Ir al contenido principal

14 domingo TO C 2025

Porque a anada segue a ser boa, Testemuñemos con esperanza e sen nostalxia

Canto gozoso

 

·      ENTRADA: Vinde axiña ( 10)

·      LECTURAS: Douvos un mandato novo ( 18 )

·      OFERTORIO: Acharte presente ( 51) 

·      COMUÑÓN: Ide e pregoade (55)

 

ESCOITA ACTIVA

         Xesús escolleu e enviou, e so puxo unha condición: “onde vos acollan, se alí hai xente de paz, entrade”. Deste xeito, e a través dos séculos foise desenvolvendo a misión que o Señor lle encargara a aqueles setenta e dous.

         Hoxe os continuadores e continuadoras desta tarefa somos nós. Porque tamén nos envía a ser xente de paz nun mundo famento dela, a ser buscadores de diálogo nun mundo que non sabe escoitar, propiciadores de entendemento e compañía nun mundo no que cada vez hai máis sente soa. 

Non esquezamos logo que a fe non é nin herdanza nin costume, senón anuncio convencido de que a mensaxe de Xesús so será posible a través e por medio dos que nos chamamos seguidores e seguidoras seus.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

·      Pola nos falta de valentía a manifestar a alegría da fe. SEÑOR QUE SEXAMOS XENTE DE PAZ.

·      Pola nosa ausencia de esperanza ante as dificultades e problemas polos que pasamos. CRISTO, QUE SEXAMOS XENTE DE PAZ.

·      Polos nosos silencios diante da manipulación e do engano ao que moitas veces nos someten. SEÑOR, QUE SEXAMOS XENTE DE PAZ.

PALABRA AGASALLADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

 

Alegrádevos con Xerusalén,

e brincade de ledicia por ela,

tódolos que a amades.

Exultade con xúbilo con ela

tódolos que vos enloitastes por causa dela,

porque mamaredes

e fartarédesvos do peito das súas consolacións,

porque zugaredes e gozaredes do seo da súa riqueza.

Porque así fala o Señor:

"Ollade que eu estendo ata ela a fartura coma un río,

si, coma un río desbordado a riqueza das nacións.

Vós mamaredes, no colo seredes levados,

sobre os xeonllos seredes aloumiñados.

Coma un neno, a quen súa nai consola,

así vos consolarei eu.

Si, en Xerusalén seredes consolados.

Entón veredes que se alegra o voso corazón

e que os vosos ósos florecen coma un campo".

A man do Señor daráselles a coñecer ós seus servos. Palabra do Señor.

 

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS GÁLATAS

 

Irmáns e irmás:

A min Deus me libre de gabarme en algo que non sexa a cruz de Cristo, na que o mundo está crucificado para min como eu para o mundo. Pois tanto ten estar circuncidado coma estar sen circuncidar. O que importa é a nova creación.

A paz e maila misericordia virán sobre tódolos que se axusten a esta norma e sobre o Israel de Deus. De hoxe en diante que ninguén me veña amolar, porque levo no meu corpo as marcas de Xesús. Irmáns, que a gracia do noso señor Xesús Cristo vaia convosco. Amén.Palabra do Señor.

 

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

Designou o Señor a outros setenta e dous, e mandounos de dous en dous por diante del a tódalas vilas e aldeas onde tiña pensado ir. Díxolles:

‑A anada évos ben boa, pero os xornaleiros son poucos; así que rogádelle ó dono da colleita que mande xornaleiros á súa ceifa.

Ide e sabede que vos mando coma años entre lobos. Non levedes saco, nin alforxa, nin calzado, nin vos paredes a parolar con ninguén polo camiño. Cando entredes nunha casa, antes de máis nada dicide: "Paz a esta casa". E se alí hai xente de paz, sobre ela repousará a vosa paz; se non a hai, volverá convosco. Permanecede na mesma casa, comendo e bebendo do que teñan, que o obreiro ten dereito ó seu xornal. Non andedes dunha casa para outra. Cando entredes nunha vila e vos acollan, comede do que vos poñan, curade os enfermos que haxa e dicídelles: "Xa chega a vós o Reino de Deus". Palabra do Señor.

 

PALABRA REMOÍDA

·      A profecía de Isaías que escoitabamos na primeira lectura é todo un canto á alegría e busca de todo canto a fai posible. Pero é esta unha alegría que brota do corazón, unha alegría que está chamada a enchoupar toda a nosa vida, unha alegría que necesariamente, non podería ser doutro xeito, nos converterá en homes e mulleres de esperanza. Capaces de non deixarnos nin vencer nin dominar polos agoiros do pesimismo, da visión negra e tenebrosa, pesimista, entristecida e desconfiada da vida e da sociedade, do medo como intento de controlar e dominar a liberdade das nosas decisións. Como afán de manipular a nosa conciencia e de inhibir a nosa capacidade de actuar, con discernimento, e desde a liberdade. A alegría supón abrir procesos que se irán desenvolvendo no tempo, e a través del irá mostrando os seus froitos. Sexamos logo persoas de alegría transformadora da nosa maneira de estar, mirar e traballar no medio do mundo de hoxe.

 

·      O papa Francisco, que tanta pegada deixou na Igrexa e no mundo, desde o minuto un do seu pontificado insistiu na alegría como eixe desde o que achegarnos ao evanxeo, á vida familiar, ao compromiso na mellora dunhas relacións entre as persoas e dun mundo máis xusto e igualitario, na busca compartida pola defensa da casa común e da amizade social. Amizade que busca unir desde a confianza, que non a desconfianza; amizade que chama a camiñar xuntos e xuntas e non no enfrontamento; amizade capaz de afrontar cambios de estilo e de creatividade. Porque a historia cambia e nós, os crentes estamos na historia, non nun lugar aparte, fronte a tentación da nostalxia e do mirar permanentemente cara a atrás. Porque a verdadeira alegría, a alegría do Deus Pai/Nai que perdoa sempre na misericordia e potencia a creación e a novidade, é a que nós temos que mostrar, manifestar, translucir e testemuñar cada día, na relación coas demais persoas, para construír pontes que nos achegan e derrubar muros que nos confrontan e nos separan.

 

·      E para  converter a alegría en actitude cerne do noso ser cristiáns e cristiás no aquí e agora de cada un e cada unha de nós, precisamos tomar en serio o que hoxe nos dicía Xesús no evanxeo: “a anada é boa, os xornaleiros poucos”. É dicir, a realidade na que estamos ofrécenos moitas posibilidades, e a nós correspóndenos acollelas e ilas convertendo en anuncio de liberación salvadora; en anuncio de concreción do proxecto de Xesús; en anuncio que nos leve a saír e buscar todo canto faga posible que as persoas nos unamos e busquemos todo aquilo que nos fai mellores, que nos humaniza, que nos leva a recoñecernos como iguais na fraternidade de quen nos sabemos imaxe e semellanza dese Deus que “ apapacha”, ese Deus que anima e alenta, ese Deus que non é nin o ollo que todo o ve desde a distancia para xulgalo nin o señor feudal que controla, domina e escraviza aos seus súbditos. Non, o Deus de Xesús, o Deus do evanxeo, é o que nos invita, desde a alegría do hoxe, a saír ao encontro das persoas que tamén, coma nós, buscan a paz e a acollida. Dispoñámonos a saír entón das nosas tobeiras!

COMPARTINDO A ORACIÓN DE E ENTRE TOD@S

         Damos grazas comunitariamente a Deus por este agasallo que nos fai de ser persoas alegres e sen prexuízos. Facémolo dicindo: QUE SEMENTEMOS DA TÚA ALEGRÍA.

·      Para que construamos, entre todas e todos nós, unha igrexa que sexa fogar de alegría, colaboración e comprensión. Oremos. Que sementemos da túa alegría.

·      Para que nos esforcemos por vencer a tentación de ser comunidades parroquiais derrotadas pola tristura e a falta de creatividade. Oremos. Que sementemos da túa alegría.

·      Para que non nos deixemos levar da tentación de converternos en ritualistas da nostalxia, esquecendo que o evanxeo é sempre renovación, creatividade e alegría. Oremos. Que sementemos da túa alegría.

·      No día no que a Igrexa celebra a Xornada da responsabilidade do tráfico. Que non esquezamos que aquelas persoas que nos poñemos ao volante debemos esforzarnos por realizar unha condución responsable para nós e para os demais. Oremos. Que sementemos da túa alegría.

 

Grazas, Señor, por sacudirnos na busca da alegría e da paz nun mundo tan precisados destas dúas actitudes tan fundamentais para testemuñar o evanxeo. Por Cristo o noso Señor, Amén.

 

 

DEIXÁNDONOS GUIAR POR EL

Señor, que a alegría vaia enchoupando todo o noso facer. Non nos deixes caer na tentación da tristura, o pesimismo ou a indiferenza. Que a forza da túa graza vaia enchendo a nosa vida, para que sexa resposta á túa vontade.

Que non deixemos na nosa vida oco para que nela acampen a resignación e a nostalxia dun pasado que nunca máis vai volver.

Aléntanos, Señor, a ter unha mirada aberta, alegre, humanizadora e sempre fraterna; unha mirada que non esquece que ti non nos creaches inimigos, pero si irmáns e irmás.

Que saibamos ser servidores de alegría nun mundo tan precisado do entendemento e máis da paz. Amén.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...