Ir al contenido principal

Remol 10 Domingo TO C 2013

UNHA INVITACIÓN PARA NON DEIXARSE LEVAR DA DESESPERANZA: LEVÁNTATE!

Pórtico

            Xesús, no evanxeo que imos proclamar na celebración desta mañá, invita a erguerse. Esta é unha expresión coa que se quere manifestar que a realidade avanza, non para, e nós non podemos desengancharnos, por difícil que sexa a situación, deste proceso. A súa chamada quere ser un pulo de esperanza e acollida. Non é unha orde, un mandato que alguén con poder impón a quen está sometido; ao contrario, é unha invitación chea de agarimo que abre a vida a novas posibilidades, que chama a deixar atrás canto impide mirar ao futuro, construír esperanza ou avanzar buscando cambiar e iniciar novos proxectos, xerando ilusións e entusiasmo. 
Tamén a nós, neste momento de tantas dificultades e problemas para moitas das familias da nosa sociedade, se dirixe hoxe esta invitación de Xesús, Non impón, non manda, non esixe..., simplemente invita, e na súa invitación téndenos a man: levántate!. Que respondamos con prontitude, porque desde El, outra vida, outra familia, outra Igrexa e outra sociedade serán posibles. Poñámonos en camiño, non esperemos máis!.

PERDÓN

  • Porque nos custa coller a man que nos tendes para que saiamos da desesperanza e da desilusión, SEÑOR, GRAZAS POR CONFIAR EN NÓS.
  • Porque lle prestamos máis atención ás voces que nos falan de vinganza, violencia e egoísmo, que á túa, que nos chama sempre á paz e á solidariedade, CRISTO, GRAZAS POR CONFIAR EN NÓS.
  • Porque nos sobran palabras e nos faltan feitos que convertan a nosa vida en exemplo evanxélico de servizo e acollida cara aos que nos necesitan, SEÑOR, GRAZAS POR CONFIAR EN NÓS.

REMUÍÑO

Nunha sociedade lastrada polo materialismo que todo o anega, resulta difícil entender e interiorizar a linguaxe da fe. Nenos, mozos e maiores, coidando que xa o saben todo, ao falar do relixioso adoptan unha actitude de desprezo, cando non de superioridade. Non vende, non está de moda, non dá beneficios, non produce ganancias, non... Estamos tan convencidos de que isto ten que ser así, que non contemplamos xa outras perspectivas, visións e formas de darlle sentido á nosa existencia. Consecuencia: cando se veñen abaixo as agarradoiras do materialismo, é dicir, a utilidade, o pragmatismo, a rendibilidade ou o éxito, non queda máis que o baleiro, e como consecuencia a nada, o nihilismo máis absoluto, o que nos trae actitudes como o derrotismo e a desesperanza, un deixarse ir ata que todo acabe, porque non hai nada máis. Este xeito de pensar e vivir invadiu tamén a moitos dos cristiáns. Algúns, como nada podía xa alentalos e o seu vivir a fe era puro ritualismo sociolóxico, optaron polo abandono silencioso da Igrexa, pola chamada apostasía silenciosa, sen facer moito barullo e sen chamar a atención…simplemente fóronse. Outros, inda que non se foron, móvense nunha fe pura e simplemente de costumes: o enterro, a festa, a Franqueira... pero sen nada que os motive e os achegue a unha experiencia persoal de Deus que se identifica coa persoa de Xesús. Poderiamos preguntarnos, os que seguimos vindo ás celebracións, os que seguimos pensando que Deus, o Deus de Xesús, sigue ocupando un lugar amplo na nosa vida, que parte de culpa temos por non ter sido capaces de ser testemuñas, de transmitir a alegría de crer, o gozo dunha palabra que nos pide comprometernos en cambiar o mundo, por facer dos corazóns, non estatuas de pedra, senón latexo quente que se aleda e se une ás causas nas que a defensa das persoas, e dentro destas as máis pobres e excluídas, son o motor, o obxectivo e a razón de ser do actuar de cada día. Como fixo e nos ten invitada a facer Xesús. 
O seu levántate é un levántate dirixido a cada un de nós para que non caiamos nesta desidia que non só produce baleiro, senón que nos vai quitando horizontes, perspectivas e esperanzas. Outro mundo será posible, se posible é tamén o cambio na nosa actitude, no noso xeito de vivir, na nosa maneira de acoller, coñecer e movernos desde o seguimento da súa persoa. Non cremos en algo abstracto e difuso, senón nunha persoa: Xesús de Nazaret, Fillo de Deus e home que deu un profundo e agarimoso testemuño de amor; e que no final da súa estadía entre nós díxolle a aqueles que o seguían: non quededes mirando para o ceo. Ide e anunciade. 
Dínolo a nós tamén: a min, a vós; aos que hoxe estamos aquí, tamén a cantos a través de nós recibirán esta mensaxe. Poñámonos a andar, rompamos co baleiro, deixemos atrás a nostalxia doutros tempos. A fe non é vivir do pasado, senón actuar, aquí e agora, cos métodos, maneiras e modos de hoxe. Ergámonos e vaiamos, deixemos de mirar para outro lado!

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Chamados a non quedar instalados na nosa propia comodidade, diriximos agora como comunidade, a nosa oración a Deus Pai, dicindo xunt@s:  
SEÑOR, QUE NOS DEIXEMOS LEVAR DA TÚA MAN
* Que a Igrexa, Señor, non canse nunca de tender a súa man, non aos poderosos, senón aos pobres e necesitados; OREMOS. 
SEÑOR, QUE NOS DEIXEMOS LEVAR DA TÚA MAN
* Que as nosas comunidades se esforcen por camiñar aprendendo a mirar para os lados, e saiban tender a man a quen se atopa só, enfermo ou necesitado de que o escoiten; OREMOS. 
SEÑOR, QUE NOS DEIXEMOS LEVAR DA TÚA MAN
* Que cada un de nós, non se deixe invadir nunca polo desánimo, o derrotismo ou a indiferenza, namentres ao noso redor os poderosos teñen as mans libres para enganarnos e manipularnos como se foramos cousas e non persoas; OREMOS. 
SEÑOR, QUE NOS DEIXEMOS LEVAR DA TÚA MAN
Grazas, Señor, por esta oración comunitaria na que nos invitas a non afastarnos de Ti. P.X.N.S. Amén.

REFLEXIÓN

«PAI, PERDÓALLES PORQUE NON SABEN O QUE FAN»
 
Sabendo ou non sabendo o que facemos,
sabemos que nos amas,
porque xa temos visto as túas maneiras
nos ollos e na boca do teu Fillo Xesús.
Xa non es máis para nós o Deus terrible.
Sabemos que es Amor!.
Sabemos que non sabes castigar...
Ti es un Deus vencido na tenrura.
Ti esperas sempre, Pai, e acolles e restauras a vida
ata dos asasinos do teu Fillo,
que somos todos nós. 
 
Perdóalles!. Perdóanos!
Atende este pedido do teu Fillo na cruz,
proba maior do teu amor de Pai.
 
E acóllenos, oh Pai, oh Nai, oh berce, oh casa
de cantos retornamos buscando a túa aperta!
 
 (Pedro Casaldáliga)
 

CANTOS 

  • Entrada: Amigos nas penas e na festa
  • Lecturas: Téndeme a túa man
  • Ofertorio: Canta o sol
  • Comuñón: Quédate, Señor, connosco.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...