Ir al contenido principal

CORPUS 2009

SE NON QUERES FORMAR PARTE DUNHA SOCIEDADE LIMITADA, FACILITA A PARTICIPACIÓN DE TOD@S


 

PÓRTICO


 

O mundo ten fame de pan: 862 millóns de fament@s e outras tantas persoas insuficientemente alimentadas. Un día, Xesús multiplicou os pans. Non trataba só de dar solución a un problema, senón de marcar un comportamento liberador. Hoxe, non faría falla multiplicar, bastaría con sumar e dividir correctamente, é dicir, solidariamente. bastaría con racionalizar a administración dos nosos bens, pois gastamos duascentas veces máis na morte (armas e guerras) que na promoción, dignificación e desenvolvemento da vida.

O Señor invítanos á súa mesa, na que atoparemos pan abundante, viño excelente, amizade verdadeira e amor ata o límite. Poñámola no centro das nosas prazas e dos nosos corazóns.


 

O PERDÓN


 

  • Polo noso egoísmo, porque non queremos compartir os nosos pans, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á SOLIDARIEDADE.
  • Pola nosa intolerancia, porque seguimos mantendo marxinacións e exclusións, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á SOLIDARIEDADE.
  • Pola nosa insolidariedade, porque non contamos nin valoramos aos pobres, e non descubrimos neles a presenza de Cristo, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á SOLIDARIEDADE.


 

REMUÍÑO


 

  • Presenza e cercanía: Unha das cousas que moit@s lle achacan aos políticos unha vez que conseguiron ser elixidos, ou gañar unhas eleccións, é a súa pouca memoria, o rápido que esquecen as promesas e ás persoas que os votaron. Pois ben, a celebración de hoxe, Corpus, quere poñer de manifesto todo o contrario ao que viñamos dicindo. É dicir, que aquel que pasou polo mundo facendo o ben, e foi capaz de arriscar a súa vida ata entregala para que a xustiza e a paz puideran agromar no medio do mundo, hoxe faise presente nas nosas rúas e prazas para dicirnos que non se esqueceu de nós, que segue ao noso lado, que para El seguimos sendo importantes, que nin se esquece nin nos esquece. É hoxe a festa da cercanía de Deus. E se nós andamos pólas rúas e nelas nos atopamos cos demais, nelas disfrutamos da conversa pausada ou rápida cos amigos e coñecidos, se nelas tamén temos participado de tristuras e dor; pois ese mesmo lugar, hoxe quere percorrelo acompañándonos o Señor, para mostrarnos unha vez máis que para El somos importantes.
  • E tan importantes que nesta súa visita polas nosas rúas, non deixa e lembrarnos a importancia e a sinceridade da nosa solidariedade para cos máis necesitados, os excluídos, os últimos, e tamén non tan últimos da sociedade. Si, porque hoxe tamén se nos fai unha chamada para que non viremos a cara para outro lado, e non agochemos a cabeza para evitar así ver a realidade. Por iso non podemos esquecer que hoxe é o día no que Cáritas quere poñernos diante o rostro, tantos rostros de Cristo, que van quedando nas beiras das nosas parroquias, cidades, pobos… por mor da crise, si, pero tamén porque namentres nós puidemos ter oportunidades, a eles se lles foron pechando portas e posibilidades. E xa non podemos quedar impasibles diante desta situación; Corpus e Cáritas móstranse hoxe unidos polo amor: o amor do Deus cuxa fe confesamos, e que nos invitou a ir polo mundo facendo o que El fixo; e o amor entregado e solidario de voluntarios e colaboradores, cristiáns e non cristiáns, que poñen medios e tempo ao servizo de cantos sendo icona de Xesús, non somente non son recoñecidos coma tales, senón que se lles nega a posibilidade dunha vida feliz con eles mesmos e cos seus. Corpus, é tamén o día no que os rostros dos que van quedando á marxe queren facerse presentes ao Deus que, tamén a eles, lles sae ao encontro.
  • Finalmente, Corpus, quere ser tamén un momento de reflexión para que nos deamos conta de que a fe non é algo nin teórico nin reducido ao ámbito das paredes do templo, senón que o que alí se celebra, ha ser vivido, coa presenza dos que rezamos agradecendo e pedindo a Deus, cada día e coas persoas coas que nos imos atopando cada día. Corpus, quere ser a reivindicación de Xesús, para que non o deixemos pechado no sagrario, porque inda que alí puidera estar moi ben, e sempre protexido, El, como fixo sempre ao longo da súa vida, non quere ser unha lembranza do pasado, senón unha presenza real que sabe aledarse con que se alegra, consolar a quen necesita consolo, e chorar con quen está triste e necesita mans e corazón para saír cara a diante. Por iso cantamos con convencemento e sentido orante: "Salve, santo sacramento, medicina e alimento, corpo e sangue non finxidos".


 

ORACIÓN DA COMUNIDADE


 

Neste día no que, unha vez máis, Cristo nos ofrece sinais do seu amor, oramos confiadamente ao Pai de misericordia dicindo:


 

GRAZAS POR DARNOS DESTE PAN


 

  • Pola Igrexa, para que entendamos que temos un compromiso fondo de traballar sempre para que se vexan respectados e defendidos os dereitos de todas as persoas en todo o mundo, OREMOS.


 

GRAZAS POR DARNOS DESTE PAN


 

  • Por todas as persoas que, dun xeito ou doutro, desde Cáritas ou desde calquera outra ONG, son a voz dos sen voz; para que nunca cansen no seu traballo e atopen sempre a nosa axuda solidaria, OREMOS.


 

GRAZAS POR DARNOS DESTE PAN


 

  • Por tod@s nós, que hoxe compartimos, unha vez máis, a mesa solidaria da Eucaristía. Para que comprendamos que esta mesa significa comuñón fronte a exclusión, integración fronte a marxinación; participación fronte a insolidariedade, OREMOS.


 

GRAZAS POR DARNOS DESTE PAN


 

Grazas, Señor, porque queres quedar con nós coma compañeiro de camiño. PXNS. Amén.


 


 

PARA A REFLEXIÓN


 

Se tanto vos preocupa a xente e a situación clama ao ceo,

non saiades pola tanxente dicindo que son moitos e non chega,

que hai que despedilos, que non é tempo de vacas gordas...

Dádelles vós de comer!.


 

Aquí temos cinco pans e dous peixes!.

Son os primeiros do banquete.

E ti, ¿que tes?.

Baleira a túa alforxa e, lixeiro,

pregúntalle ao teu compañeiro se el tamén quere poñer o que leva.


 

Correde a voz.

Que se faga mesa fraterna,

que ninguén garde o pan de hoxe para mañá.

Desprendédevos do que levades enriba.

Tomade todo o que vos chega.

Erguede os ollos cara ao ceo

e bendicide ao Deus da vida que tanto coida e coida de nós.


 

Repartiron os que non tiñan nada.

Chegou para todos e aínda sobrou para soñar utopías.


 

Días haberá nos que teremos que compartir non o dun día,

nin o dunha mochila, nin o que levamos enriba,

nin as sobras da primavera,

senón o mellor da nosa colleita e a nosa vida mesma.


 

Grazas, Señor,

por romper os nosos muros

e ensinarnos a compartir seguindo a túa palabra.


 

CANTOS


 

  • ENTRADA: Vinde axiña
  • LECTURAS: Salve, Santo Sacramento
  • OFERTORIO: Grazas, Señor, graciñas

COMUÑÓN: Ti es o pan do ceo

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...