Ir al contenido principal

Cristo Rei 2025

 UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO

CANTO GOZOSO

 

·      ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  )

·      LECTURAS .- Moito me alegrei (  )

·      OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 )

·      COMUÑÓN.-  No colo de miña nai

 

ESCOITA ACTIVA

         Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.

         E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu reinado, ese que nos chama a construír cada día co noso xeito de vivir e facer as cousas cada día, non é un Reino ao uso. É un Reino de fraternidade e humanidade, un Reino que pon ás persoas no centro. E canta falta nos fai hoxe!

         Traballemos logo cada día para que, alí onde esteamos, saibamos testemuñar, co noso actuar, que o reinado de Deus so será posible se nós somos quen de facer da nosa vida tarefa permanente de amor, paz e xustiza.

 

CORAZÓN MISERICORDIOSO

·      Polas veces nas que temos confundido o reinado de Deus con poder e autoritarismo. SEÑOR, QUE VEÑA O TEU REINO.

·      Polas veces nas que o diálogo e a escoita non guiaron o noso camiñar. CRISTO, QUE VEÑA O TEU REINO.

·      Polas veces nas que convertemos o teu Reino en dominio e control dos demais. SEÑOR, QUE VEÑA O TEU REINO.

PALABRA AGASALLADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO SEGUNDO DE SAMUEL

 

Tódalas tribos de Israel foron a Hebrón, xunto a David, para dicirlle: 

.- ‑“Aquí nos tes. Nós somos do teu mesmo sangue. Xa de antes, cando Xaúl reinaba sobre nós, eras ti quen conducía a Israel e o Señor tíñache dito: ti pastara-lo meu pobo Israel, ti sera-lo seu xefe”.

Os anciáns de Israel presentáronse, pois, onda o rei en Hebrón. O rei David fixo un pacto alí con eles, diante do Señor, e eles unxiron a David por rei de Israel. Palabra do Señor. Grazas a Deus.

 

SALMO RESPONSORIAL     Sal 121, 1-2.4-5

R/  (1):  Imos alegres para a casa do Señor.

 

Alegreime, cando me dixeron:

imos para a casa do Señor.

Xa están os nosos pés

ás túas portas, Xerusalén,

 

Alá soben as tribos, as tribos do Señor,

conforme o costume de Israel,

para festexa-lo nome do Señor.

Alí están os tribunais da xustiza,

a sede da casa de David.

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS COLOSENSES

Irmáns e irmás:

Dámoslle gracias ó Pai que nos fixo merecentes de participar na herdade dos santos, na luz.

Porque El arrincounos da unlla das tebras

para nos pasar ó Reino

de seu Fillo querido,

en quen nós atopamos

redención,

o perdón dos pecados.

El é a imaxe do Deus invisible,

de toda criatura el é o primeiro nacido,

e por medio del fixéronse as cousas,

as da terra e tamén as do ceo,

as vistas cos ollos,

as por eles non vistas;

señoríos sexan ou ben maxestades,

sexan principados, tamén potestades;

el é modelo e fin

do universo creado.

Antes ca todo está el,

todo nel se cimenta aínda hoxe.

É tamén a cabeza do corpo

‑o corpo é a Igrexa‑.

El é o principio,

o primeiro en nacer de entre os mortos,

de xeito que en todo

sexa sempre o primeiro.

Porque nel quixo Deus habitar

coa súa total plenitude:

reconciliar así o universo

consigo, por el;

e no sangue da cruz

poñer paz entre os seres da terra

e do ceo, servíndose del. Palabra do Señor. Grazas a Deus.

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

Os xefes moqueábanse de Xesús, dicindo:

‑A outros salvounos. Pois que se salve agora el, se é o Mesías de Deus, o Elixido.

Tamén os soldados se burlaban del, e achegándose ofrecíanlle vinagre, dicindo:

‑Se ti e-lo rei dos xudeus, sálvate a ti mesmo.

E había un letreiro enriba del: “Este é o rei dos xudeus”.

Un dos bandidos que estaban crucificados, insultábao tamén:

‑¿Non es ti o Mesías? Pois sálvate ti e sálvanos a nós.

Pero contestoulle o outro, reprendéndoo:

‑¿Seica non temes a Deus, ti que sófre-la mesma condena ca el? Nós, polo menos, recibímo-lo que merecemos, pero este non fixo mal ningún.

E dicíalle:

‑Xesús, lémbrate de min cando volvas coma rei.

Xesús respondeulle:

‑Asegúroche que hoxe estarás comigo no paraíso. Palabra do Señor

PALABRA REMOÍDA

·      Rezabamos no salmo que o encontro no templo, a casa do Señor, é motivo de alegría e gozo. O gozo de saber que non imos sos, que camiñamos de xeito individual, que non imos cada un de nós como se os demais non existiran. Porque a fe, gústenos ou non, é sempre unha proposta comunitaria, de participación, de reunión da asemblea para celebrar, compartir, agradecer e sabernos pertencentes a un mesmo proxecto; o proxecto de Xesús. Un proxecto que está guiado pola busca de todo canto faga posible que as persoas non sexamos tratadas como se foramos cousas. E iso é así porque somos dignidade, e desde ela merecemos respecto, atención, acollida e acompañamento. Alegrémonos entón de estar hoxe aquí vivindo e celebrando que a nosa fe aquece o corazón, alenta o noso camiñar e anima a nosa solidariedade.

·      E este pulo que a fe nos ofrece lévanos a aprender a camiñar non desde a soberbia ou o control e dominio dos demais, senón dese a sinxeleza e a humildade de quen sabe que non está por riba de ninguén e sempre ao servizo de quen o precise. E iso, como acabamos de escoitar en Palabras de Paulo, é sempre motivo de acción de grazas. A gratitude de quen vai tendo unha mirada de compartir, de camiñar xuntos, de actuar sinodal e creativo. E como precisamos hoxe ter actitudes de gratitude! Porque parece, só parece, que sempre hai obriga de que todo teña un prezo, que nada é posible se non median intereses materiais. Fronte a este mirar interesado e utilitarista, construír o Reino de Deus é sempre unha invitación a saír ao encontro, acompañar, preocuparse por tender pontes e derrubar muros. E esta é a urxencia desde a que na festa deste domingo nos chama Xesús a camiñar. Deixemos atrás a identificación do reino con pazos e princesas, e comecemos a camiñar por camiños que nos fan iguais na busca de canto nos encontra para que a nosa vida sexa canto de esperanza liberadora e non de escravitude encadeada.

 

·      E diante daquelas persoas que non acaban de entender que a fe  non é unha abstracción nin tampouco unha invención que tranquiliza a nosa conciencia, demostremos co noso xeito de actuar no medio do mundo que sendo persoas de fe somos quen de coidar do mundo, casa común compartida, e desenvolver proxectos e propostas que melloren a vida das persoas; e de unirnos a quen tendo paixón polos humanos e polo humano, busca que o horror da violencia, o desespero da enfermidade, a inxustiza de quen non ten vai desaparecendo garzas á unión compartido dun proxecto de amor pola xente, sen importar nin a súa condición social nin canto posúe, senón o compartir a paixón por todo canto engrandece á persoas e a acompaña a superar retos que nos leven a saír das nosas zonas de conforto que so nos poden levar a unha fe ritualizada e afastada de canto fai sufrir. O Reino de Deus é, ten que ser sempre, liberador. E nós non podemos ser outra cousas que mans, pés, corazón na busca desta liberación persoal e colectiva.

 

COMPARTINDO A ORACIÓN 

         Na procura do reinado de Deus, por medio e a través, do noso actuar verdadeiramente xusto e igualitario, rezamos dicindo: Que a fraternidade sexa o noso guieiro.

·      Para que a Igrexa sexa verdadeira comunidade que alente á creatividade e estimule unha vivencia liberadora, gratuíta e igualitaria das relacións entre nós. Oremos. QUE A FRATERNIDADE SEXA O NOSO GUIEIRO.

·      Para que esteamos sempre en disposición de colaborar nas nosas parroquias, para facelas verdadeiros berces onde todas e todos nos sintamos acollidos. Oremos. QUE A FRATERNIDADE SEXA O NOSO GUIEIRO.

·      Para que vaiamos deixando co noso actuar, sinais de que o reinado de Deus non é algo teórico, senón posible a través do noso comportarnos con honestidade, xustiza e trato igualitario. Oremos. QUE A FRATERNIDADE SEXA O NOSO GUIEIRO.

Señor, grazas por invitarnos a ser traballadores e traballadoras do teu reino. Por Cristo o noso Señor. Amén.

 

DEIXÁNDONOS GUIAR POR EL

 “       O reino de Deus non se establece no mundo “pola violencia”, senón que “crece e propagase con paciencia e mansedume”.

 

O Reino de Deus constrúese día a día e xa ofrece os seus froitos de conversión, purificación, amor e consolación entre a humanidade nesta terra. É algo realmente fermoso construír este Reino de Deus que nace día a día! Non para destruír, senón para construír!" (Francisco)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...

4 advento 2024

    HUMILDES CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA SINXELEZA ACOLLEDORA SINAL DE ADVENTO Completamos o noso berce.   CANTO GOZOSO o    ENTRADA:  Volve Señor (Nº 90) o    LECTURAS:  Vén axiña visitarnos (Nº 86) o    OFERTORIO:  Recibe, Señor (Nº 31) o    COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   OLLOS DE ESPERANZA              Belén era unha aldea pequeniña, un lugar que pasaba totalmente desapercibido e que semellaba pouco ou nada importante. Ata que unha noite converteuse en lugar de salvación e acollida, porque alí naceu o Fillo de Deus. Neste cuarto e derradeiro domingo do Advento, Belén quere ser para todas e todos nós un recordatorio claro de que Deus está no sinxelo, no humilde, na xente máis esquecida e que, ao igual que Belén, é moitas veces invisibilizada e marxinada.    CORAZÓN MISERICORDIOSO ·      ...