Ir al contenido principal

Pedro e Paulo 2025

 QUEN DIXO QUE AS SEGUNDAS PARTES NUNCA SON BOAS?

CANTO GOZOSO

 

·     ENTRADA: Que ledos hoxe estamos

·     LECTURAS: Como che cantarei?

·     OFERTORIO: Non vou só 

·     COMUÑÓN: Todo o mundo unha familia

ESCOITA ACTIVA

Rematando o mes de xuño e comezando o verán, facemos hoxe memoria agradecida de dúas columnas da Igrexa: Pedro, o primeiro entre os apóstolos e Paulo, apóstolo dos xentís. Ambos teñen unha característica común: nun momento da súa vida trabucaron o rumbo; pero Deus, rico en misericordia e en perdón, soubo darlles outra oportunidade.

Que mellor día ca hoxe, no que celebramos a súa festa, para tomar conciencia de que todas e todos nós trabucamos o camiño moitas veces, e iso esixe de nós estarmos dispostas e dispostos a dar novas oportunidades a quen nos fallou.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

û  Porque moitas chaves na nosa vida serviron para pecharnos nos nosos medos, e non para abrirnos a colaborar cos demais; SEÑOR, DANOS OUTRA OPORTUNIDADE.

û   Porque a nosa soberbia céganos, e non somos capaces de pedir perdón; CRISTO, DÁNOS OUTRA OPORTUNIDADE.

û  Porque nos sobran prexuízos e nos falta capacidade de unir, perdoar e traballar en fraternidade, SEÑOR, DÁNOS OUTRA OPORTUNIDADE.

PALABRA QUE ALUMEA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

Por ese tempo o rei Herodes botou man dalgúns membros da Igrexa, para os maltratar. Mandou matar coa espada a Santiago, o irmán de Xoán, e, vendo que iso lles agradaba ós xudeus, mandou prender tamén a Pedro. Era a semana da Pascua. Prendeuno, logo, e meteuno na cadea, gardándoo con catro piquetes de catro soldados cada un. Quería presentalo diante do pobo despois da Pascua. Mentres Pedro estaba retido no cárcere, a Igrexa rezaba intensamente a Deus por el.
A noite antes de que Herodes o presentase diante do pobo, estaba Pedro durmindo entre dous soldados, ligado con dúas cadeas, e unhas sentinelas facían a garda diante da porta da prisión. De súpeto, presentouse o anxo do Señor, e unha luz resplandeceu na cela; e, tocándolle no costado, espertou a Pedro e díxolle:
- ¡Érguete correndo!
E caéronlle as cadeas das mans.
Entón díxolle o anxo:
- Pon o cinto e calza as sandalias.
E así o fixo. Despois díxolle:
- Bota o manto por riba e sígueme.
Pedro saíu e seguiuno, sen se dar conta que era realidade o que se facía por medio do anxo, pois coidaba que era unha visión. Atravesaron a primeira garda e logo a segunda, e chegaron á porta de ferro que daba á cidade e abriuse ela soa. E ó saíren á rúa, logo o deixou o anxo.
Entón Pedro, volvendo en si, dixo: "agora realmente vexo que o Señor mandou o seu anxo, para me librar das mans de Herodes e de todo o que esperaba o pobo xudeu".
PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA SEGUNDA CARTA DE PAULO A TIMOTEO

Irmáns e irmás:
A min xa me falta pouco para derramar o meu sangue, e o meu pasamento está a chegar. Combatín unha loita brillante, rematei a miña carreira, gardei a fe. O que me resta é a coroa da xustiza que me está reservada. E o Señor, que é xuíz xusto, hama entregar aquel Día.
E non só a min senón a tódolos que arelan a súa Vinda gloriosa.
Pero o Señor asistiume e deume forza para que eu rematase a predicación e todas as nacións a escoitaran. E libroume da boca do león. O Señor hame librar de toda obra perversa e hame manter vivo para o seu Reino celestial. Sexa para El a gloria polos séculos dos séculos. Amén.
PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DE XESÚS SEGUNDO MATEU

Cando chegou á comarca de Cesarea de Filipo preguntoulles Xesús ós seus discípulos:
- ¿Quen di a xente que é o Fillo do Home?
Eles responderon:
- Uns, que Xoán Bautista; outros, que Elías; outros, que Xeremías ou algún dos profetas.
Insistiu:
- E vós, ¿quen dicides que son?
Respondeu Simón Pedro:
- Ti es o Mesías, o Fillo do Deus vivo.
E Xesús contestoulle:
- Ditoso ti, Simón, fillo de Xonás; porque iso non cho revelou ninguén de carne e sangue, senón meu Pai que está no ceo. E eu asegúroche que ti es Pedro, a pedra; e sobre esta pedra vou edificar a miña Igrexa; e as portas do Inferno non prevalecerán en contra dela. Dareiche as chaves do Reino dos Ceos: todo o que ates na terra, ficará atado nos ceos; e todo o que desates na terra, ficará desatado nos ceos.
PALABRA DO SEÑOR

PALABRA ENRAIZADA


*      UN DEUS QUE NOS COIDA E ACOMPAÑA: A celebración deste día convídanos a deternos e descubrir dentro de nós ao Deus que nos coida e que nos acompaña, ao Deus que nos coñece e nos recoñece; ao Deus que, coma os nosos pais e as nosas nais, sabe ben dos nosos talentos e tamén das nosas debilidades. Un Deus que nos quere tanto que nos fai libres. É certo que El nos convida a seguir un camiño, o camiño do amor; pero non é menos certo que deixa que nós tomemos a decisión de coller a súa man ou non. El, a pesares das nosas negacións, non deixa de coidarnos e de acompañarnos, pois somos obra das súas mans. Por iso sempre está disposto a dar novas oportunidades, como o Pai bo da parábola.

*      UN DEUS QUE SEMPRE DÁ NOVAS OPORTUNIDADES: A festa de hoxe fálanos de segundas oportunidades, fálanos de ser capaces de saír do pozo da preguiza, do pesimismo, da traizón, da negación... Pedro era o primeiro entre os doce apóstolos por desexo de Xesús, era a pedra sobre a que ía construír a súa Igrexa. Mais cando as cousas veñen mal dadas para Xesús, nega por tres veces telo coñecido. Malia isto, Deus dálle unha, dúas, cincocentas oportunidades máis para remendar o seu erro. Que diferentes somos nós, que mesquiños, que non somos capaces de darlle unha segunda oportunidade a quen nos fallou.

Pola súa banda, Paulo perseguía aos cristiáns. E cando ía camiño de Damasco para facer unha redada, aparecéuselle o Señor preguntándolle por que o perseguía. Caeu do cabalo e quedou cego. Cando recuperou a vista, converteuse en apóstolo dos xentís, e levou a Boa Nova do Evanxeo a novas comunidades. Nós tamén moitas veces precisamos parar e escoitar a voz do Señor no noso corazón que nos di: por que me persegues?, por que te afastas de min se eu só quero a túa felicidade?

*      IRMÁNS E IRMÁS, NIN XUÍCES NIN XUÍZAS: A idea hoxe está ben clara: non nos toca a nós ditar sentencia, non somos xuíces nin xuízas. Non. Somos irmáns e irmás, que escoitan, axudan, perdoan, tenden a man... e dan novas oportunidades

 

POÑÉMONOS NAS SÚAS MANS

Recemos como Igrexa que se sabe en comuñón co proxecto de salvación que nos ofrece Xesús, e digamos:

QUE ABRAMOS PORTAS Á ESPERANZA COAS TÚAS CHAVES

*      Para que a Igrexa de Xesús, hoxe presidida na comuñón polo Papa León, estea sempre disposta a abrir portas que traian aire de renovación e creatividade pastoral, OREMOS.

 

QUE ABRAMOS PORTAS Á ESPERANZA COAS TÚAS CHAVES 

*      Para que saibamos tamén nós renovar as nosas comunidades parroquiais, ofrecendo propostas ilusionantes, novas e renovadoras, que sirvan de testemuño para os que están afastados pola nosa falta de convencemento e de alegría evanxélica, OREMOS.

QUE ABRAMOS PORTAS Á ESPERANZA COAS TÚAS CHAVES  

*      Para que non calemos diante das inxustizas que vemos cada día ao noso redor, e non deixemos que novos manipuladores volvan enganarnos con mensaxes que só buscan xogar con nós como se fosemos monicreques, OREMOS.


QUE ABRAMOS PORTAS Á ESPERANZA COAS TÚAS CHAVES  

Señor, que as chaves que lle entregaches a Pedro sexan sempre chaves que abran portas e renoven o aire das nosas comunidades, e nos forcen a tomar iniciativas pastorais novas, solidarias e non excluíntes. P.X.N.S. Amén.

 

MIRADA DE ESPERANZA

Xesús necesita de ti.
Na comunidade da parroquia
hai unha tarefa por diante,
e Xesús necesita de ti.

Anque sexas pecador, coma Pedro,
anque sexas un humilde labrego ou mariñeiro,
anque sexas un vello ou un meniño...
Xesús necesita de ti.
Para o traballo importante
de conseguir traballadores da irmandade;
para ir creando unións e sociedades
que nos permitan erguer a testa con dignidade e alegría;
para defender o nome de Deus Pai
ante quen o desprezan abusando dos seus fillos;
para encher a túa vida de honradez e ledicia...
Xesús necesita de ti.
Non te botes para atrás,
ten valentía e fíate del.
Os froitos que nunca se deron
poden encher agora o teu fogar,
para gloria de Deus e honra da comunidade. Amén.

REGAL, M. “Un caxato...” ( adapt. pax. 135-6)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...