Ir al contenido principal

Nadal 2008

PARA NON FORMAR PARTE DUNHA SOCIEDADE ANÓNIMA
PÓRTICO
No medio da noite escura da humanidade, no medio da opresión e da marxinación, no medio do duro traballo preciso para vivir, no medio do acontecer dun pobo e dunhas vidas, ao longo das interminables horas nas que unhas persoas coidan, limpan, conducen, gardan... e outras permanecen insomnes, Deus fáisenos presente para traernos a paz, a ledicia, a salvación.
Hoxe, neste día de Nadal, estamos chamd@s a descubrir que o nacemento de Xesús ten plena actualidade, que non é algo pasado. Hoxe é o momento oportuno no que Deus se nos ofrece coma Boa Nova, coma ledicia, xustiza e paz!. Hoxe, aquí, agora, neste preciso instante.
Baixo o lema “Se non queres formar parte dunha sociedade anónima, coñece e escoita aos teus veciños”, celebramos hoxe a campaña de Cáritas. Que o Neno que acaba de nacer, nos axude a traballar en rede para humanizar a nosa sociedade tan deshumanizada.
O PERDÓN
  • Vén Xesús para ensinarnos a ser pobres, e nós facemos do seu nacemento unha festa consumista e despilfarradora, SEÑOR, PERDOA POR NON TER O TEU BERCE PREPARADO.
  • Vén Xesús para ofrecernos a súa paz, e nós rivalizamos e dividímonos, CRISTO, PERDOA POR NON TER O TEU BERCE PREPARADO.
  • Vén Xesús para compartir connosco a súa divindade e nós permitimos que moitas persoas vivan en condicións infrahumanas, SEÑOR, PERDOA POR NON TER O TEU BERCE PREPARADO.
REMUÍÑO
Os soños proféticos cúmprense plenamente co nacemento de Xesús. É o triunfo da luz sobre as tebras, da liberdade sobre a opresión, da alegría sobre a tristura, da paz universal. O nacemento dun neno significa sempre alegría e esperanza... e o Neno que vén de nacer é Príncipe da paz, que defenderá aos pobres, establecerá a xustiza e saciará as nosas fames de Deus. Pero é un nacemento marcado pola marxinación e a pobreza. O Salvador do mundo non atopa sitio para nacer, o dono de todas as cousas precisa dos agasallos dos pastores.
Pasaron moitos anos... pero segue a pasar o mesmo. Non é difícil atopar ao Neno na noite de Nadal. O difícil é continuar o encontro, convertelo en punto de orientación da vida enteira, seguir atopando a alguén que xa non está en Belén, senón neste noso mundo de internet, illamento, murallas, consumismos, soidade e deshumanización. O difícil é deixar que acampe entre nós cada día, acollelo, aceptalo coma eixo e motor.ç
Por iso temos que seguir buscándoo. e a nós, aprendices de buscadores, séguesenos a dar o mesmo sinal: “Atoparedes a un neno envolto en cueiros e deitado nunha manxadoira”. E os nosos ollos desconcértanse, porque están afeitos a deterse no que brilla, no que chama a atención, no que se anuncia... e agora teñen que descubrir ese sinal que está na penumbra do pequeno e do escondido. O noso corazón estremécese, pois presinte que terá que facerse máis sensible, xa que a un neno hai que achegarse desde a tenrura e non desde o poder, desde o desarme e non desde a agresividade, desde a esperanza e non desde a desilusión. Os nosos pés resístense, pois teñen que poñerse en marcha cara ás periferias, deixando o andazo e saíndo ao encontro de quen está perdido. A nosa fe séntese débil, pois pedímoslle que crea que por debaixo de tantas vidas endurecidas, baleiras, engurradas e rotas, hai un neno perdido á espera de que alguén recoñeza a súa presenza. O noso orgullo séntese ameazado, pois para atopar a este neno non hai que subir, senón baixar; non hai que poñerse títulos, senón ser sinxelo; non hai que mandar, senón amar.
Pero apesares de todo, o neno que tod@s levamos dentro relouca de ledicia, impulsándonos a recobrar a inocencia, que consiste en seguir esperando e confiando máis alá de todas as decepcións, porque Deus segue, coma sempre, xunta nós e ámanos.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
A Ti, Pai, que tanto amaches ao mundo que lle deches ao teu Fillo, dicímosche confiadamente:
QUE NON CONVIRTAMOS O NADAL NUN ANTROIDO CONSUMISTA
  • Para que sexamos e vivamos coma verdadeir@s fill@s teus e coma verdadeir@s irmáns, OREMOS.
QUE NON CONVIRTAMOS O NADAL NUN ANTROIDO CONSUMISTA
  • Para que os responsables dos pobos estean abert@s ás necesidades doutros pobos, considerando o mundo coma unha verdadeira aldea global, OREMOS.
QUE NON CONVIRTAMOS O NADAL NUN ANTROIDO CONSUMISTA
  • Para que a Igrexa sexa fermento dunha sociedade máis humana e máis divina, vivindo a verdadeira comuñón entre todos os que nos dicimos cristiáns, OREMOS.
QUE NON CONVIRTAMOS O NADAL NUN ANTROIDO CONSUMISTA
  • Para que sexamos comprensivos e compasivos, acolledores e solidarios, capaces de superar individualismos e clasismos, OREMOS.
QUE NON CONVIRTAMOS O NADAL NUN ANTROIDO CONSUMISTA
Concédenos, Pai, ser testemuñas da presenza de Xesús entre nós. PXNS. AMÉN.
PARA A REFLEXIÓN
Unha vez máis tes, onda ti, de balde, o Nadal.
Coma outros moitos anos desde que es consciente
el pasará, onda ti, tal como es, sen disfraces.
Que raro se nos fai!

Chamará á túa porta con suavidade ou inoportunamente,
coma outros moitos anos, esperando escoitar a túa voz,
voz de traballo, voz de rúa,
voz de ledicia ou de dor,
forte ou suave,
a túa, sen disfraces.
Que raro se nos fai!.

Non che pedirá nada,
porque a pesares de que o quere todo,
quéreo de balde, entendes?.
Que raro se nos fai!.

Nadal para ti se soñas e compartes,
se camiñas e te encarnas, coma el,
xunto aos que nada teñen.

Nadal para ti, se aínda te atreves,
coma os primeiros cristiáns,
a dicir cada día:
“Gloria a Deus no ceo e paz na terra aos homes e mulleres que El quere tanto”.
CANTOS
Panxoliñas

Comentarios

Entradas populares de este blog

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...