Ir al contenido principal

FESTA DA TRINIDADE

IMOS FACENDO HISTORIA NACENDO DE NOVO DO AMOR DE DEUS

PÓRTICO
Que é una festa?. Celebramos o nacemento dun fillo, o reencontro cun amigo, a curación dun enfermo, a caída dun tirano… celebramos, en fin, un bo suceso. Na meirande parte dos casos este suceso, que aumenta a nosa vida e a nosa ledicia de vivir, preséntase coma unha graza marabillosa que supera todas as nosas expectativas. E estas festas facémolas con outras persoas, en compaña, xuntando aos amigos, porque a festa é comunicación. Finalmente, a verdadeira festa xorde dun xeito espontáneo, non por obriga. O que importa é vivir e convivir, agradecendo a vida coma agasallo.
Hoxe, os cristiáns e as cristiás celebramos a festa da Trindade, que lonxe de ser un dogma ou un misterio inexplicable é un acontecemento e unha revelación: Deus, por medio de Xesús, entra en comuñón con nós, culminando a Historia da Salvación e derramando o Espírito nos nosos corazóns.
Que esta celebración festiva nos axude a caer na conta de que as persoas, creadas a imaxe e semellanza de Deus, só podemos vivir na convivencia e no encontro cos nosos semellantes.


O PERDÓN
  • Por non estarmos dispost@s a aceptar a pluralidade na nosa vida coma un don que nos enriquece, SEÑOR, ÁBRENOS AO COMUNITARIO.
  • Porque son demasiadas as ocasións nas que tentamos facer un Deus á carta, á nosa medida, crendo que só nós e os que pensan coma nós somos os seus escolleitos, CRISTO, ÁBRENOS AO COMUNITARIO.
  • Polas veces en que somos interesados nas nosas relacións, buscando sempre o que os demais nos poden aportar, esquecendo así a solidariedade e a gratuidade, SEÑOR, ÁBRENOS AO COMUNITARIO.

