Ir al contenido principal

4 advento 2024

  

HUMILDES CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA SINXELEZA ACOLLEDORA

SINAL DE ADVENTO

Completamos o noso berce.



 

CANTO GOZOSO

o  ENTRADA: Volve Señor (Nº 90)

o  LECTURAS: Vén axiña visitarnos (Nº 86)

o  OFERTORIO: Recibe, Señor (Nº 31)

o  COMUÑÓN: No colo de miña nai (Nº 49)

 

OLLOS DE ESPERANZA

            Belén era unha aldea pequeniña, un lugar que pasaba totalmente desapercibido e que semellaba pouco ou nada importante. Ata que unha noite converteuse en lugar de salvación e acollida, porque alí naceu o Fillo de Deus.

Neste cuarto e derradeiro domingo do Advento, Belén quere ser para todas e todos nós un recordatorio claro de que Deus está no sinxelo, no humilde, na xente máis esquecida e que, ao igual que Belén, é moitas veces invisibilizada e marxinada. 

 

CORAZÓN MISERICORDIOSO

·      Porque somos persoas soberbias, e en moitas ocasións facemos de menos ás irmás e aos irmáns; SEÑOR, QUE APRENDAMOS A SER HUMILDES. 

·      Porque a diferenza de María non estamos dispostas e dispostos a botarnos ao camiño para axudar a quen precisa de nós; CRISTO, QUE APRENDAMOS A SER HUMILDES. 

·      Por non deixar que este tempo de Advento nos axude a prepararnos para un Nadal cristián. SEÑOR, QUE APRENDAMOS A SER HUMILDES.

PALABRA PROCLAMADA

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE MIQUEAS

 

Isto di o Señor:

E ti, Belén de Efratah, tan pequeniña entre as familias de Xudá,

de ti vai saír un que será o soberano de Israel;

a súa orixe é desde antigo, desde os días do comezo.

El seranos conservado para sempre, mentres haxa muller que dea a luz;

o resto dos seus irmáns volverá,

e serán devoltos os fillos de Israel.

Manterase firme e pastoreará co poder do Señor,

coa gloria do nome do Señor, o seu Deus,

e cando se instalen ata o mesmo cabo da terra, estenderá a súa grandeza:  "o da Paz" será o seu nome. 

PALABRA DO SEÑOR

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA ÓS HEBREOS

 

Irmáns e irmás:

Cando Cristo entra no mundo, di:

"Sacrificios e ofrendas non os quixeches,

pero formáchesme un corpo;

holocausto e sacrificio de expiación

non che gustaron;

entón dixen:

olla que xa cheguei, meu Deus,

para face-la túa vontade

‑como se di de min nun capítulo do libro"‑.

Di no comezo: "Sacrificios, ofrendas, holocaustos e sacrificios de expiación, nin os quixeches nin che gustaron" (todos eles son sacrificios que a Lei manda ofrecer); e di despois: "Olla que xa cheguei para face-la túa vontade". Deixa sen validez o primeiro para darlle soamente validez ó segundo. Foi por esta vontade de Deus, como quedamos nós santificados coa ofrenda única e para sempre do corpo de Xesús Cristo.

PALABRA DO SEÑOR

 

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

Naqueles días saíu María con moita présa camiño da montaña, a unha vila de Xudá. Entrou na casa de Zacarías e saudou a Isabel. E en oíndo Isabel o saúdo de María, o neno brincoulle no ventre. Entón, chea do Espírito Santo, exclamou Isabel, a grandes voces:

‑Bendita ti entre as mulleres e bendito o froito do teu ventre. ¿Quen son eu para que me visite a nai do meu Señor? Pois ó que chegou o teu saúdo ós meus oídos, brincou de alegría a criatura no meu ventre. ¡Ditosa ti que criches que se cumpriría canto che anunciaron de parte do Señor!

PALABRA DO SEÑOR

 

PALABRA REMOÍDA

 

·      A lectura do profeta Miqueas que vimos de proclamar neste derradeiro domingo do Advento é un bo exemplo dunha Palabra que vai contracorrente. Si, porque o noso mundo parece ser dos triunfadores, dos que non dubidan en pisar a quen sexa para ascender postos, dos que teñen cartos e propiedades, dos que saen na televisión aínda que sexa a costa de vender a súa intimidade ao mellor postor.... E resulta que vén Miqueas a dicirnos que da xente humilde, daquela da que non se espera nada, da fracasada aos ollos do mundo... vai nacer a esperanza. Fagamos, xa que logo, un esforzo neste tramo final do Advento e desbotemos do noso corazón a soberbia que, tantas veces, nos impide ver o mundo e á humanidade desde os ollos de Deus.

·      Se así o facemos, botarémonos ao camiño, como fixo María, a mociña humilde e sinxela de Nazaré que, despois de dicir si a Deus, foi capaz de poñerse en camiño para ir axudar á súa curmá Sabela. Pero... canto nos custa saír de nós mesmas, de nós mesmos, dos nosos lugares de conforto para ir levar a esperanza a tanta xente que, ao noso lado, está precisada dela. Cantos prexuízos aniñan no noso corazón! Mais non nos queda outra, porque o camiño que nos abre o Neno que peta xa na nosa porta é un camiño de axuda, de acollida, de fraternidade... sempre desde a sinxeleza do pequeno.

·      Naceu, vai nacer...cada día...en cada momento... o Deus que salva, que nos ama, que nos busca, a nosa luz, a paz, o camiño e a meta... Ditosas as persoas que cremos, as que esperamos, as que loitamos, as que nos entregamos, as que amamos.... porque o que prometeu ha cumprilo. Temos o seu berce preparado?

 

ORACIÓN COMPARTIDA

 

Rezamos desde a oración compartida dicindo: 

 

QUE COMO MARÍA, DESCUBRAMOS A LEDICIA DE SERVIR

 

·      Para que nunca esquezamos que unha Igrexa que non serve, non serve para nada, OREMOS.

·      Para que nas nosas parroquias nos preocupemos unhas persoas polas outras, e non nos deixemos levar dos prexuízos e falsos clichés no trato coa veciñanza, OREMOS. 

·      Por nós, para que a exemplo de María, teñamos dispoñibilidade cara aos nosos irmáns e irmás, acollendo, perdoando, visitando, acompañando, agarimando, OREMOS 

Señor, grazas por descubrirnos que no noso camiño temos que aprender a tender a man e deixar que outras persoas tamén nola tendan cando o precisemos. P.X.N.S. Amén.

 

INTERIORIDADE ACOLLIDA

 


Se elixes:

Ser fronte ao ter.

Compartir fronte ao competir.

Sinxeleza fronte a soberbia.

Calidade fronte a cantidade.

Diversidade fronte a uniformidade.

Gratuidade fronte a utilitarismo.

Solidariedade fronte a egoísmo.

 

 

¡Terás premio!

O premio de sentirte útil.

A ledicia de vivir e celebrar a solidariedade. 

O saber que na túa medida es importante,

Comentarios

Entradas populares de este blog

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...