Ir al contenido principal

Apóstolo Santiago 2018

Celebramos a festa desde a fe compartida na lingua dignificada pola Palabra feita presenza

CANTO GOZOSO

ENTRADA: Vaiamos ao altar (Nº 133)
LECTURAS: Deixade esta terra
OFERTORIO: Acharte presente (Nº 54)
COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)

PARA NON PERDER O PASO

Neste vinte e cinco de xullo, festa de Santiago Apóstolo e Día de Galicia, queremos compartir a celebración que agora comezamos desde a acción de grazas ao Deus que nos invita a ir e pregoar a súa Boa Nova no medio do mundo. Fieis a este mandato, os Apóstolos saíron cumprir esta misión con ilusión, esperanza e convencemento. Froito dela, hoxe estamos nós aquí para agradecer a Deus este don da fe que podemos celebrar rezando na nosa lingua, expresándoo desde a nosa cultura e compartíndoo coas mulleres e homes da nosa terra. Que este gozo que aquel pequeno grupo de seguidores de Xesús fixo xermolar, saibamos continualo coa nosa vida e o noso traballo por mellorar as condicións de vida das xentes do noso tempo.

CO CORAZÓN FERIDO

· Porque non sempre temos sido capaces de anunciar coa nosa vida a ledicia do Evanxeo; SEÑOR, QUE NON BORREMOS AS TÚAS PEGADAS DA NOSA VIDA.
· Porque moitas veces non temos valorado o traballo e o esforzo das persoas que nos deron a vida e nos transmitiron a fe; CRISTO, QUE NON BORREMOS AS TÚAS PEGADAS DA NOSA VIDA.
· Porque seguimos créndonos superiores e insubstituíbles, caendo en actitudes individualistas e soberbias; SEÑOR, QUE NON BORREMOS AS TÚAS PEGADAS DA NOSA VIDA.


UNHA PALABRA QUE AGROMA

O tesouro da fe compartímolo e celebrámolo hoxe nas nosas parroquias de Galicia coa alegría de poder expresalo na nosa lingua, e de valorar todo o esforzo, o traballo e a loita das persoas que souberon mantelo a pesares de atrancos e incomprensións... cando non persecucións e represión. Dicir Santiago é dicir Galicia. As nosas xentes, a nosa linga, as nosas tradicións, a nosa paisaxe... a acción de grazas a Deus por dármonos esta oportunidade de descubrilo a través desta casa común na que sentimos que son moitas máis as cousas que nos unen que as que que nos separan. Que a pouco que o pensemos somos máis parecidos do que moitas veces cremos. Que a fe ten desenvolvido un papel non pequeno neste axudarnos a darnos unha identidade común e compartida. Por iso hoxe, a acción de grazas a Deus está nos beizos e no corazón por todo canto temos vivido xunt@s; polo que temos compartido e polo que seguiremos a compartir. A forza da fe non esmorece, senón que se renova e se reinventa para mostrase de formas novas e diferentes. Por iso temos que estar sempre atent@s para descubrir onde se van manifestando as diferentes presenzas de Deus. Aquilo que o Concilio Vaticano II nos dicía cando nos invitaba a poñer atención a un mundo que non deixa de desenvolverse, pois no que ocorre cada día está tamén presente a pegada de Deus, de aí a atención aos “sinais dos tempos”. E nestes tempos de présas e cambio permanente –líquido-, temos que facer o esforzo para non deixarnos levar do pesimismo que nos fai mirar só atrás; ou do presentismo que nos quere facer crer que Deus nin está nin nos fai falta hoxe e aquí. Fronte a estes agoiros do engano, poñamos o mellor de nós: a solidariedade, a esperanza, a alegría, a busca dun actuar xusto, a capacidade de ser compasiv@s, a ... cos que mostremos que Deus non só non é pasado, senón que se vai facendo presente nos corazóns de todas as persoas que no canto de dicir só e sempre eu, dan o paso cara adiante para non cansar de pensar en e desde o nós. E isto é o que hoxe, desde a misión desenvolvida polo Apóstolo, e sentindo o gozo de pertencer a esta terra, é o que queremos celebrar neste día de Santiago e de Galicia. Fe e terra no esforzo e na loita por unha vida máis digna para tod@s, non deixando que a tentación da exclusión e a indiferenza ante o que lle pasa aos que temos ao noso redor nos envolva. É este o gran tesouro que Deus nos ofrece nas vaixelas de barro das nosas vidas. Recollamos entre cantares, inda que a sementeira, polo esforzo que supón, teñamos que facela entre bágoas, facéndonos deste xeito servidores dos demais, e especialmente Daquel que fixo do servizo guieiro e pegada na súa vida.

DESDE A ORACIÓN COMPARTIDA

A festa é sempre encontro compartido de ilusións esperanzas. Convertamos tamén este momento da oración comunitaria en festa que nos encontra para dirixirnos a Deus e dicir:
GRAZAS POLA ESPERANZA COMPARTIDA
Pola Igrexa, e hoxe especialmente pola Igrexa en Galicia. Para que sexamos unha Igrexa viva, renovada e transformadora, capaz de ilusionar e de ilusionarse servindo ás persoas; OREMOS.
GRAZAS POLA ESPERANZA COMPARTIDA
Polas nosas comunidades parroquiais, para que saibamos dirixir os nosos pasos cara ás persoas e familias das nosas parroquias que veñen de fóra, mostrándolles a capacidade de escoita e acollida coa que Xesús nos envía ao alentarnos co seu “ide e pregoade”; OREMOS.
GRAZAS POLA ESPERANZA COMPARTIDA
Para que nunca sintamos nin vergoña nin desacougo pola fe recibida dos nosos pais e das nosas nais, de xeito que saibamos tamén transmitila, con testemuño e sen imposicións, aos máis novos das nosas casas e das nosas parroquias; OREMOS.
GRAZAS POLA ESPERANZA COMPARTIDA
Grazas, Señor, por este día de festa no que sentimos a alegría de poder rezar, xunt@s e na nosa lingua, a fe recibida e chamada a ser transmitida co noso testemuño ledo e humanizador. P.X.N.S. Amén.

PARA QUE TOD@S SINTAMOS A LEDICIA DO COMUNITARIO

Sabéndonos pobo sempre en camiño, neste día de Santiago e Galicia, comprometémonos:
  • A traballar para que desde a paz das nosas casas fagamos paz na nosa terra
  • A esforzarnos para que a unión deixe atrás a tentación do individualismo.
  • A non deixar que os nosos maiores vivan na soidade polo esquecemento dos seus fillos da vida e esforzo que eles fixeron para que vivisen mellor.
  • A ilusionarnos para que esta terra onde cada día poñemos os nosos pés, sexa unha terra de acollida e non de exclusión.
  • A valorar o traballo e as suores das xentes do mar, tantas veces esquecidas e maltratadas nos seus dereitos.
  • A alentar o traballo no campo para que non deixemos que se siga a despoboar porque ninguén toma en serio as necesidades das persoas que viven del.
  • A dar grazas para que cada día descubramos razóns para vivir sen desesperarnos ante dureza da vida.
  • A non deixar que morra a esperanza nas horas difíciles e entebrecidas que sempre nos chegan. 
  • A esforzarnos cada noite por buscar a estrela que nos guíe e oriente.
    A non deixar que o falso, o manipulador e o aproveitado abusen dos máis débiles e pequenos.
    A facer desta terra berce onde tod@s poidamos ser acolli@s, arrumad@s e recoñecid@s como fill@s e irmáns no Deus que alonga a súa man para que sigamos camiñando. Amén.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor