Ir al contenido principal

2 Domingo advento 2024

ABRINDO O CORAZÓN

María e o Advento están intimamente unidos. O seu si fai posible que a salvación chegue ata a porta das nosas casas, que entre no corazón de cada unha e cada un de nós. É o seu un si de esperanza, de acollida, de preparación de seguimento polos vieiros que cada día imos percorrendo. Ela entra no Advento para invitarnos a facer este camiño de espera activa e gozosa que nos axude a mirar dentro de nós e a descubrir que é o que entorpece que este camiño o poidamos facer de maneira leda, fraterna e renovada.

Coma Xoán, tamén nós recibimos a chamada para facer deste camiño experiencia de conversión e cambio. Sigamos logo avanzando polos vieiros que María e Xoán foron abrindo cara Xesús.

RENOVÁNDONOS NA MISERICORDIA

· Polas veces nas que non queremos poñernos en camiño de renovación. SEÑOR, QUE A NOSA COMODIDADE NON NOS APARTE DE TI.
· Polas veces nas que nos faltou a audacia de rezar e axudar a quen nos precisa. CRISTO, QUE A NOSA COMODIDADE NON NOS APARTE DE TI.
· Polas veces nas que caemos na tentación de pensar só e unicamente en nós. SEÑOR, QUE A NOSA COMODIDADE NON NOS APARTE DE TI.

PALABRA PROCLAMADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE BARUC
Xerusalén, quita o vestido da túa dor e da túa desgracia,
e viste para sempre o esplendor da gloria que vén de Deus.
Envólvete no manto glorioso da xustiza que vén de Deus:
pon na túa cabeza a diadema da gloria do Eterno.
Deus vai mostra-lo teu esplendor a toda cidade baixo o ceo,
pois Deus fará que o teu nome sexa para sempre "paz da Xustiza e Gloria da Piedade diante de Deus".
Ponte de pé, Xerusalén, ponte de pé no alto,
e mira cara ó nacente,
olla ós teus fillos reunidos pola palabra do Santo,
alegres pola lembranza do Señor
desde o poñente ata o nacente.
Saíron de onda ti,
levados a pé polos inimigos,
pero Deus devólvechos en andas de gloria,
coma un trono de realeza.
Pois mandou o Señor que se rebaixasen
os montes altos e os vellos outeiros
e que os barrancos se enchesen volvéndose chairas,
para que Israel camiñe con paso seguro,
guiado pola gloria de Deus;
e por orde de Deus as árbores do bosque e as plantas recendentes
déronlle sombra a Israel.
Si, Deus conducirá a Israel con alegría á luz da súa gloria,
coa misericordia e a xustiza que están con El. Palabra do Señor.

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS FILIPENSES
Irmáns e irmás:
Sempre que rezo por vós, fágoo con alegría, pola parte que vides tomando na difusión do Evanxeo desde o primeiro día ata hoxe. Eu fío en que o que encetou en vós un traballo bo, halle de ir dando cabo de aquí ó día de Cristo Xesús.
¡Ben sabe Deus con que morriña cristiá vos boto a faltar aquí! E na miña oración pido que o voso amor reborde de penetración e de sensibilidade para todo: así poderedes acertar co mellor para chegardes enxebres e sen chata ó día de Cristo Xesús, e cheos do froito da xustiza que se consegue por medio de Xesús Cristo para gloria e louvanza de Deus. Palabra do Señor.

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
No ano quince do reinado do emperador Tiberio César, sendo Poncio Pilato gobernador de Xudea e Herodes tetrarca de Galilea; sendo Filipo, o seu irmán, tetrarca de Iturea e mais da Traconítide, e Lisanias, tetrarca de Abilene: durante o pontificado de Anás e Caifás, chegoulle a Palabra de Deus a Xoán, fillo de Zacarías, no deserto. Entón el percorreu toda a rexión do Xordán, pregoando un bautismo de conversión, para acada-lo perdón dos pecados, 4conforme está escrito no libro do profeta Isaías:
Unha voz chama no deserto:
Preparade os camiños do Señor,
reparade os seus vieiros.
Toda barranqueira se cubrirá
todo monte e outeiro se rebaixará,
os camiños tortos hanse endereitar
e os fragosos hanse achanzar.
E todos verán a salvación de Deus. Palabra do Señor.

