Elixir en liberdade para medrar en madurez
Pórtico
Sempre que temos que tomar unha decisión importante para nós, non nos resulta doado, xa que son moitos os elementos que debemos ter en conta. Iso fai que dediquemos un tempo a pensalo, a buscar clarificar as posibles consecuencias de escoller isto ou aquilo; como nos vai esixir esforzo, tempo ou cambio nas relacións coas persoas do nosos contorno… en fin, que nos leva tempo, se queremos facelo con responsabilidade e madurez.
Pois disto é do que nos queren falar hoxe os textos que imos proclamar na celebración: que saibamos escoller ben cal queremos que sexa o camiño da nosa vida, e quen han ser os que nos axuden a ilo facendo. Porque non é o mesmo deixarnos acompañar pola forza da presenza de Xesús na nosa vida, que prescindir del, e vivir como se Deus non existira. Da decisión que tomemos vai resultar o sentírmonos ou non a gusto co que somos e coas esixencias do que supón dicir si a Cristo.
Que saibamos escoller ben, para logo actuar conforme a esta decisión.
Perdón
- Por todas as veces nas que as nosas decisións son rutinarias e pouco pensadas, SEÑOR, QUE TE ACOLLAMOS NA NOSA VIDA.
- Porque en situacións nas que temos que tomar decisións, esquecémonos da túa mensaxe e deixámonos levar do que din todos, CRISTO, QUE TE ACOLLAMOS NA NOSA VIDA.
- Polas veces nas que a nosa vida decántase polo fácil, o inmediato, o que nos da mais rendibilidade, SEÑOR, QUE TE ACOLLAMOS NA NOSA VIDA.
Remuíño
- Non é fácil elixir entre varias opcións. Tod@s ao longo da vida nos temos atopado con situacións nas que tiñamos que tomar decisións, e non nos resultaba en absoluto sinxelo. Cando isto ocorre é necesario sopesar tódolos elementos que entran en xogo, ver os aspectos positivos e os negativos; ver a quen favorece e tamén se a elección pode prexudicar a outros; valorar se seremos ou non capaces de asumir o que supón ter decidido tirar por un camiño e deixar outros, ao mellor desde o punto de vista dos recoñecementos e da vaidade persoal e mesmo colectiva, moito máis apetecibles … en fin, que tomar decisión supón, se queremos que logo iso non nos pase factura, esforzo e reflexión. Pero diante disto, ocorre que moitas veces non o facemos así, e tomamos decisións sen pensar, para despois ver as dificultades e non estar dispostos a asumilas. Por iso a primeira lectura de hoxe pode ser unha boa axuda para que pensemos sobre o importante que é decidir en madurez e responsabilidade, non preocupándose do superficial, senón do profundo, de cómo iso nos vai marcar a cada un de nós. Non podemos actuar do mesmo xeito se eliximos unha cousa ou outra, polo que prestémoslle atención á chamada que nos fai o texto de Xosué: "escollede hoxe a quen ides servir", para logo actuar consecuente e coherentemente.
- E que mellor, nesas situacións, que deixarnos levar polo proxecto que Cristo nos deixou, e que tanto os apóstolos coma as sucesivas xeracións de crentes, coas súas vidas entregadas a canto supón felicidade e humanización, persoal e colectiva, nos teñen testemuñado ao longo dos séculos. De aí que o "Sede ben guiados uns cos outros por respecto a Cristo" que Paulo dirixe aos efesios, é tamén unha chamada a cada un/ha de nós, para que na nosa vida, nas nosas decisións, no noso xeito de comprender e facer as cousas, nos deixemos guiar pola luz do evanxeo, a luz de Cristo, que serviu a tantas persoas a facer camiño persoal e comunitario. Unha luz que conleva esixencia, e á que non lle serven as cousas a medias; é dicir, o si e tamén o non; a xustificación do que interesa, e a condena diso mesmo nos outros; a dobre moral de facer unhas cousas e pensar outras totalmente contraias. E isto vai sendo así porque seguimos a primar a cantidade, os números, o dicir, e quedarnos felices por iso, porque somos moitos, fronte da calidade, o que supón saber o que queremos, abrirnos a escoitar a outros, estar dispostos a loitar e traballar para que valores e actitudes que pensamos que son boas e nos axudan no camiño da vida, non debemos renunciar a elas, senón todo o contrario, mostralas manifestalas no día a día da nosa vida.Porque solo así evitaremos que nos pase como aqueles que ían tras de Xesús, pero non sabían por que nin como, o que os acababa levando a botarse atrás, porque seguilo é fermoso, pero tamén esixente.
- Busquemos logo acubillo nese colo doce e acolledor do Pai/Nai Deus, porque solo nel atoparemos palabras de vida. Unhas palabras de vida que son a razón da nosa esperanza, da nosa fe e do noso compromiso de crecer e madurar persoal e comunitariamente. Porque tamén a nós, como o fixo cos seus discípulos, segue a preguntarnos: "Vós tamén vos queredes ir?". Que, coma Simón, a nosa resposta sexa de seguimento e confesión de fe: "nós cremos e recoñecemos que ti e-lo Santo de Deus. E onda quén imos ir?" Non busquemos entón fóra, o que temos na casa!
Oración da comunidade
Sabemos, Señor, que ti tes palabras de vida, que es o mellor camiño, que só en Ti podemos atopar acougo, pero moitas veces esquecémonos e dámosche as costas, por iso, coa forza que nos dá a oración comunitaria, dicímosche:
SEÑOR, TI TES PALABRAS DE VIDA
- Pola Igrexa, para que sempre teña presente no seu obrar e no seu dicir, que a mensaxe de Xesús é camiño de esperanza e vida, totalmente afastado do pesimismo, da tristura e das actitudes derrotistas, OREMOS.
SEÑOR, TI TES PALABRAS DE VIDA
- Para que entre nós, os que formamos parte das comunidades parroquiais, saibamos valorar e apreciar o traballo, tantas veces silencioso e pouco coñecido, de tantos veciños e veciñas que son capaces de visitar enfermos, botar unha man cando se necesita, levar un sorriso a quen está triste ou saber escoitar a quen ten ganas de falar, OREMOS.
SEÑOR, TI TES PALABRAS DE VIDA
- Que nós, os que nos chamamos seguidores de Xesús, saibamos, coma El, non botarnos atrás cando sexa necesario dicir a verdade e defender a quen está sendo inxustamente tratado ou maltratado polo que lle fai ou se di sobre el, OREMOS.
SEÑOR, TI TES PALABRAS DE VIDA
- Por todos nós, para que o noso compromiso non sexa a explosión dun día, nin o quecemento instantáneo senón ao contrario, sexa unha opción meditada, responsable e duradeira, xa que duradeiro é o traballo que se nos encomendou, OREMOS.
SEÑOR, TI TES PALABRAS DE VIDA
Coa confianza de saber que sempre acolles con cariño e misericordia a nosa oración, agradecemos tamén hoxe, a túa invitación a deixarnos acougar no recuncho do teu corazón. P.X.N.S.Amén.
Reflexión
Señor, axúdame a ser valente,
ensíname dicir a verdade diante dos fortes
e a non dicir mentiras para ganarme o aplauso dos débiles.
Se me dás fortuna, non me quites a felicidade.
Se me dás forza, non me quites a razón.
Se me dás éxito, non me quites a dignidade.
Axúdame sempre a ver o outro lado da moeda.
No me deixes inculpar de traizón aos demais por non pensar coma min.
Ensíname a querer á xente coma a min mesmo e a xulgarme coma aos demais.
Non me deixes caer no orgullo si triunfo.
Nin na desesperación si fracaso.
Mais ben recórdame que o fracaso é a experiencia que precede ao triunfo.
Ensíname que perdoar é o máis grande do forte.
Que a vinganza é o sinal primitivo do débil.
Se me quitas a fortuna, déixame a esperanza.
Se me quitas o éxito, déixame a forza para triunfar do fracaso.
Se eu lle faltara á xente, dáme valor para desculparme.
Se a xente me faltara a min, dáme valor para perdoar.
Señor, si eu me esquezo de Ti, por favor non te esquezas de min. Amen.
Cantos
- Entrada: Camiñando pola vida
- Lecturas: As túas palabras, Señor, son espírito e vida //A túa Palabra
- Ofertorio: Gracias, Señor, na mañá
Comuñón: Quédate, Señor, connosco
Comentarios