Ir al contenido principal

1 DOMINGO CORESMA 2010

CAMIÑAMOS CARA A XESÚS; EL É A NOSA META

SIGNO: Como estamos en Ano Santo, o signo que escollemos este ano para o tempo de Coresma serán cinco cunhas de vieira, símbolo do peregrino, que queren representar que seguimos o camiño cara a Xesús. El é a nosa meta.

Cada semana iremos presentando unha cuncha nunha cartolina na que escribiremos unha frase do Evanxeo. Esta primeira semana, a frase escollida é "Só a Deus daremos culto".

Pórtico

Comezamos unha nova xeira dentro do ano litúrxico: o tempo da Coresma. Este é un tempo de conversión e de cambio, tempo de mirar interiormente para transformar o noso actuar. Nun tempo en crise, non só económica, a Coresma ábrenos un horizonte para que reconsideremos a nosa vida na convicción de que nada é para sempre, que a novidade é posible, que as cousas, inda que pareza o contraio están, pouco a pouco, a cambiar. Que Deus non nos deixa da súa man.Pero nós tamén temos que ir pondo da nosa parte, porque senón nada será posible, e a frustración acampará nas nosas vidas. Poñámonos entón en camiño.

PERDÓN

  • Porque moitas veces preferimos que loen o noso actuar, que nos dean palmadiñas nas costas polo ben que o facemos, SEÑOR, NON NOS DEIXES CAER NA TENTACIÓN.
  • Polas veces en que preferimos que nos dean todo feito, que outros fagan cousas por nós, sen poñer atención ou deixando que eles tomen a iniciativa, SEÑOR, NON NOS DEIXES CAER NA TENTACIÓN.
  • Porque non somos xenerosos nin con Deus nin cos demais, senón que damos o que nos sobra, ou incluso aquilo que nos pode dar rendibilidade, SEÑOR, NON NOS DEIXES CAER NA TENTACIÓN.

Remuíño

  • Xesús é levado durante corenta días ao deserto. É unha experiencia necesaria na súa vida, unha experiencia clarificadora, un contraste entre a luz do bautismo, entre a voz e a soidade do deserto. Así aparece o deserto como lugar de encontro de Deus co seu pobo, de amizade, de namoramento. No deserto, o pobo deixábase guiar por Deus que o escoitaba. É no deserto onde se abre o corazón das persoas, na proba, na dureza. É lugar de respostas, lugar de si ou non. Aparecen os medos, o mirar para atrás, pero tamén a oración sinxela e a solidariedade máis profunda. Pero sobre todo o deserto é o lugar de encontro coa misericordia de Deus, co seu amor. Así Xesús ten que revivir en si mesmo as duras etapas do pobo de Israel. Xesús necesita estar, falar, sentir a Deus ao comezo da súa predicación.

    Acaso nós tamén non pasamos por moitos desertos?. O deserto da pobreza, o deserto da soidade, o deserto da enfermidade. Tamén estes desertos son de encontro con Deus, de confianza, de humildade. Xesús asume a nosa condición e pasa polo deserto para animarnos, para acompañarnos…para que sexamos quen de acompañar e animar a cantos pasan por desertos diferentes aos nosos e que a nosa experiencia de encontro se traduza en acompañamento e ilusión, en entrega e que sexamos quen de non mirar atrás… de non caer na tentación do egoísmo, da prepotencia,… pero como non caer?

  • Xesús é tentado no deserto, na ausencia, no silencio, no baleiro. Se es fillo de Deus… Se tes poder fai milagres. Son as tentacións do triunfalismo, do fácil, do camiño corto dende o ter, o poder e a gloria. Pero Xesús prefire o camiño do servizo, da entrega, da humildade. A salvación vén pola misericordia, pola solidariedade, pola empatía, polo amor entregado. Que difícil nos resulta aos cristiáns este punto cando todo o queremos impoñer, cando temos nostalxia de foros, de tarimas, de poderes que nos faciliten o camiño, que fagan da nosa fe unha fe imposta dende o poder, dende os medios. Acaso Xesús non tivo máis poder e non o empregou?.
  • Que este primeiro domingo da Coresma marque o noso camiño durante todo este tempo… o camiño que descubriu Xesús no deserto, un camiño de servizo, un camiño de axuda, un camiño de solidariedade, de amor… pero non un camiño fácil, senón esixente… pero sempre apoiados por aquel que xa andou o noso camiño e nos pode axudar coa súa forza. Non teñamos medo a adentrarnos no deserto da coresma.

Oración da comunidade

Señor, Ti queres acompañarnos neste tempo que comezamos da Coresma e esperas que nós abramos a nosa vida á túa presenza, por iso dicimos confiados:

SÓ A DEUS DAREMOS CULTO

  • Pola Igrexa, para que non caia na tentación de afrontar este tempo dando consellos a outros de cómo cambiar e transformarse, senón que, pola contra, dea testemuño co exemplo de que é posible renovarse e cambiar, para dar una resposta máis axeitada aos tempos que vivimos, OREMOS.

SÓ A DEUS DAREMOS CULTO

  • Polas nosas comunidades, para que dende unha actitude de colaboración e respecto, acollan a tódalas persoas e xuntos iniciemos este camiño de esperanza, sen buscar méritos nin primeiros postos, OREMOS:

SÓ A DEUS DAREMOS CULTO

  • Por tod@s nós, que con ilusión ofrecemos a nosa vida ao Señor, para que este tempo sexa de renovación profunda dos nosos valores e dende a acollida, a proximidade, a liberdade, o amor, sexamos quen de renovarnos para ser luz neste túnel no que nos atopamos, OREMOS:

SÓ A DEUS DAREMOS CULTO

Grazas Señor, porque fas posible que non caiamos na tentación de buscar primeiros postos ou de enganarnos a nós mesmos pensando que xa está todo acadado. PXNS. Amén

Para a reflexión

Este é un tempo para persoas convencidas.

Tempo de adestramento, exercicio e loita;

de mochila lixeira e paso rápido.

Tempo de camiño e discernimento,

de conversión e compromiso,

de proba e de encontros no deserto, na estepa, no silencio.

É o tempo dos proxectos de vida,

das decisións e desmarques;

ás veces, das transfiguracións.

Tempo de humanidade rota e dividida

que anhela o paraíso ou a terra prometida.

Tempo de tentacións, tabores e conversións,

tropezos, feridas e cegueiras,

perdóns, restauracións e auga viva.

Todo en só corenta días!.

Este é o tempo das persoas novas,

das que soltaron o lastre de ídolos secretos e falsas vaidades

e xa só anhelan misericordia.

Cantos

  • ENTRADA: Camiñando pola vida
  • PERDÓN: Arrepentido
  • LECTURAS: O Señor é o meu pastor
  • OFERTORIO: Andarei na presenza do Señor
  • COMUÑÓN: Seguirei os teus pasos

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor