Anda… pero se xa rematou todo… Tanto preparar… tanta ilusión… tanto… e ao final volvemos á normalidade, que depresión... Temos nos esta sensación? Cando reducimos o Nadal, no consumo, na comida, na reunión familiar... gastamos moitas forzas en preparar todo, en facer cousas, en ter todo perfecto.. pero pasou o día e pasou a romaría e así o temos a sensación de baleiro...
Hoxe estamos outra vez no tempo Ordinario, o extraordinario pasou e é tempo de poñelo en práctica... Tódalas ilusións, tódolos propósitos, toda esa vida proxectada para este ano. Que alegría sentir esa nova vida que vai revolucionando e transformando o cotiá o día a día que deso se trata neste tempo,
Que a celebración de hoxe sexa un motivo de encontro co Pai que nos anima a comezar esta nova xeira.
Perdón
Porque nos deixamos vencer pola apatía, pola indiferenza, sen ter en conta aos demais. SEÑOR, PERDOA A NOSA COMODIDADE.
Porque moitas veces non escoitamos os teus anuncios, pechamos os oídos e torcemos a cara. CRISTO, PERDOA A NOSA COMODIDADE.
Porque non somos quen de descubrir o bo das persoas, de valoralo, de contar con el. SEÑOR, PERDOA A NOSA COMODIDADE.
Remuíño
Xesús Comeza a súa predicación, xa ten os primeiros discípulos... A escena transcorre nunha voda... pero... non teñen viño, falla o mais importante da voda. Nos tamén comezamos o tempo ordinario, o día a día do noso compromiso cristián: na casa, cos veciños, no traballo... e cantas situacións de carencia de...! A nós este domingo, invítasenos, como fixo María, a estar atentos a esas situacións, intentar comprendelas e na medida do posible buscar solucións. Pero sen protagonismos, sen trompetas de anuncio, sen “aquí estou eu”. So dende o diálogo, a comprensión a escoita poderemos ser quen de mostrar a Xesús aos demais.
Este “facede o que El vos diga” é o que transforma a auga... auga de tristura, de soidade, de incomprensión, de calumnias, de desprezo... en viño novo de comprensión, de diálogo, de paz, de novos lazos familiares, veciñais, na Igrexa...É Xesús quen fai posible que a auga se transforme en viño sen deixar de ser nós, sen obrigas, senón dende a liberdade de sentirnos queridos polo Pai que se manifesta nos demais.
E sempre coa valentía de Isaías, por amor ás persoas para que non se sentan abandonadas nin desfavorecidas para que atopen o rostro de Deus no noso compromiso, no noso actuar no medio deles. Que esta celebración do amor do Pai a todos nós sexa festiva, alegre e chea de ilusión xa que é o mesmo Deus quen está no medio de nós.
Peticións
Pai, ti sempre estas atento as nosas necesidades pero queres que as recoñezamos, xa que así descubrimos a necesidade que temos de ti. Por iso dicimos:
SEÑOR, QUE CUMPRAMOS A TÚA VONTADE.
Pola Igrexa, para que estea atenta as necesidades das persoas para así saír ao paso de situacións de dor, de incertidume, de rexeite, de pobreza... procurando a confianza con tódalas persoas. OREMOS:
SEÑOR, QUE CUMPRAMOS A TÚA VONTADE.
Polas persoas que teñen responsabilidades no goberno das nacións para que convertan a auga do desacougo, da tristura, do paro, do problema da vivenda, da enfermidade, da exclusión, da pena,... en viño novo de ledicia, liberación, de humanidade nova, de paz e amor. OREMOS:
SEÑOR, QUE CUMPRAMOS A TÚA VONTADE.
Por quen estamos nesta celebración, para que esteamos atentos ás chamadas de Deus (“Facede o que El vos diga”) e así sexamos quen, no día a día, de ser portadores de ledicia, solidariedade, comprensión, diálogo, escoita, acollida... a Deus. OREMOS:
SEÑOR, QUE CUMPRAMOS A TÚA VONTADE.
Pai ti queres que tod@s participemos no banquete do teu amor. Fai que sempre nos sorprenda a túa acción entre nós e así, como María, escoitemos a voz dos que non a teñen. Por Cristo noso Señor.
Oración
E a súa nai achegándose, díxolle: Non teñen viño.
As nais captamos ao momento:
Vexo aos meus fillos preocupados e tristes,
Están insatisfeitos,
Sempre como esperando.
Falla o viño nas familias
Tan preocupadas polo traballo,
O consumo, os fillos.
Falta aos esposos a ilusión,
Váiselles enfriando o amor.
Falta o viño nas Igrexas,
Celebran aínda con moita auga.
Os meus fillos cansan e aburren,
Fáltalles xuventude e aire novo.
-pois que enchan de auga as súas tinallas,
dixo Xesús,
que se acheguen mais a min e crean.
Eu cambiarei a auga no viño bo do espírito,
E rexuveneceran, sentiranse renovados e bébedos.
-Non teñades medo, fillos e fillas miñas,
dixo ela. Non teñades desencanto nin tristura.
Escoitade a palabra de Xesús,
Que cambia a auga en viño.
Abride ás portas de Xesús,
Que enchen de graza e ledicia.
Mirade sempre a Xesús e facede o que El vos diga.
Cantos.
Entrada: Temos unha festa
Lecturas: Deixa entrar o sol.
Ofertorio: Na nosa terra.
Comuñón: Cantiga eucarística.
Comentarios
Noraboa polo blog. Vése que o novo ano comeza con novas forzas e ánimos renovados.
Pois só un desexo: "que non falte o viño novo nas nosas vidas".
Unha aperta. Elvira