Ir al contenido principal

Santa Maria Nai de Deus 2024

 UN ANO DE PERDONANZA

Ao comezar un novo ano damos grazas por todo o que recibimos de ti, Xesús. Primeiramente agradecemos o amor e apoio da familia, a vida compartida coas persoas que nos queren e axudan, a saúde, polo cariño e amor que recibimos, polos días cheos de proxectos e esperanzas e tamén por eses días tristes e difíciles que tamén aparecen na nosa vida, polos amigos, polo traballo, por todo o que de ti imos recibindo.
Agradecemos canto temos vivido ao longo do ano que onte rematou, no que rimos e sufrimos, traballamos e descansamos, onde puidemos construír momentos bonitos e solidarios; grazas porque foron aparecendo no noso camiño persoas que nos fixeron felices ao cruzarse nós: os amigos, os compañeiros de traballo, os veciños, as persoas que amamos, as que están lonxe, os que nos botaron unha man, aos que puidemos axudar, AS QUE SE NOS FORON E DEIXARON EN NÓS LEMBRANZA IMBORRABLE.
​E neste ano Xubilar que como Igrexa celebraremos a forza da túa misericordia, pedímosche, Señor, que saibamos deixarnos acoller pola túa man sempre aberta e disposta a ofrecerse como compañeira do noso camiño.

 

Corazón de misericordia

  • Para que este ano que comeza sexa para nós ano de renovación persoal. SEÑOR, QUE ESTE ANO XUBILAR SEXA ANO DE PERDOANZA.
  • Para que non nos deixemos abater nin pola tristura nin pola desesperanza. CRISTO, QUE ESTE ANO XUBILAR SEXA ANO DE PERDOANZA. 
  • Que nunca nos deixemos vencer nin pola soberbia nin por crernos mellores que os demais. SEÑOR, QUE ESTE ANO XUBILAR SEXA ANO DE PERDOANZA.

Palabra proclamada

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS NÚMEROS
O Señor faloulle a Moisés: "Dilles a Aharón e a seus fillos: desta maneira habedes de bendici-los fillos de Israel: Que o Señor te bendiga e te garde. Que o Señor faga brillar sobre ti o seu rostro e se compadeza de ti. Que o Señor che mostre o seu rostro e che conceda a paz. Eles invocarán así o meu nome en favor dos fillos de Israel e eu bendicireinos". ​Palabra do Señor. Grazas a Deus
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Foron os pastores a correr ata Belén e atoparon a María e mais a Xosé, e á criatura deitada na manxadoira. O que o viron, contaron todo o que lles dixeran do meniño, deixando pasmados a cantos escoitaban o que tal dicían os pastores. María, pola súa parte, conservaba todas estas cousas no seu corazón. Os pastores volveron, glorificando e louvando a Deus por canto viran e oíran, tal como lles fora anunciado
Os oito días tocaba circuncida-lo neno e puxéronlle de nome Xesús, tal como o chamara o anxo antes da súa concepción.
​Palabra do Señor. Gloria a Ti, Señor Xesús

 

Palabra remoída

  • Comezamos un novo ano, e sempre que isto corre prodúcese en nós unha especie de pensamento que nos fai querer comezar de novo, facer novos propósitos, volver recomezar situacións que, xa moitas veces, temos intentado realizalas. Si, porque comezar un ano novo é sempre renovación e desexo, ás veces queda niso, de renovar e volver ilusionarnos. E iso é bo e importante porque pon de manifestoque aínda nos segue a mover a ilusión, a capacidade de esforzo, o querer anovar, renovar, esperanzar... Non deixarnos vencer nin pola apatía nin pola rutina. Inda que so sexa por iso: benvido esta novo ano!
  • É tamén o comezo de ano unha invitación a rezar pola paz e o entendemento entre persoas e países. E canta falta nos fai! O papa non deixa de lembrárnolo na súa mensaxe para este día na 58 xornada mundial da paz, e que el alcuma: “perdoa as nosas ofensas, concédenos a paz”. Porque a paz nunca será posible sen perdón, sen esa capacidade de acoller ao outro/a e recoñecer que así como eles/as se equivocaron con nós, outras veces temos sido nós os/as que nos equivocamos con eles/as. Por iso non ha aniñar nunca o rancor nos nosos corazóns. E si, non é doado, pero pode ser unha boa tarefa para este ano.
  • E tamén hoxe damos grazas e honramos a María, porque ao celebrar a súa Maternidade, estamos a dicir que o seu si abriunos a nós a porta da salvación e da graza; a porta que nos leva e nos fai gozar da presenza de Deus na nosa vida. Que coma María, tamén nós deixemos oco a este neno que ven ao mundo cargado de paz, para ser nós persoas de paz e misericordia. E isto dicímolo neste comezar o ano Xubilar da perdoanza que fai da esperanza guieiro que ilumine o noso camiñar.

Oración compartida

O Deus perdoador e misericordioso invítanos agora a rezar comunitariamente, e nós acollendo a súa invitación dicimos: QUE SEXAMOS PERSOAS PERDOADORAS.
  • Para que sexamos unha Igrexa que saiba pedir perdón e perdoar. Oremos. QUE SEXAMOS PERSOAS PERDOADORAS.
  • Para que nas nosas familias valoremos máis o amor ca o rancor, e sexamos tamén familias perdoadoras e de misericordia. Oremos. QUE SEXAMOS PERSOAS PERDOADORAS.
  • Para que nos esforcemos sempre por ser persoas de paz, de xustiza, de xenerosidade e de saber querernos e escoitarnos. Oremos. QUE SEXAMOS PERSOAS PERDOADORAS.
Grazas, Señor, por invitarnos a camiñar na paz construída por vieiros de xustiza. Por Cristo o noso Señor. Amén.

 

Aquecendo o corazón

No 2025 a Igrexa católica celebra o Xubileo, evento que colma os corazóns de esperanza. O “Xubileo” remóntase a unha antiga tradición xudía, cando o son dun corno de carneiro anunciaba, cada corenta e nove anos, un de clemencia e liberación para todo o pobo (cf. Lv 25,10).
Tamén hoxe, o Xubileo é un evento que nos impulsa a buscar a xustiza liberadora de Deus sobre toda a terra. Ao comezo deste Ano de graza, poñémonos á escoita do «grito desesperado de auxilio” que, como a voz dosangue de Abel o xusto, elevase desde moitas partes da terra (cf. Xn 4,10), eque Deus nunca deixa de escoitar. Tamén nós nos sentimos chamados a ser voz de tantas situacións de explotación da terra e de opresión do próximo.
O evento Xubilar invítanos a emprender diversos cambios, para afrontar a actual condición de inxustiza e desigualdade, recordándonos que os bens da terra non están destinados só a algúns privilexiados, senón a todos. (Francisco. Mensaxe da 58 xornada da Paz.2025)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...