Ir al contenido principal

7 Domingo TO B



CONTRA DOS BADULAQUES, FIDELIDADE Á PALABRA DADA E ÁS SÚAS CONSECUENCIAS
PÓRTICO
Día a día sorprendémonos con novas que nos informan de enganos, falta de palabra, renuncia a cumprir acordos previamente asinados, rexeitamento para asumir pagos por parte de institucións públicas ou privadas... o que nos leva a pensar que nun mundo no que hai tantas palabras, a palabra que se dá, e que noutro tempo era o mellor dos documentos, non vale nada. Lévaa o vento, caendo así nunha fonda desconfianza cara todo e cara todos.
Fronte disto non deberiamos quedar calados: xa está ben. Como seguidores de Xesús que queremos tomalo en serio e vivir a súa mensaxe nos nosos quefaceres cotiáns, temos a obriga moral non só de non permitir isto, senón de loitar contra a tentación de caer nós no mesmo. Porque as cousas, como nos di Paulo na Carta aos Corintios, non son agora si e despois non, senón coherencia e transparencia. Por iso os cristiáns, diante deste panorama, estamos chamad@s a ser, unha vez máis nolo recorda a palabra de Deus, testemuñas honestas da persoa e da mensaxe de Xesús, quen non pasou enganando nin minando a confianza de ninguén, ao contrario!.
Que o que hoxe imos celebrar nos abra o corazón para actuar neste camiño de fidelidade.
PERDÓN
  • Pola nosa falta á palabra dada e comprometida, SEÑOR, SÁNDANOS PORQUE PECAMOS. 
  • Pola nosa pouca capacidade para xerar confianza e seguridade aos que a esperan de nós, CRISTO, SÁNDANOS PORQUE PECAMOS. 
  • Por non saber distinguir e diferenciar que, habendo un tempo para cada cousa, nunca este ha ser para a mentira e o engano, SEÑOR, SÁNDANOS PORQUE PECAMOS.
REMUÍÑO
Continúa o esforzo do profeta por xerar, nunhas condicións sociais especialmente difíciles, confianza ao pobo. Israel está no desterro, e como podemos imaxinar a situación non era nada doada, polo que toda a súa forza, palabras e accións, van encamiñadas a levantar a moral dunha xente que se sentía lonxe da súa terra e sen posibilidade de recuperar a liberdade e volver. A esperanza da que lle fala Isaías é a esperanza que xurdira coa Alianza, a esperanza que ofrece Deus: a esperanza que loita e non se deixa vencer para non caer no derrotismo. O profeta invita ao pobo a non esquecer as súas raíces, de onde veñen, no seu sentido comunitario, na súa capacidade de estar ao carón de que quen os poida necesitar. Nunha palabra, Isaías chama ao pobo a non perder a confianza nin entre eles nin en Deus. Tamén nós hoxe, como lle ocorría a Israel, estamos a vivir momentos difíciles e duros, nos que é moi fácil que toda porta se nos peche e a frustración agrome. Diante diso a fe quere ser non anestésico, senón forza liberadora que non nos deixe caer nin na desesperación nin na aceptación dunha realidade contra a que hai que loitar para sacala entre tod@s adiante e así remontar.
A fe é forza que nos impide caer na pasividade, porque nos ofrece un camiño a percorrer, non en solitario, senón en compaña que une, consola, anima e tende a man, non para saudar, senón para axudar. A fe non quere ser un querer quedar ben nin un medio para evadirnos da realidade. Ao contrario, desde ela invítasenos a recuperar a confianza en nós mesmos, na nosa capacidade de traballo, na valoración do esforzo, do saber sacrificarse para acadar o que un se propón. E isto non é aceptar o que fan e din todos –o gregarismo afastase das actitudes e mensaxe de Xesús– senón que nos descobre un camiño polo que somos invitados a camiñar, non en solitario, senón deixándonos acompañar polas mans que se nos van ofrecendo e ás que podemos tamén axudar. A fe é logo unha experiencia de reciprocidade que facemos xunt@s, e na que nós imos descubrindo a forza para afrontar retos e dificultades, non deixándonos vencer nin levar do derrotismo. Por iso Paulo di que non é á vez un si e un non, senón unha proposta de claridade que se nos invita a desenvolver na constancia clarificadora de quen sabe fiarse de Deus e aprende Del para que os demais se poidan tamén fiar de nós.
Aprendamos da palabra de Xesús, para que El sexa sempre o referente no que sexamos capaces en cimentar o noso xeito de facer e afrontar retos e vivir actitudes que nos leven non a decepcionar aos que nos vexan, pola nosa falta de confianza e convición, no que dicimos, facemos e cremos. El non engano nin faltou a súa palabra. Que tamén nós saibamos seguir na súa xeira.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
A forza da oración comunitaria fainos sentir Igrexa sempre en camiño e necesitada de perdón e misericordia. Agradecidos porque segues ao noso lado para recordárnolo, dicimos xunt@s:
SÁNDANOS DA NOSA FALSIDADE E ALÉNTANOS NA CONFIANZA
  • Que cant@s formamos a Igrexa, non deixemos que o noso xeito de actuar se converta en antitestemuño e desconfianza do proxecto de amor e salvación de Xesús, Oremos.
SÁNDANOS DA NOSA FALSIDADE E ALÉNTANOS NA CONFIANZA
  •  Que nas nosas comunidades parroquiais caiamos na conta que somos nós: os que vimos á Igrexa, os que nos manifestamos crentes, os que dicimos que queremos vivir a mensaxe de Xesús no aquí e agora do noso tempo, os que estamos chamados a ser testemuñas da súa presenza co que fagamos e digamos, Oremos.
SÁNDANOS DA NOSA FALSIDADE E ALÉNTANOS NA CONFIANZA
  • Que a nosa palabra sexa sempre xeradora de confianza, misericordia, perdón e acollida, Oremos.
SÁNDANOS DA NOSA FALSIDADE E ALÉNTANOS NA CONFIANZA
Señor, presentamos a nosa oración. Sabemos que temos moito camiño por andar. Que superemos a tentación de facelo solos e afastados de Ti. Que vives e reinas por sempre eternamente. Amén.
REFLEXIÓN
Aquí me tes Señor,
veño pedir perdón,
polas mil veces que reducín o amor,
ao círculo dos meus achegados.
Polas veces que puiden facer algo máis e mellor
e me autodesculpei buscando o meu interese.
Por esquecerme de tódolos que me teñen axudado.
Por crer que sempre tiña a razón
no meu xeito de actuar e pensar.
Perdón, Señor, polos meus caprichos persoais,
que impuxen aos demais sen ter en conta o que eles pensaban.
Por dicir que amaba, cando o que buscaba era a miña comenencia.
Nunha palabra, perdón, Señor, pola miña falta de palabra e criterio
á hora de facer e dicir as cousas.
Sei que a túa man se vai abrir para concedermo.
Que eu cambie o meu corazón e abra
tamén a miña man para aprender a perdoar.
CANTOS
  • ENTRADA: Camiñando pola vida
  • LECTURAS: Arrepentido
  • OFERTORIO: Grazas Señor na mañá
  • COMUÑÓN: Non vou so


Comentarios

Entradas populares de este blog

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...