CONTRA A FAME, DEFENDE A TERRA
(XORNADA DE MANS UNIDAS)
PÓRTICO
Cada domingo xuntámonos coma crentes en Cristo, para celebrar o misterio salvador da súa morte e resurrección. O Señor faise presente na nosa vida para salvarnos.
Hoxe, en todas as comunidades cristiás, fáisenos presente o berro dos máis pobres da terra por medio da Xornada Nacional de Mans Unidas, a Campaña contra a fame. Este ano o lema proposto é "Contra a fame, defende a terra". Abramos o noso corazón ao que Deus nos manifesta nesta celebración.
O PERDÓN
- Ti, que queres a vida e a felicidade para todas as persoas, purifica os nosos egoísmos, SEÑOR, LIMPA O NOSO CORAZÓN
- Ti, que te fixeches persoa coma nós, perdoa a nosa falta de achegamento a irmáns nosos que viven na pobreza extrema, CRISTO, LIMPA O NOSO CORAZÓN
- Ti, que nos chamas a todos á ledicia do teu Reino, perdoa a nosa falla de xenerosidade para compartir cos que petan na nosa porta, SEÑOR, LIMPA O NOSO CORAZÓN
REMUÍÑO
- As persoas todas buscamos a felicidade, estanmos feitas para ser felices. A diferenza está no camiño que se escolle para buscar esta felicidade. Así, hai xente que pensa que é máis feliz quen ten poder, quen asoballa, quen acumula, quen ten fama ou prestixio. Pero o perigo está en que esta felicidade é pasaxeira, sempre quereremos máis, sempre estaremos insatisfeitos e iso que o conseguimos con gran esforzo. A longo prazo, esta "felicidade" convértese en frustración e en desdita. Intentámola buscar fóra de nós e nas cousas, cousificamos a vida.
- Porén, Xesús proclámanos outra felicidade, a que está nos valores interiores das persoas: na liberdade, no saber compartir, na esperanza, en amar, na presenza e cercanía de Deus. Ditosos nós se somos capaces de sermos pobres e sentir cos pobres, se temos un corazón humilde. Non bendí Xesús á pobreza, xa que causa miseria e morte; pero si bendice aos que miran e axudan a esas persoas a vivir con dignidade. Non se bendí a fame, senón aos que teñen fame, non ás bagoas senón aos que choran, non a pobreza e a exclusión pero si aos marxinados e perseguidos. Esta benaventuranza vén sempre polos camiños do amor e a esperanza e atoparémola se somos capaces de compartir, de servir, de negarnos a nós mesmos facendo felices aos demais.
- Porque a pobreza e a miseria son algo escandaloso que van contra o querer de Deus. Todo esforzo por suprimila é un paso cara adiante no avance do seu Reino. Porén, na situación actual na que viven tantas persoas e países, elixir a pobreza como solidariedade cos pobres para loitar contra ela, convértese en boa nova, porque é proseguir a causa de Xesús e vivir a nosa fraternidade construíndo o Reino. Xesús contrapuña dous mundos: o dos pobres, que se apoian en Deus; e o dos satisfeitos da vida, egoístas e perseguidores que non precisan del. Pero ademais, as benaventuranzas desestabilizan a escala de valores que predomina na sociedade. Xesús aporta unha nova comprensión da existencia, moi distinta da que ofrece o noso mundo. Coloca aos seus discípulos, e colócanos a todos, diante dunha alternativa, investindo os valores da sociedade.
- Os que vivimos acomodados nesta sociedade da abundancia, sentimos unha especial dificultade para vivir as benaventuranzas. Temos que escoitalas e empezar a mirar cara aos pobres, aos famentos e aos que choran como os mira Deus. De aí pode nacer a nosa conversión, e hoxe, día no que celebramos a Xornada de Mans Unidas, a Campaña contra a Fame, é un bo momento para principiala. A que estamos esperando para comezar este camiño das benaventuranzas?.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Oremos a Deus Pai, que en Cristo nos mostra o seu amor, dicindo:
QUE CAMIÑEMOS NA SOLIDARIEDADE
- Para que a Igrexa sexa sinal da misericordia de Deus no medio do mundo e se manifeste como lugar de acollida para todas as persoas, OREMOS.
QUE CAMIÑEMOS NA SOLIDARIEDADE
- Para que os que gobernan as nacións promovan e garden a xustiza, distribuíndo fraternalmente os bens deste mundo entre todos os pobos da terra, OREMOS.
QUE CAMIÑEMOS NA SOLIDARIEDADE
- Para que nestes tempos de crise económica sexamos xenerosos e compartamos o que temos con quen o precisa, descubrindo así o verdadeiro sentido da palabra solidariedade, OREMOS.
QUE CAMIÑEMOS NA SOLIDARIEDADE
- Por todas as persoas que, a través de Mans Unidas ou de calquera ONG, traballan porque o Reino se vaia facendo vida e realidade, OREMOS.
QUE CAMIÑEMOS NA SOLIDARIEDADE
- Para que esta celebración aumente en nós o desexo de traballar por un desenvolvemento xusto e fraternal de todos os pobos, OREMOS.
QUE CAMIÑEMOS NA SOLIDARIEDADE
Escoita, Señor as nosas peticións e fainos descubrir a solidariedade como camiño para ser benaventurados. PXNS. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
Mira, non te trabuques,
non busques a felicidade barata,
non a busques polos camiños trillados que nos pintan.
Non fagas caso dos reclamos da publicidade
nin te deixes levar da sedución das cousas.
Non está a dita en ter moitas cousas,
en lucir boas marcas, en conseguir gran fortuna.
Non está a dita nos praceres da vida
ou en chegar a ser unha estrela.
Esta dita é enganosa, e fuxe.
A xente mátase por ela e terminan sendo infelices.
Eu vin a felicidade na cara dos pobres, que eran libres.
Eu vin a dita en persoas que choraban; pero facíano con fe e abertos á esperanza.
Non é máis feliz o que máis ten, senón o que máis comparte.
Non é máis feliz o ansioso que mendiga o pracer de porta en porta,
senón o que escala a montaña da liberdade.
Non é máis feliz o escravo dos seus instintos, senón o escravo do amor.
Ditoso, pois, quen se abre aos camiños do amor.
Bendito o que se nega a si mesmo para dar vida aos demais.
CANTOS
- Entrada: Temos unha festa
- Lecturas: Escoita ao Señor.
- Ofertorio: Sede o sal
- Comuñón: Benaventurados.
Comentarios