Ir al contenido principal

Santiago Apóstolo 2019

O COMPROMISO COA TERRA, COA XENTE E COAS RAÍCES FAINOS SENTIR O ORGULLO DE SER DE ONDE SOMOS. PARABÉNS PARA TOD@S NÓS!!!!

CANTOS

Entrada.- Temos unha festa ( 6 )

Lecturas.- Escoita ao Señor ( 15 )

Ofertorio.- Na nosa terra ( 26 )

Comuñón.- Eu soñei ( 58 )

OÍDOS ATENTOS

Estamos de festa, e non é unha festa calquera. É a festa da nosa Terra, da nosa xente, da nosa cultura, da nosa lingua, do noso xeito de vivir, sentir e expresar o don da vida. E cando se celebra unha festa coma esta é necesario non só celebrala, senón facelo desde a alegría do corazón, en unión con tódalas persoas que comparten con nós ser quen de ter nacido aquí, e ter gozado de todo canto temos recibido dos homes e mulleres que co seu traballo foron construíndo esta fermosísima Terra que chamamos Galicia. E que mellor que unha parte deste día o poidamos dedicar a xuntarnos e dar garzas a Deus por acompañar esta vida compartida que hoxe celebramos. E xa sabemos que se non somos capaces de sentir e celebrar cales son as nosas raíces e onde está a nosa identidade, acabaremos non sabendo nin quen somos nin de onde vimos, o que nos levará a esquecer todo o traballo das persoas que puxeron vida, ilusión e esforzo en construír a identidade dun pobo. Celebrémolo!
Tamén damos grazas a Deus porque esta celebración podemos poñela baixo o amparo de Santiago Apóstolo, home de fidelidade a Xesús e de convicción profunda. Que coma el saibamos tamén, desde a fidelidade, servir aos demais e engrandecer a Casa Común que compartimos.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

  • Polas veces nas que non valoramos a nosa cultura e a nosa xente. SEÑOR, QUE NON PERDAMOS NUNCA AS NOSAS RAÍCES.
  • Polas veces nas que non puxemos todo da nosa parte para que as persoas que temos ao lado foran felices. CRISTO, QUE NON PERDAMOS NUNCA AS NOSAS RAÍCES.
  • Polas veces nas que lle demos ás costas a quen esperaba de nós tempo e sorriso. SEÑOR, QUE NON PERDAMOS NUNCA AS NOSAS RAÍCES.

PALABRAS QUE REMOEN O CORAZÓN E ORIENTAN O NOSO ACTUAR

A cultura é un tesouro que só se valora cando non se ten. Pero non debemos confundir cultura con instrución, pois hai moita xente moi instruída, pero totalmente inculta. A cultura vén sendo o conxunto de todas esas vivencias e reflexións, expresadas a través da palabra, pronunciada ou escrita; a través do vivido na construción de comunidades con identidade e raíces. A cultura desenvólvese no xeito de concibir a dignidade da persoa desde a capacidade de virarse na defensa e reivindicación desa dignidade tantas veces negada e aplastada. A cultura, nunha palabra, é a forma de entender ás persoas en toda a súa integridade. Pois este fermoso tesouro, que se vai mostrando en persoas, obras, actitudes... legado compartido e ofrecido é sempre fráxil e está permanentemente en risco de que os poderosos non a respecten nin a valoren, senón que a esmaguen e supriman.
Todo o pequeno, o sinxelo, o que sae do mellor das capacidades das mulleres e homes de todos tempos vai creando o que denominamos cultura. E esta cultura encárnase; mellor, non pode ser se non é asentando na vida concreta das persoas, como fixo Xesús. Nunha terra concreta e con unha xente determinada, pero sempre desde o cordón umbilical compartido de ser Casa Común. Hoxe, nesta terra de Galicia, damos grazas a Deus por todo canto temos recibido dos nosos antergos, á vez que pedimos forza e ilusión para ser continuadores desta tarefa, da que non podemos sentir outra cousas máis que o orgullo de pertencer a ela e poder agradecela ao Deus da tenrura que non camiña nunca só, senón que se fai compañeiro de viaxe, en todos os tempos e situacións, para que sexamos nós continuadores e tamén transmisores do recibido e feito crecer despois.
Non son poucas as dificultades e presións para facernos renegar de toda esta harmonía creativa de tantos séculos e vivencias. Pensemos no intento de facer pensamento único e líquido que todo o iguala, e como apisoadora vai pasando por riba do que non lle gusta nin interesa, para impoñer a ditadura da uniformidade globalizada que non respecta nin aos que foron nin aos que están. Como crentes, tamén llo dicía Paulo aos Corintios nun momento non moi distinto ao noso, non é tempo de desesperar, senón de recoñecer, valorar e integrar. Acollendo o que vén novo, integrando a quen se sente descolocado ou perdido, e ofrecendo canto podemos compartir, que non impoñer, co sorriso e a man tendida de quen se sabe irmá e irmán no mesmo Deus que, pasando polo mundo facendo o ben, invítanos a non deixar de lado as dores e tristuras, tampouco as ledicias e esperanzas das xentes de ben. As xentes do noso tempo. As xentes da Casa común compartida.
Coma Santiago e Xoán, acheguémonos ao Señor e ofrezámoslle non poder nin violencia, senón dispoñibilidade e servizo para seguir construíndo entre tod@s unha Galicia solidaria, acolledora, aberta, inclusiva e sempre plural e tolerante. Pois só así poderemos beber, neste mundo de tantas palabras e tan poucos feitos de bondade e xustiza, o cáliz que nos une e fai posible a loita e o traballo cotián contra toda desigualdade que abuse das xentes Boas e Xenerosas.

Confianza desde onde compartir

Deus invítanos a rezar comunitariamente na nosa lingua. Co agradecemento de desta invitación dicimos agora. Que a través da nosa lingua, acheguemos a Ti a nosa oración.
  • Para que sexamos unha Igrexa comprometida e sempre solidaria coas causas dos empobrecid@s e esquecid@s, as persoas descartadas. Oremos. Que a través da nosa lingua, acheguemos a Ti a nosa oración.
  • Para que non deixemos nunca de practicar a solidariedade desde a reivindicación do trato xusto, fraterno e igualitario para coas persoas, especialmente para coas que temos máis preto. Oremos. Que a través da nosa lingua, acheguemos a Ti a nosa oración.
  • Para que non sintamos endexamais vergoña da nosa fala, da nosa terra, da nosa xente nin da nosa cultura. Oremos. Que a través da nosa lingua, acheguemos a Ti a nosa oración.
Para que a valoración do noso non nos faga insolidarios e creadores de muros ante os que veñen de fóra e chaman na nosa porta. Oremos. Que a través da nosa lingua, acheguemos a Ti a nosa oración
Grazas, por invitarnos a rezar desde o local para abrirnos a o global da Casa Común. Por Cristo o noso Señor. Amén.

Reflexión para construír

1.- Creo en Deus, dono da vida,
que brinca nas nosas leiras,
no mar, nas chousas, nas rías,
nos montes, nas carballeiras.
E quere vivir entre nós,
camiñar á nosa beira,
entrar connosco na casa
pra se quentar na lareira.
Eu confío nese Deus
que se xongue ás nosas mans
no traballo, nos esforzos
que un mundo novo farán.

COA FORZA DO NOSO POBO
HOXE PROCLAMO O MEU CREDO:
“QUERO SER UN HOME NOVO,
PORQUE EU RENAZO GALEGO” (bis)

2.- Creo no Cristo que vive,
naquel que deixa suores
na oficina, nos talleres,
nas redes e nos tractores.
Vive na fe de quen loita
pra que a Terra Nai cobixe
na paz a tódolos fillos,
sen que ninguén teña que irse.
Fíome do sangue ardente
e da rabia de quen ama,
agardanado un mundo novo
que co seu esforzo adianta.

3.- Creo no Espírito que vive,
na liberdade e libera,
anima ós homes que loitan
pra ser donos da súa terra.
Vive en quen racha cadeas
e xorde nos nosos nenos
cando falan sen complexos
a lingua dos devanceiros.
Está presente nos feitos
que a liberación achegan,
os pobres, os aldraxados e a nosa muller galega.
( Bernardo Gª Cendán/Xosé Luis Rivas)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor