Ir al contenido principal

Domingo 15 TO B

NON FAGAMOS CASTAS QUE SE ENROCAN EN SI MESMAS, SENÓN COMUNIDADE VIVAS DE DIÁLOGO E PARTICIPACIÓN

PÓRTICO
En tempos difíciles, a tentación é baixar a garda das convicións, dos valores e dos principios e arrimarse ao sol que máis quenta. E isto é o que moita xente está a facer hoxe en día desde unha actitude do “sálvese quen poida”; o que non deixa máis que traslucir unha fonda desesperanza á vez dunha fonda desconfianza en todo e todos. Porén, para nós os cristiáns a fe quere ser sempre un plus de sentido, estímulo, ilusión, constancia e esperanza. Cada unha destas afirmacións ponnos de manifesto que crer é forza, sentido e loita nas dificultades, de aí que non deberamos esquecer que neste momento non nos toca baixar a garda e deixarnos ir; ao contrario, correspóndenos a nós, cando parece que todo se derruba e que a confianza non ten espazo no mundo actual, manter viva a presenza da mensaxe de Xesús que, unha vez máis, chámanos a non caer na mediocridade. Venzamos a tentación de enrocarnos e desconectar do que pasa no mundo, superemos o complexo de inferioridade no que moitas veces caemos os crentes, e sintamos a radicalidade dunha mensaxe que desde a fe nos invita a estar no mundo con actitude activa e nunca xustificadora do engano, a mentira e a cobiza.

