Ir al contenido principal

Socializar a Boa Nova

conversión, cambio e compromiso

Domingo IV do Tempo Ordinario
28 de xaneiro de 2007

PÓRTICO
Que sería de nós sen amor?. Seguro que moitas veces témonos feito esta pregunta, seguro tamén que lle teríamos atopado máis dunha resposta. Respostas que non irán moi lonxe de afirmar que nos sentiríamos perdidos, tristes, sen ilusións... por que?, pois moi sinxelo, porque é o amor o que nos dá vida. Desde o amor viñemos á vida, desde o amor fomos acollidos nela, desde o amor fomos descubrindo a existencia de persoas que se preocupaban, que puñan a súa vida ao noso servizo. Tamén desde o amor fixemos proxectos de vida compartida con outras persoas, de decisións para vivir na solidariedade e o ben común. De causas na defensa dos pequenos e necesitados.
E todo isto desde onde?. Pois moi sinxelo, desde Aquel que nos quere, que nos buscou desde sempre, que estivo, está e seguirá a estar a noso lado nas ledicias, que foron moitas, e tamén nas dificultades, que non deixaron de chamar na nosa porta. Por El, con El e Nel, xuntámonos aquí esta mañá de xeito agradecido. Abramos o corazón para deixarlle un sitio e que quede con nós.

PERDÓN

  • Porque moitas veces na nosa vida temos convertido o amor en utilización e dominio d@ outr@, SEÑOR, ENSÍNANOS A AMAR.
  • Porque temos entendido o teu amor como un esixirche constante, e non como unha experiencia de gratuidade agradecida, CRISTO, ENSÍNANOS A AMAR.
  • Porque a nosa falta de fe e esperanza, ten convertido o noso amor a ti en pura chantaxe para que nos concedeses o que nós lle negabamos aos nosos irmáns e ás nosas irmás, SEÑOR, ENSÍNANOS A AMAR

REMUÍÑO

http://www.conferenciaepiscopal.es/pastoral/turismo/MISAS/C/gallego/Ordinario04.pdf

Un Deus para o cotián: Moitas veces cando falamos de Deus pódenos a tentación de presentalo como un ser superpoderoso, afastado, con certa tendencia ao capricho: a uns concédelle unhas cousas, mentres que a outros llas nega. Porén, se nos achegamos con ollos claros e limpos ao Evanxeo, descubrimos unha realidade, unha imaxe, unha experiencia totalmente distinta. Deus móstrase como alguén achegado, o amigo co que podemos falar e contarlle as nosas cousas, a man que se nos tende cando parece que a nosa vida, ou as nosas decisións navegan na indecisión; a forza e o alento que nos move a comprometernos en causas que pagan a pena e nas que a dignidade dos seres humanos é redimida e respectada. Ese é o Deus en cuxa fe fomos bautizados, o Deus que nos convoca cada domingo; o Deus, que busca, quere e empúrranos a superar a tentacións de ser mediocres, para que o cotián, o que temos máis preto de nós, o de tódolos días se converta en importante, sen que iso supoña rito, rutina ou costume. Claro que vivilo así vai supor que moitos nin o entenderán nin nos entenderán, coma fixeron con El, pero que máis dá, paga a pena traballar para que poida ser así. A pesares de que sexamos @s albaneis, @s carpinteiros, @s electricistas, @s oficinistas, @s do servizo doméstico, @s traballadoras do fogar, @s... pero por riba de todo @s ilusionad@s seguidor@s de Xesús.

Que nos chama a vivir no amor: A invitación a descubrilo no sinxelo e cotián da nosa vida, levará a que vaiamos percibindo que outra forma de ser cristián aquí, non noso primeiro mundo tan cheo de contradicións e de fartura, é posible. E esa posibilidade depende, única e exclusivamente de nós. Só nos fai falta un pouco de sentido común e de non importarnos ser diferentes aos demais. E ese “plus” para conseguilo atoparémolo no amor. O amor do que nos fala o himno da segunda das lecturas: sinxelo, honesto, alegre, entregado, buscador da verdade e do ben común, comprometido na concreción da xustiza... hai alguén que poida darnos máis?. Por que entón somos tan pouco testemuñas á hora de levalo ao cotián da nosa vida?. Non esquezamos que sen amor non será posible nin a esperanza nin a fe, por moito que nos digamos crentes, seguidores ou discípulos Del.

E se nos mostra como caxato no noso camiño: Para avanzar por este camiño sabemos que non imos solos, que temos un bo caxato no que apoiarnos. Un caxato que xa camiñou antes ca nós, e polo tanto sabe onde están as dificultades no camiño, e cales son os tramos mellores; un caxato que entón ten experiencia, un caxato que non oprime, manca ou molesta, ao contrario, é o noso apoio cando o camiño resulta dificultoso, ou a broza non nos deixa pasar; pero é tamén o caxato do descanso logo de superar un tramo en costa ou de pasar á outra beira do río. Nunha palabra: o caxato co que o camiño da vida se nos fai moito máis doada. Grazas, Señor, por querer seguir sendo o noso caxato!.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Invitados a descubrir a Xto. coma o caxato no que nos imos apoiando no camiño da vida, deixemos que sexa El, e non nós, o que nos guíe. Por iso dicimos
Grazas por mostrarte coma caxato de amor

Pola Igrexa, para que sexamos comunidade viva e ilusionante, e saibamos levar ao mundo do que formamos parte unha visión de Deus leda, solidaria, xusta e de gratuidade. Oremos.
Grazas por mostrarte coma caxato de amor

Polas nosas comunidades, para que non nos deixemos ir polo camiño do pesimismo, o aburrimento, a rutina... e fagamos o esforzo para que as nosas celebracións sexan expresión da nosa vida, e a nosa vida se vexa alentada pola que xuntos celebramos. Oremos.
Grazas por mostrarte coma caxato de amor

Para que cada un e cada unha d@s que hoxe estamos a responder á invitación de converter a súa Palabra en vida chamada a botar raíces e dar bos froitos de amor, xustiza, ben común, participación e esperanza, alí onde esteamos, a pesares do que outros digan ou pensen. Oremos.
Grazas por mostrarte coma caxato de amor

Simplemente: Grazas, Pai, por estar sempre aí. Por Xesucristo o teu Fillo, que vive e reina por sempre eternamente. Amén.


REFLEXIÓN

Eu ben sei que...,
cada mañá...
ti saes ao balcón...,
Señor...,
e esculcas o horizonte...,
por veres se regreso.

Sei que...,
cada mañá...,
baixas saltando as escaleiras...,
e botas a correr polo campo...,
cando me adiviñas ao lonxe.

E sei que...,
como cada mañá...,
cortarasme a palabra...,
tantas veces repetida...,
e botaraste sobre min...,
e rodearasme...,
cunha aperta redonda...,
o corpo todo...

Pai...,
grazas...,
porque sei que...,
como cada mañá...,
ti contratarás a banda de músicos...,
e organizarás unha festa por min...,
ao longo e ao ancho do mundo...

Grazas, Pai...,
grazas...,
porque tamén hoxe...,
como cada mañá...,
ti me dis ao ouvido con voz de primavera...:

“Benvido, meu fillo...,
esta é a túa casa...
Non te preocupes...,
PODES COMEZAR DE NOVO”...

CANTOS
Entrada.- Vinde axiña.
Lecturas.- O amor é o meirande
Ofertorio.- Xurdirá; Velaquí.
Comuñón.- Non leves para o camiño; camiñar sen Xesús

Comentarios

Entradas populares de este blog

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...