Ir al contenido principal

Domingo 31 TO B


ESCOITA, ISRAEL.... ESCOITA, IGREXA: O PRIMEIRO, O MÁIS IMPORTANTE É O AMOR. NON O ESQUEZAS NUNCA
PÓRTICO
Como lle dicía a Israel, tamén Deus se dirixe a nós hoxe a través da súa palabra para dicirnos: “escoita”. Unha escoita que ten que ser sempre activa, vivida na participación e comprometida no esforzo de saber descubrir a Deus alí onde nos atopamos cunha persoa, sen importar que sexa rica ou pobre, branca ou negra, católica ou doutra relixión. O importante é ser capaz de ver nela ao Deus que nos invita a prestar atención a canto pasa no mundo, e a non andar pola vida sen xirar a cabeza nin preocuparnos dos que temos ao lado. De que nos valerían os nosos rezos se temos os oídos taponados para escoitar a dor, dificultades e tristuras que vemos ao noso redor?
Porque o amor é o guieiro e motor principal da proposta que Deus nos fai, acostumémonos a vivilo no encontro cos demais, na man tendida ao compartir e no sorriso desde o que animar a quen a dureza da vida llo vai quitando.
O PERDÓN
¨      Porque son demasiadas as veces nas que utilizamos o teu nome en van para cangar os ombreiros dos irmáns e das irmás con pesados fardos que non son máis ca un reflexo da nosa intolerancia e do noso medo, SEÑOR, QUE NON NOS AFASTEMOS DE TI.
¨      Por ter convertido a nosa oración non nun diálogo contigo, senón nunha listaxe de peticións, coma se foses unha grande superficie comercial na que atopamos de todo, CRISTO, QUE NON NOS AFASTEMOS DE TI.
¨      Porque seguimos sen ser capaces de descubrirte na dor da persoa enferma, na tristura da persoa desesperanzada, na mirada perdida da persoa que se sinte sola ou no tempo que non queremos compartir con quen precisa de nós, SEÑOR, QUE NON NOS AFASTEMOS DE TI.

REMUÍÑO
ð ESCOITA: Somos conscientes de que hoxe son moitas as voces que ao longo do día escoitamos. Nunca houbo tantos medios de comunicación: escritos, radiofónicos, televisivos... coma hoxe. É máis, sería imposible contar as empresas que se dedican a publicar libros dun cabo ao outro do noso mundo. Pois ben: a pesares de todo este despregue de medios, tamén nunca tanto coma hoxe estivemos tan pouco informados. E isto é así porque diante de tanta información, nós, non acabamos de poñerlle o máis importante para entender todo canto se nos di: tempo. E sen tempo, dificilmente procesamos o que escoitamos; e sen tempo, somos incapaces de valorar e sopesar o que é importante do que é secundario. Por iso ten tanta forza esta expresión que escoitamos na primeira lectura: “escoita, Israel” que Deus lle dirixe ao seu pobo, porque sen capacidade para escoitar, para prestar atención, para dedicarlle tempo e reflexión non podemos entender cal, como e que supón a invitación, proposta, que Deus nos fai de seguilo a través da nosa vida de cada día. Sen facer nin grandes cousas nin tampouco cousas raras, como se foramos os frikis de Deus; simplemente prestándolle atención a aquilo que lles ocupa e preocupa aos homes e mulleres do noso tempo. E agora que estamos a celebrar os cincuenta anos da inauguración do Concilio Vaticano II, cobra moita máis actualidade a invitación que se nos facía a prestar atención aos “sinos dos tempos”, para desde eles levar a cabo a proposta do Evanxeo. Por que nos empeñamos en esquecer isto e volver a un tempo onde nin escoita nin acollida eran valores á alza?

ð  PERMANECE: Quen é capaz de esforzarse por escoitar, por non perder detalle do que pasa, por interesarse de canto ocorre ao seu redor, entende perfectamente a necesidade da constancia, do permanecer, de non andar a saltar dun lado para outro, coma se foramos cus de mal asento. En momentos de moitas voces e constantes cambios, saber distinguir o importante do accesorio, saber diferenciar o principal do secundario, convértese nun reto diario e constante dos que queremos seguir a Xesús. Sabendo poñer Nel os nosos alicerces, descubriremos a importancia de permanecer ao seu lado, de camiñar polos múltiples vieiros do noso mundo sen perder o rumbo, de saber ir mostrando que constancia e permanencia son dúas actitudes que ademais de facernos crecer e madurar como persoas, van impedindo que os bandazos golpeen a nosa vida e nos produzan a dor do desacougo e a incerteza. Pasan as modas, cambian os paradigmas, son diferentes e plurais as culturas, pero Xesús segue estando aí para ofrecernos a man e dicirnos cal é o camiño que persoal e comunitariamente temos que ir percorrendo. El é a nosa fortaleza. Nós, sabéndoo, estamos dispostos a amalo?

ð AMA: E canto vimos expresando só pode facerse, e facerse crible, se está asentado no amor. Un amor que sempre, e sen exclusión, ha desenvolverse desde dous polos: Deus e os demais. De nada na nosa vale dicir que amamos moito a Deus porque vimos á misa ou facemos moitos sacrificios e renuncias, se despois somos incapaces de mostrar toda esa manchea de amor cos demais. Baleiro e ermo sería a nosa vida se o fixeramos así. Tamén é verdade que moit@s dos que nos chamamos cristiáns actuamos deste xeito, e facémolo así porque non temos prestado a atención necesaria ao que nos di o Evanxeo de hoxe: só poñendo en relación de igualdade amor a Deus e amor aos demais, ten sentido chamarnos, e selo de verdade, continuadores do labor de Xesús no hoxe de cada un/ha de nós. Porque somos a súa imaxe e semellanza, porque somos invitados a testemuñalo cos nosos feitos, porque somos chamados a ser os seus mellores publicistas nun mundo no que a publicidade ocupa espazos importantes, debemos tomar en serio canto rezamos e facemos. Xa que, sen acollida do irmán, confesar a fe en Deus acaba sendo entretemento e alienación. E Deus non nos quere alienados, senón libres, responsables e sempre solidarios.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Nesta invitación que Se nos fai no Evanxeo de hoxe de non separar o amor a Deus do amor aos irmáns e ás irmás, presentamos agora a nosa oración comunitaria dicindo xunt@s:
QUE A NOSA VIDA SEXA ESPELLO DO TEU AMOR
Para que na Igrexa non esquezamos nunca que non podemos separar o rezo dentro dos templos dos feitos de cada día que nos achegan aos irm@ns e ás irmás, OREMOS.
QUE A NOSA VIDA SEXA ESPELLO DO TEU AMOR
Porque no día a día das nosas comunidades, necesitamos a axuda solidaria das veciñ@s e os amig@s que nos queren e se preocupan por nós, OREMOS.
QUE A NOSA VIDA SEXA ESPELLO DO TEU AMOR
Para non caiamos na tentación de golpearnos tanto o peito que esquezamos que o Señor nos pide misericordia cara aos demais, e non tanto sacrificio individual que só nos fai crer, que non ser, mellores, OREMOS.
QUE A NOSA VIDA SEXA ESPELLO DO TEU AMOR
Grazas, Señor, por facernos caer na conta que non é separando vida e fe como aprendemos a seguirte, senón uníndoas e poñéndoas en relación desde a nosa vida. P.X.N.S. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
Camiñar tralos pasos de Xesús é vivir atentos ás necesidades dos demais,
e comprometerse na vida digna de todas as persoas.
Señor da Vida, Ti pasaches facendo o ben,
mostrándonos o camiño da solidariedade efectiva,
do amor á outra persoa,
que pasa por vivir atento e preocupado ao sufrimento dos demais,
e por iso nos move a buscar solucións para que a vida digna chegue a todas as persoas.
Señor,
custa ser solidario.
Moitas veces aferrámonos ás nosas comodidades.
Pechamos os ollos (e o corazón, que é peor),
non escoitamos o clamor das persoas que sofren.
A Túa Palabra, Señor, é como unha espada de dobre fío!.
Escoitámola e non podemos permanecer iguais.
Chámanos á conversión, desafíanos ao cambio,
invítanos a seguir a túa práctica, impúlsanos a vivir solidarios
e en búsquea da xustiza.
Xesús, mestre bo,
danos un corazón aberto para acoller a túa Palabra,
e que ela nos enchoupe desde o interior,
para que a vivamos en xestos e feitos concretos.
Vivimos tempos duros.
Hai moitos excluídos no noso mundo,
millóns de persoas que non lle interesan ao deus-mercado;
pero son as máis importantes para Deus.
Axúdanos a estar atentos.
Ensínanos a estar activos.
Impúlsanos a dar respostas.
Móstranos o camiño da solidariedade
para vivir coma Ti nos pides, Señor.
CANTOS
û  ENTRADA: Camiñando pola vida
û  LECTURAS: Benaventurados
û  OFERTORIO: O amor é o meirande
û  COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor