4 Advento C


SÓ SE OS GOZOS E ESPERANZAS, TAMÉN AS TRISTEZAS E ANGUSTIAS, DAS PERSOAS SON OS GOZOS E ESPERANZAS DA IGREXA, ESTA, PODE FACERSE CRIBLE
 

Pórtico
De gozos e esperanzas fálanos a constitución do concilio que quixo tratar o tema da necesidade do diálogo reaI co mundo. Uns gozos e esperanzas que invitan a ser unha Igrexa comprometida, aberta, solidaria, fraterna e sinxela, sempre buscando facerse presente desde a coherencia a Xesús e á súa mensaxe. Nesta mañá do cuarto domingo de Advento, logo de ter presentado os tres grandes documentos anteriores do concilio Vaticano II, queremos, seguindo os pasos do concilio, ser no medio do mundo man aberta para deixarnos acompañar por todos aquel@s que non buscan o seu interese, senón servir para facer do mundo, e ofrecer ás persoas, berce de encontro e experiencia comunitaria. Que estes catro domingos de Advento, nos teñan axudado a descubrir que o camiño iniciado hai cincuenta anos polo concilio, non ten xa volta atrás. E se naquel momento ser Igrexa de comuñón, asentada sobre a Palabra de Deus e chamada a atoparse para celebrar de xeito activo e comunitario a fe e a vida; esta camiño só se pode facer desde os gozos e esperanzas, as tristezas e angustias dos homes e mulleres de hoxe, para ser Comunidade crible que quere seguir a Xesús.

Perdón
  • Que esteamos sempre atentos ao que pasa ao noso redor, para que a indiferenza non aniñe en nós, SEÑOR, QUE SEXAMOS GOZO E ESPERANZA.
  • Que o noso compromiso sexa servir aos homes e mulleres do noso tempo, porque só con eles e desde elas poderemos descubrir a presenza de Deus, CRISTO, QUE SEXAMOS GOZO E ESPERANZA.
  • Que o noso actuar non sexa de comenencia, senón de fidelidade aos irmáns desde o decidir en conciencia, SEÑOR, QUE SEXAMOS GOZO E ESPERANZA.

Remuíño
Como di a profecía de Miqueas, do pequeno, de Belén, vai saír o grande: Xesús. Do pequeno, do sinxelo, daquilo ao que ninguén lle presta atención e se preocupa, será de onde saia a luz que ilumine camiños e abra esperanzas. Si. Xesús chega para sacarnos do derrotismo no que estamos instalados. Seguindo esta estela de diálogo, entendemento e esperanza, o Concilio Vaticano II, no seu remate, ano 1965, aprobou a constitución que ben podería ser síntese das tres anteriores, a Gaudium et Spes (gozos e esperanzas). Para que a Igrexa –todos os bautizados– sexa no mundo e para o mundo gozo e esperanza; gozo e esperanza capaz de derrubar muros que separaban e afastaban á Igrexa dos problemas e dificultades, tamén das ledicias e proxectos, das xentes de ben. Por iso este documento está considerado como o que marca o comezo do diálogo, sen medo nin desconfianza, da Igrexa co mundo; o que chama a prestar atención a canto ocorre ao noso redor –sinos dos tempos– porque todo é importante para Deus, e en e desde Xesús o mundo, e canto pasa nel, ten que ser unha preocupación e unha esixencia de compromiso e diálogo para todas as persoas crentes. Neste senso, podemos dicir que a G.s. é o documento que mellor expresa o espírito do Concilio Vaticano II. O espírito daquel gran encontro que recoñecendo que a Igrexa non o sabe todo, necesita da aportación dos demais, e para iso non hai que estar en actitude de condena, senón de diálogo e acollida, para forzar encontros e superar separacións. Nun momento de esperanza e confianza no ser humano e no mundo do que este forma parte, a Igrexa non pode situarse á marxe, nin ser quen de lanzar excomuñóns e anatemas.
E como María, tamén nós @s que formamos a Igrexa, temos que poñernos en camiño, saír cara á montaña para chegar á Xudá de hoxe. A Xudá que posibilita o encontro, a tarefa compartida, a autonomía da persoa e do mundo –somos maiores de idade, é necesario que confíen en nós-; e como María tamén temos que entrar na casa de todas as Sabelas que poidan necesitar da nosa axuda, sexan ou non crentes, pero sempre serán fill@s de Deus. Temos que entrar na casa de quen está só, parado, explotado, esquecido, manipulado... e necesita de nós. Non podemos quedar quietos e contemplar como pasan as cousas sen facer nada por cambialas; necesitamos dicir e deixar que nos digan, como ocorreu con María: ti estás comigo e eu estou contigo, non estamos solos, convivimos e compartimos o que pasa e nos pasa. Necesitamos camiñar xunt@s, romper o illamento, deixar de crernos superiores, aprender a necesitar do demais... ser no mundo estrada pola que transitar uns e outros sen esixir peaxe. Así o entendeu o concilio e o deixou, para que nós o vivamos e poñamos en practica, escrito na G.s. Ela móstranos que a Igrexa, cando quere e deixa de servir aos intereses dos poderosos, volve ás súas orixes. As orixes que están en Xesús e na súa Boa Nova; as orixes que fan da Igrexa non unha institución de poder, senón unha comunidade de servizo pastoral. Buscando sempre a renovación –aggiornamento- e o cambio. Temos que ser verdadeiros motores de fidelidade e concreción da Mensaxe de Xesús.
O cal será posible se respectamos a autonomía do mundo e das persas que o conformamos, sen que iso supoña diminuír a presenza de Deus nin a liberdade humana. Contra os profetas das calamidades, como nos dicía Xoán XXIII, correspóndenos a nós ser testemuñas de esperanza en diálogo co mundo, desde a atención aos sinos dos tempos; sabendo decidir en conciencia como adultos e aceptando que o progreso do mundo é un ben para tod@s e a mellor resposta ao plan de Deus de traballar pola xustiza, o diálogo, a igualdade e o ben común. Oxalá que estes catro domingos de Advento, teñan sido para nós verdadeiras raiolas de esperanza que nos deixan abertas as portas do corazón para acoller, con gozo e esperanza, ao neno que chega.