O PERDÓN
Polas veces nas que o medo nos fixo pecharnos en nós mesmos, desprezando aos que non pensan coma nós, SEÑOR, QUE NON CONVERTAMOS A RELIXIÓN NUNHA CASTA.
Polas veces en que nos sentimos superiores e desprezamos aos demais, CRISTO, QUE NON CONVERTAMOS A RELIXIÓN NUNHA CASTA.
Por ser demasiado cobizosos, e esquecernos das necesidades e preocupacións dos demais, SEÑOR, QUE NON CONVERTAMOS A RELIXIÓN NUNHA CASTA.
REMUÍÑO
ü  Nin eu son profeta, nin da caste dos profetas, xa que son gandeiro e coidador de sicómoros: Moitas persoas, por alardear, danse de cultas, importantes, con poder... querendo ser profetas para o noso tempo. Uns profetas que pouco ou nada teñen que ver con aqueles dos que nos fala a lectura de hoxe. A diferenza do que ocorre hoxe, o profeta Amós fala desde a humildade, a sinxeleza, a realidade. Cómo un simple gandeiro e coidador de figueiras podía aspirar ao que supuña ser profeta?. Pero é a súa sinxeleza o que fai que Deus se fixe nel e lle encomende unha misión, porque para Deus, a diferenza do que ocorre con nós, non é a prepotencia senón a sinxeleza e a humildade o importante, de aí que lle encomende a Amós a misión de ser a súa voz, os seus ollos, o seu corazón. E do mesmo xeito que lle fai esta encomenda ao profeta nola fai a cada un de nós: somos os seus profetas no aquí e agora de cadaquén, somos profetas deste Deus, non de poder, ambición ou medo, senón Deus da tenrura, a solidariedade e a confianza. El lánzanos o reto; a nós correspóndenos acollelo ou non. É por ese camiño polo que temos que ir para poder percibir a misericordia que nos mostra cada día.
ü  Porque nos escolleu: A Idea de que somos nós a voz de Deus neste momento e para este tempo, vólvenola repetir Paulo na carta aos cristiáns de Éfeso cando afirma que foi El quen os escolleu, e se o fixo é porque sempre terma, se preocupa, acompáñanos e quere sempre o mellor. Canto lle dicía Paulo a aqueles primeiros cristiáns dínolo e vale tamén para nós dous mil anos despois. Por iso debemos estar, e de feito estámolo, agradecidos e orgullosos por esta preocupación, por telo sempre ao noso lado, por ser o mellor compañeiro na viaxe que cada un facemos ao longo da vida. Pero é a súa unha escolla en liberdade, o que supón que diante da chamada que nos fai, a resposta ha ser persoal, de cada un. Non vale o ter nacido aquí, pertencer a esta cultura ou repetir, por tradición, o que xa fixeron os nosos pais ou avós. Esa resposta ha estar moi por riba de costumes, para mostrarse nos feitos, na maneira de poñerlle rostro e vida aos valores e actitudes que, desde o evanxeo, imos descubrindo en Xesús. Necesitamos logo tomar en serio a fe, e cando pedimos un sacramento, vimos ás celebracións, participamos nos grupos de formación que nos ofertan, facémolo porque atopamos neles a oportunidade de seguir afondando, madurando e coñecendo moito máis o que se esconde detrás desas tres palabras que tantas veces usamos, e que non sempre reparamos no que significan, como son “eu son crente”. Non pode haber un crer sen vivir, como tampouco podemos afirmar que vivimos como cristiáns se non cremos nin coñecemos cales son os cimentos sobre os que se constrúe a fe de cada un de nós. Que sigamos camiñando polos vieiros que van facendo de nós resposta á elección que Deus fixo; e nos faga rebordar, o que hoxe non nada doado, de esperanza.
ü  Recomendoulles que non levasen nada para o camiño: Na sinxeleza da elección que El nos fai, na maneira de concretar esta resposta por parte de cada un/a de nós, vaise facendo realidade a fondura da fe na nosa vida. Cando Xesús envía aos discípulos, explícalles o difícil e duro do cometido. Á incomprensión por parte dos que mandan, engádeselle a coherencia no xeito de vivir, para poder ser verdadeiras testemuñas, rostros e signo de Cristo. A chamada a non levar nada non é máis que a expresión de que os corazóns apegados ao poder, aos cartos, ao dominio sobre os demais, ao ter capacidade de comprar vontades e impoñer criterios e visións, ao... non é máis que a antítese de canto fixo e dixo Xesús. Coma aos doce noutro tempo, tamén a nós hoxe, Xesús nos chama e nos envía, pero inda que cambiou o mundo, non cambiaron as condicións. Ao contrario, neste momento, nunca máis ca hoxe, necesitamos toda a radicalidade posible á hora de vivir o evanxeo para facelo crible aos homes e mulleres do noso tempo. Xa non son o poder, as ansias de dominalo todo e de impoñer como única a visión non do evanxeo senón dos dirixentes da Igrexa, o que hoxe fai visible a Cristo. Máis ben todo o contrario. A El só poderemos mostralo nas actitudes de xustiza, igualdade, liberdade, diálogo, desprendemento, acollida, tenrura e todas aquelas outras que poñendo a persoa no centro, vaian construíndo espazos de humanidade e tolerancia. Certamente, como Igrexa, e mirando cara atrás, e non moito atrás na historia, temos que pedir moitas veces perdón, e necesitamos ser perdoados, por tódalas veces nas que esquecendo estas actitudes, e polo tanto o evanxeo, convertémolo nunha ideoloxía de poder, acumulación de riqueza e dominio, como contradicindo a praxe e a mensaxe de quen nos diciamos discípulos. O seu ide aos apóstolos, segue sendo o ide a nós, apóstolos e profetas no medio do noso mundo, para que a súa palabra ilumine e ilusione o noso vivir e o dos irmáns.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Porque queremos sentir a quentura da comunidade que acompaña o noso vivir cotián, unímonos para compartir esta oración que sendo de todos, vai manifestando as nosas angueiras e os nosos desexos. Facémolo dicindo: 
QUE APRENDAMOS A COLLER A MAN QUE NOS TENDES
*        Para que na Igrexa, principalmente, inda que non exclusivamente, nos seus dirixentes, busquemos traballar con e desde a humildade, a sinxeleza e o diálogo co mundo no que vivimos, OREMOS
QUE APRENDAMOS A COLLER A MAN QUE NOS TENDES
*        Que desde a maneira de actuar nas nosas comunidades, sexamos recendo de acollida, liberdade e respecto ao parecer do outro, preocupándonos por quen está precisado do noso tempo, Oremos.
QUE APRENDAMOS A COLLER A MAN QUE NOS TENDES
*        Que a resposta que persoalmente deamos á chamada que nos fai Xesús estea sempre impregnada da sinxeleza do evanxeo e da humildade do actuar de tantos homes e mulleres que ao longo dos séculos quixeron facelo vida, e nunca na prepotencia dos poderosos e amos do mundo, Oremos.
QUE APRENDAMOS A COLLER A MAN QUE NOS TENDES
Con amor e tremor, Señor, presentamos hoxe a nosa oración da comunidade. Que sempre sexa reflexo do que nos acontece e nos preocupa. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
Para o camiño, Señor,
non levo ouro nin prata, nin cartos no peto;
fíome da túa palabra.
Non teño alforxa,
abonda coa túa compaña e co pan de cada día.
Para apoiarme, un caxato e máis nada,
que os irmáns e as irmás animan e dan a man
cando o camiño se fai duro,
cando sangro, tropezo e caio.
Túnica, chega coa posta,
pois non teño nada que agochar
e o frío e a calor son máis liviáns en familia,
E sandalias, unhas de quita e pon,
ben axustadiñas para que non fagan callo as cousas,
para andar lixeiro e non esquecer o chan que piso
cando o teu Espírito me ergue, me leva e me arrastra.
Case lixeiro de equipaxe...
Sígote!!!!. Iso bástame.

CANTOS
¨      ENTRADA: Andarei na presenza do Señor
¨      LECTURAS: Non vou só
¨      OFERTORIO: Eu sei de quen me fiei
¨      COMUÑÓN: Ide e pregoade

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...