REMUÍÑO

”O Señor, o Señor, Deus compasivo e benfeitor, tardo á ira, rico en amor e lealdade”. A Palabra que acabamos de escoitar móstranos unha vez máis unha imaxe de Deus, do Deus cristián, achegada, leda, aberta ao amor. Pero un amor que non é reducible a unha sensación pasaxeira e efémera, senón que o amor que nos mostra Deus é un amor que sabe coller, perdoar, escoitar, abrirse aos demais...leal. E todo amor leal non é nunca nin desconfiado nin interesado, non está á espreita para pasar factura do que non facemos ben nin tampouco busca agardar o momento para vingarse dos nosos erros. Non, falar do amor de Deus é aprender a ler a súa presenza naquelas situacións e vivencias que van facendo de nós persoas ledas, entregadas a causas xustas, comprometidas en facer grupo e en buscar o interese comunitario. Falar do amor de Deus é descubrilo cando experimentamos en nós a riqueza de facer que os demais poidan ter un sorriso nos seus beizos. Verdade que este imaxe, mesmo esta vivencia de Deus non é a habitual en nós? Pois, a que esperamos para comezar a cambiar o “ chip”?.
”Dádevos azos, andade de acordo, vivide en paz e o Deus do amor estará convosco”. Nese amor no que El se nos mostra estamos nós chamados a camiñar, a crecer, a vivir. E a única maneira de mostrar que estamos facendo aquilo ao que El nos invita é no noso trato, a nosa relación cos demais. A carta de Paulo ven ser coma o noso documento de identidade. Cómo dicimos moitas veces que os demais non nos importan, que cada un debe ir ao seu, que implicarnos en facer cousas por e para os outros non é máis que perder o tempo e complicarnos a vida?. É máis, cando alguén o fai, pensamos e dicimos que esa persoa é “parva”; mesmo lle engadimos a referencia económica: “ao fin e ao cabo, non gañas nada”. Cantas veces aos que crean un grupo na parroquia, son membros dalgunha comisión (montes, auga, veciños,festa...) non só non colaboramos con eles, senón que rapidamente tentamos buscarlle algunha razón –mira que somos mediocres!– para xustificar que eles o fagan e que nós non nos comprometeramos: algo van gañar con iso, boas paparotas se van dar á nosa conta, se están é porque lle interesa...sen valorar o tempo dedicado, o esforzo que se fixo, as contestacións desagradables que teñen escoitado. Por que sempre temos que botar enriba de quen está disposto a facer cousas por e para todos, sombras e desconfianzas? .Pois mirade, hoxe Paulo na segunda lectura márcanos un xeito diferente, un camiño moito máis enriquecedor, o significado do que é ser, querer ser e esforzarse por ser cristián: aprender a vivir para os demais, facéndoo sempre cos demais.
” ...deu ao seu Fillo para que todo o que cre nel non se perda”. E se Deus non quere que ninguén se perda, tampouco nós debemos facer nada que supoña que outras persoas sufran, desconfíen, discutan ou se pelexen. A festa de hoxe, a Santísima Trindade, é o que quere resaltarnos: que só desde o amor é posible abrirnos á comuñón, á participación, ao entendemento. O Deus Pai, Fillo e Espírito Santo, non é máis que o Deus amor que se abre para acompañar, agarimar e guiar a quen estea disposto a facer do lugar onde viva un recuncho de gozo solidario e comunitario. Non deixemos, unha vez máis, que esta oportunidade pase por diante da nosa porta. Abrámola e invitémola a entrar, así evitaremos perdernos nós e que outros tamén se perdan.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Grazas, Señor, porque nos acompañas no noso camiñar e sempre nos das mostras do teu amor. Alegres e cheos de esperanza dicimos xunt@s:
QUE CAMIÑEMOS NA COMUÑÓN
Pola Igrexa, para que descubra a acción de Deus no seu camiñar e transmita a tódalas persoas que é o amor o que fai posible o cambio e a transformación da realidade, OREMOS.
QUE CAMIÑEMOS NA COMUÑÓN
Polas nosas comunidades, para que dunha vez por todas deixemos atrás autosuficiencia, soberbias e prepotencias que afastan, enfrontan e dividen, para abrírmonos á diversidade que nos permite medrar humanamente, OREMOS.
QUE CAMIÑEMOS NA COMUÑÓN
Por cada un e cada unha de nós, que hoxe nos xuntamos nesta festa de amor, para que na nosa familia, no noso barrio, no noso traballo….esteamos cos ollos ben abertos para descubrir a Deus que camiña connosco, OREMOS.
QUE CAMIÑEMOS NA COMUÑÓN
Grazas, Señor, por facernos caer na conta de que só desde a pluralidade podemos camiñar na unidade e na comuñón. PXNS. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
Cando te esqueciches de Ti mesmo,
cando te esgotaches no servizo aos últimos,
cando venciches a tentación de calquera apego,
cando aceptaches o sufrimento coma compañeiro,
cando soubeches perder,
cando xa non queres gañar,
cando compartiches o que ti precisabas,
cando te arriscaches polo pobre,
cando enxergaches as bágoas do inocente,
cando rescataches a alguén do seu inferno,
cando te introduciches no corazón do mundo,
cando puxeches a túa vontade nas mans de Deus,
cando te purificaches do teu orgullo,
cando te baleiraches de tanto consumismo superfluo,
cando te sentes ferido….
brilla en ti, gratis, a luz de Deus,
sentes a súa presenza envolvéndote e reanimándote.
Xa non precisas outros tesouros.
Deus acompáñate, fálache, protéxete.

CANTOS

ENTRADA: Vinde axiña, compañeiros
LECTURAS: Camiñarei
OFERTORIO: Benaventurados
PAZ: Démonos todos a man
COMUÑÓN: Grazas Señor, graciñas

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor