É no monte e desde o monte, coa tranquilidade que require e esixe, onde temos que ir percibindo a súa voz ,que desde o silencio nos vai falando e invitando á oración de agradecemento e contemplación. E coma os que estaban con el, non habemos desesperarnos porque nos agonía o silencio, a tranquilidade e a paz que aquel sempre nos ofrece. De cando en vez é necesario, e moi importante, desconectar de todo tipo de barullo para deixar que polos nosos oídos entre a brisa do vento que nos chama a saber confiar e a aprender a non precipitarnos nin volvernos arroutad@s e a escoitar e descubrir que a voz de Deus chámanos a ser activos no medio dun mundo necesitado da súa paz.
FRATERNIDADE ORANTE
Unámonos en oración comunitaria para sentir a forza da presenza de Deus que nos invita a vivir a fe aprendendo a escoitarnos uns a  outros, e digamos agradecid@s,
SEÑOR, GRAZAS POR ACOMPAÑAR A NOSA ORACIÓN
  • Para que  cantos formamos a igrexa nos esforcemos por facer deste tempo de coresma tempo de recoñecer erros e cambiar actitudes, OREMOS.
SEÑOR, GRAZAS POR ACOMPAÑAR A NOSA ORACIÓN
  • Para que nos esforcemos por levar misericordia e perdón aos veciños, aos familiares e ás persoas das que nos fomos afastando ata perder a relación, OREMOS.
SEÑOR, GRAZAS POR ACOMPAÑAR A NOSA ORACIÓN
  • Para que a nosa vida sexa unha tarefa permanente por ver a necesidade que temos uns dos outros, e nos apartemos de actitudes e comportamentos que nos fan individualistas e faltos de cariño e atención para cos demais, OREMOS.
SEÑOR, GRAZAS POR ACOMPAÑAR A NOSA ORACIÓN
Señor, alenta canto hoxe poñemos ao teu carón. Sabemos que moitas veces pechamos os oídos a canto nos invitas a vivir. Que este tempo de coresma sexa tempo de cambio e renovación en nós. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Aquí estou, Señor Xesús, á beira do camiño, sen camiño. Os meus pasos buscan as túas pegadas onde poñer as miñas pisadas: A vida e a morte están ante min coma un reto. O ben e o mal crúzanse no meu corazón, que sen descanso busca, pide e chama. Eu quero ser ditoso, Señor Xesús, home en camiño. Eu quero ser libre coa liberdade do teu Evanxeo. Libre en opción sincera e decidida a túa Palabra. Quero deixar atrás as chamadas opresoras do diñeiro, do poder, do pracer, do que no fondo é nada. Quero facer do teu Evanxeo norma de vida e escoitalo día e noite ata que penetre no fondo da alma. Quero ser, Señor Xesús, coma a árbore que crece onda o río e bebe en profundidade e fondura nas correntes da auga. Quero dar no seu tempo froitos de paz e ben, e deixar que as sementes que sementaches en min se abran. Non deixes nunca, Señor, que murchen as miñas follas verdes, nin que o vento as arranque, unha a unha, das súas pólas. Quero seguir o camiño da persoa nova, da persoa que di si á vida e a garda con perseveranza. Quero ser persoa de espírito que loite contra a carne e que faga do amor a Carta Magna, a Lei fundamental do teu Reino, aberto ao corazón vivo en desafío radical, unha a unha, das túas Benaventuranzas.
Non me deixes camiñar polo camiño de Caín, que leva sangue; e que a cada paso deixa os sinais do que mata. Non quero ser coma palla que leva o vento e fai dela un xogo fácil entre as súas ás. Quero ser desde as miñas raíces e a miña historia de ilusións e fracasos, desde as miñas loitas e as miñas crises, un camiño de esperanza aberto cara á Vida eterna, onde Ti moras e onde esperas, cun corazón de amigo, a miña chegada. Ti es, Señor Xesús, o camiño dun corazón vivo; o camiño de Abel, o camiño da vida na cruz entregada pola salvación do home, de todo home que busca en Ti a resposta certa e segura na encrucillada. Señor Xesús, contigo faise o camiño suave e lixeiro, ao levar entre ti e mais eu -os dous xuntos- esta pesada carga. Quero ser discípulo teu, e aprender de Ti, Mestre, a ser libre coma o vento, no teu Espírito, que guía e salva.

Comentarios

Entradas populares de este blog

5 Domingo TO B 2018

PERSOAS LOITADORAS, NON SUFRIDORAS Descarga o ficheiro
CANTO GOZOSO
öENTRADA: Amigos nas penas
öLECTURAS: O Señor é o meu pastor (Nº 27)
öOFERTORIO: Acharte presente na vida (Nº 51)
öCOMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55)
PARA NON PERDER O PASO
Cando unha cousa non nos serve, cando non ten nada que poidamos obter dela, deixámola de lado. Na nosa vida de fe, ocorre que moitas veces estamos ermos: non sentimos nada e somos incapaces de poñer en relación canto rezamos co que facemos cada día. Deste xeito, pouco a pouco, váisenos apagando a chama da fe e convertemos todo o que di relación con ela en puro e simple costume, comercio, acto social ou tradición, inda que ás veces o queiramos revestir de cultura para poder mantelo.
Fronte desta situación, os textos que hoxe imos proclamar chámannos a non deixarnos caer nesta tentación, a esforzarnos por non deixar que esmoreza a esperanza, a aprender a gozar do moito que nos enriquece e aporta a fe. Non imos solos, temos un amigo ao noso lado: Xesús. Deixemos…