Ir al contenido principal

Algo máis que cumprir (Pascua 2007)

4º domingo da Pascua 2007

Non é mellor pastor o que se limita a cumprir o mandado, senón quen é capaz de servir a quen se ve necesitado

PÓRTICO
Estamos tan afeitos, tamén cansos de escoitar discursos, que por moito que nos digan, todo nos vai esvarando. Fálannos os curas, os bispos, o Papa, os políticos, os mestres, os xefes no traballo, a televisión, a radio... que fartos de tanto escoitar falar, xa non prestamos atención. Porén a fe cristián baséase na Palabra. É verdade que non é unha Palabra calquera, senón a Palabra. A que nos da azos para superar atrancos e canseiras; a que nos alenta cando todo parece que se nos funde; a que nos estimula cando pensamos que a rutina non é posible superala.

E esta Palabra ponnos hoxe diante dun dilema, un dilema que as veces non é doado de resolver: Como converter en vivencia, en praxe, en realidade, o que escoitamos, celebramos e compartimos nas celebracións? E non é doado, porque moitas veces aquilo que celebramos en comunidade logo non somos capaces de levalo á nosa vida de cada día.É máis, moitas veces renunciamos mesmo a intentalo. Por que nos pasa isto? Non será porque a nosa fe non acaba de calar en nós,e non é máis ca un recurso externo e periférico?.

Que o que hoxe imos celebrar e compartir, saibamos poñelo no centro da nosa vida para que a alente, anime e ilusione.

PERDÓN

ü Por non querer comprometernos na construción de comunidades abertas, solidarias e verdadeiramente acolledoras. Señor, danos azos de misericordia.

ü Por non saber facer das nosas familias verdadeiras escolas de perdón, acollida, diálogo e confianza. Cristo, danos azos de misericordia.

ü Por non comprometer o meu tempo de lecer en tempo de servizo e dispoñibilidade cara os máis pequenos e necesitados. Señor, danos azos de misericordia.

REMUÍÑO

ü Sempre que falamos dos pastores utilizamos a palabra servizo, dispoñibilidade, dedicación...e facémolo porque pensamos que esas deberan de ser as actitudes, as calidades, as formas que mostrasen os nosos pastores. Pero máis alá das palabras, verdadeiramente son estas as calidades e actitudes que teñen os noso pastores? Desgraciadamente temos que dicir que non. En tempos coma os que estamos a vivir agora, nos que os pastores parecen andar máis preocupados por cuestións de ortodoxia, ritualismos litúrxicos ou fidelidade á letra; e bastante menos preocupados por ter actitudes de entrega, escoita, tempo solidario a favor dos demais, preocupación polos “ gozos e esperanzas” dos membros das súas comunidades, dificilmente poderán máis que ter un proxecto pastoral de consumo, conservacionista e pouco aberto ao diálogo co mundo, coa pluralidade, cos que son, pensan ou actúan distinto. Estamos nun momento no que nos preocupa moito buscar refuxios –“pequenas burbullas”- que tender pontes cara fora. Como entón, podemos pretender que o feito cristián teña relevancia na nosa sociedade?. Se as nosas discusións son sobre ritualismos, por certo, bastante ausentes no Evanxeo, como imos ter tempo para mostrar a gozosa experiencia da resurrección para así poder compartila con outr@s?

ü O bo pastor, os bos pastores, non son aqueles que se refuxan na seguridade dos templos, no abeiro dos que son máis afíns, na egolatría do que predica ben, canta ben, celebra con moita “unción”. Ás veces parece que nos gusta o e ”engaiolamento”, tan lonxe da praxe de Xesús, e nos arrepía o traballo comprometido e solidario nos ámbitos nos que o relixioso está ausente, non é ben recibido, ou é militantemente rexeitado. Por que non perdemos, dunha vez, o medo coma o perderon os apóstolos? Non será que nos falta abrirnos á forza, á graza do Espírito?.

ü Non é no engordarse a un mesmo onde mellor podemos responder ao estilo de Xesús, senón na capacidade de saír de nós mesmos e expoñer a nosa vida na defensa daqueles que sendo fillos de Deus, ven como a súa dignidade non so non é recoñecida, senón que é esmagada. Cantas persoas das nosas comunidades están hoxe sufrindo, vivindo sen que ninguén lles preste atención, esquecidas e silenciadas. Na festa do bo pastor, e desde os textos que acabamos de escoitar, é esta unha boa ocasión para que miremos para dentro de nós, analicemos a nosa vida, a vivencia do nosos ministerio, a resposta pastoral que estamos a dar diante dunha sociedade, dunhas parroquias, dunhas comunidades que están en constante movemento e cambio, e que piden respostas novas, xenerosas e creativas. Estamos dispostos a dárllelas?.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Diante de Cristo, o único Pastor, presentemos agora a nosa oración, para que alente e estimule a vida, preocupación e proxectos de cantos formamos parte das comunidades:

Ti es a nosa forza e o noso alento

ü Pola Igrexa, especialmente polos seus pastores, para que sabendo vivir o seu ministerio desde Cristo, ilusionen, animen, estimulen a cantos formamos parte das comunidades, e así saibamos vivir a fe como unha experiencia de graza, amor e ledicia compartida. Oremos.

Ti es a nosa forza e o noso alento

ü Por cantos nos consideramos membros da comunidade cristiá, o pobo de Deus en permanente camiño de renovación e creatividade, para que non nos deixemos levar pola desgana, o aburrimento, a rutina e o ritualismo, senón que ,sabendo acoller a voz do Espírito que nos fala a través da vida, traballemos por renovar a vida e praxe pastoral das nosas parroquias. Oremos.

Ti es a nosa forza e o noso alento

ü Por cada un de nós, para que sabendo que a pascua é primavera na que xermola con forza o novo, saibamos , alí onde esteamos: casa, traballo, lecer... levar palabras, comportamentos e actitudes que unan, falen en positivo e respondan ao esforzo do comunitario. Oremos.

Ti es a nosa forza e o noso alento

Grazas, por lembrarnos que ser pastores está moito máis alá do fácil, e tantas veces baleiro, ritualismo, posición social ou acumulación de poder. Por X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN


Xesús, Deus da Vida,
bo pastor
que nos acompañas
e nos guías,condúcenos ao Reino do Pai.

Ti es o bo pastor,
que coida e protexe o seu rabaño,
que non o deixa solo na adversidade,
que o acompaña sempre.

Ti es o bo pastor,
que sinte compaixón,
que lle preocupa a vida dos outros,
que sufre coa dor e a inxustiza.

Ti es o bo pastor,
que alimentas a nosa vida,
que nos levas beber a auga viva,
que nos das acubillo e abrigo.

Ti es o bo pastor,
que coñeces a nosas esperanzas,
que nos mostras o camiño,
que nos alentas na marcha.

Ti es o bo pastor,
que nos reúne e convoca,
que fai crecer a comunidade,
que nos ensina a fraternidade real.

Xesús, Señor da historia,
bo pastor,
co teu Espírito
conduces á humanidade
polas pegadas do Reino de Vida.

Ensínanos a acompañar,
a camiñar ao lado e non diante,
a escoitar e facer silencio,
a abrir os brazos para acercar e unir.

Axúdanos a descubrir
as dores e sufrimentos de hoxe,
¡rebélanos contra a inxustiza
e a exclusión que da morte!

Alenta o noso compromiso
polas necesidades vitais de todos.
Fortalece a nosa loita
para que todos teñan traballo e dignidade.

Fainos saborear
os pequenos pasos do día a día.
Ilumina os nosos horizontes
acrecenta a nosa sede de utopía.

Móstranos o camiño compartido,
sostén o espírito comunitario,
ensínanos a camiñar unidos,
bos pastores, os uns dos outros.

(Marcelo A. Murúa)


CANTOS

Ÿ Entrada.- Unha parroquia

Ÿ Lecturas.- O Señor é o meu Pastor

Ÿ Ofertorio.- Recibe, Señor

Ÿ Comuñón.- Grazas, Señor, graciñas

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor