ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA
(CORPUS 2024)
CANTO GOZOSO
- ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54)
- LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33)
- OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63)
- COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120)
PARA NON PERDER O PASO
Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida.O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza.
CO CORAZÓN FERIDO
- Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por iso che dicimos: SEÑOR, NON NOS DEIXES DA TÚA MAN.
- Ti convídasnos a abrir camiños de paz; pero nós seguimos sendo persoas violentas e rancorosas, por iso che dicimos: CRISTO, NON NOS DEIXES DA TÚA MAN.
- Ti convídasnos a abrir camiños de xustiza; pero nós seguimos practicando a lei do funil, por iso che dicimos: SEÑOR, NON NOS DEIXES DA TÚA MAN.
UNHA PALABRA DE ESPERANZA
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ÉXODO
Moisés expúxolle ao pobo as palabras do Señor e as súas decisións, e o pobo a unha respondeu:
- Faremos todo o que dixo o Señor.
Moisés puxo por escrito todas as palabras do Señor.
Ao día seguinte, Moisés ergueuse cedo, construíu un altar na aba da montaña e chantou doce estrelas, polas doce tribos de Israel.
PALABRA DO SEÑOR
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA AOS HEBREOS
Pero ó presentarse Cristo coma Sumo Sacerdote dos auténticos bens, entrando a través dunha tenda-santuario maior e máis perfecta, non de feitío humano, isto é, non deste mundo, e ofrendando o seu propio sangue, non o sangue de carneiros ou de becerros, entrou dunha vez para sempre no santuario e, deste xeito, conseguiu unha redención definitiva. Se o sangue de carneiros e de touros e a cinsa dunha xovenca asperxida polos impuros consagra estes, dándolles unha pureza corporal, moito máis o sangue de Cristo (que movido polo Espírito que animou toda a súa vida, se ofreceu a si mesmo a Deus, coma vítima sen mancha) limpará a nosa conciencia das obras de morte, para así servirmos o Deus vivo.
Por iso é mediador dunha nova alianza, xa que morreu para redimir dos pecados cometidos baixo a primeira alianza, a fin de que os que están chamados á herdanza eterna, poidan recibir o cumprimento desta promesa.
PALABRA DO SEÑOR
PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO MARCOS
No primeiro día da festa dos Ácimos, cando se sacrificaba o año pascual, preguntáronlle os seus discípulos:
‑¿Onde queres que vaiamos preparar a Cea Pascual?
El mandou a dous discípulos, dicíndolles:
‑Ide á cidade, e havos saír ó paso un home, cunha sella de auga. Ide tras el e onde entre, dicídelle ó dono da casa:
-"O Mestre pregunta: ¿onde está o lugar no que podo comer a Pascua cos meus discípulos?"
El havos mostrar no sobrado unha grande sala, xa disposta e arranxada. Vós preparade o que faga falta.
Marcharon os discípulos e, chegando á cidade, atoparon todo tal como llelo el dixera. E prepararon a Pascua.
Mentres estaban a comer, Xesús colleu pan, deu grazas, partiuno e déullelo, dicindo:
‑Tomade, isto é o meu corpo.
E collendo unha copa, dando grazas, pasóullela, e todos beberon dela. E díxolles:
‑Isto é o meu sangue, da Alianza, vertido por todos. Asegúrovos que xa non volverei beber do produto da viña ata o día que o beba, noviño, no Reino de Deus.
Despois de cantaren os Salmos, saíron para o Monte das Oliveiras.
PALABRA DO SEÑOR
UNHA PALABRA QUE AGROMA
Celebrar a festividade do Corpus Christi é dar vida a toda historia de amor de Deus co seu pobo ao longo do tempo. A primeira lectura lembra un destes momentos de relación entre eles. Parecía que ía ser o único, o definitivo. O compromiso do pobo parece firme e incuestionable. Pero pronto se vai esquecendo porque a preguiza, o crerse forte e non necesitado da presenza de Deus, o pensar que xa pode e sabe camiñar só e sen compaña vai facendo que tome outros camiños que o distancian daquel proxecto de amor que se comprometera a desenvolver, deixando a Deus de lado. El segue a confiar e, unha e outra vez, volve renovar aquela Alianza; pero o pobo vaille dando; unha e outra vez tamén, as costas. Ata que definitivamente, e no seu Fillo Xesús, sela a Alianza definitiva. Cristo irrompe na historia, na nosa historia, para cambialo todo e ofrecernos outro xeito de mirarnos e de mirar o mundo e canto nel hai.Cristo é ponte de encontro e fraternidade entre nós e mais Deus. Sempre que nos xuntamos ao redor da mesa do altar lembrámolo. No Evanxeo proclamado hoxe escoitabamos como Xesús, na Última Cea, quixo quedar con nós en forma de algo tan sinxelo e imprescindible nas nosas mesas: pan. Pan de esperanza, Pan de solidariedade, Pan de xustiza, Pan de igualdade, Pan de compromiso, Pan de escoita, Pan de diálogo, Pan de acollida.... En definitiva Pan Samaritano.
A festa de hoxe é un convite a que nós nos alimentemos dese Pan para poder abrir camiños de esperanza nun mundo no que a fenda entre persoas ricas e pobres aumenta, nun mundo no que a crispación é denominador común, nun mundo no que a violencia campa ás súas anchas, nun mundo no que as persoas máis vulnerables (maiores, crianzas, mulleres...) son esquecidas e silenciadas, nun mundo no que a saúde mental é reto e tarefa, nun mundo no que tanta xente non ten teito, terra e traballo, nun mundo no que vivimos ás presas e sen preocuparnos de quen temos ao lado, nun mundo no que.... Pois é aí, nese mundo, onde temos que saír ao encontro de cada persoa para acompañar a súa vida. Así fixo Xesús, que hoxe sae ás nosas rúas para darnos testemuño do que temos que facer nós: saír ás periferias existenciais para abrir camiños de esperanza.
DESDE A ORACIÓN COMPARTIDA
Oremos a Deus Pai, rico en misericordia, para que nos dea o pan de cada día e o pan de Xesucristo, fonte de vida plena, dicindo:Señor Xesús, peregrino nos camiños do mundo, ilumínanos na procura do ben común e do coidado das persoas máis fráxiles, OREMOS.
Señor Xesús, que fixeches camiño cos últimos, non te esquezas das persoas que teñen dificultades para ter unha vivenda digna, un traballo decente, unha saúde adecuada, e axúdalles a realizar un proxecto de vida segundo o plan que nace do amor de Deus, OREMOS.
Señor Xesús, que estás cada día con nós, fai que cada unha e cada un de nós traballemos con ilusión para ser esperanza no medio do mundo, OREMOS.
Grazas, Señor, por volverte pan que alimenta o camiño da nosa vida. P.X.N.S. Amén.
PARA QUE TOD@S SINTAMOS A LEDICIA DO COMUNITARIO
Deus Pai Nai:Ti puxéchesnos neste mundo
para suavizar a dor doutras vidas,
para acompañar nos momentos malos,
para axudar a levar o peso da cruz.
Envíasnos a repartir tenrura,
a tenrura de Deus,
a ser aloumiño para o próximo ferido,
a dar amor, a potenciar á persoa caída, a dar paz,
a crear espazos de fraternidade e de encontro,
a traballar pola xustiza,
a consolar a quen está doente, a sandar as feridas
e a amar a todas as persoas como facías Ti, Xesús.
Envíasnos polo mundo
a levar encarnada en nós a boa nova do teu amor,
a lembrar que a fraternidade é posible
e que facer un mundo mellor, máis xusto, igualitario e humano
é unha tarefa a conseguir entre todas as persoas.
Comentarios