Ir al contenido principal

15 domingo TO C

CAMIÑEMOS CONSTRUÍNDO FRATERNIDADE SAMARITANA E SUPERANDO PREXUÍZO 

CANTO GOZOSO

·      ENTRADA.-  Non vou so ( 60 ) 

·      LECTURAS.-  Déixate querer ( 61 )

·      OFERTORIO.-  Quédate, Señor, connosco  (  63)

·       COMUÑÓN.- Eu soñei ( 64 )

ESCOITA ACTIVA

         Paz e ben para todas e todos vós. A samaritanía é unha actitude que nos invita a camiñar por este noso mundo con disposición a mirar para os lados e tender a man a quen o poida precisar. Con ela quérese concretar o que o evanxeo nos di de poñer o corazón no centro do noso actuar.

         Fronte a actitudes que hoxe vemos que piden exclusión, expulsión, cárcere e moitas máis medidas e comportamentos que marquen distancia ao respecto das persoas, non está de máis que aqueles e aquelas que nos chamamos crentes e persoas seguidoras do proxecto de Xesús teñamos sempre presente que o evanxeo, a brúxula que ha guiar a nosa vida, invita sempre a practicar a samaritanía, ao estilo do mestre Xesús, tal e como hoxe escoitaremos na parábola que nos narra Lucas.

         Non deixemos logo que barullos, voces ou berros que nos poidan chegar desde quen, inda que diga o contrario, lle ten dado as costas ao evanxeo, nos impidan escoitar a voz daquel que, pasando polo mundo facendo o ben, non tivo problema de chegar tarde ao templo porque antes tivo que parar e coidar e curar a un irmán ou a unha irmá que o precisaba.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

·      Por ser tan pouco samaritanos como para dedicar un pouco do noso tempo a quen precise axuda. SEÑOR, QUE NON DEIXEMOS NUNCA DE ACOLLER.

·      Por dar moitas veces rodeos innecesarios na vida, para evitar afrontar as situacións que nos esixen tomar postura clara na defensa das persoas. CRISTO, QUE NON DEIXEMOS NUNCA DE ACOLLER.

·      Porque moitas veces quedámonos nun xeito de vivir a fe superficial, esquecendo que para Xesús o importante seguen a ser as persoas. SEÑOR, QUE NON DEIXEMOS NUNCA DE ACOLLER.

PALABRA AGASALLADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO DEUTERONOMIO

 

Faloulle Moisés ó pobo dicindo:

Si, faille caso á voz do Señor, o teu Deus, gardando os seus mandamentos e os seus preceptos, o escrito no libro desta lei. Si, convértete ó Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón e con todo o teu ser.

Si, este mandamento que eu che mando hoxe non é imposible para ti nin che resulta inaccesible. Non está no ceo para dicires: ¿Quen subirá por nós ó ceo e nolo collerá e nolo fará escoitar, para que nós o cumpramos? Tampouco está da outra banda do mar para dicires: ¿Quen cruzará por nós ó outro lado do mar e nolo collerá e nolo fará escoitar, para que nós o cumpramos? Si, a palabra está moi cerca de ti: na túa boca e no teu corazón, para a cumprires.

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS COLOSENSES

 

Cristo é a imaxe do Deus invisible,

de toda criatura el é o primeiro nacido,

e por medio del fixéronse as cousas,

as da terra e tamén as do ceo,

as vistas cos ollos,

as por eles non vistas;

señoríos sexan ou ben maxestades,

sexan principados, tamén potestades;

el é modelo e fin

do universo creado.

Antes ca todo está el,

todo nel se cimenta aínda hoxe.

É tamén a cabeza do corpo

‑o corpo é a Igrexa‑.

El é o principio,

o primeiro en nacer de entre os mortos,

de xeito que en todo

sexa sempre o primeiro.

Porque nel quixo Deus habitar

coa súa total plenitude:

reconciliar así o universo

consigo, por el;

e no sangue da cruz

poñer paz entre os seres da terra

e do ceo, servíndose del.

