Ir al contenido principal

26 domingo TO C 2022

AQUÍ CONSTRUIMOS UN FUTURO CON PERSOAS MIGRANTES E REFUXIADAS!!!!!!!!!!

CANTOS

ö  ENTRADA: Todos xuntos coas mans unidas

ö  LECTURAS: Eu soñei (Nº 58)

ö  OFERTORIO: Na nosa terra (Nº 36)

ö  COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55)

OLLOS ABERTOS

Sen lugar a dúbidas, as migracións constitúen un sinal de identidade do noso tempo. Son múltiples as causas deste fenómeno: económicas, laborais, políticas, debidas ao fanatismo ou ás guerras.... mais todas teñen un fío condutor, un denominador común: a desesperación. Porque non nos enganemos: ninguén deixa atrás a súa terra, a súa familia, a súa lingua, a súa cultura... se non é movido pola desesperación que leva a esas persoas a buscar un futuro mellor aínda poñendo en risco a súa propia vida.

E cando chegan ou tentan chegar ao seu país de destino, que atopan? Fronteiras pechadas, xenofobia, exclusión, rexeitamento, marxinación, miradas discriminatorias e acusadoras (“quítannos o traballo”), desconfianza... que poñen máis dor na súa existencia. Porque somos persoas expertas en levantar muros que illan en lugar de tender pontes que unen e achegan. 

Hoxe, no día no que a Igrexa celebra a xornada das persoas migrantes e refuxiadas, a Palabra que imos proclamar invítanos de xeito claro a facer unha aposta rotunda pola compaixón, pois son moitos os Lázaros, son moitas as persoas da casa de Xosé que petan na nosa porta pedindo ser acollidas. Non fagamos oídos xordos. 

CORAZÓN MAGOADO

*    En Ti cremos; SEÑOR, TEN COMPAIXÓN DE NÓS.

*    Queremos converternos de corazón a Ti; CRISTO, TEN COMPAIXÓN DE NÓS.

*    En ti poñemos a nosa esperanza; SEÑOR, TEN COMPAIXÓN DE NÓS.

OÍDOS Á ESPREITA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE AMÓS

Isto di o Señor:

-       ¡Malia os que viven no lecer en Sión, os despreocupados no monte de Samaría!. Déitanse en leitos de marfil, vaguean nas súas camas, xantando os carneiros do rabaño e os xatos sacados da corte. Cantarexan ó son da arpa e, coma novos David, inventan instrumentos. Beben viño nas grandes copas e únxense coa esencia dos perfumes, mais a desfeita de Xosé non os deprime. Por iso agora van partir para o exilio á cabeza dos deportados, pois rematou a esmorga dos nugalláns".

PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE PAULO A TIMOTEO

Home de Deus; procura a xustiza, a piedade verdadeira, a fe, a caridade, a paciencia e a mansedume. Loita na fermosa competición da fe, procura a vida eterna á que te chamaron e que confesaches de maneira brillante diante de moita xente. Mándocho ante Deus, que fai vivir todas as cousas, e ante Cristo Xesús, que con tan magnífica confesión deu testemuño ante Poncio Pilato: garda o mandamento, sen lixo e sen tacha, ata a manifestación gloriosa do Señor noso Xesús Cristo. No seu debido tempo amosarao o Deus bendito e único podente, Rei dos reis e Señor dos señores. O único que ten a inmortalidade e que habita nunha luz inaccesible. A El ningún home o viu nin o pode ver. A El a honra e o poder eterno. Amén.

PALABRA DO SEÑOR

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

Naquel tempo díxolle Xesús aos fariseos:

Había un home rico que vestía roupa de púrpura e liño fino, e que celebraba todos os días espléndidos banquetes. O pé da súa porta xacía un pobre, chamado Lázaro, todo cuberto de chagas, que estaba desexando matar a fame co que caía da mesa do rico; e incluso os cans se achegaban a lle lamber as chagas.

Resulta que morreu o pobre, e levárono os anxos ó seo de Abraham. Morreu tamén o rico, e enterrárono. Estando no lugar dos mortos, no medio dos tormentos, erguendo os ollos viu a Abraham e mais a Lázaro no seu seo. Entón suplicoulle dicindo: "Ai, pai Abraham, ten dó de min; mándame a Lázaro para que molle o seu dedo na auga e refresque a miña lingua, porque me atormenta o lume". Pero Abraham contestoulle: "Fillo, recorda que ti recibiches bens na túa vida, mentres Lázaro recibiu males; agora el recibe consolo e ti tormento. Ademais, entre nós e vós hai un abismo insalvable; de xeito que desde aquí non se pode pasar onda vós, nin desde aí se pode vir onda nós". Entón el insistiu: "Suplícoche, pai Abraham, que o mandes a casa do meu pai, 28onde teño cinco irmáns, para que lles fale claramente e non veñan dar a este lugar de tormentos". Pero Abraham respondeulle: "Xa teñen a Moisés e os Profetas: que lles fagan caso a eles".

El volveu insistir: "Pero non llelo van facer, pai Abraham, non; se un morto vai onda eles, seguro que se converterán". Pero Abraham replicoulle: "Se a Moisés e mais ós Profetas non lles fan caso, tampouco llo farán nin a un morto resucitado".

 

PALABRA DO SEÑOR

UNHA PALABRA QUE É ALENTO NO CAMIÑO

ü  Continuamos escoitando na primeira lectura a denuncia clara e directa do profeta Amós. Se o domingo pasado nos advertía ao respecto da utilización das persoas, desta volta pon o acento na nosa indiferenza. Si, porque cantas veces temos o corazón reseco e paralizado polo medo. Estamos tan ben instaladas e instalados na nosa sociedade de confort, tan ben adestradas e adestrados nun consumismo desgarrador, tan ben educadas e educados na cultura do benestar que se nos poñen os pelos de punta ao pensar que todo isto está “ameazado” pola chegada de persoas migrantes e refuxiadas, ao pensar que debemos compartir os nosos privilexios, ao pensar que falamos de xustiza, non de caridade. Énchesenos a boca con palabras como solidariedade que soan ocas ante o egoísmo co que actuamos.

ü  Por iso Paulo lembráballe a Timoteo e lémbranos hoxe a nós que procuremos a xustiza e a caridade. Só desde estas actitudes seremos quen de comprender que Deus non exclúe a ninguén do seu proxecto de amor. O seu é un proxecto inclusivo que sitúa no centro ás persoas das periferias existenciais, entre as cales están migrantes, refuxiadas, desprazadas e vítimas de trata. Como nos di Francisco, é con estas persoas coas que Deus quere edificar o seu Reino, pois a inclusión das persoas máis vulnerables é condición necesaria para obter a plena cidadanía.

ü  E todo isto concrétase na Palabra que vimos de proclamar neste domingo nunha sinxela e profunda actitude: a compaixón, a empatía, o saberse poñer no lugar da outra persoa. Mais canto nos custa! Si, porque nós tamén padecemos a enfermidade da indiferenza, pois a cultura do benestar, que nos leva a pensar só en nós, fainos insensibles ao berro de Lázaro e da casa de Xosé, fainos vivir nas pompas de xabón do egoísmo e condúcenos de cabeza á globalización da indiferenza. Afacémonos ao sufrimento da outra persoa, non ten que ver con nós, non nos importa, non nos interesa. Mais non é isto o que Deus espera de nós. Nós queremos medir os movementos migratorios por nomes, por historias, por familias. Son irmás e irmáns que buscan un futuro mellor. Non nos deixemos intimidar polo medo, polos números, polos prexuízos.... Miremos aos ollos da xente, escoitemos as súas historias, traballemos por responder do mellor xeito posible á súa situación. Así a nosa resposta será humana, xusta e fraterna. Coidémonos de caer na cultura do descarte. E lembremos unha regra fundamental: actuemos coa xente como nos gustaría que actuaran con nós.

ORAMOS EN COMUNIDADE

Ao Deus do amor e da misericordia, que non cansa de ofrecernos a súa tenrura, dicímoslle:

GRAZAS, SEÑOR, POR INVITARNOS A CONSTRUIR FRATERNIDADE

  • Pola Igrexa, chamada a promover comunidades acolledoras e misioneiras e a construír futuro coas persoas migrantes e refuxiadas, OREMOS.

GRAZAS, SEÑOR, POR INVITARNOS A CONSTRUIR FRATERNIDADE

  • Polas nosas comunidades, para que saibamos descubrir a diversidade e a pluralidade coma unha oportunidade para responder con fidelidade ao Evanxeo; OREMOS.

GRAZAS, SEÑOR, POR INVITARNOS A CONSTRUIR FRATERNIDADE

GRAZAS, SEÑOR, POR INVITARNOS A CONSTRUIR FRATERNIDADE

GRAZAS, SEÑOR, POR INVITARNOS A CONSTRUIR FRATERNIDADE

  • Por cada unha e cada un de nós, para que teñamos ben abertos os ollos, os oídos, as mans e o corazón diante dos Lázaros e dos Xosés do noso tempo; OREMOS.

GRAZAS, SEÑOR, POR INVITARNOS A CONSTRUIR FRATERNIDADE

Grazas, Señor, por seres para nós compás e caxato no camiño da vida. Que a pesares das dificultades e dos nosos erros, sempre nos sintamos acompañad@s por Ti. P.X.N.S. 

ALENTO NO CAMIÑO

Señor, fainos persoas portadoras de esperanza,

para que onde haxa escuridade brille a túa luz,

e onde haxa resignación renaza a confianza no futuro.

Señor, fainos instrumentos da túa xustiza,

para que onde haxa exclusión agrome a fraternidade,

e onde haxa cobiza agrome a comuñón.

Señor, fainos persoas construtoras do teu Reino

xunto coas persoas migrantes e refuxiadas

e con todas as persoas que viven nas periferias.

Señor, fai que aprendamos o fermoso que é vivir coma irmás e irmáns. Amén.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Pentecoste 2023

Remol. Pentecostes.2023 XUNT@S ANUNCIAMOS O QUE VIVIMOS CANTOS Entrada.- Pedras vivas Lecturas.- Manda o teu Espírito (126 ) Ofertorio.- Recibe Señor ( 31 ) Comuñón.- Quédate, Señor, connosco ( 63 ) ESCOITA ACTIVA   Hoxe é Pentecostes, o remate do tempo de Pascua; o comezo do tempo da Igrexa. Esa Igrexa santa e pecadora; esa Igrexa que por veces ten prestado máis atención á súa imaxe que a servir ás persoas, pero tamén esa Igrexa que ao longo de dous mil anos, entre luces e sombras, ten sido faro de acollida, servizo, solidariedade e loita pola paz.             Cando a Igrexa se deixou levar pola ansia de poder e polo afianzamento como institución, foise afastando do Evanxeo, para converterse en foco de poder e dominio. Porén, cando ten mirado ao Evanxeo, á persoa de Xesús, ao testemuño de homes e mulleres que foron capaces de dar a vida por defender aos máis débiles, mostrouse como relampo de presenza do Espírito Santo e continuadora da misión que Xesús lle encomendou a aquelas persoa