PERSOAS VOLUNTARIAS DA ESPERANZA QUE DEUS NENO NOS TRAE!!!!
Colocamos o Neno no berce
CANTO GOZOSO
· Panxoliñas
ESCOITA ACTIVA
Bos días e Bo Nadal para todas e para todos vós!!!!. Porque moitas persoas viven na máis absoluta soidade; porque a morte, a dor, a guerra e o sufrimento non teñen a derradeira palabra; porque constantemente caemos nas redes do consumismo; porque moitas veces a dignidade da persoas mídese pola forza, a riqueza ou a sorte; porque a humanidade vive nunha crise desesperanzada e deprimente; porque só Deus podía salvar ás persoas... enviou ao seu Fillo ao mundo.
Se Deus se fixo un de nós, todo pode cambiar: novas serán as persoas, nova será a sociedade, nova será a terra. Non perdamos máis tempo, non poñamos máis escusas, non renunciemos á ledicia e ao amor que nos trae. Abramos o noso corazón e acollámolo: vén para traernos felicidade e vida. Nós somos e queremos ser sempre persoas voluntarias da esperanza que o Neno nos trae.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
· Eu son César Augusto, o emperador. Mandei empadroar a todo o mundo do meu imperio. Precisaba un censo máis actualizado para poder cobrar os impostos. Non me deteñen as inxustizas que poida cometer. Temos que ser eficaces. Vivo só polos cartos. Son o que quere mercalo todo. Son o que envexa o que teñen as outras persoas. Son o que quere ter máis a conta da xente. Polas veces nas que nós tamén somos así, pedímosche. SEÑOR, NON DEIXES DE MIRARNOS CON CARIÑO.
· Eu son dos pousadeiros de Belén. Unha noite viu pedir pousada unha parella cansa e sen folgos. Non eran realmente especiais. Eran uns de tantos. So acepto aos meus, os outros non teñen cabida na miña vida. Non acollo a quen é diferente, a quen pensa distinto a min. Xulgo polas aparencias. Son dos que lle fago caso aos contos sobre as outras persoas. Porque nós moitas veces tamén actuamos así, pedímosche: CRISTO, NON DEIXES DE MIRARNOS CON AMOR.
· Eu son o Rei Herodes, o grande, o supremo. E reino cheo de esplendor no meu territorio. Non podo aceptar que un neno pequerrecho poida poñer en perigo o meu poder e a miña autoridade. Son o poder que asoballa e mata. Non podo soportar ao meu lado ao pequeno e ao débil. Son a codicia, a única luz que pode brillar é a miña. Son o verdadeiro rei, o único. Porque nós facemos o mesmo ca Herodes, pedímosche: SEÑOR, NON DEIXES DE MIRARNOS CON AMOR.
PALABRA PROCLAMADA
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS
¡Que fermosos son sobre os montes
os pés do mensaxeiro de boas novas,
que anuncia a fartura,
que proclama a felicidade,
que pregoa a salvación,
que di:
Sión, o teu Deus reina!
¡Un grito! Os teus vixías levantan a voz, berran xubilosos a un tempo:
“Tódolos ollos contemplarán a volta do Señor a Sión”.
Berrade a coro con xúbilo, ruínas de Xerusalén,
que o Señor consolou o seu pobo, redimiu Xerusalén.
O Señor remangou o seu brazo santo ós ollos de tódolos pobos,
e tódolos confíns da terra viron a salvación do noso Deus. Palabra do Señor.
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA ÓS HEBREOS
En moitas ocasións e de moitos xeitos veulles falando Deus en tempos pasados ós nosos devanceiros por medio dos profetas. Agora, neste período definitivo, falounos por medio dun que lle é Fillo, a quen fixo herdeiro de todo, pois xa creara por medio del o mundo e as idades. El é reflexo da súa gloria e imaxe do seu ser, El sostén tódalas cousas coa súa poderosa palabra e, despois de realiza-la purificación dos pecados, sentouse á destra da Maxestade nas alturas, facéndose tanto máis poderoso cós anxos, canto que herdou un título máis valioso có deles.
Porque ¿a cal dos anxos lle dixo algunha vez: “Ti e-lo meu fillo, hoxe enxendreite eu”; ou tamén: “Eu serei para El un pai e El será para min un Fillo?”. E outra vez máis, cando fala de introduci-lo Fillo primoxénito no mundo celeste, di: “Adóreno tódolos anxos de Deus”.
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
No principio existía a Palabra,
e a Palabra estaba onda Deus,
e a Palabra era Deus.
Ela estaba no principio onda Deus.
Todo foi feito por ela,
e sen ela non se fixo
nada do que foi feito.
Nela estaba a vida,
e a vida era a luz dos homes;
a luz aluma na tebra,
e a tebra non a deu apagado.
(A Palabra) era a verdadeira luz
que aluma a todo home
que vén a este mundo.
Ela estaba no mundo,
e o mundo foi feito por ela,
pero o mundo non a recoñeceu.
Veu á súa propiedade,
e os seus non a acolleron.
Pero a cantos a recibiron,
‑ós que cren no seu nome‑
déulle-lo poder
de seren fillos de Deus.
Estes, non naceron do sangue,
nin da vontade da carne,
senón de Deus.
E a Palabra fíxose carne,
e plantou entre nós a súa tenda,
e nós vímo-la súa gloria,
gloria coma de Unixénito
que vén do Pai,
cheo de gracia e de verdade.
PALABRA REMOÍDA
· “Que fermosos son sobre os montes os pés do mensaxeiro de boas novas”: O profeta Isaías convídanos a ser mensaxeiras e mensaxeiros de boas novas. Pero... que difícil se nos fai!. Vivimos a trompicóns, moitas veces distraídas e distraídos co barullo doe coas présas do mundo, ocupados e preocupados por millóns de cousas, angustiados con centos de problemas.... Mais se cadra hoxe máis ca nunca é imprescindible que sexamos capaces de levar boas novas a unha humanidade a un mundo que está tan falto delas. Hoxe queremos comprometernos a ser persoas voluntarias do amor de Deus; ou mellor dito, persoas voluntarias por amor a Deus.
· “Neste período definitivo, Deus falounos por medio dun que lle é Fillo”: O nacemento do Fillo de Deus que celebramos hoxe aprémanos a levar esa boa nova de salvación a todas as persoas; aprémanos a soñar e a traballar para que outro mundo sexa posible. Un mundo pensado desde as persoas pobres, marxinadas, vulnerables, pequenas. Un mundo pensado desde unha manxadoira de Belén e non desde un palacio de Xerusalén. Deus fala definitivamente a través desde Neno que hoxe nace e que quere aloxarse no noso corazón. Porque Deus míranos e invítanos a mirar con misericordia, con gratitude, con xenerosidade, con colaboración. Abramos as nosas portas.
· Porque do mesmo xeito que naquel tempo, tamén hoxe o neno que chega peta na nosa porta. Non fagamos oídos xordos á súa chamada. Non fagamos coma os pousadeiros de Belén!. Non lle pechemos as portas. Se somos capaces de abrirlle a nosa casa, a nosa vida, o noso corazón... seguro que comezaremos a ver a luz do día con máis claridade, con outros ollos, con outra actitude. Porque a luz xa chegou, invitémola a pasar, sentémola á nosa mesa, compartamos con ela o noso pan. Porque....Deus está aquí, recoñezámolo!.
PARA ORAR EN COMUNIDADE
Neste día santo no que se nos deu un Salvador, dicimos:
GRAZAS, SEÑOR, POR VIR COMPARTIR A NOSA VIDA
û Para que a encarnación de Deus nos leve a cantos somos Igrexa a loitar e esforzarnos por vivir coma Xesús nos ensinou, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR VIR COMPARTIR A NOSA VIDA
û Para que o que non atopou casa ao nacer, atope o berce do noso corazón ben quentiño, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR VIR COMPARTIR A NOSA VIDA
û Para que Deus, que se fixo pobre para enriquecernos, mova os nosos corazóns á solidariedade de compartir o que somos e temos, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR VIR COMPARTIR A NOSA VIDA
û Polas persoas que sofren e viven na desesperanza, por aquelas que non poden celebrar o Nadal, para que sexamos para elas mostra do amor e da presenza de Deus nas súas vidas, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR VIR COMPARTIR A NOSA VIDA
û Para que o Deus connosco nos converta en mans amigas, abertas, sinceras e solidarias para todas as persoas, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR VIR COMPARTIR A NOSA VIDA
Grazas, Señor, por facerte un de nós para traernos a felicidade e a esperanza. P.X.N.S. Amén
ACOUGANDO NO SILENCIO DO CORAZÓN
Coma un meniño no colo da súa nai:
feble, fráxil, indefenso....
pero seguro, confiado, arroupado, querido, desexado...
Así queremos recibirte, Señor.
Porque queremos ser:
berce da acollida para a persoa emigrante,
berce do traballo xusto para a persoa parada,
berce da escoita para a persoa anciá,
berce do respecto para a persoa que pensa distinto,
berce das gañas de vivir para a persoa enferma,
berce do amor auténtico para a persoa namorada,
berce da amizade para o compañeiro novo,
berce da luz para a persoa que camiña nas tebras,
berce da tolerancia para a persoa que reza distinto,
berce da ledicia para a persoa triste e deprimida,
berce da esperanza para a persoa que está cansa da vida,
berce do entendemento para a parella en trámites de separación,
berce da hospitalidade para a persoa que peta na porta,
berce da fe para a persoa incrédula,
berce da fraternidade para a persoa que non é parente nosa.
Meu Deus,
coma un meniño no colo da súa nai,
coma todo un Deus nos brazos do seu Fillo,
benvido ao teu mundo, ao meu mundo...ao noso querido mundo.
Comentarios