domingo 12 de febrero de 2012

7 Domingo TO B



CONTRA DOS BADULAQUES, FIDELIDADE Á PALABRA DADA E ÁS SÚAS CONSECUENCIAS
PÓRTICO
Día a día sorprendémonos con novas que nos informan de enganos, falta de palabra, renuncia a cumprir acordos previamente asinados, rexeitamento para asumir pagos por parte de institucións públicas ou privadas... o que nos leva a pensar que nun mundo no que hai tantas palabras, a palabra que se dá, e que noutro tempo era o mellor dos documentos, non vale nada. Lévaa o vento, caendo así nunha fonda desconfianza cara todo e cara todos.
Fronte disto non deberiamos quedar calados: xa está ben. Como seguidores de Xesús que queremos tomalo en serio e vivir a súa mensaxe nos nosos quefaceres cotiáns, temos a obriga moral non só de non permitir isto, senón de loitar contra a tentación de caer nós no mesmo. Porque as cousas, como nos di Paulo na Carta aos Corintios, non son agora si e despois non, senón coherencia e transparencia. Por iso os cristiáns, diante deste panorama, estamos chamad@s a ser, unha vez máis nolo recorda a palabra de Deus, testemuñas honestas da persoa e da mensaxe de Xesús, quen non pasou enganando nin minando a confianza de ninguén, ao contrario!.
Que o que hoxe imos celebrar nos abra o corazón para actuar neste camiño de fidelidade.
PERDÓN
  • Pola nosa falta á palabra dada e comprometida, SEÑOR, SÁNDANOS PORQUE PECAMOS. 
  • Pola nosa pouca capacidade para xerar confianza e seguridade aos que a esperan de nós, CRISTO, SÁNDANOS PORQUE PECAMOS. 
  • Por non saber distinguir e diferenciar que, habendo un tempo para cada cousa, nunca este ha ser para a mentira e o engano, SEÑOR, SÁNDANOS PORQUE PECAMOS.
REMUÍÑO
Continúa o esforzo do profeta por xerar, nunhas condicións sociais especialmente difíciles, confianza ao pobo. Israel está no desterro, e como podemos imaxinar a situación non era nada doada, polo que toda a súa forza, palabras e accións, van encamiñadas a levantar a moral dunha xente que se sentía lonxe da súa terra e sen posibilidade de recuperar a liberdade e volver. A esperanza da que lle fala Isaías é a esperanza que xurdira coa Alianza, a esperanza que ofrece Deus: a esperanza que loita e non se deixa vencer para non caer no derrotismo. O profeta invita ao pobo a non esquecer as súas raíces, de onde veñen, no seu sentido comunitario, na súa capacidade de estar ao carón de que quen os poida necesitar. Nunha palabra, Isaías chama ao pobo a non perder a confianza nin entre eles nin en Deus. Tamén nós hoxe, como lle ocorría a Israel, estamos a vivir momentos difíciles e duros, nos que é moi fácil que toda porta se nos peche e a frustración agrome. Diante diso a fe quere ser non anestésico, senón forza liberadora que non nos deixe caer nin na desesperación nin na aceptación dunha realidade contra a que hai que loitar para sacala entre tod@s adiante e así remontar.
A fe é forza que nos impide caer na pasividade, porque nos ofrece un camiño a percorrer, non en solitario, senón en compaña que une, consola, anima e tende a man, non para saudar, senón para axudar. A fe non quere ser un querer quedar ben nin un medio para evadirnos da realidade. Ao contrario, desde ela invítasenos a recuperar a confianza en nós mesmos, na nosa capacidade de traballo, na valoración do esforzo, do saber sacrificarse para acadar o que un se propón. E isto non é aceptar o que fan e din todos –o gregarismo afastase das actitudes e mensaxe de Xesús– senón que nos descobre un camiño polo que somos invitados a camiñar, non en solitario, senón deixándonos acompañar polas mans que se nos van ofrecendo e ás que podemos tamén axudar. A fe é logo unha experiencia de reciprocidade que facemos xunt@s, e na que nós imos descubrindo a forza para afrontar retos e dificultades, non deixándonos vencer nin levar do derrotismo. Por iso Paulo di que non é á vez un si e un non, senón unha proposta de claridade que se nos invita a desenvolver na constancia clarificadora de quen sabe fiarse de Deus e aprende Del para que os demais se poidan tamén fiar de nós.
Aprendamos da palabra de Xesús, para que El sexa sempre o referente no que sexamos capaces en cimentar o noso xeito de facer e afrontar retos e vivir actitudes que nos leven non a decepcionar aos que nos vexan, pola nosa falta de confianza e convición, no que dicimos, facemos e cremos. El non engano nin faltou a súa palabra. Que tamén nós saibamos seguir na súa xeira.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
A forza da oración comunitaria fainos sentir Igrexa sempre en camiño e necesitada de perdón e misericordia. Agradecidos porque segues ao noso lado para recordárnolo, dicimos xunt@s:
SÁNDANOS DA NOSA FALSIDADE E ALÉNTANOS NA CONFIANZA
  • Que cant@s formamos a Igrexa, non deixemos que o noso xeito de actuar se converta en antitestemuño e desconfianza do proxecto de amor e salvación de Xesús, Oremos.
SÁNDANOS DA NOSA FALSIDADE E ALÉNTANOS NA CONFIANZA
  •  Que nas nosas comunidades parroquiais caiamos na conta que somos nós: os que vimos á Igrexa, os que nos manifestamos crentes, os que dicimos que queremos vivir a mensaxe de Xesús no aquí e agora do noso tempo, os que estamos chamados a ser testemuñas da súa presenza co que fagamos e digamos, Oremos.
SÁNDANOS DA NOSA FALSIDADE E ALÉNTANOS NA CONFIANZA
  • Que a nosa palabra sexa sempre xeradora de confianza, misericordia, perdón e acollida, Oremos.
SÁNDANOS DA NOSA FALSIDADE E ALÉNTANOS NA CONFIANZA
Señor, presentamos a nosa oración. Sabemos que temos moito camiño por andar. Que superemos a tentación de facelo solos e afastados de Ti. Que vives e reinas por sempre eternamente. Amén.
REFLEXIÓN
Aquí me tes Señor,
veño pedir perdón,
polas mil veces que reducín o amor,
ao círculo dos meus achegados.
Polas veces que puiden facer algo máis e mellor
e me autodesculpei buscando o meu interese.
Por esquecerme de tódolos que me teñen axudado.
Por crer que sempre tiña a razón
no meu xeito de actuar e pensar.
Perdón, Señor, polos meus caprichos persoais,
que impuxen aos demais sen ter en conta o que eles pensaban.
Por dicir que amaba, cando o que buscaba era a miña comenencia.
Nunha palabra, perdón, Señor, pola miña falta de palabra e criterio
á hora de facer e dicir as cousas.
Sei que a túa man se vai abrir para concedermo.
Que eu cambie o meu corazón e abra
tamén a miña man para aprender a perdoar.
CANTOS
  • ENTRADA: Camiñando pola vida
  • LECTURAS: Arrepentido
  • OFERTORIO: Grazas Señor na mañá
  • COMUÑÓN: Non vou so


lunes 6 de febrero de 2012

6 domingo TO B

A SAÚDE, DEREITO DE TODAS AS PERSOAS...... ACTÚA!!!!!!!!!!!!!!!!!!!
(CAMPAÑA DE MANS UNIDAS 2012)
PÓRTICO
A todas as persoas nos preocupa gozar de boa saúde, sobre todo cando a perdemos, cando corremos o risco de perdela ou cando somos conscientes de como se vai deteriorando. Cando estamos che@s de vida e de forza, frecuentemente vivimos alle@s ao valor real do que temos. Ademais, o feito de que na nosa sociedade rica, afeit@s como estamos a poñernos nas mans dos médicos e a acudir aos centros de saúde ou aos hospitais, esquecemos con frecuencia que cadaquén é responsable da súa saúde.
Pero, é este un dereito do que todas as persoas disfrutamos?. Desgrazadamente non. Por iso, a campaña deste ano de Mans Unidas intenta chamar a nosa atención sobre o feito de que temos que traballar para que este dereito fundamental sexa unha realidade para todas as persoas do mundo. Temos que romper ese círculo vicioso da fatalidade de que hai enfermidades de ricos e enfermidades de pobres.
Porque o dereito á saúde non é unha cuestión exclusivamente médica: hai que considerar todo aquilo que deteriora ou ameaza a calidade de vida das persoas: vivir en condicións pouco saudables, non ter un sistema sanitario que proporcione atención estable, non dispor dos alimentos e da auga precisos, non ter acceso ás menciñas básicas.... A insensibilidade diante do sufrimento dos demais, alimentada pola cultura da abundancia, do consumismo e do non esforzo debe ser superada a través da formación moral da conciencia na responsabilidade social e na información.
Que esta celebración que agora comezamos nos axude a poñernos na liña de saída.
O PERDÓN
  • Por non agradecer a saúde e a vida que pos nas nosas mans, SEÑOR, SE QUERES PODES LIMPARNOS.
  • Porque moitas veces non coidamos a nosa saúde como debemos e só nos damos conta do importante que é cando a perdemos, CRISTO, SE QUERES PODES LIMPARNOS.
  • Por ter renunciado a “gastar” o noso tempo escoitando, esperanzando e acompañando ás persoas enfermas, SEÑOR, SE QUERES PODES LIMPARNOS.
REMUÍÑO
    Que dura lei aquela!. Quen vía aparecer na súa pel as manchas da lepra sabía que todo estaba perdido. Era declarado impuro, marxinado friamente..... para que ninguén o confundira cunha persoa boa, para que ninguén se contaminara. Como tantas persoas leprosas de hoxe: os anciáns e as anciás, que despois de dalo todo, constitúen un atranco e un estorbo para a familia; @s parad@s, sen posibilidade de ter unha vida digna mentres outras persoas nadan na abundancia; @s enferm@s, moitas veces abandonad@s pola súa familia nos centros hospitalarios e sen pinga de cariño; persoas ás que se lles negan os seus dereitos fundamentais polo seu xénero, pola súa ideoloxía, pola cor da súa pel, por rezar a un deus diferente....
    A sociedade, dicimos, ten que defenderse delas. Nós privatizamos a nosa vida cortando toda clase de relacións co mundo das persoas que sofren e illámonos nos nosos propios problemas, facéndonos cada vez máis insensibles diante da dor allea. Medra a apatía, a indiferenza e a insensibilidade diante do sufrimento das outras persoas. E así educamos á xente nova, para que non se conmovan e pensen só en si mesmos. A fin de contas.... é o máis normal!. Trátase de poñer en práctica as ensinanzas daquela vella fábula: non se pode deixar que unha soa mazá podre acabe podrecendo ao resto das mazás sans. Elemental.
    Pero vén Xesús e pono todo do revés. Achégaselle un leproso e El, sentindo mágoa, estende a súa man e cúrao. Que atrevemento!!!!!. Porque non lle gustan os “ghettos”. El veu para liberar, para salvar, por iso non quere que se marxine a ninguén. Como poderá sandar un doente a quen se lle corta todo contacto coa vida?. El prefire arriscar, porque ama. El opta pola integración....E o camiño queda aberto. Fronte dun mundo que pecha comodamente os seus ollos para non ver a quen sofre ou que diante daqueles que poden crearnos problemas non atopa máis solución que metelos en bolsas de lixo e deixalos que vaian podrecendo nas aforas das nosas cidades, Xesús ensina un camiño diferente: acoller, integrar, salvar. E por ese camiño difícil e moitas veces incomprendido por ser política e relixiosamente incorrecto, foron entrando, ao longo dos séculos, as persoas que optaron por seguilo, para que todos se salven. Velaquí a encrucillada na que nos atopamos: ou tomamos o camiño da primeira lectura e, nun “sálvese quen poida” buscamos só non contaminarnos co mal, conservarnos limpos e impecables, colocar fóra da nosa vista toda pobreza e toda maldade, non mesturar as mazás sans coas podres..... ou cambiámonos á lóxica positiva que Xesús reflicte nas súas parábolas: un pouco de lévedo, na masa, é quen de transformala; un gran de sal, morrendo dentro, acaba dando sabor a toda a comida. É unha lóxica distinta: ir polo mundo cos brazos abertos acollendo, comprendendo, compartindo, integrando, aínda a costa de tragarnos o medo de que algo sucio se nos poidan pegar.

    Hoxe, segundo domingo de febreiro celebramos a Xornada Nacional de Mans Unidas. Este ano, baixo o lema “A saúde, dereito de todas as persoas. Actúa!, chámanos a combater no mundo fronte dun grande número de enfermidades que se dan especialmente nos países en vías de desenvolvemento. Os coñecementos médicos actuais fan posible a erradicación destas enfermidades. Cómpre a elaboración de programas médicos, sociais e educativos que leven a reducir a extensión das mesmas. A simple vista, o tema deste ano é só un asunto médico e de investigación científica, pero a verdade é que a loita contra destas enfermidades debe englobarse nunha visión máis ampla da saúde, que chamamos salvación. Debemos mirar pola salvación das persoas.

    Se botamos unha mirada crítica ao noso mundo, descubrimos que existen dous mundo paralelos no campo da economía que dividen ás persoas en ricas e pobres, en sociedade do benestar e sociedade de supervivencia, en fartos e famentos.... Esta mesma división reprodúcese de xeito escandaloso se cabe no campo da saúde e da enfermidade. Existe un mundo desenvolvido no que a saúde está completamente protexida e asegurada. A meirande parte da investigación médica céntrase na saúde e nas enfermidades das persoas deste mundo rico, de xeito que case todas as enfermidades e problemas clínicos teñen unha solución posible...Pero, ao mesmo tempo, moi preto deste mundo desenvolvido, porque os transportes e as comunicacións achegáronnos moito, existe un mundo sumido na prehistoria médica, paralela e proporcional á súa miseria económica. Nese mundo non existe asistencia médica universal, ás veces nin tan sequera hai atención médica ningunha. É un mundo que non coñece nin disfruta os avances da medicina. Nel, as persoas sobreviven ou morren nunha situación de prehistoria da hixiene, da saúde e da medicina. É un mundo estancado, alleo aos avances da ciencia, no que a supervivencia non depende da medicina, senón da fortaleza física das persoas enfermas. É un mundo no que a vida está sempre en perigo, porque calquera infección, calquera bacteria, calquera virus, pode truncar en poucos días calquera vida humana.

    Nós hoxe, sabemos que as enfermidades non son un castigo de Deus e que as persoas doentes son aínda máis queridas por El por ser fill@s sufrintes. Porén, as persoas enfermas nos países máis pobres, viven sen dignidade, sen dereitos, sen futuro, moitas veces abandonadas á súa sorte. Nós debemos sentir o que afirma o documento base de Mans Unidas deste ano: “Os enfermos da SIDA, paludismo ou malaria, tuberculose, chagas, dengue, entre outras enfermidades, teñen valor para nós, impórtannos. Son seres humanos que non perden a súa dignidade ética. A nosa compaixón activa comprométenos con eles para ser compañeir@s de viaxe na recuperación da súa saúde e no desenvolvemento de todas as súas capacidades”. Se así o facemos, estaremos levando a salvación global a todas as persoas.A sociedade seguirá levantando fronteiras de separación cara ás persoas marxinadas. Son fronteiras que, a unha persoa crente, só lle indican as barreiras que ha traspasar para achegarse ao irmán e á irmá necesitad@s.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Señor, ti sempre nos valoras como somos, por iso nos deches a tod@s a mesma dignidade, por iso xunt@s dicimos:
SEÑOR, SANDA O NOSO CORAZÓN DO EGOÍSMO
  • Por todas aquelas persoas que na Igrexa teñen tarefas de responsabilidade, para que o seu testemuño e a súa palabra manifesten sempre o amor de Deus polos máis pequenos, OREMOS.
SEÑOR, SANDA O NOSO CORAZÓN DO EGOÍSMO
  • Polos nosos gobernantes e políticos, para que impulsen o verdadeiro desenvolvemento dos pobos máis pobres, eliminando as causas da fame das enfermidades, OREMOS.
SEÑOR, SANDA O NOSO CORAZÓN DO EGOÍSMO
  • Por todas as persoas que se atopan nunha situación de sufrimento, polas persoas enfermas, polas persoas que viven con fame e sede, polas persoas que non ven respectados os seus dereitos e a súa dignidade, para que o consolo de Deus, a través nosa, e a axuda de todos as faga saír da súa pobreza, OREMOS.
SEÑOR, SANDA O NOSO CORAZÓN DO EGOÍSMO
  • Por todas as persoas que traballan en e por calquera ONG, para que o amor de Cristo brille nelas e se estenda a todas as persoas, OREMOS.
SEÑOR, SANDA O NOSO CORAZÓN DO EGOÍSMO
  • Por cada un e cada unha de nós, para que a través do noso testemuño de entrega e de sinxeleza contribuamos ao verdadeiro desenvolvemento de todas as persoas, irmás nosas, OREMOS.
SEÑOR, SANDA O NOSO CORAZÓN DO EGOÍSMO
  • Para que sempre coidemos e agradezamos a saúde coma un ben fundamental, traballando para que sexa un dereito do que poidan disfrutar todas as persoas, OREMOS.
SEÑOR, SANDA O NOSO CORAZÓN DO EGOÍSMO
Señor, ti creáchesnos a todas as persoas iguais en dignidade. Non deixes de lembrárnolo día a día. PXNS. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
Señor Xesús, que curaches ás persoas enfermas
para manifestarlles o amor de Deus.
Cura as enfermidades do noso mundo,
do noso corpo, do noso corazón.
Axuda ás persoas que están enfermas por seren pobres,
ás enfermas de SIDA, de malaria, de tuberculose
e doutras enfermidades asasinas dos pobres.
Axuda tamén ás persoas enfermas do corazón,
ás persoas enfermas dunha sociedade opulenta,
que só pensa en si mesma,
que se esquece das persoas pobres, deixándoas morrer.

Elas están enfermas de SIDA,
nós estamos enferm@s de insensibilidade;
elas padecen a malaria,
nós padecemos o egoísmo;
elas sofren a tuberculose,
nós sufrimos a falla de valores;
elas padecen a enfermidade do soño,
nós durmimos sen enterarnos da realidade;
a elas os parasitos inocúlanlles virus e bacterias,
a nós inféctanos o virus do materialismo egoísta;
elas padecen desnutrición, colite e cólera,
nós provocamos a cólera coa nosa pasividade.

Señor, Ti que pasaches facendo o ben
devolvendo a saúde ás persoas pecadoras
e sandando ás persoas enfermas coas túas mans milagreiras,
fai que as nosas mans solidarias
sexan prolongación das túas,
para seguir salvando, hoxe,
a toda clase de persoas enfermas do noso mundo.
CANTOS
  • ENTRADA: Unha xuntanza de amor
  • LECTURAS: O amor é o meirande
  • OFERTORIO: Eu soñei
  • COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas

sábado 4 de febrero de 2012

Lecturas Domingo 5 TO B

5º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO   -  CICLO B


Primeira Lectura       Xob 7, 1-4. 6-7:
Abarrotaranme as dores ata o solpor

LECTURA DO LIBRO DE XOB

    Naqueles días, falou Xob e dixo:
O home ten na terra un duro labor;
os seus días son coma os do xornaleiro.
    Coma o escravo que arela a sombra,
coma o xornaleiro que agarda o que gañou,
así herdei eu meses baldeiros
e tocáronme en sorte noites de angustia.
    Penso para min ao deitarme: Cando me hei erguer?
E desde o mesmo serán énchome de inquedanza ata o abrente.
    Recorda que a miña vida é vento,
e que os meus ollos non verán máis a ledicia;
non me verán os ollos de quen mira,
e cando ti me espreites, xa non estarei.
    Coma unha nube se desfai e pasa,
así, o que baixa para o xeol non volverá subir,
non volverá de novo á súa casa
e o seu lar non saberá máis del.
    Por iso mesmo, non hei de pórlle eu freo á boca,
vou falar con ánimo angustiado,
voume laiar desde o amargor da alma.

        Palabra do Señor                R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 146, 1-2. 3-4. 5-6

R/.  (cf. 3a):  Loade o Señor, que sanda os corazóns crebados.
Ou: Aleluia.

Loade o Señor,
pois é doce cantarlle ao noso Deus,
é delicioso celebrar a súa loanza.
O Señor reconstrúe Xerusalén,
e reúne os dispersos de Israel.

Sanda os corazóns crebados
e venda as súas feridas.
Conta as estrelas incontables,
e chama polo nome a cada unha.

O noso Señor é grande e poderoso,
para a súa sabedoría non hai medida.
O Señor ergue os humildes
e abaixa os malvados ata o chan.


Segunda Lectura      1 Cor 9, 16-19. 22-23
Ai de min se non evanxelizo!

LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS

    Irmáns:
    O mero feito de predicar o Evanxeo non é para min gloria ningunha: é unha necesidade que teño enriba de min. Pobre de min se non predico o Evanxeo!
    Pois así: se fago isto polo meu gusto, xa teño premio; pero, se o fago a contragusto, é un simple cargo que estou obrigado a administrar. Onde está, logo, o meu premio?
     En que, cando predico o Evanxeo, fágoo gratuitamente, renunciando aos dereitos que este Evanxeo me confire.
    Pois, sendo como son libre con respecto a todos, de todos me fixen escravo para gañar os máis posibles.
    Cos débiles fíxenme débil, para gañar os débiles. Fíxenme todo con todos, para salvar algúns custe o que custe.
    Todo o fago polo Evanxeo, para ter algunha parte nel.

        Palabra do Señor                R/. Grazas a Deus

ALELUIA    Mt 8, 17
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Cristo colleu as nosas doenzas,
e cargou coas nosas enfermidades.
Aleluia.


Evanxeo   Mc 1, 29-39
Sandou a moitos enfermos de varias doenzas

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

    Naquel tempo, despois de saír da sinagoga, Xesús foi á casa de Simón e mais de Andrés, con Santiago e Xoán. A sogra de Simón estaba na cama con febre, e axiña lle falaron dela.
    E, achegándose, colleuna pola man e ergueuna; desapareceulle a febre e púxose a servilos.
    Chegada a tardiña, xa de sol posto, leváronlle todos os enfermos e endemoñados; a vila enteira se amoreou na porta. E sandou a moitos enfermos de varias doenzas e botou moitos demos. Pero aos demos non os deixaba falar, porque o coñecían ben.
    Moi cedo, aínda de noite, Xesús ergueuse e saíu para un lugar arredado onde se puxo a orar. Simón e mais os que estaban con el fórono seguindo, e cando o atoparon, dixéronlle:
      Todos te andan a buscar.
    El respondeulles:
      Vaiamos a outro sitio, ás aldeas veciñas, para que tamén alí se predique, pois para isto vin.
    E marchou e ía predicando nas sinagogas por toda Galilea, e botando fóra os demos.

            Palabra do Señor                R/. Loámoste, Cristo

domingo 29 de enero de 2012

5 domingo TO B


O ERMO DUNHA VIDA SEN ESPERANZA

PÓRTICO
            Cando unha cousa está erma non nos serve, non ten nada que poidamos obter dela, deixámola de lado. Na nosa vida de fe, ocorre que moitas veces tamén estamos ermos: non sentimos nada e somos incapaces de poñer en relación canto rezamos co que facemos cada día. Deste xeito, pouco a pouco, váisenos apagando a chama da fe e convertemos todo o que di relación con ela en puro e simple costume, acto social ou tradición, inda que ás veces o queiramos revestir de cultura para poder mantelo.
         Fronte desta situación, os textos que hoxe imos proclamar chámannos a non deixarnos caer nesta tentación, a esforzarnos por non deixar que esmoreza a esperanza, a aprender a gozar do moito que nos enriquece e aporta a fe. Non imos solos, temos un amigo ao noso lado: Xesús. Deixemos que nos acompañe.

PERDÓN
  • Porque nos deixamos levar polo derrotismo e a preguiza, SEÑOR, QUE NON SEMENTEMOS EN BALDÍO.
  • Porque poñemos atrancos ao noso medrar en madurez e compromiso solidario, CRISTO, QUE NON SEMENTEMOS EN BALDÍO.
  • Porque renunciamos a anunciar o Evanxeo cos nosos feitos, SEÑOR, QUE NON SEMENTEMOS EN BALDÍO.
REMUÍÑO
A imaxe de Xob da primeira lectura atráenos, sobre todo, porque en maior ou menor medida, tod@s nos vemos retratad@s nela. Xob perdeuno todo: fillos, posesións, saúde.... un tras doutro derrubáronse todos os seus puntos de apoio, e parece que xa non lle quedan razóns para seguir confiando. A nós, en demasiadas ocasións, tamén nos pasa, un día ou outro, o mesmo. Ben sexa porque nos asaltan a dor ou a enfermidade, porque nos fallan as persoas que considerabamos amigas, porque os problemas nos agonían... o caso é que o desalento chama á nosa porta e instálase dentro de nós, facendo que nos pechemos aos demais e ao mundo. Parécenos entón que Deus se esqueceu, que marchou, e ata ás veces mesmo nos preguntamos se existe.
A resposta relixiosa ao problema do mal, ao que tod@s somos moi sensibles, inflúe moi directamente na imaxe que nos formamos de Deus. Por iso convén purificar algunhas concepcións totalmente erróneas, non vaia ser que, de tanto escoitalas ou mesmo dicilas, vaiamos a telas por certas. Velaquí algunhas:

  • o mal é un castigo: Xesús intervén para curar, non para converter a un en coxo ou cego. Deus non castiga.
  • o mal é un aloumiño de Deus; porque El proba a quen ama: no evanxeo non atopamos nin rastro de semellantes aloumiños.... O que fai Deus é darnos a súa forza nas probas, El nunca nos proba coa dor e o sufrimento.
  • Deus quíxoo así: certamente, Deus Pai-Nai non quere o sufrimento.
  • hai que ter paciencia e resignación: Deus chámanos a traballar para eliminar o sufrimento; non quere persoas resignadas pasivamente.
  • Deus permíteo: Deus puxo o mundo nas nosas mans e nós somos responsables del. Non lle botemos a El a culpa dos nosos erros. El toma partido polas persoas que sofren e por aquelas que tentan aliviar o seu sufrimento.(Mt. 25, 31ss)
Fronte destas concepcións erróneas, a pasaxe do evanxeo de Marcos que vimos de proclamar, coma outras moitas, achéganos á realidade verdadeira: Xesús é liberador:
- a sogra de Pedro queda libre da súa enfermidade
- moitos outros enfermos quedan libres das súas doenzas
- moitos endemoñados quedan libres da súa escravitude
- moitas persoas reciben a Boa Nova e quedan libres de toda mala noticia
E nós?: Certamente cando estamos ben é moi doado dicirlle á xente que sofre unhas palabras ou frases de consolo, moitas veces rutinarias, frías e indiferentes, do tipo: tranquilízate, ten paciencia, cálmate, non sufras.... Así, aos amigos de Xob, que non comprendían a súa dor, resultáballes fácil xulgalo e acusalo de pecador, pois segundo a mentalidade daquela, as desgrazas viñan porque se cometía algún pecado.
Só quen viviu na súa propia carne o suplicio da soedade, do sufrimento, do desánimo.... e experimentou os aloumiños de Deus, poñéndoo de novo en pé de vida, entende ben do que falamos. Entón, xa non pode calar. Iso foi o que lle pasou a Paulo, por iso afirma: “Ai de min se non anuncio o Evanxeo!”. Quen recibiu esta graza ten que gritalo, e ese grito é crible, porque vén de alguén que pasou antes pola proba.
Que facer?: En primeiro lugar, temos que ser conscientes do problema, saber poñernos no lugar da outra persoa e lembrar o que facía Xesús con aqueles que tiñan problemas. Agora Xesús segue no medio das persoas, actuando por medio da comunidade cristiá. A nós correspóndenos, polo tanto, actuar e responder coma El aos problemas das persoas; responder aos problemas dos irmáns que teñen fame; responder aos problemas dos irmáns que están solos; responder aos problemas das persoas que viven pobres e marxinadas..... porque esa é a liberación que Cristo nos trae: do egoísmo e da fame, da soedade e da desesperación, da opresión e do desánimo, da morte e da dor.
Somos loitadores, non sufridores. Non o esquezamos. Haberá suficiente amor no mundo para redimir o sufrimento e a miseria?.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Querendo ser curadores de tantas persoas que imos atopando ao noso lado e necesitadas da mellor das curacións: que as recoñezan e traten como persoas con dignidade, compartimos agora a nosa oración comunitaria e dicimos:
QUE A NOSA MEDICINA SEXA O AMOR
Pola Igrexa que formamos tod@s e que tantas veces sementa dor e sufrimento na vida das persoas cargando os seus ombreiros cunha manchea de obrigas e normas; para que se libere dos seus prexuízos e saiba dar unha resposta de alento e comprensión a quen a precisa, OREMOS.
QUE A NOSA MEDICINA SEXA O AMOR
 Para que entre nós, nas nosas parroquias e barrios, aprendamos que a mellor das medicinas é o amor, a preocupación polo outro, non os cartos nin o tempo pagado, senón gratuíto, Oremos.
QUE A NOSA MEDICINA SEXA O AMOR
Por cada un e cada unha de nós, para que saibamos descubrir a Deus que nos interpela nos rostros das persoas que morren de fame, nas que son escravas da dor, nas que non teñen acceso á cultura, nas que viven baixo calquera tipo de opresión, nas que están marxinadas por calquera causa, nas que ven pisoteados os seus dereitos fundamentais, OREMOS.
Señor, poñendo en ti a confianza, dispómonos a non deixarnos levar por todo aquilo que non faga pasivos, conformistas e preguiceiros. P.X.N.S. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
Onte a ti, Señor,
diante da carne doente da persoa enferma,
diante da carne esquecida da persoa marxinada,
diante da carne esgotada da persoa anciá,
diante da carne necesitada da persoa discapacitada,
diante da carne cansada da persoa parada,
diante da carne arruinada da persoa famenta,
diante da carne sometida da persoa escrava,
diante da carne corrompida da persoa leprosa,
diante da carne aflixida da nai,
diante da carne deshabitada do mozo....
conmovéronseche as entrañas,
deuche un golpe o corazón
e non puideches quedar á marxe.
Hoxe atopámonos cunha realidade máis triste.
Fai, Señor, que os nosos corazóns se movan
para non quedarmos á marxe.
Fainos persoas compasivas e tenras,
para sermos persoas dignas
e poder sementar na historia esperanza e misericordia. 
CANTOS
§  ENTRADA: Amigos nas penas
§  LECTURAS: O Señor é o meu pastor
§  OFERTORIO: Acharte presente
§  COMUÑÓN: No colo da miña nai