Oración da comunidade

Sentindo o gozo e a esperanza de ser Igrexa crible no medio do mundo, compartimos a nosa oración comunitaria e dicimos xunt@s:

SEÑOR, QUE NO SERVIZO AOS IRM@NS DESCUBRAMOS A TÚA PRESENZA

ð  Para que a Igrexa estea sempre atenta aos sinos dos tempos, e desde eles anunciar, leda e esperanzada, o amor de Deus convertido en solidariedade cara ás persoas máis pobres, OREMOS.

SEÑOR, QUE NO SERVIZO AOS IRM@NS DESCUBRAMOS A TÚA PRESENZA

ð  Para que as nosas comunidades cristiás esperten do sono que lles impide renovarse e ser motor de cambio e transformación social, para buscar o ben común e a loita pola xustiza, OREMOS

SEÑOR, QUE NO SERVIZO AOS IRM@NS DESCUBRAMOS A TÚA PRESENZA

ð  Para que fagamos o esforzo de non separar fe e vida; o que rezamos e o que facemos; comuñón e participación comunitaria, OREMOS.

SEÑOR, QUE NO SERVIZO AOS IRM@NS DESCUBRAMOS A TÚA PRESENZA

Grazas, Señor, por invitarnos hoxe a ser no medio do noso mundo, protagonistas activos de cambio e denuncia de canto lle impide á persoa ver recoñecida a súa dignidade, a súa liberdade e a súa autonomía, sen que outros teñan que decidir por nós. P.X.N.S. Amén.

 

Reflexión

A vida e a mensaxe de Xesús non nos evita os medos nin a inseguridade, pero ensínanos como afrontalos. O discípulo de Xesús ten as mesmas causas de angustia que o non crente; pero ser cristián consiste nunha actitude, nunha reacción diferente: o propio da esperanza cristiá é que mantén a nosa fe nas promesas do Deus liberador e permítenos descubrir o paso de Deus no drama da historia. A esperanza fainos estar alerta para descubrir ao “Cristo que está aquí” nas situacións actuais, e afrontalas como proceso necesario dunha liberación total que pasa pola cruz.

O Vaticano II foi semente, fermento e sal, e mal que lles pese a algúns, florece e transforma á Igrexa coa forza de Deus: por iso moitos téñenlle medo, porque non queren o Reino de Deus.

O futuro, logo, é o Reino de Deus. Nós, os que nos dicimos Igrexa, somos as mans de Deus, o fermento de Xesús, os que podemos poñer sal nas cousas para que non podrezan e teñan sabor. E non podemos deixar de ter en conta que o sal, o fermento, a semente actúan de abaixo arriba, desde dentro, con paciencia.

(21. El espacio cristiano de hoy. Por un mundo mejor. Decembro 2012 )

Cantos

            ENTRADA: Con ledicia vamos todos ao altar

         LECTURAS: Volve, Señor

         OFERTORIO: Sede o sal

         COMUÑÓN: Eu soñei

Comentarios

Entradas populares de este blog

Propostas para o Domingo 25 TO B

Trindade 2019 C

3 domingo Pascua 2019