Ir al contenido principal

Domingo de Ramos 2017


Descarga o ficheiro

FÓRA DO TEMPLO

  • CANTO: Camiñando pola vida (Nº 9)
  • SAÚDO
  • ESCOITA ACTIVA
  • BENDICIÓN DOS RAMOS
  • LECTURAS
  • CANTO PROCESIONAL: Señor Xesús, bendito sexas (Nº 52)
DENTRO DO TEMPLO

  • ORACIÓN
  • PROCLAMACIÓN DA PAIXÓN SEGUNDO MATEU
  • OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
  • CREDO
  • FRATERNIDADE ORANTE
  • OFERTORIO: Velaquí, Señor, o viño (Nº 37)
  • PAZ: Que veña a paz (Nº 45)
  • COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55)
  • MIRADA ESPERANZADA
  • BENDICIÓN

Co gozo de saber que non imos solos, comecemos tamén nós o camiño que nos leva da Xerusalén da acollida á Xerusalén da resurrección, pasando pola cea da fraternidade e a Cruz da esperanza

Nota previa: A celebración está pensada desde o criterio do realismo pastoral, que non do pragmatismo, polo que sendo conscientes de que o mundo rural é o ámbito onde se realiza, e atendendo a que quen a preside/dirixe ha facela en varias comunidades ao longo da mañá, buscamos que sexa un encontro sinxelo, non moi alongado, pero sempre cercano, participativo, creativo -non rubricista-,e que non se realice ás présas, senón desde o acougo interior de tod@s cantos queremos poñernos no camiño que nos levará á Pascua.
Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.

SAÚDO

Quen preside: A paz e o ben; a misericordia e máis a xustiza de quen pasou polo mundo facendo o ben, estean con todas/os vós.

ESCOITA ACTIVA

Os ramos e as palmas que levamos nas mans queren ser sinal de festa e acollida. Festa por participar do encontro que nos invita a comezar a deixar pegada seguindo camiño que nos leva da alegría de reunirnos para seguir a Xesús, ata a pascua de resurrección. Acollida porque é un momento de encontro, de relación, de saúdo e oración compartida, o que nos invita a saber mirarnos e acollernos uns aos outros para poñernos en actitude de celebrar con gozo que Deus segue a estar no medio de nós para animarnos, alentarnos e agarimarnos coa súa tenrura.





BENDICIÓN DOS RAMOS
Deus da tenrura, que sempre nos acompañas no camiño da vida a través dos xestos que fan posible o encontro, a axuda e a solidariedade duns para cos outros, bendice + estes ramos e estas palmas cos que queremos comezar este camiño que nos leva da entrada en Xerusalén á alegría da resurrección. Axúdanos para que esta bendición que agora recibimos nos mova a deixarnos guiar polo que fai posible o encontro, a acollida, a xenerosidade e o entendemento entre tod@s nós. Pedímoscho a ti, Señor, que vives e reinas por sempre eternamente. Amén.
LECTURAS (fóra)

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE PAULO APÓSTOLO AOS FILIPENSES
Irmáns e irmás:
Cristo Xesús, con ser de condición divina,
    non se agarrou con cobiza ó seu ser igual a Deus;
    senón que se espiu do seu rango,
    e asumiu a condición de escravo,
    feito en todo semellante ós homes.
Presentándose coma un home calquera,
    abaixouse a si mesmo, facéndose obediente ata á morte,
    e á morte na cruz.
Por iso tamén Deus o exaltou sobre todo
    e lle concedeu un nome que está por riba de todo outro nome,
    para que ó nome de Xesús se dobre todo xeonllo
    no ceo, na terra e mais no abismo,
    e toda lingua proclame
que Xesús Cristo é o Señor para gloria de Deus Pai.

PALABRA DO SEÑOR
PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO MATEU
Cando se aproximaban a Xerusalén e chegaron a Betfagué, ao pé do Monte das Oliveiras, mandou Xesús a dous discípulos, dicíndolles:
  • Ide á aldea que tendes aí de fronte, e de seguida atoparedes unha burra atada e un burriño con ela; ceibádeos e traédeos. Se alguén vos pregunta algo, respondédeslle que lle fan falta ao Señor, e que de seguida llos mandará de volta.
Isto sucedeu para que se cumprise o que fora dito polo profeta:
Dicídelle á filla de Sión:
Velaí o teu Rei que vén onda ti,
humilde e montado nunha burra,
nun burro, fillo de animal de carga.
Foron os discípulos, e fixeron o que Xesús lles mandara.Trouxeron a burra e mailo burriño, botáronlle enriba os mantos, e Xesús montou. Moita xente estendeu os mantos no camiño; outros cortaron pólas das árbores, e estendéronas tamén no camiño. E a xente que ía diante e mailos que o seguían gritaban:

  • ¡Hosanna ao Fillo de David! ¡Bendito o que vén no nome do Señor! ¡Hosanna nas alturas!
E ao entrar en Xerusalén, toda a cidade conmovida preguntaba:

  • ¿Quen é este?
A xente respondía:

  • Este é o profeta Xesús, o de Nazaret de Galilea.
PALABRA DO SEÑOR
CANTO PROCESIONAL: Señor Xesús, bendito sexas (Nº 52)
ORACIÓN
Pai, Ti que na sinxeleza do amor e da tenrura quixeches que Xesucristo, o teu Fillo, o noso Salvador, se fixera coma un de nós e morrera na cruz; pedímosche a graza de participar da súa amizade para que, camiñando xuntos, pasemos da acollida e o seguimento, á participación da súa resurrección. Por El, que vive e reina por sempre eternamente. Amén.
PROCLAMACION DA PALABRA (Mt. 26, 11-54)
(Pensando n@s que deben acompañar e dinamizar varias celebracións, propoñemos a lectura máis breve da Paixón)

PROCLAMACIÓN DA PAIXÓN DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO MATEU

Compareceu Xesús ante o gobernador, que lle preguntou:
- Es ti o rei dos xudeus?
Xesús contestou:
- Ti o dis.
E aos cargos que lle facían os sumos sacerdotes e mailos senadores, non respondeu nada. Entón preguntoulle Pilato:
- Seica non oes todo o que están testemuñando contra ti?
Pero non respondeu a pregunta ningunha, deixando ao gobernador moi estrañado.
Resulta que pola festa tiña o costume de ceibar o preso que a xente lle pedise. Tiñan daquela un preso de moita sona chamado Barrabás. Pilato dirixiuse ao pobo reunido e preguntoulle:
- A quen queredes que vos solte, a Barrabás ou a Xesús, chamado o Cristo?
Pois el ben sabía que llo entregaran por envexa.
Mentres estaba sentado no tribunal, a súa muller mandoulle a dicir: “Deixa en paz a ese xusto, que hoxe sufrín moito en soños por cousa del”.
Pero os sumos sacerdotes e mailos anciáns persuadiron á xente, para que reclamasen a Barrabás e acabasen con Xesús.
O gobernador insistiu:
- A quen queredes que vos libere?
Eles dixeron:
- A Barrabás.
Díxolles Pilato:
- E que fago eu con Xesús, chamado o Cristo?
E responderon todos:
- Que o crucifiquen!
El replicou:
- Pero, que mal fixo?
Pero eles berraban máis forte dicindo: -
¡Que o crucifiquen!
Vendo Pilato que non conseguía nada, senón que, pola contra, o barullo ía a máis, tomou auga e lavou as mans diante de todos dicindo:
- Alá vós, eu non son responsable deste sangue.
Todo o pobo respondeu dicindo:
- Pois que recaia o seu sangue sobre nós e sobre nosos fillos.
Entón soltoulles a Barrabás, e a Xesús, despois de o mandar azoutar, entregouno para que o crucificasen.
Os soldados do gobernador levaron a Xesús ao Pretorio, e reuniron toda a compañía. Espírono, botáronlle enriba un manto escarlata; e, trenzando unha coroa de espiños, puxéronlla na cabeza, e na man dereita unha cana. Axeonllándose diante del, dicíanlle moqueándose:
- Saúde, rei dos xudeus!
Cuspíanlle e coa canivela dábanlle vergallazos na cabeza. Despois de faceren riso del, quitáronlle o manto e puxéronlle a súa roupa e quitárono para fóra para o crucificar.
Ao saíren atoparon un home de Cirene, chamado Simón; e obrigárono a levar a cruz de Xesús. Cando chegaron a un lugar chamado Gólgota, que quere dicir: "lugar da Caveira", crucificárono, e repartiron entre eles a roupa botándoa a sorteo.
Puxéronlle tamén enriba da cabeza un escrito co motivo da condena: "Este é Xesús, o rei dos xudeus". Tamén crucificaron con el dous bandidos, un á dereita e outro á esquerda.
Os que pasaban por alí, insultábano.
Do mesmo xeito os sumos sacerdotes, burlándose del xunto cos letrados e senadores, dicíanlle:
- Salvou a outros, pero non se pode salvar a si mesmo! É o rei de Israel! Que baixe agora da cruz e creremos nel! Confía en Deus: pois que o salve agora, se é que de verdade o quere; ben que dixo: "Son fillo de Deus".
Chegado o mediodía, a escuridade cubriu a terra ata as dúas e pico da tarde. E nesa hora Xesús berrou moi forte dicindo: Elí, Elí lemá sabactaní
Isto é: Meu Deus, meu Deus, por que me abandonaches?
E algúns dos que estaban alí, oíndo aquilo, comentaban:
- Este chama a Elías.
Inmediatamente un deles foi correndo coller unha esponxa con vinagre e, espetándoa nunha cana, deulle de beber. Pero os demais dicían:
- Deixade, a ver se vén Elías salvalo.
Pero Xesús, dando de novo un grande berro, entregou a alma.

PALABRA DO SEÑOR

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
  • A celebración de hoxe está chea de elementos significativos para axudarnos a entender por que os cristiáns cada ano facemos memoria agradecida do camiño que levou a Xesús da acollida -ao entrar en Xerusalén-, ata a resurrección, pasando pola celebración da primeira Eucaristía e a morte na cruz.
  • Un camiño nada doado e cheo de non poucas dificultades; pero como ben dicimos, todo remata na esperanza, no xurdir da vida, na alegría de saber que a dor, a tristura, mesmo a incomprensión quedaron atrás: O que parecía morto, resucitou.
  • Tamén na nosa vida moitas veces temos que pasar por situacións, experiencias e momentos de dor, tristura, morte... e a experiencia de Xesús ha ser sempre a forza que non nos deixe quedar no fracaso e a frustración que esas situacións vividas producen en nós, senón que nos alente, anime e empurre a que pasemos da dor e da morte á esperanza, á vida nova que se nos ofrece en Cristo.
  • Esta Semana que hoxe comezamos quere lembrárnolo e invitarnos con insistencia a non esquecer que sempre, sempre, a pesares da dor e a incomprensión, no final atopamos a esperanza que en Xesús Deus nos ofrece. Non o esquezamos.
FRATERNIDADE ORANTE
Co realismo de saber que o que celebramos sempre que nos reunimos ao redor do altar é a vida, compartamos a nosa oración comunitaria dicindo xunt@s:
GRAZAS POR OFRECERNOS UN CORAZÓN DE CARNE E NON DE PEDRA
  • Pola Igrexa, para que este camiño que hoxe comezamos en todas as comunidades cristiás do mundo non se reduza a un rito sen sentido nin capacidade de comprensión, senón que sexa unha experiencia de profundo valor e sentido comunitario, OREMOS.
    GRAZAS POR OFRECERNOS UN CORAZÓN DE CARNE E NON DE PEDRA
  • Para que cada un e cada unha de nós, teñamos hoxe presente na oración a persoas que coñecemos e que están a pasar por situacións de dor, illamento, incomprensión ou calquera outra situación de desacougo. E para que ademais de telos presentes na nosa oración, nos volquemos por estar ao seu lado e axudarlles, OREMOS.
GRAZAS POR OFRECERNOS UN CORAZÓN DE CARNE E NON DE PEDRA
  • Para que nas nosas comunidades nos esforcemos por vivir canto ao longo destes días celebraremos e compartiremos xunt@s, pois só así o amor, a solidariedade e a xenerosidade á que se nos invita poderá ser comprendida e converterase en testemuño para cantos nos vexan, OREMOS.
GRAZAS POR OFRECERNOS UN CORAZÓN DE CARNE E NON DE PEDRA
  • Para que, como nos di o papa Francisco, sexamos cristiáns do amor e non da norma; da escoita e non da imposición; do discernimento e non da mestura e o desconcerto; e para que non teñamos nunca vergoña de manifestar a nosa fe, OREMOS.
GRAZAS POR OFRECERNOS UN CORAZÓN DE CARNE E NON DE PEDRA
Grazas, Señor, por facer posible que hoxe nos reunamos no teu nome para comezar xunt@s o camiño que nos leva a entender e participar da alegría da Pascua. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Señor, dámosche grazas porque nos ensinas a comprender
o misterio da nosa vida;
porque nos invitas a poñer a nosa confianza en Deus Pai;
porque, desde a graza do Espírito,
podemos aceptar a grandeza da nosa fe.
Señor, dámosche grazas porque non esqueces a ningún de nós;
porque ti nos mostras que non é a indiferenza,
senón a entrega total o que constrúe á persoa;
porque nos fas descubrir que é a busca da verdade,
non o quedar ben, o que nos fai humanos.
Señor, dámosche grazas por ofrecernos a túa Igrexa,
comunidade de crentes que buscan facer presente o Reinado de Deus.
Porque a través dela transmítesenos a fe,
porque grazas a ela podemos celebrar a nosa fe.
(Do libro de Cáritas Coresma e Pascua 2017)

Comentarios

Entradas populares de este blog

5 Domingo TO B 2018

PERSOAS LOITADORAS, NON SUFRIDORAS Descarga o ficheiro
CANTO GOZOSO
öENTRADA: Amigos nas penas
öLECTURAS: O Señor é o meu pastor (Nº 27)
öOFERTORIO: Acharte presente na vida (Nº 51)
öCOMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55)
PARA NON PERDER O PASO
Cando unha cousa non nos serve, cando non ten nada que poidamos obter dela, deixámola de lado. Na nosa vida de fe, ocorre que moitas veces estamos ermos: non sentimos nada e somos incapaces de poñer en relación canto rezamos co que facemos cada día. Deste xeito, pouco a pouco, váisenos apagando a chama da fe e convertemos todo o que di relación con ela en puro e simple costume, comercio, acto social ou tradición, inda que ás veces o queiramos revestir de cultura para poder mantelo.
Fronte desta situación, os textos que hoxe imos proclamar chámannos a non deixarnos caer nesta tentación, a esforzarnos por non deixar que esmoreza a esperanza, a aprender a gozar do moito que nos enriquece e aporta a fe. Non imos solos, temos un amigo ao noso lado: Xesús. Deixemos…