Ir al contenido principal

Domingo 21 TO 2010

Fronte ao orgullo do que xa se cre invitado, Deus rompe esquemas e senta ás persoas sinxelas e ignoradas á súa mesa

Pórtico

    Si, hai moita xente que considera que ten dereitos adquiridos: dereitos para non gardar cola, para non facer as xestións que aos demais lles toca facer, para non ter que pasar por múltiples e diferentes traballos ata acadar unha certa estabilidade laboral, para... Son os privilexiados deste noso mundo tan desigual, e moitas veces, demasiado inxusto. Diante disto. que ben podería ser unha pequena, nunca universal, radiografía da realidade na que vivimos, Xesús volve darnos unha nova lección, e dinos que hai que curralo!, que ninguén está predestinado a nada, senón que será o esforzo, o saber aproveitar as oportunidades que a un se lle van presentando, a ilusión que se vai pondo nos proxectos, o non contentarse co que un recibe para saber poñelo a render, coma os talentos, para que dea moito froito, o que acabará facendo que nos poidamos sentar á súa mesa.

    A fe non é para vividores, parásitos e arribistas, senón para cant@s querendo tomar a vida en serio, traballan por facela máis agradable e xusta, tanto para eles como para os demais.

Perdón

  • Polas veces nas que lle estreitamos as portas aos irmáns, discriminándoos, apartándoos ou ignorándoos, SEÑOR, GRAZAS POR ABRIRNOS A PORTA.
  • Por non ser capaces de alegrarnos do ben que lle vai aos demais e de compartir con eles a súa alegría, CRISTO, GRAZAS POR ABRIRNOS A PORTA.
  • Porque preferimos sempre ser primeiros, cheos de soberbia e de autocomplacencia e non últimos, servidores e sinxelos, SEÑOR, GRAZAS POR ABRIRNOS A PORTA.

REMUÍÑO

Nun tempo no que aos nosos dirixentes xerárquicos tanto se lles enche a boca con aquilo de "fóra da Igrexa non hai salvación", a Palabra que vimos de proclamar hoxe é todo un canto á universalidade da salvación. Si, porque diante de tantas persoas que hoxe se pechan para evitar que a pluralidade se viva, se celebre e se comparta na Igrexa, a profecía de Isaías fainos unha chamada de atención para que, desde unha reflexión pausada e sincera, nos abramos á universalidade dunha fe que é proposta de salvación para tod@s. E nos tempos que corren, nos que os conservaduristas parecen erixirse na única voz autorizada dentro da nosa Igrexa, non estaría de máis ler paseniñamente a Palabra e deixar que ela nos saque da ignorancia e do erro de crernos os mellores, os únicos, os salvados.

Porque claro, a algúns seguro que se lles enche hoxe a boca predicando aquilo de "entrade pola porta estreita". Que estupendo!. Coma nos mellores tempos (aqueles pasados nos que a Igrexa mandaba tanto), trátase de meterlle á xente o medo no corpo: non vedes, tal e como nos di o Señor, hai que entrar pola porta estreita do sacrificio, da mortificación, do cilicio, da penitencia.... só así nos salvaremos... Unha proposta alienante e que nos fai infelices, así nos luce o pelo. Por iso, e porque fóra da Igrexa non hai salvación, as persoas que sexan doutras relixións, as ateas, as agnósticas.... arderán eternamente no inferno. Que Deus tan xusto, que premia aos bos (nós) e castiga aos malos (os roxos descridos)!!!!!!!!!!!.

Pero claro, non podemos quedar aí.... por moito que nos gustara. Se seguimos lendo descubriremos que o evanxeo é unha caixa de sorpresas, porque o Señor tamén nos di: arredade de min os que non practicades a xustiza. Pero claro, iso é menos importante. Iso da xustiza, da austeridade, do ben común, da participación... son pecata minuta, naderías, cousas sen importancia. Porque claro, a verdade é que ás veces dentro da nosa Igrexa temos comportamentos que son ou para botar a correr e non parar ou para botar a chorar e non parar. Así, rapidamente se pon o grito no ceo por unha xenuflexión mal feita, por non axeonllarse na consagración, por comulgar na man, por asistir a unha celebración da palabra...; rapidamente facemos sinónimos pecado e sexo, pecado e muller; rapidamente se nos di que debemos ser persoas frías e calculadoras, que a sexualidade é mala e hai que reprimila, que ..... pero nunca se nos fala de que os inxustos non teñen cabida no Reino de Deus. E así seguimos: cobrando por todo, vagueando e racaneando o noso traballo e a nosa entrega, malgastando no propio proveito os cartos públicos, facendo distincións entre a xente segundo teña máis ou menos cartos, máis ou menos estudos ou segundo o posto laboral que ocupe e que nos permita utilizala de cando en vez, querendo sempre saír na foto... pero iso.... iso non ten que ver coa fe, verdade?. Eu non como carne na coresma, adoro o Santísimo (iso si ben sentadiño nun banco, non visitando a un enfermo ou a quen está só), rezo todos os días o rosario, vou a Misa todos os días.... Pois mire, non, vostede está entrando pola porta ancha, pola porta fácil, pola porta da fe desencarnada e esa non conduce á salvación, vai errado no camiño. Porque é verdade que a salvación esixe esforzo, renuncia, sacrificio, valentía, coherencia.... si, porque a salvación pasa polo camiño da xustiza e da fraternidade. Por iso a súa porta é estreita, porque esixe de nós unha fe comprometida coa xente, coa sociedade, co mundo, e non co noso grupo burbulla. Por iso para salvarnos, grazas a Deus, non fai falla presentar un currículum con haber-debe, coma unha libreta do banco, senón que cómpre practicar a xustiza e o amor. Por iso é complicado, porque o noso egoísmo e a nosa soberbia son tan grandes, que non caben por esa porta. Por iso, hoxe máis ca nunca, podemos dicir, sen medo a equivocarnos: non son tod@s @s que están nin están tod@s @s que son. Que sempre esteamos ao loro!!!!!!!!!!!!!!!.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Neste momento no que abrimos o corazón para dispoñernos a compartir a oración de toda a comunidade, sentimos o noso compromiso como membros da Igrexa de ser sal que saiba testemuñar no medio do mundo, e dicimos xunt@s:

QUE NUNCA LLE PECHEMOS AS PORTAS DA SALVACIÓN A NINGUÉN

  • Pola Igrexa, para que mostre a tódalas persoas a Deus, acollendo, valorando e potenciando non só os esforzos e as opinións dos seus membros, senón de toda a xente, unindo esforzos para camiña xuntos, OREMOS.

QUE NUNCA LLE PECHEMOS AS PORTAS DA SALVACIÓN A NINGUÉN

  • Señor, neste intre da celebración, sempre pedimos polas nosas comunidades parroquiais, pero ás veces non prestamos atención ao que rezamos. Para que non deixemos pasar de largo este momento, que sempre nos invita a situar a nosa mirada na realidade que temos máis achegada e da que formamos parte, OREMOS.

QUE NUNCA LLE PECHEMOS AS PORTAS DA SALVACIÓN A NINGUÉN

  • Cada un e cada unha de nós moitas veces esquecemos que ser cristiáns non consiste en recibir sacramentos ou acumular celebracións, senón en esforzarnos por aprender a vivir a vida como servizo e entrega aos demais, especialmente a cantos máis nos necesitan; facéndoo desde e na gratuidade. Para que nunca o esquezamos, OREMOS.

QUE NUNCA LLE PECHEMOS AS PORTAS DA SALVACIÓN A NINGUÉN

Señor, sabendo que no noso actuar te fas sempre presente, que saibamos responder a esta túa cercanía desde a apertura de corazón e a coherencia de vida. P.X.N.S. Amén.

Reflexión

Non lle negues un favor a quen teña dereito

si está nas túas mans concederllo.

Se tes, non digas ao teu próximo:

"volve outro día, dareiche mañá".

Non encirres contra do teu próximo

namentres vive ao teu lado confiado.

Non preitees con un home sen motivo,

se non te fixo mal ningún.

Non envexes ao home violento,

non imites a súa conduta,

pois o Señor aborrece ao perverso,

e dá aos rectos a súa confianza.

O Señor maldí a casa do malvado

e bendí a morada dos xustos;

pode burlarse dos arrogantes,

pero concede o seu favor aos humildes.

A herdanza dos sabios é a honra,

pero os necios acumulan deshonra!

(Proverbios 3, 27-35)

Cantos

  • ENTRADA: Unha xuntan za de amor
  • LECTURAS: Canta o sol
  • OFERTORIO: Señor Xesús, bendito sexas
  • COMUÑÓN: Non vou so

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor