Ir al contenido principal

Corpus 2013


VIVE CON SINXELEZA E A CONVIVENCIA FARANOS MÁIS FELICES

(CAMPAÑA DE CÁRITAS)

PÓRTICO

Nuns momentos de tanta dificultade como os que estamos a vivir, nos que cada vez o futuro é máis negro para tantas e tantas persoas, cómpre pararnos e pensar, con sinceridade e sen tentar enganarnos a nós mesmos, sobre cales son as necesidades fundamentais da nosa vida. Probablemente sexamos capaces de descubrir que o que nos fai máis felices e mellores persoas é a capacidade de querer e de sentirnos querid@s. Que mágoa que tivera que chegar esta maldita crise económica para que nos decataramos de que a plenitude non está no ter, senón no ser; que o importante non é o envoltorio exterior, senón corazón quente e solidario!!!!!!!!!!!!!!. Estamos diante dunha fonda crise de humanidade á que só poderemos facerlle fronte se entendemos, dunha vez por todas, que o centro non está en Wall Street, senón na PERSOA, querida e creada por Deus á súa imaxe e semellanza.

Que a celebración deste día de Corpus, día da caridade, nos abra o corazón á invitación que nos fai Xesús no evanxeo “Dádelles vós de comer”, urxíndonos a sementar humanidade e realismo, creando redes de solidariedade, axuda, escoita e achega, facéndonos sentir comunidade que se ocupa e preocupa polo que lle pasa a tantas persoas irmás nosas. Que saibamos aproveitar o pouco ou o moito que somos e temos para compartilo con quen o precise, e así deste xeito recoller a esperanza coma o mellor dos froitos.

 
O PERDÓN
* Moitas persoas morren de fame porque non sabemos compartir, SEÑOR, FAINOS SOLIDARIOS.
* Moitas persoas sofren marxinación e soedade porque non sabemos convivir, CRISTO, FAINOS SOLIDARIOS.
* As nosas palabras, os nosos comportamentos e os nosos feitos son, en demasiadas ocasións, contrarios ao evanxeo; SEÑOR, FAINOS SOLIDARIOS.


REMUÍÑO

DÁDESLLES VÓS DE COMER: A estampa evanxélica píntanos un Cristo que non vive para si nin busca nada para si, senón que é quen de poñerse no lugar do outro. No sitio do retiro e descanso que desexaba, atópase cunha multitude que o busca, e ponse a ensinalos devagar e a curar enfermos, esquecéndose ata da comida. Porén, ese era un tema que tamén lle interesaba ao Señor. Cando ve que a xente está esgotada, non a despide para que cada un se amañe como poida, senón que se implica no problema e ofrece unha resposta liberadora: Dádeslles vós de comer. Hoxe, se cadra como nunca, a súa resposta remoe no noso corazón. Hai millóns de persoas que se deitan todas as noites con fame, despois de rebuscar en vertedoiros ou colectores de lixo; hai millóns de persoas sen un traballo que lles permita vivir con dignidade; hai millóns de persoas que esperan unha oportunidade para desenvolver os talentos que o Señor pousou no seu corazón; hai millóns de persoas que quedan tiradas na beira do camiño, derreadas por unhas pesadas cangas que non son quen de transportar; hai millóns de persoas que teñen fame: de respecto, de comprensión, de misericordia, de escoita, de esperanza, de xustiza, de ilusión, de...; hai millóns de persoas que esperan por nós, pola nosa solidariedade, pola nosa axuda, polo noso compromiso. E nós, que facemos nós?. Non, non vale calar, aguantar, deixar que fagan e desfagan ao seu antollo, mirar cara outro lado. Non, non vale agochar a cabeza debaixo da terra nin deixar que esvare por nós a que está caendo. Non. É tempo de espertar, de mobilizarse, de recuperar a forza da fe, que nos urxe aos seguidores e seguidoras de quen pasou polo mundo facendo o ben a implicarnos e actuar para cambiar este mundo inxusto que non nos gusta.

DESDE A GRATUIDADE: Un aspecto positivo da crise, pode que o único xunto co feito de que nos obrigou a poñer os pés no chan e a decatarnos da cantidade de cousas prescindibles ás que estamos apegados, sexa que nos axudou a descubrir que, illadamente, non somos quen de conseguir nada, que a convivencia é necesaria, que non podemos prescindir dos demais, que cómpre traballar polo ben común, esquecendo egoísmos e exclusivismos... E facelo de balde. Seguramente tod@s escoitamos algunha vez, ou mesmo dixemos, “ninguén dá nada gratis”. Esta expresión reflicte algo que ocorre a miúdo na nosa sociedade. Hai moita xente que cre que todo se pode mercar ou que hai que pagalo con cartos; que o que nos move ás persoas é, sobre todo, sacar vantaxes, saír gañando e que se pode comercializar ata o agarimo ou a amizade. Pero, aínda que reflicta unha realidade, a frase é totalmente inxusta, porque as persoas somos quen de dar gratis… e para recoñecelo, basta abrir os nosos ollos. As cousas máis valiosas, facémolas gratis: querer aos fillos, coidar a un familiar que se vai deteriorando e que xa nin sequera nos recoñece, adicar tempo a escoitar ou a axudar a xente desgrazada, repartir os nosos cartos dun xeito anónimo… Si. Somos moi capaces de dar gratis e iso é reconfortante para quen o practica e para quen sabe aprezar o valor da gratuidade. Hoxe invítasenos a dar de balde, coa seguridade de que o amor é máis poderoso que o medo ou os cartos e que é posible o “quérote porque te quero”. É unha aprendizaxe difícil, porque a todos nos encanta que nos agradezan o ben que facemos; pero cómpre un cambio persoal e comunitario, e unha revisión de valores e motivacións. Paga a pena facer un esforzo para non comercializar a vida, o agarimo e a axuda dos demais?. Paga a pena dar gratis?. Desde logo que si!!!!!!!!!!. Poñámonos en marcha.
ORACIÓN DA COMUNIDADE

A Deus, que nos dá o pan de cada día e o pan de Cristo, dicímoslle:
QUE PARTAMOS E REPARTAMOS O TEU PAN NA GRATUIDADE
Para que a ningunha persoa lle falte o pan de cada día, OREMOS.
QUE PARTAMOS E REPARTAMOS O TEU PAN NA GRATUIDADE
Para que as nosas mesas se enchan de solidariedade e así ninguén quede excluído do banquete da creación, OREMOS.
QUE PARTAMOS E REPARTAMOS O TEU PAN NA GRATUIDADE
Para que saibamos descubrir a fe como a chama que mantén viva en nós a capacidade de non deixarnos vencer polo abatemento e a desesperación, OREMOS.
QUE PARTAMOS E REPARTAMOS O TEU PAN NA GRATUIDADE
Para que a nosa Cáritas interparroquial e todas as Cáritas brillen nas noites de crise con lumieiras de esperanza e promoción, OREMOS.
QUE PARTAMOS E REPARTAMOS O TEU PAN NA GRATUIDADE
Para que comer o Pan de Vida, manteña viva a nosa sensibilidade e a nosa solidariedade diante de todo sufrimento, soidade, inxustiza e violencia, OREMOS.
QUE PARTAMOS E REPARTAMOS O TEU PAN NA GRATUIDADE
Danos o teu pan Señor, e ensínanos a multiplicalo para poder fartar as nosas fames. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
Señor da Vida:
invítasnos a ser persoas solidarias,
para cambiar o mundo,
para que naza o Reino.
Abre as nosas mans e os nosos corazóns
para aprender a compartir o que somos e o que temos;
para vivir a festa diaria da solidariedade,
que é o amor polos demais feito acción e compromiso.
Ensínanos a ofrecer o que temos,
a compartilo coas outras persoas,
a dalo con xenerosidade.
Ensínanos a compartir os nosos bens, a vivir co preciso,
a ser persoas xenerosas e desprendidas.
Ensínanos a dar o noso tempo, a ofrecer a nosa colaboración,
a compartir os nosos dons.
Cinco pans e dous peixes non son moito,
pero chegan cando se comparten:
porque cando un dá o que ten,
a solidariedade fai o resto
e chega para a vida de todas as persoas.

CANTOS
ð  ENTRADA: Unha xuntanza de amor
ð  LECTURAS: Benaventurados
ð  OFERTORIO: O amor é o meirande
ð  COMUÑÓN: Pan do ceo

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor