FAGAMOS DA PERSEVERANZA CIMENTO QUE NON NOS DEIXE CAER NA PRÉSA DA INMEDIATEZA
(IX XORNADA MUNDIAL DAS PERSOAS POBRES)
· ENTRADA .- Con ledicia vamos (2)· LECTURAS.- Douvos un mandato novo (18)
· OFERTORIO.- Recibe Señor (31)
· COMUÑÓN .- Ti es camiño e verdade (57)
ABRAMOS OS OLLOS
Vivimos nun mundo no todo que vai moi rápido. Todas e todos sempre temos présa, parece que nunca nada nos enche nin fai que lle dediquemos tempo para gozalo. Porén, Xesús vainos dicir hoxe no evanxeo que a felicidade, a amizade, o importante precisa de tempo para irse facendo e asentando. A isto nós chamámoslle perseveranza.
Prestemos entón atención a esta palabra que imos proclamar nesta celebración e poñámola en relación coa nosa vida, para que deste xeito non sexan nin as présas nin o efémero o que nos guíe. E non teñamos nunca medo a dedicarlle tempo ás persoas e a aquelas cousas que sabemos importantes para nós.
E como sinal do noso compromiso coas persoas e coa súa dignidade, celebramos hoxe a IX Xornada Mundial das Persoas Pobres, unha chamada á conversión do corazón, a promover unha xustiza que non deixe a ninguén atrás, a compartir o que somos e temos e a crear sinais concretos de esperanza alí onde a vida parece vencida.
CO CORAZÓN AQUECIDO
· Porque nos falta perseveranza e nos sobra présa. SEÑOR, ALÉNTANOS A SER CONSTANTES.· Porque nos sobran palabras e nos faltan feitos. CRISTO, ALÉNTANOS A SER CONSTANTES.
· Porque camiñamos máis nos desacougos que na esperanza. SEÑOR, ALÉNTANOS A SER CONSTANTES.
A ACOLLER A PALABRA
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE MALAQUÍAS
Velaí chega o día: abrasará coma un forno,
e os soberbios e tódolos que cometen a maldade serán palla.
Si, o día que chega será a vosa queima
‑fala o Señor dos Exércitos‑:
non vos deixará raíz nin ponla.
Brillará para vós, os que respectáde-lo meu Nome,
un sol de xustiza, que trae saúde nas súas ás. Palabra do Señor.
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA SEGUNDA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS TESALONICENSES
Irmáns e irmás:
Ben sabedes vós de que modo debedes imitarnos, xa que non nos dedicamos a andar sen xeito nin comemos de moca o pan de ninguén, senón que traballamos noite e día con esforzo e fatiga por non sermos unha carga para ningún de vós. Non porque non tivésemos dereito, senón para vos dar un exemplo que imitar, e porque, cando estabamos onda vós, xa vos demos esta norma: o que non queira traballar, que tampouco non coma.
Porque chegou ós nosos oídos que algúns de vós andan descamiñados e por riba de non traballaren nada, entremétense nas cousas dos demais. A eses mandámoslles e aconsellámoslles no Señor Xesús Cristo que traballen con acougo e que coman o seu propio pan. E vós, irmáns, non cansedes de face-lo ben. Palabra do Señor.
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Comentaban algúns a fermosa cantería con que estaba construído o templo, e os exvotos que o adornaban. Pero Xesús díxolles:
‑Todo isto que estades a contemplar, días virán nos que o derrubarán ata que non quede pedra sobre pedra.
Eles preguntáronlle:
‑Mestre, dinos, ¿cando van pasar estas cousas? ¿Cal será o signo de que van suceder?
El empezoulles a dicir:
‑Estade atentos, para non vos extraviar. Porque han vir moitos no meu nome, dicindo: "son eu" e "está a chega-lo momento", pero non os sigades. Cando oiades falar de guerras e desordes, non vos asustedes; que iso ten certamente que acontecer primeiro, pero aínda non será a fin.
Entón díxolles:
‑Erguerase pobo contra pobo, reino contra reino; haberá grandes terremotos, pestes e fames en diversos lugares; cousas espantosas, e grandes sinais no ceo. Pero antes de todo isto botaranse sobre vós, perseguíndovos: levaranvos ás sinagogas e á cadea, ante reis e gobernadores por causa miña; así teréde-la oportunidade de dar testemuño. Metede ben na cabeza que non tedes que preocuparvos pola vosa defensa, que eu vos darei unha elocuencia e mais unha sabedoría que non poderán resistir nin replica-los vosos adversarios. Entregaranvos vosos mesmos pais, irmáns, parentes e amigos. Mataranvos a algúns de vós, e todos vos aborrecerán por causa miña, e mais non perderedes nin un pelo da vosa cabeza. Coa vosa perseverancia, salvaréde-las vosas vidas. Palabra do Señor.
FACÉNDOA VIDA
· Escríbelle Paulo aos cristiáns de Tesalónica e dilles que a vida é tarefa e esforzo. E esta afirmación feita hoxe parece unha proclama contrarrevolucionaria, porque este mundo noso ten sempre moita présa, parece que nada nos enche, que sempre temos que estar facendo, facendo, facendo... pero sen que iso ao que dedicamos tempo e enerxías vaia deixando pegada en nós. Todo esvara e marcha polo sumidoiro. Todo se volve líquido. E deste xeito acabamos vivindo nun permanente estado de ansiedade. De aí que estas palabras de Paulo vólvense hoxe actuais, á vez que son unha chamada para que paremos, pensemos, valoremos e non caiamos nese costume tan malo como é o de ter sempre présa. Unha presa que nin nos enche nin nos axuda, ao contrario, acaba sempre por producirnos unha ansiedade da que nos custa saír.· Seguindo esta mesma xeira que escoitabamos en Paulo, Xesús alenta e invita tamén a ser persoas perseverantes, e a non deixarnos levar polo efémero que ocupa tempo, pero nunca deixa pouso en nós. El urxe a que non sexamos activistas de cousas e máis cousas que acaban por non servirnos para nada. Que actualidade teñen estas palabras que Xesús pronunciou hai dous mil anos! Que forza e que fondura! Si, porque parece que hoxe todo se nos escapa, que non temos momento para o importante, para a reflexión, para pararnos e pensar. Para organizar e estruturar cales son as cousas que pagan a pena e cales non. Que cousas son as que merecen que lle dediquemos tempo, e que cousas son prescindibles, porque ademais de facer que non prestemos atención a aquilo que o merece, fannos perder o camiño que verdadeiramente é importante: a felicidade.
· Porque de felicidade é do que viu falando sempre Xesús. Quérenos benaventurados –felices-, quérenos ledos, quérenos capaces de pensar nas demais persoas e de construír proxectos en común. Quérenos sempre e por riba de todo, persoas que saibamos poñer no centro o que somos –imaxe e semellanza de Deus; dignidade-, e desde esa centralidade vivir, gozar, colaborar, participar e facer da nosa vida presenza do reino de Deus; reino de igualdade, xustiza e paz. E estas non han ser palabras baleiras que leve o vento, senón actitudes raíz para un camiñar que vence a tentación do efémero para anllarse no importante: conseguir que a fe sexa esperanza que nos mova e alento que acompañe o noso vivir.
DESDE O COMPARTIR COMUNITARIO
O Deus amor e misericordioso invítanos a camiñar na constancia, no que permanece e nos fai felices. Recemos logo dicindo: GRAZAS POR QUERERNOS PERSEVERANTES· Para que as cousas efémeras non se convertan en cimento da nosa vida, OREMOS. GRAZAS POR QUERERNOS PERSEVERANTES.
· Para que con perseveranza construamos relacións de amizade estables e sinceras, OREMOS. GRAZAS POR QUERERNOS PERSEVERANTES.
· Para que sabéndonos Igrexa non nos deixemos levar nin polas modas nin polo que non nos axuda a ser felices. GRAZAS POR QUERERNOS PERSEVERANTES.
· Na xornada mundial das persoas pobres, pedimos ao Señor que nos faga pacientes para saber acompañar e vivir a solidariedade con quen menos ten, OREMOS. GRAZAS POR QUERERNOS PERSEVERANTES.
Acompaña, Señor, este noso camiñar cotián na perseveranza e na paciencia, para que os nosos proxectos e ilusións os vaiamos conformando sen présa pero si con fondura. PXNS. Amén.
QUE NOS CHAMA A CAMIÑAR SEGUINDO A SÚA LUZ
A perseveranza é o reflexo do amor de Deus no mundo, porque o amor de Deus é fiel, é perseverante, nunca cambia,Xesús pídenos que sexamos “severos”, disciplinados, persistentes no que a El lle importa, no que importa”. Xesús di que nos centremos no que permanece, que evitemos dedicar a nosa vida para construír algo que logo se destruirá, como aquel templo, esquecéndonos de construír o que non se derruba, de construír sobre a súa palabra, sobre o amor, sobre o ben. Ser perseverantes, ser severos e decididos para edificar aquilo que non pasa.
Isto é, entón, a perseveranza: é construír o ben cada día. Perseverar é permanecer constantes no ben, especialmente cando a realidade circundante empuxa a facer outra cousa.
Perseverar, (…), é permanecer no ben. Preguntémonos: como vai a miña perseveranza? Son constante, ou vivo a fe, a xustiza e a caridade segundo o momento, é dicir, se me apetece, rezo, se me convén, son xusto, servicial e atento, mentres que, se estou insatisfeito, se ninguén mo agradece, deixo de facelo?”
Comentarios