Ir al contenido principal

Domingo 20 TO B

Camiñemos na sensatez

PÓRTICO
Que difícil, neste tempo de presa e urxencia, abordar as cousas coa reflexión que elas merecen, sen estar agoniados polo tempo, senón buscando canto de verdade axuda e é importante para as nosas vidas!!!!!. Inda que o digamos e escoitemos unha e outra vez, a tod@s nos custa poñerlle tempo e reflexión ás nosas decisións, e acabamos deixándonos levar non polo que é o mellor para nós, senón polo que fan e din todos, coma se ir a contramán nos convertera en patiños feos, raros e illados. Ás veces mesmo parece que non estiveramos dispostos ou non foramos capaces de superar a presión, e acabamos actuando e comportándonos non segundo o que son os valores desde os que encaramos a vida, senón desde o que fan todos; non por convición, senón polo medo a, sendo nós mesmos, sentir a incomprensión dos demais e a soidade. Esquecemos entón algo moi importante: se queremos ser cristiáns no mundo de hoxe temos que estar dispostos a facer da nosa vida icona da mensaxe de Xesús, de canto fixo e dixo, o que rompe con calquera tipo de componenda que busque facer da vida mediocridade previsible segundo o guión escrito polos que mandan e dirixen conciencias e decisións facéndonos crer libres. Os cristiáns deberiamos ter claro que a vida, e o que nela facemos, non é “marketing” publicitario para que todos compren e usen. Oxalá que nunca o esquezamos.

O PERDÓN
  • Porque, levados do intento por quedar ben, acabamos comportándonos como masa sen criterio nin convicións, SEÑOR, QUE NON RENUNCIEMOS A SER LIBRES.
  • Porque nos sobran palabras e xestos baleiros e superficiais, e fáltannos compromisos que teñan á persoa como principio, CRISTO, QUE NON RENUNCIEMOS A SER LIBRES.
  • Porque tamén nós caemos moitas veces na precipitación e falta de reflexión á hora de tomar decisións sobre a nosa vida, SEÑOR, QUE NON RENUNCIEMOS A SER LIBRES.
Remuíño
*        A vida de cada un de nós vaise desenvolvendo non de calquera xeito, senón desde unhas referencias, referencias ás que chamamos valores, exemplos, principios... e que pouco a pouco van facéndonos, modulándonos para que o noso xeito de actuar, pensar e vivir se adecúen a elas. Por iso son tan importantes e nos marcan. Dicimos moitas veces que esta ou aquela persoa, este xeito de actuar ou esta actitude fixéronnos pensar e decidiron o camiño que tomamos nun determinado momento e que nos influíu para toda a vida. Tendo isto en conta, podemos fixarnos, logo, no que nos di a primeira lectura que escoitamos hoxe: Sabedoría construíu a súa casa, tallou as súas sete columnas. Cando a Biblia nos fala dos sabios quere referirse á experiencia que un/a vai acumulando a medida que a súa vida madura e se desenvolve. Unha experiencia que nos axuda a non repetir erros, a aprender do que outros fixeron, ben ou mal, xa sexa para facer o mesmo ou para rexeitar ese modo de actuar. E así, pouco a pouco, un vai, como nos di o libro dos Proverbios, construíndo a súa casa; non sobre area, senón sobre as columnas de canto axuda a que nos sintamos a gusto co que facemos e co xeito de actuar e facer as cousas. Só desde un actuar maduro, responsable e reflexivo, podemos entender que necesitamos de coherencia no actuar; unha coherencia que nos afasta da improvisación e nos remite á necesidade de ir clarificando a nosa escala de valores, para que desde ela poidan ir aparecendo as actitudes que nos fan sentir a gusto co que somos e facemos, sen falsas culpabilizacións e insatisfaccións permanentes por querer ser coma todos, esquecendo que cada un de nós somos únicos e irrepetibles.
*        Porque non somos feitos en serie nin temos que comportarnos de maneira uniforme en ningún sitio, e moito menos á hora de decidir sobre a nosa vida, podemos entender ben as palabras da carta de Paulo aos efesios. Mellor, non só entendelas, senón subscribilas, inda que teñan pasado dous mil anos desde que foron escritas. Si, porque ter tino, ser sensatos, aproveitar o tempo, non ser irreflexivos... son expresións que temos escoitado e utilizado nós mesmos moitas veces, e que poñen de manifesto o importante que é non actuar, inda que nos custe, de xeito arroutado, pois ademais de non levar a nada, acaba facéndonos sentir mal, con sensación de ternos equivocado. Nestes momentos nos que algúns se esforzan, e moito, en facernos crer que as cousas teñen que ser así e non poden ser de outro xeito, non quedándonos outra máis que a resignación, canto lle di Paulo a aqueles cristiáns de Éfeso ten para nós forza suficiente como para superar a tentación de deixarnos ir ou de escoitar os cantos de serea desesperanzados que día a día nos van chegando, para conseguir transformalos en actitudes activadoras de constancia e esforzo que nos leven a encarar o momento presente, -difícil e duro, para que negalo!-, non desde o pesimismo de que non hai outra, senón poñéndolle tino ao que escoitamos, sensatez ao que facemos e reflexión á complexa realidade na que vivimos inmersos. Se dicimos que a fe hai que rezala en comunidade e celebrala dentro dos templos; tamén dicimos que é necesario vivila no medio do mundo, no día a día cheo de contrastes e situacións ás que é necesario poñerlle os rostros de tantas persoas para as que estes momentos están a resultar difíciles e lles van provocando a exclusión e o esquecemento, como se foran simples números en estatísticas, esquecendo que son persoas, coma nós, ás que non podemos nin esquecer nin virarlle as costas. O seguimento de Xesús, as convicións de fe, maniféstanse desde o íntimo que un cre, pero móstranse no actuar con verdade e sinceridade á hora de vivir. É aí onde verdadeiramente mostramos a vontade de Deus.
*        O discurso do Pan de vida que desde hai varias semanas vimos lendo nas celebracións do domingo, volve incidir na forza -simbólica e real-, do pan na vida dos seres humanos. Pan que nos remite aos irmáns; pan que fai presente a Deus para levalo con nós e ser empuxe e alento diante da dureza da situación actual; pan solidario que se concreta en non torcer a cara diante do que está pasar, senón, no pouco e no moito, en abrir a man e ofrecer tempo, medios, ideas, propostas e dispoñibilidade a quen as necesite; pan de verdade nun momento no que o engano, a mentira, a manipulación ou o aproveitamento dos máis débiles nos fai perder a confianza nos demais e nos volve escépticos e desconfiados. Nunha palabra, pan que alimente as nosas vidas deixándonos a forza para loitar por elas desde a unión construída na busca contra o fatalismo, superando a tentación individualista do sálvese o que poida. O Pan da Eucaristía, Cristo, volve ofrecérsenos non como rito, senón como presenza viva en nós para que non renunciemos a anuncialo alí onde esteamos.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Deus faise alimento en nós para que nós poidamos ser tamén alimento para os irmáns. Convencidos de que a súa presenza é estímulo contra a desesperación e o deixarnos ir fatalista, dicimos:
QUE O TEU PAN NOS FAGA SABIOS EN AMOR E FRATERNIDADE
ü  Pola Igrexa, para que non esqueza que Cristo enviouna para ser voz de denuncia diante da explotación, a mentira, o engano, a manipulación, e non cómplice dos que mandan e se esquecen que detrás dos números hai persoas que sofren, OREMOS.
QUE O TEU PAN NOS FAGA SABIOS EN AMOR E FRATERNIDADE
ü  Para que nas nosas comunidades non nos deixemos vencer polo desánimo e polo derrotismo que canto nos rodea insiste en fomentar, para impedir que reaccionemos diante de quen o está a pasar mal e vai vendo como as súas ilusións se derruban e esmorecen, OREMOS.
QUE O TEU PAN NOS FAGA SABIOS EN AMOR E FRATERNIDADE
ü  Para que nós, no día a día da nosa vida, atopemos forza e empuxe na oración, sosegada e sincera, diante dun Deus que nos fala que sen atender as urxencias e dificultades dos irmáns, non é posible ser seguidor de quen deu a vida por todos, sen excluír a ninguén, OREMOS.
QUE O TEU PAN NOS FAGA SABIOS EN AMOR E FRATERNIDADE
Con confianza, pero tamén desde a dor que nos produce a difícil situación que estamos a vivir e que sofren moitos dos nosos veciños e amigos, poñemos a nosa oración comunitaria diante de Ti, para que sexas forza e axuda que nos impida caer no derrotismo e desánimo. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
Se o que de veras desexas é amar, entón ponte inmediatamente a mirar; pero tómao en serio. Fíxate en alguén que che produza arrepío e percibe de veras os teus prexuízos; fíxate en alguén ou en algo ao que te aferres e comproba realmente o sufrimento, a inutilidade e a falta de liberdade que supón aferrarse... e contempla con detemento e tenrura os rostros humanos e a conduta humana. Tómate tempo para mirar asombrado a natureza, o vo dun paxaro, a frescura dunha flor, a saída da lúa... e namentres o fas, a coroza que protexe o teu corazón, rebrandecerase e fundirase, e o teu corazón rebordará de sensibilidade e delicadeza. (A.de Mello, Una llamada al amor, Sal Terrae, p.92/93)

CANTOS
ENTRADA: Camiñando pola vida
LECTURAS: Contade as marabillas do Señor
OFERTORIO: Grazas, Señor, na mañá
COMUÑÓN: Non vou só

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor