Ir al contenido principal

3 DOMINGO PASCUA 2009

A PAZ, UNHA PALABRA COA QUE SE NOS ENCHE A BOCA PERO QUE MOITAS VECES SE NOS VAI DAS MANS

Pórtico

Sempre que acendemos a televisión, as novas, as películas e incluso os debates, están cheos de violencia. Xa non importa a franxa horaria, é o que vende e o que interesa. Despois estrañámonos de que haxa condutas violentas, episodios de morte, ou de que os cativos repitan comportamentos que nós fomentamos. E xa nos digamos a niveis familiares, veciñais…, onde todos queremos mandar e ter sempre a razón.

Hoxe Xesús Resucitado volve saudarnos coa paz. Dánola para que a sementemos coa nosa vida. E...acaso os cristiáns non temos unha grande responsabilidade con esta asignatura pendente da paz?. Porque moitas veces coas nosa palabras xestos e manifestacións colectivas, non somos quen de vivila. Acaso paz é so unha palabra baleira e non unha vivencia e experiencia chea de contido?.

A celebración de hoxe invítanos a que a paz que nos trae o Resucitado a fagamos vida no noso mundo, alí onde nos atopemos, como un signo de fidelidade e credibilidade da nosa fe.

Perdón

(Aspersión)

  • Cando nos sentimos pobres, e esperamos en Ti, SEÑOR, FAITE PRESENTE NA NOSA VIDA.
  • Cando buscamos a verdade e non calamos diante das inxustizas, CRISTO, FAITE PRESENTE NA NOSA VIDA.
  • Cando, dende a humildade e a sinxeleza, ofrecemos a nosa vida, SEÑOR, FAITE PRESENTE NA NOSA VIDA.

Remuíño

Un Deus humano: Moitas persoas tenden a clasificar coma ilusorios, irreais e pantasmais os contidos da súa fe. Para elas Xesús Resucitado nada ten que ver coa esfera da realidade. Porén, a fe cristiá que nace da resurrección é profundamente realista e nada ten que ver con outras opcións que parecen esquecerse da realidade. Lucas insiste en que Xesús Resucitado non é unha pantasma, indicando fisicamente que vive e que toda a súa persoa resucitou; que non é unha simple lembranza ou idea, senón o mesmo de sempre.

É inútil querer experimentar a resurrección ou recoñecer ao Resucitado se non somos quen de contemplar as súas chagas, se non somos quen de compartir o que temos para comer (pan, peixe....) con quen nolo pide. Cada vez que se xunta a comunidade, cada vez que se proclama a Palabra, cada vez que un pobo traballa pola súa liberación, cada vez que compartimos cartos, alimentos, comida, tempo; cada vez que abrimos unha nova fiestra ao futuro; cada vez que superamos o medo, cada vez que somos testemuñas... aparece Xesús Resucitado, vivo.

El está na humanidade doente que busca nova vida, na comunidade crente que escoita as Escrituras, no banquete dos que comparten o que teñen para comer e vivir.

Que trae a paz: O seu saúdo é un saúdo de paz, que encerra unha declaración de intencións: nin é nin nos quere violentos, enfrontados, egoístas, cheos de envexa... nin tampouco cheos de medo. Fronte dos discípulos, temerosos, o Resucitado danos un exemplo de entrega, decisión e superación de dificultades.

Que vén ao noso encontro: Xesús escóllenos, chámanos, envíanos...Quere que sexamos testemuñas da Boa Nova: da paz, da vida, do compartir, da conversión, do perdón, da verdade. E que isto llo anunciemos a todas as persoas e en todos os lugares. Agora sabemos que todas as persoas podemos ver ao Resucitado no descoñecido, no camiñante, no peregrino, no próximo.... A que esperamos?. 

Oración da comunidade

Diante túa, Señor, que te fas presente ao partir o pan e na comunidade reunida, presentamos agora a nosa oración comunitaria dicindo:

                        QUE POÑAMOS VIDA E RESURRECCIÓN NO NOSO MUNDO

Pola igrexa, para que mostre a Xesús Resucitado a tódalas persoas dende unha actitude de achegamento, diálogo e respecto, valorando sempre o positivo da xente e así entre todos construamos o reino que El nos deixou. OREMOS:

                        QUE POÑAMOS VIDA E RESURRECCIÓN NO NOSO MUNDO

Polas nosas comunidades, para que os seus membros sexamos persoas de paz, que busquemos sempre a unión e a reconciliación e que mostremos o amor de Deus con palabras e con feitos e así, sexan cribles ante os demais, OREMOS:

                        QUE POÑAMOS VIDA E RESURRECCIÓN NO NOSO MUNDO

Hoxe queremos lembrarnos na nosa oración de todas aquelas persoas que, nos distintos centros escolares, fan presente a túa mensaxe entre a xente máis nova. Para que sempre realicen a súa tarefa de xeito responsable, serio e entregado, e saiban transmitir a bondade e a misericordia de Deus, presentando a relixión como experiencia liberadora e non coma unha pesada canga sobre os nosos ombreiros, OREMOS.

                        QUE POÑAMOS VIDA E RESURRECCIÓN NO NOSO MUNDO

Por todos nós, para que respectemos a tódalas persoas, non cortando iniciativas, posibilidades e valores, e sempre sexamos testemuñas perdoando, axudando, defendendo a vida, sementando esperanza e resurrección, e ante todo sexamos profetas de optimismo, OREMOS:

                        QUE POÑAMOS VIDA E RESURRECCIÓN NO NOSO MUNDO

Grazas, Señor, porque segues aparecendo nas nosa vidas e animando a nosa existencia coa túa vida e co teu espírito. PXNS. Amén

Reflexión

Porque Cristo resucitou,

cremos na vida, para sempre.

Porque Cristo resucitou,

non cremos en morte ningunha para quen queira vivir.

Porque Cristo resucitou,

cremos nel.

Porque Cristo resucitou,

a forza do presente é o futuro.

Porque Cristo resucitou,

o mundo está en marcha

e non o pararán os intereses dos vencedores.

Porque Cristo resucitou

temos que construír unha cidade sen clases,

na que as persoas sexamos compañeiras e irmás.

Porque Cristo resucitou,

hai un amor e unha casa para todos.

Porque Cristo resucitou,

cremos nunha terra nova.

...E, porque cremos e esperamos,

non temos nada que conservar;

e afirmamos que o mellor xeito de conseguilo todo

é perdelo todo por unha soa causa.

Cantos

Entrada: Que ledos hoxe estamos

Lecturas: Amóstrame Señor

Ofertorio: Velaquí

Comuñón: Ti es o pan do ceo

Comentarios

Entradas populares de este blog

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...