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

Ergueuse certo xurista e preguntoulle a Xesús para o poñer á proba:

‑Mestre, ¿que teño que facer para herda-la vida eterna?

El respondeulle:

‑¿Que pon a Lei? ¿Que les?

Contestou:

‑Amara-lo Señor teu Deus con todo o teu corazón, con toda a túa alma, toda a túa forza e con todo o teu entendemento, e o próximo coma a ti mesmo.

El díxolle:

‑Contestaches perfectamente; cúmpreo e vivirás.

Pero o xurista, querendo xustificarse, preguntoulle a Xesús:

‑¿E quen é o meu próximo?

Xesús replicou:

‑Dunha vez un home baixaba de Xerusalén a Iericó, e asaltárono uns bandidos, que, despois de o roubaren e bouraren nel, deixárono medio morto. Cadrou a baixar polo mesmo camiño un sacerdote, que, ó velo, deu un rodeo e pasou de largo. Igual fixo un clérigo, que pasaba por alí: ó chegar e velo, deu un rodeo. Pero un samaritano, que ía de camiño polo mesmo lugar, ó velo, sentiu mágoa; e achegándose a el, curoulle as feridas con aceite e viño e vendoullas. Logo, montouno na súa cabalgadura, levouno a unha pousada e coidouno. O outro día colleu dous denarios, deullos ó pousadeiro, e díxolle: "Coida del, e cando volva xa che pagarei o que gastes de máis".

‑¿Quen dos tres che parece que foi próximo do que caeu nas mans dos bandidos?

El respondeu:

‑O que practicou a misericordia con el.

Díxolle Xesús:

‑Pois ti vai e fai outro tanto.

 

PALABRA REMOÍDA

·      Invita na primeira lectura o libro do Deuteronomio a escoitar e a facerlle caso á voz de Deus. E seguro que haberá xente que dirá que por máis que o intenta non escoita voz algunha de Deus; mesmo outra xente afirmará que Deus non fala, que é unha invención. Pero diante destas dúas situacións teremos que estar nós, homes e mulleres que nos chamamos crentes para dar razón da nosa convicción e da nosa esperanza, para testemuñar que a voz de Deus vaise mostrando nas múltiples situacións nas que que tantas persoas son quen de entregar a súa vida para que alguén poida ser feliz, aceptado, respectado e recoñecido como igual. Porque a voz de Deus faise presente na medida en que nós o imos descubrindo nos demais e imos tomando conciencia de que compartimos a mesma dignidade; dignidade que nos une e iguala; dignidade que non divide entre os que son dos nosos –tal e como hoxe escoitamos dicir a aqueles que, en principio, teñen como misión servir a toda e todos sen excepción– e os que pensan e cren distinto ou naceron noutros países; dignidade que sabe respectar e ver que por riba da cor da nosa pel, porque o que todas e todos compartimos é que somos persoas queridas por un mesmo Deus que é amor. É verdade que dicir isto hoxe non está de moda, pero se queremos ser fieis ao credo que compartimos e ao Deus ao que lle rezamos, non podemos ignoralo, porque a fraternidade –Deus créanos irmáns e irmás–é eixo desde o que celebrar, compartir e orar a fe que nos trae aquí, aos nosos templos.

 

·      E, como nos di Paulo na carta aos  Colosenses, a mellor e máis fiel imaxe do Deus ao que nós rezamos e no que confesamos a fe atopámola en Cristo. El é a concreción real do deus invisible; el é a cabeza do que nós chamamos comunidade, ecclesía, a asemblea que conformamos e nos reunimos ao redor desta mesa na que poñemos pan e viño para compartir. Pero el é un Xesús real, que pasou facendo o ben, que soubo e quixo tender mans e acoller, que non tivo problema en chegar tarde por terse parado diante de quen precisaba da súa man e do seu tempo. Por iso en Cristo temos nós o espello no que mirarnos e desde o que seguir, hoxe e no mundo de hoxe, dando vida e realizando accións e proxectos que poñan ás persoas no centro, por riba de intereses económicos, ideolóxicos, políticos ou culturais que discriminen, exclúan, invisibilicen ou neguen que somos poliédricos -Francisco dixit-, diversos e distintos, si, pero iguais no mesmo sentir e sabernos irmáns. En Cristo a fraternidade convértese en vida real, concreta e auténtica.

 

·      E toda  reflexión anterior tennos que levar a entender o evanxeo que hoxe temos proclamado. Naquel tempo, coma tamén hoxe, había xente, case sempre os que mandaban e tiñan poder, que se crían mellores ca os demais e con dereito a dicir quen era e quen non era digno de ser recoñecido como persoa. Naquel tempo, coma hoxe, tamén había xente que non lle importaba dar voltas e máis voltas para evitar achegarse aos problemas e buscar como darlles solución; tamén naquel tempo, coma hoxe, había persoas que se crían –que se cren- que con cumprir costumes e ritos xa temos gañado o corazón de Deus. E, como acabamos de escoitar na parábola, para Deus non hai fronteiras, para El todas e todos somos iguais e merecemos a mesma atención –misericordia quero e non sacrificios, dinos o salmo-. Comezando pola dedicación e tempo que temos que prestar ás persoas máis fráxiles, débiles e con menos forza para seguir camiñando. Por iso é tan importante volver os ollos e o corazón ao evanxeo–sempre berce de humanidade- para desde alí ter unhas mans que se ofrezan, que acollan, que aperten, que agarimen, que... que mostren que o amor de Deus so se mostra, desde e no amor, co que saibamos acollernos uns aos outros. Sen marcar territorio nin fronteiras.

 

COMPARTINDO A ORACIÓN DE E ENTRE TOD@S

Damos grazas comunitariamente a Deus por este agasallo que nos fai de ser persoas sempre samaritanas. Facémolo dicindo: QUE A NOSA FE SEXA SAMARITANA E FRATERNA.

·      Por unha Igrexa fiel ao evanxeo, e capaz de facer do seu actuar no mundo experiencia de acollida samaritana. Oremos. Que a nosa fe sexa samaritana e fraterna.

·      Para que non deixemos que as mensaxes de odio e exclusión que hoxe tantas veces escoitamos, acaben atopando oco no noso corazón, impedíndonos ver aos demais como iguais e coma irmáns e irmás. Oremos. Que a nosa fe sexa samaritana e fraterna.

·      Para que non calemos diante de quen se cre mellor ca os demais, de quen pensa que por ter nacido nun sitio ten máis dereitos que aquel/la que ten chegado de fóra buscando vida digna e traballo xusto, como nós tamén o buscamos antes noutros países. Oremos. Que a nosa fe sexa samaritana e fraterna.

Grazas, Señor, por sacudirnos na busca das actitudes samaritanas que nos achegan a ti e ao teu proxecto de amor, fundamentais para testemuñar o evanxeo. Por Cristo o noso Señor, Amén.

 

DEIXÁNDONOS GUIAR POR EL

“Nunca saberemos agradecer o suficiente a san Lucas por transmitirnos esta parábola do Señor.

Esta parábola, tamén está no centro da Encíclica Fratelli tutti, porque é unha clave, eu diría a clave para pasar dun mundo pechado a un mundo aberto, dun mundo en guerra a un mundo en paz. Esta tarde escoitámola pensando nos migrantes, a quen vexo representados nesta gran escultura: homes e mulleres de todas as idades e procedencias.

E é que, igual que “o camiño que conducía de Xerusalén a Xericó non era unha vía segura, tampouco o son hoxe os numerosos roteiros migratorios que atravesan desertos, bosques, ríos e mares. Cantos irmáns e irmás se atopan hoxe na mesma condición do camiñante da parábola? Cantos son asaltados, desposuídos e golpeados ao longo do camiño?.

Como o bo samaritano, estamos chamados a facernos próximos de todos os viandantes de hoxe, para salvar as súas vidas, curar as súas feridas, aliviar a súa dor”. (Francisco)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...