PALABRA REMOÍDA

· As persoas que habitualmente participamos nas celebracións comunitarias do domingo corremos o risco de caer na rutina dunha práctica movida non tanto pola convicción, canto polo costume. O que pode levar, non ten porque ser sempre así, a que repitamos xestos pero sen prestarlle a debida atención a cada un deles. Pómonos de pé, sentamos, respondemos... pero facémolo sen poñer toda a nosa atención, o noso cariño, a nosa concentración en cada un deses momentos. Por iso son tan importantes os tempos fortes na liturxia: Advento, Nadal, Coresma... porque son sempre invitacións a romper co de sempre, a evitar poñer o noso piloto automático celebrativo; por iso é tan importante que neste Advento rompamos con esta tentación e poñemos o mellor de nós para que de verdade este Advento sexa tempo de verdadeira conversión e esperanza. Tentemos que o sinal do berce que nos vai ir guiando ao longo destas catro semanas, nos axude a converternos en carpinteiros e carpinteiras que escollen o mellor material e poñen o mellor de si na súa construción. Unha construción que ten nome de cambio, renovación, reflexión en forma de atención a quen nos fala, oración sincera e pausada, misericordia ofrecida e outorgada. Fagamos entón do Advento non tempo de pasividade senón de compromiso e querer volver comezar.
· E como nos din as lecturas de hoxe, iso so podemos ilo facendo desde un actuar:

ü Que non mira cara atrás con nostalxia do que foi.

ü Que aposta por unha oración leda e desde a vida.

ü Que está disposto a tomar en serio a invitación de Xoán de preparar o camiño ao Señor, para que cando chegue, chame e lle abramos, atope o berce disposto e aquecido para poder durmir e descansar nel.

· Tanto María como Xoán, foron quen de poñerse no camiño da preparación para acoller a Xesús. Ámbolos dous, esforzáronse por saír das súas zonas de conforto para poder facelo. Seguro que tiveron medos, inseguridades, dúbidas e mesmo desconcerto, pero non recuaron; todo o contrario. Saíron moito máis reforzamos de que as súas decisións eran as adecuadas, e que pagar a pena o esforzo e os sinsabores.

· E nós, poderiamos dicir o mesmo? Inda estamos a tempo, e que mellor ca este Advento!

ORACIÓN COMPARTIDA

Unímonos na nosa oración comunitaria dicindo: QUE NESTE ADVENTO PREPAREMOS O CAMIÑO AO SEÑOR.
· Para que fagamos do Advento espera de conversión e renovación persoal e comunitaria. Oremos. Que neste Advento preparemos o camiño ao Señor.
· Para que o noso sexa un si de alegría, de convicción e de esperanza. Oremos. Que neste Advento preparemos o camiño ao Señor.
· Para que nos esforcemos ao longo destas catro semanas por ir deixando atrás actitudes e comportamentos que nos impiden vivir a alegría da túa chegada. Oremos. Que neste Advento preparemos o camiño ao Señor.
Fai, Señor, deste tempo de Advento experiencia de renovación, cambio e esperanza. Por Cristo o noso Señor. Amén.

BERCE DE ESPERANZA

María, a Nai de Xesús, é a figura central do Advento. Ensínanos a esperar ao Señor con fe e humildade. A súa resposta á chamada de Deus – “Aquí está a serva do Señor, fágase en min segundo a túa palabra ” (Lc 1:38) – é un modelo de apertura e confianza. Como María, estamos convidados e convidadas a abrir os nosos corazóns para que Cristo poida nacer nas nosas vidas.Como podemos vivir este tempo dun xeito concreto? Na oración: Reserva momentos diarios de oración para meditar as promesas de Deus e renova o noso compromiso con El. Na caridade: Practicar xestos de solidariedade, axudar aos que máis o necesitan e ser instrumentos da paz de Cristo. Na reconciliación: participando na celebración penitencial e recoñecendo a nosa fraxilidade, sempre precisada de misericordia.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...