Ir al contenido principal

Trindade 2025

 UNHA TRÍADE DE ACCIÓN PARA CELEBRAR A QUE DEUS É TRINDADE DE AMOR XENEROSO, SOLIDARIO E RECÍPROCO


CANTO GOZOSO


  • ENTRADA.- Eu soñei                   (58 ) 

  • LECTURAS.- As túas palabras      (113 )

  • OFERTORIO.- Acharte presente     ( 51) 

  • COMUÑÓN.- No cola da miña nai (49 )

ESCOITA ACTIVA

Hoxe é día no que celebramos a festa da Trindade do Deus Pai ofrecéndonos a solidariedade do seu Fillo desde o alento, sempre agarimoso, do Espírito Santo. Nesta celebración de hoxe o amor vólvese relación de achega, coñecemento e entrega para coas demais persoas.

O exemplo de doazón recíproca que fai posible a circularidade do Deus trinitario chámanos a nós a facer tamén da nosa vida circularidade na relación de recoñecemento das demais persoas, coñezámolas ou non, compromiso e esixencia de doazón, respecto e recoñecemento da dignidade compartida.

Que este amor que con tanta efusión Deus nos mostra e ofrece hoxe nas súas tres persoas, saibamos acollelo para vivilo entregándonos ao servizo e defensa de quen é e se sente máis débil no noso mundo.

CORAZÓN MISERICORDIOSO


  • Porque falamos do amor en abstracto, sen poñerlle o rostro dos irmáns e irmás. SEÑOR, VÓLVENOS AMOR ENTREGADO E XENEROSO.


  •  Porque non somos quen de facer das palabras servizo e xenerosidade para coas demais persoas. CRISTO, VÓLVENOS AMOR ENTREGADO E XENEROSO.


  • Porque temos pouca memoria e nos faltan constancia e paciencia para escoitar e comprender. SEÑOR, VÓLVENOS AMOR ENTREGADO E XENEROSO.

PALABRA AGASALLADA


PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS PROVERBIOS


Di a Sabedoría de Deus:

O Señor produciume ó enceta-la súa tarefa,

antes das súas actividades;

desde a antigüidade, desde o remoto pasado fun formada,

antes das orixes da terra.

Cando non había océanos abismais, fun parida,

cando non había fontes, mananciais de auga;

aínda non foran afincadas as montañas,

antes dos outeiros, fun dada a luz;

cando aínda non fixera a terra e as campías

nin os terróns primeiros do mundo,

cando afirmaba o ceo, alí estaba eu;

cando gravaba o cerco arredor do abismo,

cando aseguraba as nubes no alto

e daba enerxía ás fontes subterráneas,

cando lle impuxo os lindes ó mar

de xeito que as augas non incumprisen o seu mandato,

cando fixaba os alicerces da terra,

alí mesmo estaba eu, cabo del, coma un mestre de obras,

dándolle gusto día tras día,

folgando diante del continuamente,

recreándome no orbe da terra,

e o meu pracer foron os seres humanos.




PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS ROMANOS


Irmáns e irmás:

Xustificados pola fe, estamos en paz con Deus, por medio do noso Señor Xesús Cristo. Por El temos tamén entrada a esta gracia na que nos mantemos; e estamos orgullosos coa esperanza de logra-la gloria de Deus. E non só isto, senón que estamos orgullosos nas tribulacións, sabendo que a tribulación enxendra a paciencia, a paciencia proba a fidelidade e a fidelidade produce a esperanza. E a esperanza non falla, porque o amor de Deus vértese nos nosos corazóns mediante o Espírito Santo, que se nos deu.



PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN


Dilles Xesús ós seus discípulos:

Aínda teño moitas cousas que vos dicir, pero non podedes con elas agora. Cando veña El, o Espírito da Verdade, havos encamiñar á verdade plena, pois non vos falará pola súa conta, senón que vos dirá o que escoitou e anunciarávo-lo que ha de pasar. El hame glorificar, pois recibirá do meu e interpretarávolo. Todo o que ten o Pai é meu, por iso díxenvos que recibirá do meu e volo interpretará a vós.



PALABRA REMOÍDA


  • “O Señor produciume ó enceta-la súa tarefa”. Deus móvenos a  facer da nosa vida acción. El está no comezo como motivador, alentador e animador de todo canto axuda a que a nosa fe se vaia encarnando nun quefacer que saia de nós mesmos e camiñe ao encontro daquelas persoas que sempre nos van necesitar. Persoas que sofren, están solas, viven na angustia, séntense incomprendidas ou tratadas de maneira inxusta. E a pouco que miremos ao noso redor, ben seguro que as atoparemos. Isto que estamos a dicir non é unha frase feita nin un retrouso para encher ocos baleiros. Seguir, querer facelo, a mirada que Deus ten posta no mundo esíxenos a todas e todos nós un esforzo por saber ler os sinais da súa presenza e as tarefas que esa presenza nos han mover para facer rostro de Deus a todas aquelas persoas que se van sentindo esquecidas e nas marxes do noso mundo. Por iso, a frase que escoitabamos no libro dos Proverbios vén moi ben acaída neste momento da historia e da nosa historia. El ponnos na liña de saída para que nos sexamos as continuadoras desa fermosa tarefa de ser os seus ollos, o seu corazón e as súas mansa trindade da acción de Deus– no noso xeito de actuar e facer as cousas alí onde esteamos.

  • Ser continuadores desta tarefa comezada por Deus vainos convertendo a nós en persoas de fidelidade, paciencia e esperanza. Unha nova tríade que se nos mostra tamén, desde a fe, para o noso camiñar. Unha tríade que nos volve non persoas inertes e sen capacidade de reacción, senón homes e mulleres en disposición de comprometernos en facer cousas que leven a poñer ás persoas no centro. Para que axuden a tomar conciencia de que o Deus que se vai movendo nunha relación de iguais, Pai-Fillo-Espírito Santo, ten a continuidade deste movemento de acción e realización no noso xeito de mirar o mundo e de implicarnos naquelas accións nas que o mundo precisa das nosas mans para que consigamos poñer no centro de todo e con todo, ás persoas. Si, esas que para nós non deberan de ser nunca medios –cousas– senón fins: dignidade infinita e sempre plena. Por iso, o respecto que nos ha merecer todo o creado, non ha confundirse nin igualarse co respecto das persoas, aquelas que, sempre e en toda circunstancia, somos e seremos imaxe e semellanza dese Deus relación de amor e compromiso solidario e xeneroso de apertura non excluínte.


  • Neste tempo da Igrexa, o tempo do Espírito, sabéndonos continuadores/as da andaina comezada polo Fillo con aquel pequeno grupo que non dubidou que o seu era un proxecto de cambio e renovación, deixemos que idea creadora do Pai , no que todo comeza, nos converta a nós en defensores/as convencidos de que outro xeito de ser, estar, camiñar e construír o mundo é posible. Un proxecto, unha proposta, de amor recíproco, escoitador, acompañante e igualitario, da que nós, a imaxe da trindade, temos que ser quen de poñela en marcha e vivila alí onde estamos: familias, parroquias, amizades...

FRATERNIDADE ORANTE

O Deus que na comuñón de amor hoxe nos chama a rezar comunitariamente, invítanos a unirnos nunha mesma oración dicindo: 

QUE COMO A TRINDADE, APRENDAMOS A CONVERXER NO QUE UNE.

  • Que na Igrexa aprendamos a respectarnos, sabendo que o que nos enriquece é facer da creatividade comuñón de tarefas que busquen a solidariedade e o servizo. Oremos. Que como a trindade, aprendamos a converxer no que une.

  • Que nas nosas parroquias comprendamos que so escoitándonos seremos quen de facer cousas fermosas, importantes e que nos beneficien a todos e todas. Oremos. Que como a trindade, aprendamos a converxer no que une.

  • Para que nunca nos deixemos caer na tentación de impoñer e excluír, e aprendamos a escoitar aos demais e a integrar e valorar o que eles din, co que nós pensamos, porque non somos nin únicos nin exclusivos. Oremos. Que como a trindade, aprendamos a converxer no que une.

Señor, que a imaxe da Trindade, tamén nós fagamos do amor experiencia de relación, comuñón e entendemento. Por Cristo o noso señor. Amén.


PARA A REFLEXIÓN


A Santísima Trindade — Pai, Fillo e Espírito Santo — é o maior exemplo de amor e comuñón. Esta relación divina inspíranos a vivir e comunicarnos dun xeito máis humano e certo, especialmente para os que traballan na misión de evanxelizar. Cando pensamos na comunicación, é fundamental entender que non é só un intercambio de información, senón un encontro que xera unidade, tal e como está na Trindade.

Do mesmo xeito que na Trindade, o que nos ensina que a unidade non é uniformidade, o Pai, o Fillo e o Espírito Santo teñen misións diferentes, senón que actúan en perfecta harmonía. Isto lémbranos que, na nosa vida e na misión da Igrexa, cada un de nós, cos seus agasallos e particularidades, contribúe ao mesmo propósito: presenciar o amor de Deus.

A Trindade móstranos que fomos creados para a comuñón, a nosa vida cristiá só ten sentido se se vive na comunidade, onde aprendemos a compartir e acoller diferenzas.

(Trindade Santa, o amor que ensina a comunicar como unidade )


Comentarios

Entradas populares de este blog

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

4 advento 2024

    HUMILDES CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA SINXELEZA ACOLLEDORA SINAL DE ADVENTO Completamos o noso berce.   CANTO GOZOSO o    ENTRADA:  Volve Señor (Nº 90) o    LECTURAS:  Vén axiña visitarnos (Nº 86) o    OFERTORIO:  Recibe, Señor (Nº 31) o    COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   OLLOS DE ESPERANZA              Belén era unha aldea pequeniña, un lugar que pasaba totalmente desapercibido e que semellaba pouco ou nada importante. Ata que unha noite converteuse en lugar de salvación e acollida, porque alí naceu o Fillo de Deus. Neste cuarto e derradeiro domingo do Advento, Belén quere ser para todas e todos nós un recordatorio claro de que Deus está no sinxelo, no humilde, na xente máis esquecida e que, ao igual que Belén, é moitas veces invisibilizada e marxinada.    CORAZÓN MISERICORDIOSO ·      ...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...