Ir al contenido principal

20 Domingo TO C 2016



Quen cala cando a vida dos máis débiles se ve ameazada, quen vira a cabeza ante o maltrato e o abuso, quen pasa sen mirar para as beiras onde están as vítimas dunha sociedade teatralizada e superficial, non pode levar con dignidade o nome de cristián
CANTO GOZOSO
*        ENTRADA: Vinde axiña (Nº 10)
*        LECTURAS: Eu sei de quen me fiei (Nº 64)
*        OFERTORIO: Benaventurados (Nº 119)
*        COMUÑÓN: Eu soñei (Nº 58)
ESCOITA ACTIVA
Cando unha persoa pretende ver a realidade só desde os seus ollos, a súa comodidade ou a súa seguridade, ten como norma darlle as costas a canto ocorre ao seu redor, como se non fora con ela. O que consegue só é autoenganarse e construír unha burbulla, moitas veces insolidaria, egoísta e inxusta, porque, nos guste ou non, a realidade témola diante, vivímola, vémola e pisámola cada día. Pretender darlle as costas o único que fai e levarnos á falsa opinión de que pechando os ollos xa non vemos. Isto é un gran engano para un mesmo e unha gran mentira ante a situación na que se atopan os demais.
As lecturas que imos proclamar hoxe chámannos a vencer esta tentación de ser pasivos ante o que pasa no mundo, a non ter medo a afrontar os problemas e dificultades, e non ter vergoña nunca de defender o xusto, o bo, o honesto... o que fai que as persoas se sentan dignidade e merecedoras de respecto, máis alá dos intereses económicos, políticos, eclesiais ou de calquera outro tipo. Prestémoslle, logo, atención a esta palabra, e esforcémonos por facela motor do noso día a día.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
·        Pola nosa covardía para afrontar a verdade sen adaptala á nosa comenencia; SEÑOR, QUE O NOSO CORAZÓN NON SEXA PREGUICEIRO.
·        Por caer na tentación de mirar a realidade buscando só a nosa comenencia e non o que é xusto; CRISTO, QUE O NOSO CORAZÓN NON SEXA PREGUICEIRO.
·        Porque pedimos moita xustiza para nós, pero esquecémonos de ser xustos no noso actuar cos demais; SEÑOR, QUE O NOSO CORAZÓN NON SEXA PREGUICEIRO.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
*        Nin a vinganza nin a xenreira son camiños desde os que vivir o evanxeo e dignificar o nome de cristiáns. A primeira lectura do profeta Xeremías recórdanolo claramente. Pero o caso é que por moito que a palabra nos diga e fale, nós seguimos endurecendo o corazón e dispostos a non facerlle caso, ou alomenos a non prestarlle a atención necesaria. Os que se presentaban ante o rei, como ocorre hoxe cos que se presentan ante os que teñen poder –económico, político, relixioso, mediático...-  non son escoitados; e se o son han pasar pola peneira do que lle impoñen os poderosos. Triste realidade para que sexan sempre os mesmos os perdedores!
*        Porén a palabra de Deus quere ser sempre a voz que nos chama a non deixarnos domear polos cantos de serea dos diferentes poderes. E que difícil resulta dicirlle que non a eses cantos! Pensemos nas dificultades, incomprensións e mesmo atrancos coas que está a atopar o papa Francisco no seu esforzo, sincero e sinxelo, por facer que a Igrexa volva o seu corazón e poña os seus ollos no Evanxeo, e non no poder, o dominio ou o secuestro da conciencia dos seus membros. Francisco, seguindo o mandato de Xesús, chámanos a que sexamos libres e actuemos en conciencia e con responsabilidade, sen deixarnos secuestrar polos que ofrecen medo, condena e vinganza. Que non caiamos nunca no que os demais queren oír, senón que nos esforcemos por dicir e actuar conforme a busca do ben común, o compromiso por unha sociedade máis xusta e honesta e o esforzo por facer do noso comportamento, persoal e social, unha tarefa permanente de actuar como crentes adultos e  maduros que non buscan a súa comenencia, senón o ben das persoas, que como ben sabemos non somos máis ca "imaxe e semellanza de Deus", e polo tanto iguais e irmáns.
*        No Señor sempre atoparemos forza e axuda para facer da nosa vida un camiñar honesto, adulto, responsable e xusto. Pero para iso non podemos volver a vista atrás e anceiar o que fan e teñen aqueles que enganan, escravizan e pretender dirixir as conciencias e a liberdade das persoas. A carreira é de fondo, e nada doada, pero se conseguimos chegar ata a meta, seguro que nos sentiremos plenamente contentos e felices polo esforzo realizado e pola loita por non caer no fácil, no que fan todos; que non é máis que pan para hoxe e fame para mañá. Fame de non terlle deixado aos que veñan tras de nós un mundo –sociedade, parroquia, Igrexa– máis fraterno, xusto, liberador e igualitario. Afastémonos e deixemos a un lado, como nos di a Carta aos Hebreos, todo canto estorba e non deixa que sexamos verdadeiramente nós, sen ter que renderlle pleitesía a ninguén...inda que a moitos lles doa que teñamos criterio e deixemos de ser uns "ninguén" para ser, e selo sempre, un igual, ao estilo de Xesús.
*        Optar, tomar decisións, deixar de dicir e facer o que todos queren oír. A isto se refire Xesús cando utiliza esta expresión de que viu traer "lume". Non todo vale, non é cuestión de ser condescendentes con todo. Hai situacións, accións, palabras... que doen, feren, crean inxustiza ou prologan situacións sociais de sometemento e dominio dos máis débiles. Contra isto nin podemos calar nin estar pasivos, por iso Xesús recorre a unha linguaxe de contido apocalíptico para marcar con claridade que na vida hai que tomar decisións, e guste ou non, quen se move e asume as consecuencias das súas decisións, pode ser incomprendido, ou mesmo tratado con desprezo, pero aí está a liberdade, a madureza e a coherencia dos que nos chamamos cristiáns. Non imos contra ninguén, pero non calamos diante da inxustiza. Como facía El, e como nos invita tamén a facer a nós.
FRATERNIDADE ORANTE
Neste momento da celebración unímonos, tentando ser unha soa voz, para compartir  a nosa oración comunitaria e dicir xunt@s:
SEÑOR, ACOMPÁÑANOS NO NOSO ESFORZO POR NON CALAR ANTE A INXUSTIZA
·        Para que a Igrexa sexa sempre unha Igrexa fiel ao Evanxeo e non renuncie a defender a dignidade das persoas, especialmente das máis débiles, excluídas e  invisibilizadas, OREMOS.
SEÑOR, ACOMPÁÑANOS NO NOSO ESFORZO POR NON CALAR ANTE A INXUSTIZA
·        Para que a nosa participación nas celebracións nos mova a saír delas esperanzados e con ánimo ledo e forte para construír comunidades parroquiais marcadas pola solidariedade, a participación e a colaboración, OREMOS.
SEÑOR, ACOMPÁÑANOS NO NOSO ESFORZO POR NON CALAR ANTE A INXUSTIZA
·        Para que nós non nos deixemos levar do aburrimento, a desgana e a rutina;e nos esforcemos por levar á vida o que compartimos e vivimos nas celebracións, facendo do noso actuar un camiño de misericordia cos máis débiles e desprotexidos: enfermos, maiores, nenos, maltratadas, parados..., OREMOS.
SEÑOR, ACOMPÁÑANOS NO NOSO ESFORZO POR NON CALAR ANTE A INXUSTIZA
Señor, abrímosche o noso corazón necesitados da forza reparadora da esperanza que nos ofreces, e da mirada do mundo á que nos chamas, para que non sexa a indiferenza, senón a tenrura a que nos mova sempre a actuar poñéndonos nas túas mans. P.X.N.S. Amén.
MIRADA DE ESPERANZA
Silencio que non comprendo, pero respecto
e que en silencio gardo con tantas bágoas
por cerrarme a entender que Ti tamén falas en cada silencio.
Garda as miñas palabras na profundidade do teu Peito
e faime sentir a paz infinita de saberte amar no silencio.
Silencio de Amor,
que brota do teu Corazón aberto.
Sé o meu Compañeiro, nas noites escuras
onde solo sinto o latexo acompañado do meu corazón sen sosego
que busca un pouco de paz
refuxiándose no teu Corazón que arde de amor eterno.
(Guillermo Serra)

Comentarios

Entradas populares de este blog

5 Domingo TO B 2018

PERSOAS LOITADORAS, NON SUFRIDORAS Descarga o ficheiro
CANTO GOZOSO
öENTRADA: Amigos nas penas
öLECTURAS: O Señor é o meu pastor (Nº 27)
öOFERTORIO: Acharte presente na vida (Nº 51)
öCOMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55)
PARA NON PERDER O PASO
Cando unha cousa non nos serve, cando non ten nada que poidamos obter dela, deixámola de lado. Na nosa vida de fe, ocorre que moitas veces estamos ermos: non sentimos nada e somos incapaces de poñer en relación canto rezamos co que facemos cada día. Deste xeito, pouco a pouco, váisenos apagando a chama da fe e convertemos todo o que di relación con ela en puro e simple costume, comercio, acto social ou tradición, inda que ás veces o queiramos revestir de cultura para poder mantelo.
Fronte desta situación, os textos que hoxe imos proclamar chámannos a non deixarnos caer nesta tentación, a esforzarnos por non deixar que esmoreza a esperanza, a aprender a gozar do moito que nos enriquece e aporta a fe. Non imos solos, temos un amigo ao noso lado: Xesús. Deixemos…