Ir al contenido principal

Corpus 2026




ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS.

CANTO GOZOSO

ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54)
LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33)
OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63)
COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120)

PARA NON PERDER O PASO

Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobras desde arriba, senón poñerse á altura dos ollos da outra persoa e partir o pan para que ninguén teña que recoller as migallas da nosa indiferenza.
Benvidas, benvidos a esta mesa de comunidade que agradece o alimento e que asume o compromiso de saír á rúa coas mans abertas.

CO CORAZÓN FERIDO

  • Pola nosa indiferenza: polas veces que preferimos mirar para o móbil ou para outro lado antes que sosterlle a mirada a quen sofre, a quen vive na soidade ou a quen nos pide axuda na rúa. SEÑOR, ENSÍNANOS A AMAR.
  • Pola nosa comodidade: por conformarnos con dar as sobras ou un anaco do que non nos custa, en vez de implicarnos de verdade e compartir o que somos, o noso tempo e os nosos espazos. CRISTO, ENSÍNANOS A AMAR.
  • Por alimentar o individualismo, por xulgar axiña e por esquecer que na mesa de Deus ninguén sobra, SEÑOR, ENSÍNANOS A AMAR.

UNHA PALABRA QUE ALUMEA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO DEUTERONOMIO

Faloulle Moisés ó pobo dicindo:
Has de te lembrar do camiño polo que o Señor, o teu Deus, te fixo camiñar polo deserto durante estes corenta anos para aflixirte e pórte a proba e saber o que hai nas túas intencións: se ti querías gardar os seus mandamentos, ou non. El aflixiute, facéndote pasar fame, e logo deuche de comer o maná, que nin coñecías ti nin coñecían teus pais, co fin de che dar a coñecer que non soamente do pan vive feliz o home, senón que o home vive feliz con todo o que sae da boca do Señor.
Non te esquezas do Señor, o teu Deus, que foi quen te sacou do país de Exipto, da casa da escravitude; foi quen te fixo camiñar polo deserto grande e terrible, por culpa das serpentes de mordedura queimante, dos escorpións e da sequidade (pois non había auga); foi El quen fixo saír para ti auga da pedra de granito; foi El quen che deu a comer no deserto o maná, que teus pais non coñecían.
PALABRA DO SEÑOR

SALMO RESPONSORIAL

Glorifica ao Señor, Xerusalén
Glorifica ao Señor, Xerusalén,louva o teu Deus, Sión.
El reforza os ferrollos das túas portas
e bendice os teus fillos no teu seo.
Glorifica ao Señor, Xerusalén
Establece a paz nos teus confíns
e fártate de flor de trigo.
El manda á terra a súa mensaxe
e a súa palabra corre lixeira.
Glorifica ao Señor, Xerusalén
El anuncia a Xacob os seus proxectos,
os seus estatutos e mandatos a Israel.
Non fai así con outros pobos
que descoñecen as súas decisións.
Glorifica ao Señor, Xerusalén

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE PAULO AOS CORINTIOS

Irmáns e irmás:
A copa da bendición que bendicimos, ¿non é unha comuñón co sangue de Cristo? O pan que partimos, ¿non é unha comuñón co corpo de Cristo? E como hai un único pan, tamén nós, sendo moitos, formamos un único corpo, porque todos participamos dese único pan.

PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO XOÁN

Dilles Xesús ós xudeus:
Eu son o pan vivo que baixou do ceo: se alguén come deste pan, vivirá para sempre; e o pan que eu darei, é a miña carne, para a vida do mundo.
Discutían entón entre eles os xudeus:
- ¿Como pode este darnos a comer a súa carne?
Díxolles entón Xesús:
- Con toda verdade volo aseguro: se non comedes a carne do Fillo do Home e non bebedes o seu sangue, non teredes vida en vós. Quen come a miña carne e bebe o meu sangue, ten vida eterna e eu resucitareino no derradeiro día. Pois a miña carne é verdadeira comida e o meu sangue é verdadeira bebida. Quen come a miña carne e bebe o meu sangue, permanece en min e eu nel. Así coma o Pai, que me mandou, vive e eu vivo polo Pai, así tamén quen me coma vivirá por min. Este é o pan que baixou do ceo; non coma o que comeron os pais que mesmo así morreron: quen come este pan, vivirá para sempre.
PALABRA DO SEÑOR

UNHA PALABRA QUE AGROMA

1) O alimento no camiño
A lectura do Deuteronomio lémbranos o camiño polo deserto, cando o pobo tiña fame e Deus enviou o maná, un alimento que non coñecían. Moisés dille ao pobo que non esqueza ese momento, porque no deserto aprenderon que o ser humano non vive só de pan, senón de confiar en Deus e de sosterse uns aos outros. O perigo que temos hoxe é xusto o contrario: pensamos que nos bastamos a nós mesmos, esquecemos as nosas fraxilidades e caemos na trampa do individualismo, que creou unha sociedade de búnkeres privados onde cadaquén asegura o seu benestar. Pensamos que o que temos é noso e de ninguén máis, esquecendo a nosa fraxilidade e a nosa dependencia doutras persoas. O Día da Caridade pídenos facer memoria, mirar arredor e recoñecer que somos responsables do coidado da veciñanza, porque a fame de dignidade, de xustiza ou de compaña non se cura acumulando, senón compartindo o camiño.
2) Un só pan, un só corpo
San Paulo vai directo ao gran na súa carta aos Corintios cunha frase que dinamita calquera intento de vivir a fe illados: " tamén nós, sendo moitos, formamos un único corpo, porque todos participamos dese único pan". Esta lectura é un golpe directo á liña de flotación do noso egoísmo. Non podemos vir á igrexa a buscar unha "comuñón privada" con Deus mentres fóra ignoramos a quen temos ao lado. Se compartimos o mesmo Pan na mesa do altar, temos a obriga de compartir as alegrías, as dores e as necesidades na mesa da vida. O individualismo racha este Corpo que somos. Celebrar hoxe a Caridade é tomarnos en serio a San Paulo e entender que se un membro deste pobo sofre por mor da pobreza, da soidade ou do desprezo, todo o corpo está ferido.
3) O Pan vivo: Deixarse transformar por dentro
No Evanxeo de Xoán, Xesús dinos con total claridade: "Eu son o pan vivo baixado do ceo; o que coma deste pan vivirá para sempre". Xesús non se presenta como unha teoría ou unha norma de boa conduta, senón como Alimento que se ofrece para ser asimilado. Cando comemos o pan, este convértese en parte de nós; do mesmo xeito, cando comulgamos con Xesús, a súa forma de amar e de mirar ten que converterse na nosa forma de actuar. Comulgar é un compromiso de risco. Significa asimilar a Xesús, deixar que o seu ADN social se nos meta no sangue. E Xesús nunca viviu protexido na comodidade; foise ás marxes, escoitou a quen ninguén quería ver e partiuse polas persoas. Por iso, saír hoxe de aquí esixe pór as mans. Se comemos o Pan Vivo dentro do templo, temos que saír fóra a ser nós o pan fresco que alimente a fame de dignidade, poñendo o tempo, a mesa e a vida ao servizo dunha comunidade onde ninguén volva ser invisible. Por iso nós eliximos amar, eliximos comunidade.

DESDE A ORACIÓN COMPARTIDA

Imos romper hoxe ese espello do noso egoísmo e pedirlle a Deus que nos mude o corazón para poñernos, de verdade, ao servizo dos demais. Rezamos dicindo:
EU ELIXO AMAR, EU ELIXO COMUNIDADE
Pola Igrexa, para que non caia na trampa de ser unha suma de individualidades que buscan salvar a súa alma por libre, senón que sexa en cada recuncho do mundo un espello vivo de fraternidade, acollida e xustiza, OREMOS.
EU ELIXO AMAR, EU ELIXO COMUNIDADE
Polas nosas comunidades, para que formemos unha familia real, onde a soidade da veciña que está maior ou a angustia da familia que non chega a fin de mes nos faga reaccionar e movernos, OREMOS.
EU ELIXO AMAR, EU ELIXO COMUNIDADE
Por cada un e cada unha de nós, para que teñamos a valentía de saír da nosa zona de confort e de poñer a pel e o tempo onde alguén estea a sufrir, OREMOS.
EU ELIXO AMAR, EU ELIXO COMUNIDADE
Polas persoas voluntarias de Cáritas, que poñen a cara, os brazos e o corazón ao servizo dos máis vulnerables, para que o seu testemuño non quede nunha esmola de domingo, senón que sexa o motor que nos lembre que facer xustiza e dar dignidade é unha obriga de todas e todos nós, OREMOS.
EU ELIXO AMAR, EU ELIXO COMUNIDADE
Recolle, Pai, esta oración que che facemos coas nosas fraxilidades na man. Non nos deixes caer na tentación de pensar que podemos salvarnos sós. Transfórmanos coa forza deste Pan Vivo para que o que hoxe celebramos aquí dentro sexa o teito, o pan fresco e a acollida que repartamos fóra. P.X.N.S. Amén.

PARA QUE SINTAMOS A LEDICIA DO COMUNITARIO

Grazas, Xesús, por facerte Pan e poñerte á nosa altura.
Grazas porque na túa mesa non hai ringleiras, nin primeiras clases,
nin nos dás as migallas do teu tempo.
Hoxe comulgamos contigo,
e comulgar é asimilar a túa fame de xustiza,
a túa teima en poñer ás persoas no centro,
e o teu xeito de mirar con tenrura a quen a sociedade fai invisible.
Non permitas, Señor, que este Pan nos sature ou nos acomode.
Que sexa un alimento que nos faga mover os pés e abrir as mans.
Que hoxe non marchemos para a casa igual que entramos.
Muda o noso egoísmo en compromiso.
Fai que, ao cruzar a porta do templo,
as nosas vidas sexan o pan fresco, a escoita e a compaña
que mingüen os desertos do noso barrio.
Porque hoxe e sempre... ¡Eliximos amar, eliximos comunidade!

Comentarios