Ir al contenido principal

19 Domingo TO C 2019


TRABALLEMOS PARA QUE A ESPERA NON SE CONVERTA EN DESESPERACIÓN SENÓN EN CAPACIDADE CREATIVA E ANOVADORA

Cantos

Entrada.- Andarei na presenza (Nº 11)
Lecturas.- As túas palabras, Señor (Nº 113)
Ofertorio.-   Na nosa terra (Nº36)
Comuñón.-    Déixate querer (Nº 61))

Oídos atentos

Saber esperar, abordar as cousas con tranquilidade, superar a tentación da impaciencia... Este é un dos retos que as persoas, crentes ou non, temos por diante. E isto é así porque as présas non son nunca boas compañeiras na viaxe da vida. Porén hoxe por hoxe tod@s andamos con présa, ás carreiras, deixando pouco tempo para a reflexión e tranquilidade. E que faltiña nos fan!
Que a celebración que agora comezamos sexa un momento no que nos esforcemos por estar en desconexión tecnolóxica, para facer deste momento diálogo con Deus e experiencia comunitaria, e non distracción que nos impide sentir o gozo da súa tenrura.

Corazón misericordioso

    • Para que venzamos a tentación de caer nunha vida chea de présa e falta de tranquilidade. SEÑOR, APRENDAMOS A ACOUGAR EN TI.
    • Para que a nosa non sexa unha mirada de desconfianza. CRISTO, APRENDAMOS A ACOUGAR EN TI .
    • Para que non construamos a vida desde o individualismo nin a indiferenza. SEÑOR, APRENDAMOS A ACOUGAR EN TI.

      Palabras que remoen o corazón e orientan o noso actuar

        De novo unha invitación desde a palabra a non esquecer de onde vimos e onde anelamos a vida para non esquecer onde están as nosas raíces. Israel tiña como un elemento, que a modo de retrouso facían permanentemente referencia a el: a identidade. Pódenselle achacar moitas cousas a Israel, pero non a de ter esquecido onde están as súas orixes e de quen veñen. Isto póñeno en relación co resto da súa vida, o que lle vai conformando unha maneira de ver a realidade e descubrir os elementos que hai nela dun xeito especial e concreto. Vémolo hoxe na lectura do libro da Sabedoría. O pobo espera porque confía, e confía porque ten experimentado a achega e a compaña do Deus que saben que non os deixa ao pairo. Vivimos desde esa mesma confianza nós tamén a fe hoxe, neste mundo que non quere imposicións senón que se lle escoite, que non quere respostas senón razóns desde as que discernir, que xa non quere ser suxeito pasivo senón protagonista desde a participación e a visibilidade?. Fagamos logo coma Israel, e esforcémonos por non esquecer nunca nin quen somos nin de onde vimos.

        Somos entón do Señor, pertencemos a súa herdade, o que nos fai inconfundibles, o que nos dá visibilidade, o que nos recoñece coma irmáns iguais e libres. E iso fainos persoas non amargadas, senón felices, e capaces de transmitir e compartir esa felicidade desde o sentido da vida que sabemos cal é o seu fin. Así o manifestamos cada vez que rezamos o credo, inda que ás veces non sexamos moi conscientes do que dicimos. E así o manifestamos cando temos que dar razón da nosa esperanza. Unha esperanza que nos vai forxando nos pasos que imos dando e nas decisións que imos tomando. Non é unha esperanza quimérica que esmorece, senón a esperanza que non nos fai decaer, ao contrario.

        Testemuñar esta esperanza é tarefa permanente e constante, tarefa que nos mantén en permanente actitude de non ter medo a equivocarnos, a empezar de novo, a non deixarnos levar da preguiza de quen nin se esforza nin pon da súa parte o mellor para cambiar e facer as cousas doutro xeito. Superar o medo é poñernos no camiño de ir dando pasos sabendo que nin imos sos, de que somos comunidade, de que no poliedro da pluralidade que é a Igrexa cabemos tod@s e non sobra ninguén. Nin uns nin outros. Pero si temos que aprender a aceptarnos, e a non confrontarnos desde antíteses que exclúen: ou comigo ou contra min. Ese non ha ser, inda que as veces si o é, nin o talante nin a actitude dos que nos chamamos seguidores de Xesús no século XXI. Aprendamos logo a vivir a fe neste século sen complexos, pero tamén sen ínfulas de crernos os únicos que están na verdade, desprezando a quen pensa distinto ou ve as cousas doutro xeito. As persoas, as situacións, todas e todos nós cambiamos. E iso tamén temos que telo presente no ámbito da fe. O viño sempre é viño, pero os pelellos é necesario cambialos, ou non?. Por iso a referencia sempre é a mesma: estar sempre á espreita, acoller, saír ao encontro, buscar canto une, termar uns dos outr@s... E FACELO SEN DESFALECER.

        Confianza desde onde compartir

        O sentido comunitario defínenos aos seguidores de Xesús, Téndoo presente na oración comunitaria, dicimos xunt@s: Señor, que a constancia marque o noso quefacer
        • Para que sexamos unha Igrexa que sabe escoitar e valorar o que outras institucións e persoas fan pola dignidade de tod@s OREMOS. Señor, que a constancia marque o noso quefacer
        • Para que nos esforcemos por conformar parroquias que non cansan nin se aburren de facer cousas para que as persoas se sentan recoñecidas e valoradas. OREMOS. Señor, Que a constancia marque o noso quefacer
        • Para que saibamos pasar de ser cristiáns de ritos a costumes para ser cristiáns de feitos e conviccións, cristiáns de Evanxeo. OREMOS. Señor, Que a constancia marque o noso quefacer
        Grazas, por seguir lembrándonos que estamos de paso, e que o noso esforzo ha estar en crear fraternidade e non enfrontamento. Por Cristo o noso Señor. Amén.
        Remoendo as nosas seguridades
        “ O Papa invita a toda a Igrexa a captar os sinais dos tempos que o Señor nos ofrece continuamente. Cantos sinais están presentes nas nosas comunidades e cantas posibilidades nos ofrece o Señor para recoñecer a súa presenza no mundo de hoxe! No medio das realidades negativas, que coma sempre teñen máis repercusión, vemos tamén moitos sinais que infunden esperanza e dan arroxo. Estes sinais, como di a Gaudium et spes, deben relerse á luz do Evanxeo (cf. nn. 4 e 44): este é o «tempo favorable» (cf. 2 Co6, 2), é o momento do compromiso concreto, é o contexto no que estamos chamados a traballar para que creza o reino de Deus (cf. Jn 4, 35-36). Canta pobreza e soidade, por desgraza, vemos no mundo de hoxe! Cantas persoas viven con gran sufrimento e piden á Igrexa que sexa sinal da proximidade, da bondade, da solidariedade e da misericordia do Señor! Esta é unha tarefa que, de modo particular, incumbe a cuantos teñen a responsabilidade da pastoral: ao bispo na súa diocese, ao párroco na súa parroquia, aos diáconos no seu servizo á caridade, aos catequistas e ás catequistas no seu ministerio de transmitir a fe… En suma, cantos están comprometidos nos diferentes ámbitos da pastoral están chamados a recoñecer e ler estes sinais dos tempos, para dar unha resposta sabia e xenerosa. Ante tantas esixencias pastorais, ante tantos pedidos de homes e mulleres, corremos o risco de asustarnos e repregarnos en nós mesmos con unha actitude de medo e defensa. E alí nace a tentación da suficiencia e do clericalismo, a codificación da fe en regras e instrucións, como facían os escribas, os fariseos e os doutores da Lei do tempo de Xesús.
        ( DISCURSO DO PAPA FRANCISCO AOS PARTICIPANTES NUN ENCONTRO ORGANIZADO POLO CONSELLO PONTIFICIO PARA A PROMOCIÓN DA NOVA EVANXELIZACIÓN. Sa Paulo VI Venres 19 de setembro de 2014)

        Comentarios

        Entradas populares de este blog

        Epifania 2025

        A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

        1 Advento 2024

        Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

        Santos 2024

          Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...